Callobre C.F. Dos alicerces a 2002

 

[Fragmento]

 

v2carlosloureirocallobrecf.html

I. Como naceu o fútbol en Callobre

     Pouco se coñecía o fútbol polas parroquias de A Estrada. Só na vila se practicaba este deporte cuns encontros de vez en cando. Alí existía algo de afección pois por aquelas datas dous xogadores de A Estrada xogaban en equipos de categoría: Gonzalo Varela, no Celta, e Sande, no Pontevedra; por este motivo o fútbol coñecíase abondo no pobo e a afección ía medrando máis e máis.
     Isto ocorría alá polo ano 1941, cando en Callobre se pensou algo no fútbol. Uns cantos xoves falaron diso e pensouse en facer un equipo. Pouco, ou nada, o practicaran. Isto argallárono Manuel Iglesias, Manuel Rodríguez, Barros, Neira, Mariano, Rogelio, Pena, e outros máis que, en unión cos citados, serían os que formarían un once que xogaba. Xurdiu o primeiro inconveniente: non había balón; e entre todos a escote mercouse o esférico. Naqueles tempos foi un gran sacrificio económico para todos eles.
     Outro inconventiente era o terreo de xogo. ¿Onde ían xogar? Pensáronse varios sitios, pero optouse polo campo da festa, ou sexa, "O Atallo", onde logo sería máis realidade. O terreo era malo, pouco chan, moitas pedras e, por último, con varias árbores polo medio, pero a afección por comezar era moita e comezouse a dar patadas ao balón polo medio das árbores. Uns mellor que outros patearon o coiro durante unhas semanas a ver cando xurdía un rival para se enfrontar a el.
     Domindo tras domingo aparecían máis afeccionados para tamén facer o mesmo cos outros, pero os fundadores xa esixían un peso por cadaquén para gastos do balón que unha vez se picaba e tamén outras averías que había que arranxar.
     A euforia ía a máis e aínda que non había xogadores con algo de clase, xa se matinaba no primeiro encontro fose como fose. Acercábanse as festas de Santa Margarida e un encontro ese día sería unha gran atracción para a festa e para os forasteiros que virían, e así foi. Ese día fíxose a presentación no medio dunha gran emoción, que non foi moi boa.
     En toda a parroquia comentábase isto, principalmente nos cativos, que xa comezaron a facer pelotas de trapo para tamén patear. Os homes de máis idade tamén o falaban en xuntanzas, pero, uns máis que outros, chamábanlles loucos e cousas polo estilo; outros non deixaban saír das casas os domingos porque sabían que ían romper os zapatos ao campo da festa; e os máis cativos fuxían de cando en vez para tamén facer o mesmo que os maiores.
     Todo se foi facendo moi paseniño pois os inconvenientes eran moitos e había que saltalos para poder adestrar e figurar na plantilla do equipo. As botas que usaban eran as que levaban postas enriba, ou ben zapatos, ou zocos, ou zapatillas. O caso era dar punteirazos fose como fose.



II. Primeiro partido e... desilusión

     Chegou o día 20 de Xullo de 1941 e chegaba o primeiro partido. Había que opoñer un rival de pouca categoría pois o equipo era malo e pensábase gañar, ou perder con algo de honra. Pensouse en tres equipos: o Deportivo Estradense, o Guimarei e o Foxo. O Estradense era demasiado, pois tiña nas súas ringleiras bos elementos; ó Guimarei temíaselle xa que tamén posuía un bo equipo daqueles tempos; e por último optouse polo Foxo, que tamén despuntaba abondo e por ser o máis achegado.
     Uns días antes do encontro a euforia subía a máis e o Callobre tratou de se reforzar con dous ou tres xogadores de A Estrada para lle dar máis aliciente ao encontro e poñerlle un bo equipo ao Foxo.
     O día do encontro pola mañá na misa comentábase o espectáculo da tarde. Xuntanzas de nenos e maiores agardaban con ansia as 6 do serán para veren case pro primeira vez correr a bóla polo campo cos xogadores por medio.
     Unha hora antes do partido xa no campo se atopaba case toda a parroquia, principalmente nenos e homes da máis idade. Puxéronse cordas arredor para que o público non pisase o terreo de xogo. Mentres tanto os xogadores vestíanse no medio dos piñeiros do monte para saltaren ao terreo de xogo na procura da victoria.

     E por fin chegou a hora de pór en xogo o balón. Salta ao campo o equipo do Foxo, aplaudido polos seus siareiros que o viñan acompañando. Eles vestían cun uniforme de camisas brancas e azuis. Logo faino o Callobre con camisas brancas, como puideron atopalas, todas iguais. O público estaba calado, pois pouco se pensaba en gañar, e ademais non se entendía disto.

     Nas ringleiras do Foxo C.F. xogaban, entre outros, Suárez, Penide, Pintos, Canabal, Telmo, e outros. No Callobre facíano Iglesias, Beiras, Neira, Rogelio, Mariano, Pérez e outros máis, cos dous reforzos que de A Estrada chegaran. Comeza o encontro cun gran silencio e comezan a patear dun lado para outro os vintedous xogadores. Aos poucos minutos vese que o Foxo sabe algo máis disto, pois no Callobre apenas hai quen que tire á beira da porta. E chega o susto. Atacan os forasteiros e marcan o primeiro gol, e abrázanse entre si para fetexalo. Non se perdían as esperanzas e no segundo tempo hai unha pena máxima contra a porta do Foxo. Lánzase e é o empate. Pouco durou isto porque aos poucos minutos o Foxo marca de novo e anótase a victoria, que festexan entre eles toda a noite.

     Fálase do partido na festa. A uns gustoulles, outros rexéitano, pero todo segue en pé. Hai que seguir adiante para poder facer algo como sexa, e matínase noutras cousas para prosperar. Aínda que a derrota non caeu ben, non se desaniman e a seguir adiante.




III. Séguese a loitar e chega unha alegría

     Non se perden as esperanzas pola primeira derrota sufrida pois pouco se agardaba de sacar adiante o encontro e pola derrota mínima non sufriron nada os xogadores, que só aspiraban a quedar algo ben na presentación. Séguese a adestrar domingo tras domingo e organízase algo de directiva, que rexen os mesmos xogadores cun par de ducias de socios coa conta de 2 pesetas ao mes e os xogadores de 5 pesetas para ir pensando en mercar un uniforme e, se se pode, algo de botas para os encontros, pois os adestramentos fanse cadaquén como poida.

     Xa se pensa no segundo partido, pero agárdase o reto dun equipo. Os callobreses queren devolver a visita ao Foxo, pero ségueselle temendo, e inda máis no seu propio campo. Os do Foxo falan do partido e, entre tiras e afrouxas, acéptase entre ambos para un novo domingo. Acércase a data e os equipos adestran a fondo para se levar o triúnfo, pois o mesmo un que o outro non o queren deixar fuxir.

     Chega o día e dúas horas antes do encontro sae de Callobre a expedición rumbo ao Foxo, facéndoo cadaquén pola súa conta, ou sexa a pé. Había que chegar con tempo para repousar algo antes de comezar. Non se levaban apenas ánimos, pois ninguén pensaba en sacar algo de proveito; a misión era só unha: devolver a visita que eles fixeran a Callobre e loitar en todo o encontro por se algo se podía facer.

     Comeza o partido case coas mesmas alineacións que en Callobre, e os mesmos uniformes, e o público do Foxo anima ao seu equipo; os siareiros callobreses están en silencio porque soamente pensan no que os espera. Os primeiros ataque son do Foxo, que domina por completo a situación e non tarde en chegar o primeiro gol, que o público aplaude con gran ledicia. Segue a loita e antes de rematar o primeiro tempo o Foxo marca outro gol, e así termina o tempo dos 45 minutos.

     No segundo tempo cambiou o panorama e o Callobre loita por marcar un gol, que tarda moito en chegar, pero si chega este gol soñado cando os do Callobre atacaban a fondo; pero isto non queda así porque antes de terminar o encontro chega o empate a dous goles. Os xogadores apenas celebran o gol, pois aínda agardan a reacción do Foxo como máis equipo ca eles e o público queda nun gran silencio. Pasa o tempo e remata o encontro cun gran alboroto entre os callobreses, que non agardaban, nin o máis firme seguidor, este empate acadado.

     Aquel día foi festa en Callobre, pois fixérase algo e os berros de ¡Callobre! escoitáronse ata altas horas da noite por tódalas tabernas de Liñares, Salvadora e O Sol. Algúns fregaban as mans ao pasar este encontro e xa se pensa noutras tardes de fútbol, para seguir adiante e seguir loitando para chegar ao máis lonxe que se poida.



IV. Vaise prosperando

     O empate no Foxo caeu moi ben no equipo e vaise matinando en facer máis reformas entre xogadores, campo, etc. etc... O primeiro é facer algo polo campo. Engrandécese uns metros máis e fanse unhas pequenas reformas tapando fochancas e sacando algunhas pedras, pero o importante eran as árbores, que non se poden quitar.

     Xa o fútbol se vai coñecendo máis nas parroquias e algunhas van detrás de Callobre facendo o seu equipo. O Callobre adestra tódolos domingos por se xorde un novo contrincante e iso aparece axiña. En Aguións xa hai un e queren xogar en Callobre, cousa que o Club acepta e xa se pon a data para o partido (1942). Este encontro tivo a súa emoción pois o Aguións pensaba xa en gañar en Callobre e estes non podían perder porque senón todo se viría abaixo, co que se pensaba para seguir adiante. Chegou o día e todo pasou sen pena nin gloria pois o Callobre impúxose dunha forma brillante gañando por 3-1 aos seus contrincantes.

     Segue a euforia con esta victoria, pero con tranquilidade pois o Aguións non era equipo bo para lanzar as campás ao voo e había que pensar nos vindeiros encontros, que serían máis fortes. Pero isto non queda así xa que o Aguións pide a revancha para xogar o partido en Moreira, nunha carballeira con moitas árbores preto da súa parroquia e esta petición é aceptada.

     Chega o día da segunda excursión fóra da parroquia e, coma a anterior, faise a pé e con tempo para repousar algo antes de comezar o encontro. Xógase case coas mesmas alineacións que en Callobre, só con algúns cambios sen importancia, e os uniformes os clásicos dos dous equipos... ¡cadaquén como poida! O Callobre non quere verse sorpendido nesta revancha e desde o primeiro momento ataca para marcar goles que un tras outro van chegando e remata o partido co resultado de 4-0 ao seu favor.

     Esta victoria veu ben pois, por se tratar dunha revancha en terreo neutral e por este gran tanteo, dáselle máis importancia e ademais xa se ten ao Aguións como un contrincante máis.

     Van pasando as semanas e os mesmos xogadores queren facer unha directiva, pero antes había que contar cuns poucos socios que puidesen axudar en algo a estes; sen embargo van aparecendo máis xogadores e dáselles entrada aos xoves con 16 e 17 anos, aportando as súas 5 pesetas para os gastos que se fan. Tamén os máis pequenos queren facer un equipo e, coas súas pelotas de trapos, xogan os seus encontros entre si na escola e por onde se atopan.

     Quérense máis partidos e van aparecendo máis equipos en varias parroquias, mentres en Callobre se segue cos adestramentos para estar fortes.



V. Aparece un rival forte

     Xa o Callobre vai collendo sona dun bo equipo, ou sexa, o mellor case das parroquias e aparecen rivais de varias partes que queren mediar as súas forzas cos callobreses. Agora tócalle o turno a un equipo de A Estrada que está formado con xogadores da Vila e algúns de Guimarei, os cales fan un bo conxunto e queren disputar o partido en A Estrada, cousa que se acepta.

     Os callobreses temen este grande partido, pois o rival de turno é perigoso e ademais vaise xogar nun campo grande ao que non están afeitos, pero estes non se encollen e queren mediar as súas forzas co que sexa.

     O partido xógase unha mañá de maio de 1942, pois pola tarde hai festa en Cereixo de importancia e por non coincidir con ela. Callobre leva o seu equipo de gala, ou sexa, o mellor que hai, incluso se inclúen algúns xoves coma Pontillón e Pepe Iglesias, que están demostrando entre os xoves dotes para xogar no primeiro equipo.

     O partido desenrólase baixo un signo de completa superioridade do combinado, que desde o primeiro momento se lanzou ao ataque para golear aos crecidos callobreses. Os Fraga, Maceira, Durán, Telmo, e outros do inimigo comezan a funcionar e os goles tamén chegan, co resultado de escándalo de 7-1, que non houbo máis remedio que aturar a avalancha como fose.

     Non podemos destacar a ningún xogador do Callobre neste partido, pois todos fixeron o que pudieron, pero si podemos afirmar que un dos culpables da gran derrota foi o porteiro Neira, que nesa mañá non fixo nada en absoluto, só mirar por onde pasaban os balóns.

     Na afección caeu isto regular, pois a victoria non se agardaba, pero si un resultado un pouco máis honroso. Uns falan do equipo e outros pensan que foi algo pronto enfrontarse a un equipo tan perigoso. Os mesmos xogadores non se estrañan, pois había que saber perder e xa chegarían os días bos para a afección e para eles tamén.

     Non se encollen os fundadores do club e seguen traballando a fondo; queren facer algo de Directiva e uns poucos de socios máis para mercar os uniformes. Faise algo e levan a voz cantante da Directiva Manuel Iglesias e Manuel Rodríguez. Ademais pónselle o seu nome ao equipo, que desde esta data se chamaría "Airiños de Callobre".

     Pasan algúns meses e séguese a loitar por prosperar e as cousas marchan moi ben, incluso con algo de fondos na caixa do Club, pero fan falla máis para mercar o que pensan os directivos.


VI. Séguense facendo reformas

     A pesar da derrota sufrida, séguese en pé e pensando en prosperar para seguir a estar no cume de tódalas parroquias, para iso o equipo segue o seu plan de adestramento para noutras tardes chegar a poder vencer; mentres tanto fórmase un equipo de xuvenís, que manda e dirixe o cura-párroco Don Manuel Cernadelas, cos cativos que asisten á cataquese todos os domingos. Dispútase o primeiro partido e os xuvenís vencen a un equipo de A Estrada chamado "Os Rebeldes" por 4-2. Logo devólvese a visita a estes e na Vila os de Callobre perden por 2-0. Neste equipo figuraban, entre outros, Regino, Pepe, López, Pontillón, Barros, etc. etc... Neste equipo vense os futuros do primeiro equipo e, a base de adestramentos e máis partidos, vanse facendo.

     Ao primeiro equipo cítano para xogar un partido en Berres contra os de Oca, cousa que aceptan e desprázanse alí para xogar unha tarde do mes de Xullo do ano 1943. Xógase o partido e vencen os de Oca por 1-0 nun partido complicado e disputado. Neste enconto sofre unha lesión Manuel Iglesias,que o deixa afastado do equipo unha boa tempada ata cáseque se licenciou do servicio militar.

     Esta lesión influíu un chisco nos pais dos xogadores que se pouco querían o fútbol, agora menos por medo a estas cousas e seguen sen deixar saír da casa os domingos e seguir calificando de loucos a tódolos que o practican.

     Con todas estas cousas que veñen do revés non se desaniman os xogadores e seguen adestrando para novas confrontacións que axiña chegarían. Pronto chega o reto do Foxo F.C., que de novo quere enfrontarse aos callobreses no seu terreo. Desprázanse ao Foxo con gañas de desquite, pero é difícil facer algo positivo porque eles queren quedar ben perante o seu público. As cousas non saen ben para eles e o Callobre acada un empate a cero goles que lle dá ánimo e unha gran ledicia para todos.

     Xa se pensa en mercar os uniformes, pero o problema son os cartos, que hai poucos fondos, pero os xogadores, que agora son moitos, fan un gran esforzo de 15 pesetas cada un e xuntan o bastante para as camisetas e algúns pares de botas; os pantalóns cadaquén faino pola súa conta. Desprázanse a Santiago para ver o material e por fin aos poucos días chegan da Cidade do Apóstolo os paquetes cos uniformes. A ledicia é enorme pois xa hai con que presentarse en calquera campo. As cores do Club son verdes e amarelas cos pantalóns en azul, xa que todos pensan en poñelos e agárdase unha ocasión para vestirse coas cores do "Airiños de Callobre C.F.".



VII. Xa hai uniformes

     Xa o equipo ten os seus uniformes e a ledicia é enorme entre todos a pesar do esforzo económico que custou o mercalos, pero todo é pouco para eles; o importante era saír ao campo como tódolos equipos o facían. Isto ocorría a finais de 1943. Aproxímanse as festas de San Martiño e contrátase aos "Rebeldes" de A Estrada para disputar un encontro en Callobre, pero aínda falta algo para esta data e os xogadores xa queren probar as súas camisetas e botas nun adestramento, sen agardar a máis, fano. Xógase un partido entre eles un domingo pola mañá e os case titulares xa locen as clásicas cores do Airiños de Callobre verdes e amarelas.
     Chegan as festas e o partido en portas que os callobreses agardan con grande interese e facer fronte ao gran conxunto da Vila onde figuran xogadores de clase coma os Carballedas, Carballo, Camba, etc. etc... No Callobre dáse entrada a uns xoves elementos, entre eles o Quinteiro, López, Pontillón, Regino, Pepe, Barros, entre outros, que xa van facendo un equipo xove e máis efectivo.
     Chega a tarde o 12 de Novembro de 1943 e o Callobre salta ao campo con moitas gañas de triúnfo e ademais deixar en alto o pavillón que defenden. Todo sae a pedir de boca pois atacan desde os primeiros minutos e os goles chegan axiña. Ten unha gran tarde Pontillón, que acada tres no primeiro tempo por un os estradenses. No segundo tempo a tónica é a mesma e o triúnfo chega ao final do partido cun 6-2 rotundo, que non deixa lugar a dúbidas entre os siareiros, que hoxe disfrutaron do gran equipo que van facendo. A sona do Callobre vaise prolongando e en A Estrada o propio Deportivo trata de levalo ao seu campo, que se acepta sen medo ningún. Fanse uns adestramentos duros para non se cansar nun campo grande e que pase coma a vez anterior de saír derrotados por ampla marxe. Xa non se fai a pé a viaxe; contrátase un coche da empresa "Villa de La Estrada", e con algo de medo vanse enfrontar ao forte conxunto que é titular naquelas datas e nas súas ringleiras hai nomes coma os Varelas, os Cambas, José María, Durán e outros... O Callobre cos mesmos do anterior encontro pero con algo máis de corazón por xogar por vez primeiro contra o Deportivo. Non se esperaba sacar nada positivo e moito menos cando no primeiro tempo os estradenses logran marcar tres goles que deixan o partido case resolto. Pero, por sorte, non foi así pois os do Airiños de Callobre lánzanse en tromba aberta ao ataque e conseguen empatar o partido a tres goles, que sería o resultado final. A ledicia foi maiúscula e aquel foi un día de gran alegría para tódolos callobreses, en especial para nenos e xogadores.

[...]


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega