Candea 70 (tres pezas de teatro)

 

Noite de lobos. Xornada I

 

v1xagrelohermolobos.html

XORNADA I

                              COCIÑA DE CASA RICA DE ALDEIA

ANTÓN: -Maruxa, pechastes ben as portas e máis as fiestras?
MARUXA: -Pechei. Xa llo dixen denantes.
ANTÓN: -E que nestas noites poden baixar os lobos e hai que ter moito coidado co gando. Se nos descoidamos, alá vai a gañáncia de meio ano.
XAN: -Non botes foguetes, papá. Quente ouvira iba coidar que a tua facenda depende dunha vaca máis ou menos.
ANTÓN: -E non é certo? Que saberás ti do que custa gañar os cartos...! Os estudantes vivides na cidade agardando que vos manden o xiro e non entendedes nada das cousas da terra. As veces falades por non estaredes calados, pero todo é da gorxa para riba. Moitas teorias e despois... Non, non tendes dereito a falar, e ti menos ainda que nenguén pois tan sequer puxeras-lle atención aos libros. Pero, ca; que traballen os fillos dos pobres...
XAN: -Non comecemos outra vez...
ANTÓN: -Iso é o que ti desexas: que eu non te faga cavilar. Coidas que xa es un traballador porque andiveches por aí adiante xogando a obreiro un par de meses?
XAN: -De xogar nada, papá. Baixei ás minas e fixen callos nas mans. Durmin no chan e enchin a boca de carbón. Como lle chamas ti a iso?
ANTÓN: -Chamo-lle moda ou "snobismo", como queiras. O traballo é algo moi diferente, meu fillo. É... é un xeito de vivir a carón da terra... e, que saberás ti da terra?
XAN: -Eu non dixen que soubera...
ANTÓN: -Pois non tenciones gobernar a casa. E xa abonda. Maruxa, botaste-lle a tranca á porta da eira?
MARUXA: - Botei, si señor...


                              PAUSA


ANTÓN: -Que xeito de ventar, Deus! Eses tronos! Pedro, mañán se torna o bo tempo, vas buscar os canteiros para reparar os alpendres. Este colleu-nos o inverno un pouco descoidados. Xa o debias ter feito antes. Non te esquezas.
PEDRO: -Descoide... non me esquecerei.
XAN: -Pedro, fai-lle caso ao teu sogro e agradece-lle que non te mande buscar os canteiros agora mesmo.
ANTÓN: -Ti, por que non vas durmir?. Ainda que coido que nos estarás moi canso. Sempre andas de vacacións...
XAN: -Xa vou, xa vou. Deica mañán.


                              OEN-SE OS OUBEOS DOS LOBOS. FICAN TODOS CALADOS E QUEDOS. OLLAN UNS PARA OS OUTROS.

MARUXA: -(PERSINA-SE). Velaí están!
PEDRO: -(ARRIMA-SE A MARUXA). Xa viñeron!
ANTÓN: -As primeiras neves empuxan-os para baixo. Teñen fame; están cheos de fame e o cheiro das cortes chama por eles. Pobres de nós! (A XAN). Ti non ibas durmir?
XAN: -Xa vou. Agora quero ouvir os lobos. Se os poidera ver...
MARUXA: -Ti estás tolo! Arrenegado sexa o demo!... Con este tempo e os lobos andando por aí, pobre do que teña que ir esta noite polas corredoiras.
XAN: -Coido que nenguén se atreverá a face-lo.
ANTÓN: -Teria que estar tolo ou ter moi pouca dor da sua vida.


                              SOAN TRES GOLPES SECOS E FORTES. TODOS OLLAN-SE ASUSTADOS.

XAN: -Petan á porta?
ANTÓN: -Non pode ser. Seria o vento. Outra cousa non...


                              VOLVEN OS GOLPES


MARUXA: -Virxe santa ! Pois petan de verdade... !
PEDRO: --Non teñas medo, muller. Quen será?
XAN: -Que facemos, papá?
ANTÓN: -Non se vos ocurra abrir por nada do mundo. Pedro, bota unha ollada pola fiestra. Ves algo?
PEDRO: -Non se ve nada. Está moi escuro.
ANTON: -Pecha as contras. Trae a escopeta.
XAN: -Pero, vas abrir?
ANTÓN: -Eu que sei... (SOAN OS GOLPES MAIS FORTES). Vou-me arrimar ao portal para escoitar mellor. (COLLE A ESCOPETA). Non vos movades de aquí. Xa veño.
XAN: -Vou contigo. (VAN-SE)


                              PEDRO E MARUXA COLLEN-SE DAS MANS

ANTÓN: -(DENTRO). Pero ti, animal, e que fas fóra da casa a estas horas, e cos lobos na aldeia?. Besta, mala besta!
XAN: -(ENTRANDO). É o Cortizo.


                                DETRÁS DO ANTÓN ENTRA O CORTIZO, EMPAPADO ATÉ OS OSOS. TATEXA.

CORTIZO: -Voste...de per... perdoe, señor Antón. Pero eu... eu...
ANTÓN: -Eu... eu... eu... Eu sabia que eras parvo, pero non tanto. Ti daste conta do perigo que pasaches? Non, coido que non, porque ti non te das conta de nada. Hai que ver... Dende logo a quen se lle ocorre sair hoxe da casa...
CORTIZO: -E que... Xoana está soiña... Vai parir, señor Antón, vai parir e na casa do Soutiño non ... non temos porta. Poden entrar os lobos! E ela vai parir esta noite...


                              CHORA

XAN: -Que está a dicer?
ANTÓN: -Quen lle fai caso... Disque a sua querida vai ter un crío e como non ten porta no coberto onde viven, ten medo que entren os lobos. Mira qué nos pode importar a nós...!
MARUXA: -Pobre muller. Que medo estará a pasar!
XAN: -Pero, é a sua muller?
ANTÓN: -Que vai ser! Xuntou-se con ela hai uns meses cando xa estaba preñada sabe Deus de quen. Vaia xuntoiro. O parvo da aldeia e máis a puta da parróquia...
CORTIZO: -Señor Antón...a Xoana... os lobos...
XAN: -El parece namorado dela.
ANTÓN: -Namorado este...? Non me fagas rir. Que saberá este o que é namorarse... Non ves que é un animal?
CORTIZO: -Señor Antón... veña conmigo... axude-me. Axude á Xoana e ao neno que vai vir...Comerán-os os lobos!
ANTÓN: -Como vou ir alá? Ti non rixes...
CORTIZO: -Por favor, señor...
ANTÓN: -Xa abonda! Vai-te agora mesmo con todos os diaños. Ti, a Xoana e máis os lobos facedes todos unha boa camada.
XAN: -Papá, a este home hai que axuda-lo.
CORTIZO: -Si... si...
ANTÓN: -Ti vas para a cama. Agora resulta que un preguiceiro coma ti quer-se facer o herói. Vou-che dar unha labazada...
XAN: -Pero esta xente vive na miséria, non teñen portas nen xanelas e os lobos van denizar á nai e máis á criatura. Deixa-me ir!
ANTÓN: -Está quedo! Desta casa non sal nenguén. O tolo este, se quer, pode durmir na barra. É todo canto poido facer por el.
CORTIZO: -(XEME). Veñan... pola Virxe... Xoana...
ANTÓN: -Cala, Cortizo! Non imos estar toda a noite de léria. Vas ou quedas?
XAN: -Papá...!
CORTIZO: -(DESESPERADO). Vou-me, vou-me...
ANTÓN: -Pedro, leva-o á porta e pecha ben detrás del. (SILENZO). E agora todo o mundo para a cama. Mañán será outro dia.


                              SAEN TODOS MENOS ANTÓN QUE FICA SENTADO.

                              FAI-SE ESCURO.



 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega