Cantos caucanos

 

Escolma.

 

m1avilestaramancoscantosescolma002.html

          SANDONÁ

O indio Agualongo
instituido persoalmente coronel dos exércitos reais
vixía o paso de Sandoná con catro mil pastusos,
anchos, pequenos, fortes, de ollo enfurecido e de macana,
dispostos a morrer polo surrealismo.
Bolívar de casaca bermella, estira o catalexo
e pronuncia unha frase para a História:
«Ninguén nos vencerá».

O oráculo minteu como un vellaco nese día.





          MARÍA


                    De Jorge Isaacs (1837-1895)

               I

Abres o libro
e un perfume de xardín silvestre
de xardín doutro tempo aínda fresco
emana da lectura.

A viola, o xasmín, a rosa de cen follas,
a benvestida e a campánula
regaron-se con bágoas
de cando o corazón foi inventado.

Despóis da tose romántica
aparece a figura de María:
daguerrotipo sepia
onde escentilan dous ollos
como ascuas acendidas,
e a boca sensual
apagada polo continuo roce da oración.

Namorada e triste
o seu ollar é como un can pequeno
percurando a caricia.

- ¡A vida no século pasado era tan casta! -.

Non se pode pór freio
a tanta desbandada de amor :
entón a tise foi bebendo o sangue
e María
quedou como unha viola murcha
na páxina 47.



               II

Tamén amei no teu xardín, María.
Naquela tarde evanescente o meu amor
era eterno e delicado. Unha pirámide de vidro.
Quéiman-me aínda os ollos da moza tulueña na memória.

O chiminango estaba florecido, e o río Amaime,
que nace no teu colo, cantaba nese día como nunca
ha-se de ouvir xa cantar. Son intres
que o corazón mantén intactos.
(A ave negra, aquela que sempre presentías,
era naquel momento luminoso
a sombra da saudade que me fai imortal e desvalido).

Desde a túa solaina, o Val do Cauca
aparecía como recén feito na luz tenue e na calma,
protexido polo fanal do teu amor
da túa ternura implacábel: esa pomba
que atravesou de morte a túa entraña
e vive.

Tamén amei no teu xardín, María.
Teño os estigmas aínda abertos, frescos
coma unha rosa de navallas.

E a saudade do tempo.





               A CRÓNICA FERIDA

               - ELEXÍA MENOR -

E porque teño o corazón ardendo de amar tanta frescura,
porque un día imortal bebín nun río circundado de pombas
e había
unha nena cantando que aínda segue
a cantar docemente no meu amor doutrora, no meu amor
que se renova decotío para vivir aquel istante. E porque
amo un xuncal florido eternamente, unha pucharca
no cumio altísimo dun monte solitario.
E porque meu amor levo a palabra
feita de ferro incandescente e rosas. Levo, como quen leva unha ferida,
a extensa xeografía dunha pátria lonxana, a cicatriz radiante
de algo irrecuperábel e que habita conmigo.
A música que me abre as portas, que me brune os fanais,
que me amosa incesante perdidas latitudes onde a vida
campea vigorosamente co se alto tremor irrepetíbel; e dóeme
como se a esgazaran de min mesmo, cada hora de luz que nace agora
nos camiños que andei.
E porque amo un río que decorre
nun território de cabalos ceibes, e atravesa de paso
de parte a parte a miña arboradura, desemboca
no pozo mesmo onde me nace o sangue.
Que se voan os cóndores voan coas miñas asas. E se canta o turpial
a miña voz desfia-se vagamente no ar, canta co mesmo son do xílgaro que canta
de ponla en ponla na nenez tan íntima.
Isto é o lor que me entremece, amar tan longamente o ben perdido,
ter para sempre
o folgo eivado de amar o que se perde
e andar o corazón coa raíz revirada na beiramar do tempo.
Ouh território aberto, planura do confín, miña outra casa, terra
onde o pan é frutal e o ar encelma a sede máis enxoita e corrosiva,
ai amor que me fenden os raios da saudade, e quero ollar a estancia,
encravar na pupula para despois da morte
esa luz que me cruza, ese olor que me chega, cilantro e malvasía,
ese amor meu que nunca.
É deste sofrimento que aluma a miña teia, é deste sofrimento,
é desa luz que vivo, de carcomer perene de apreixar o olvido
e te-lo tenso, roxo nas brasas da memória,
ir de avarento amandoo con palabras cada día máis cálidas
até te-lo ancorado no meu porto segredo.
É dese amor que vivo; e máis do amor que agora no lar recuperado
erguen vellas colunas, antigas mans que me aman,
a emanación dos átomos de meus avós no vento,
a terra prometida.

¿Escoitarán no mundo a voz que me aloumiña?

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega