Catálogo de Velenos

 

[Escolma]

 

v9chaoregounfuturoparaalingua
derrotas domésticas

debeu ser moi difícil
degolar as anguías
sen cortar os dedos
arrandearte para que non te cubrisen
as escamas do ollomol
liscar do nó corredío das sabas

nas noites opacas
que batallas contra os garavanzos
medrando disformes na auga     que absurda tarefa
escoller lentellas de arroz
que impotencia
cando o leite fervido vai por fóra
inevitablemente

e se o batifundo das tixolas
non che deixaba oír a música
se o teu francés e alemán
eran inútiles contra a graxa nos fogóns
se os tubos de agua berran como nenos
ou gaivotas e     as patacas se pegan
no fondo da tarteira

nai
¿como é que estás sorrindo nas fotos?


***


no máis profundo da cidade
rebentando nos muros
textos incomprendidos
que foron transportados nun envurullo
sobre as  cabezas
para non mollalos como as costas

de camiño no máis profundo
traballei cos resineiros
acoitelando as fachadas
recollendo as negacións
que esvaran no zume pagañento

¿sabes por que mutilan as árbores?
¿por que sempre tocos     nunca pólas?
é a censura dos sinais
dos acenos entre plataneiro e magnolia
o recurso de quen se escandaliza
na nudez das follas

as herbas que procuro medran
só no máis profundo
á sombra húmida dos autobuses
destilan medicinas ou vlenos
-cuestión de cantidade-
á noitiña cando os xornais se recollen
en bandadas
case non se distinguen
e son moito máis tóxicas
tragadas en combinación
coas falsidades.


***


reunión familiar

a primeira noite
leveite para a miña cama
e tradeáchesme
(solsticio    noite e lume debandando)
non advertín que metía na cama
toda a familia.

ensaiando habelencias de morcego
demostrabas    trabando no meu colo
que teño o sangue azul
mentres irmáns nai e pai    tías e avós
silandeiramente
circaban a cama   beliscaban
o meu cu    aloumiñaban
as miñas pernas

en tanto eu cabalgaba sobre ti
atravesabamos espirais de lume   eles
criticaban o meu cabelo desguedellado
e discutían en alta voz
se tiña un peito maior que o outro

entraches n amiña casa
traendo os teus coitelos afiados
e detrás un por un
entrou a familia    veleno insípido
para quedar

desde entón forman parte do mobiliario
miran con desaprobación
desde o fondo dos espellos
ou axexan baixo as sabas

familia     marca do coitelo no teu brazo
pegada de terra nas uñas  

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega