Breve historia da literatura galega

 

[Fragmento]

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

 

 

Querido libro:
     Pertenzo a un pobo que conta cunha historia que vén de moitos séculos atrás, de tempos inmemorábeis en que o meu país era un reino, o Reino de Galiza, que xa se comunicaba nesta mesma lingua que estou a empregar agora contigo, unha historia propia que atravesou épocas moi diferentes e mesmo difíciles que, sen embargo, foi quen de superar felizmente.
     Descubrín que todos os meus devanceiros, todos os homes e mulleres do pasado que foron facendo o país, empregando como lingua de comunicación e de cultura o galego, deixaron por escrito innumerábeis obras literarias que abranguen os máis variados xéneros (poesía, narrativa, relato curto, teatro, ensaio, etc.), inspirados en milleiros de temas ben diferentes, desde os máis frecuentes e comúns a todos nós, o amor, a soidade, a emigración, etc., até os máis científicos e especializados: antropoloxía, etnografía, xeografía e historia... Son moitos os nomes propios que podería citar e inacabábel a lista de títulos que ficaron escritos conformando a nosa memoria literaria, e que libros coma ti gardan no seu interior coma se dun tesouro se tratar e que, por certo, tamén deixan entrever toda unha historia propia, xa que hoxe en día ben pouco te pareces a aqueles primeiros manuscritos nos que se encerraba o saber e a cultura.
     En primeiro lugar, debo admitir que o feito de coñecer a evolución histórica e idiomática galega me axudou moito, pois serviu para me decatar de que a historia da literatura galega é o produto do noso devir histórico irregular, quero dicir que, en épocas de máximo esplendor e hexemonía como pobo, a nosa cultura e literatura tamén se converteu nun produto que gozaba de prestixio a nivel europeo, e, pola contra, cando a nosa entidade se pretendía precarizar, a literatura tamén se viu resentida e minorizada, se ben nunca completamente anulada.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega