Caderno de viaxe

 

 

v2xfrancoalonsocadernodeviaxe.html


Bar, parque de campismo de Lisboa

     A soidade dos bares desertos nos seráns de estío, a luz dourada reflectindo no vidro da botella de cervexa, inundando eses lugares de acubillo para os que deambulan. Bar: lugar polisémico, rexistro lingüístico preciso pero oceánico. Peter Handke nun dos seus errantes periplos, nalgunha esquecida capital provincial española percorreu tódolos bares que alí había, cento e algúns. Sentaba diante dun vaso de viño, inxenuamente, e observaba. No anonimato nutríase de palabras, de significados, de intres que paseniño se ían destilando. Eu non sei se son escritor, nin tan sequera se o quero ser, pero gústanme, ás veces, os bares e o seu teatro de acotío, os relatos dublineses de Joyce que estou lendo e a triste chuvia do outono que a non tardar moito virá a enchoupar esa incerta intuición de baleiro que de cando en vez albisco.


Lisboa, agosto 1993.







Coimbra sen fado

     Comer froita fresca nos xardíns, ollar o río Mondego discorrer plácido. Vagar por cidades. Agosto de Coimbra, caloroso agosto de rúas cruzadas arriba e abaixo. Reducto de vella catedral, adro salferido de rosas onde deter o tempo como case sempre nos espazos antigos templos. Pintadas nos muros: Otelo, Timor, os aloxamentos, o capitalismo. A Universidade, o esquelete vital da cidade, abertas algunhas facultades e as listas das notas de estudantes ausentes de Coimbra en agosto. Pintadas e pegadas da vida universitaria. Liberdade para o Xanana Gusmâo!!! Ecos de Compostela hai aínda moi poucos anos. Invernos de café-fotocopias-mocidade. Na tarde de agosto o arrecendo da vexetación —xardín botánico— alónxanos a paisaxes albergadas na memoria. Non se escoita ningún fado pero é sabido que os que aquí debullan o comezo da mocidade teñen por sempre saudades de Coimbra.


Coimbra, agosto 1993.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega