Cómaros verdes

 

Escolma.

 

m1iglesiaalvarinocomaros001.html

         ESTA É A MAR DOS SOLPÓRES

Esta é a mar dos solpôres recendentes a mazás coloradas.
Debaixo, asolagados, fondos vales
e alboradas con páxaros de rabos longos de silencio.

Este é a mar, triste sombra desgazada
de altísmos montes cheos de neve,
que pelengrinaron soles inmensos e senlleiros.

Xa nin montes de neve nin soles recén nados.
Mais a súa sombra, sí, mar sin consolo.
A súa sombra de auga, amargues bágoas.
A súa sombra leal, triste lamento e longa noite.

Ónde aqueles montes altísmos
que aconchegaban contra o teu seo
o rebrilo das súas craras cabeleiras?

E o alento, e o peito poderoso
que inda arquexa profundo, quente e vivo
entre as olas, aló pol-a alta noite?

A mar non sabe nada.
A mar é sólo unha
sombra amargue de cinzas sin mamoria,
un desolado peito, todo oco,
que zoupan as súas maus poderosas e encrenchadas.

Eu quixera contarvos a angustia xebre desta mar,
desta mar de solpôr
sin belas deusas brancas e sin chuchas.

Sombra feliz
nun comenzo,
abría os seus brazos quentes e poderosos,
deitada nunha inmensa pradería de fieitos altísmos,
contra o peito escuro e arquexante
de cen xigantes feros de osos firmes
e anchos hombros de ouro.

Entre os seus seos mornos
degolaban as cen frentes mouranas,
e ibanse enchendo de lumes fríos e brilantes
as louras cabezas sobre o vento.

Daba gozo aquel sono
e o arquexar dos seus pulmós de ferro ben batido
entre os brazos poderosos
da mar, calada sombra en vela.

Un día
as pesadas cabezas
afundíronse para sempre pra máis aló do sono.

E daquela a súa sombra
foi xa amarguexo e cinza,
e oco sin consolo, e triste esquenzo.

Daquela foi a mar
as outas olas sin acougo.

No seu colo de tola sin mamoria
anaina os soles do solpôr
e as lúas novas coma nécoras pequerrechas
ô son do eco cóncavo e lonxano
daqueles altos montes tan velliños
que foron unha vez.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega