Cadáver adiado

 

[Escolma]

 

Cadáver adiado [Escolma]



                    Nada

Nada queda de nada. Queda pouco.
Tódalas noites míntome na cama
e nos meus soños irtos se proclama
outra mentira queda que é a dun louco.

Un vai indo, vivindo e espertiga
á par dun sol marelo, pomba clara
na que un dedo seestro tangue a rara
miseria na que a morte me fustriga.

Soñar, soñar, andar, setenta e sete
anos que levo, sufro, levo ás costas.
Só a pastilla da noite me remete

iste mal de non ser máis que borrallo
atoutiñando sempre nas encostas,
corpo de palla, palla de espantallo.










          Pecado orixinal

Levo un pecado fondo, orixinal,
desmemoriado río afagadizo
no que se expreme a noite e o arreguizo
da miña vida inútil, do meu mal.

Pequei contra o meu ser, luxei as galas
que ó lonxe me acenaban no futuro,
de xeonllos na igrexa, mouro, impuro,
humillei o meu peito, as miñas alas.

Ás veces era un neno ou era un mozo,
e oubeaba no ar, claro animal,
á agarda dunha moza e do seu gozo.

Mais traicionei á moza por un Cristo,
por un Cristo sen sexo, virxinal.
E o demo condenoume e non existo.










          Cadáver adiado

Cadáver adiado que procrías
e nada entendes dos teus fillos ledos
e crees que os teus fillos son brinquedos
dos que eres propietario que ti fías.

Un deus semellas, fas o que non sabes,
atópaste cun neno sobre o colo
e o neno está sen pai e tu estás solo,
habitante da Nada cando acabes.

Elí non hai meniños non hai sexo.
Eu son pai de ningures mais escribo
libros cara a ninguén, tristeiro peso.

Venme ganas de rir por ise azoite
con que procrío a tinta, sensitivo,
cadáver adiado noite a noite.










                    Nada

Eu non son eu, non son, nunca fun nada
e ti tampouco eres, nada vales,
ninguén de nós, sen nós, somos reales,

pucharcas de altas nubes, mala fada.

Non quero trabucarme no espellismo
de andar collendo auga no regato
que corre corga abaixo como un fato
de ilusos pensamentos dun min mismo.

Estase ben esí desposeído.
Eu fun un feto parvo, esquecidizo,
hoxe outro vello feto son cumprido.


Tangue no meu cerebro a badalada
na que agatuña e morre o mal feitizo,
penedo son sen eu, sen Deus, sen Nada.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega