Casta i Albito

 

(Fragmento)

 

m5taxescastaialbito.html
PERSONAXES:





CASTA I ALBITO



CASTA é unha pantasma, aínda máis gorda que Albito, fachendosa, con voz recia, lixeiramente máis nova.

ALBITO é un home cincoentón, groso, viúvo, e moi ledo coa súa presencia e estado.





ESCENARIO:



     A escena representa unha alcoba do señorío labrego: cortinóns, espellos, consolas, sillóns tapizados de raso..., retratos e cadros pendurados nas paredes..., imaxinería e palmatorias con velas..., lampariñas de aceite con bolboretas noutro tempo acendidas... e unha cama ampla e rexa na que descansa Albito. Grande barroquismo deixado a un certo abandono: agora é o cuarto dun viúvo... moi ledo.
     Brilla un lóstrego e retumba o trebón. Outro lóstrego longo que nos alumea a escena; mesmo enriba, outro trebón seguido dun laio.
     O seguinte lóstrego déixanos ver ao Albito quen, visíbelmente asustado, senta no leito teimando prender a lus.
     Sobor do trebón aparece nun anco, subida nunha cadeira, a figura fantasmal da dona Casta, e a súa fatua lus, alumeará, moi lene, a escena.




CASTA.— Deixa de darlle á pera, que a lus foise co derradeiro trebón...                             

ALBITO.—

(Tremendo e coa voz ancorada polo medo) ¡Caa... aaa... aaaasta...!

CASTA.—

(Coa voz recta e sen inflexións) Tremas i tatalexas...

ALBITO.—

(Dándose palmadiñas na fronte como para espalecerse) ¿Quen me mandaría a min recuncar o caldo de riola...? ¡... Botáronlle máis pemento e máis raxo do que collía no pote!... ¡Fato de bestas!

CASTA.—

...I o viño...

ALBITO.—

(Iñorando as verbas da dona e como respondendo a voz da súa conciencia) ¡I o viño!... Tamén é certo que lle metín máis co de costume...

CASTA.—

Iso si que non... Non sería posíbel...

ALBITO.—

(Iñorándoa como se falase para si mesmo) ¿Quen non sería posibel...?

CASTA.—

Non... Non che cabería... Sempre lle mete-lo xusto pra non estoupar... ¡Nin pinga menos!

ALBITO.—

(Moi asustado pero aínda sen querer recoñecer a presencia da pantasma) ¡Escoito voces e falo só...! (Chama) ¡¡María!!... ¡Ai, que fodidiño estou!... ¡¡María!!

CASTA.—

Non che ouvirá... Escusas de berrar.

ALBITO.—

(Berrando aínda máis forte e dándolle deseguido á pera da lus) ¡¡María!!  

     A pantasma da dona Casta ergue unha man e un novo lóstrego asulaga a estancia de lus. Albito leva as mans á cara, como para protexerse do trono case infernal.
¡¡¡Aiaiaiaiaiaiaiaiaiaiai!!!

CASTA.—

Sempre miraches de dar a facha dun homazo... (Ceiba unha risiña conventual e coelleira) Pro a verdade é ista... (Sinalando despectiva) ... Un homiño que cheira ó xichado coma un nicrén ás escuras...

ALBITO.—

(Atacando tres veces o nome aínda incrédulo) ¡¡Ca-ca-ca!! ¡Ca-caca! ¡Cacaaaaasta!... ¿Es ti de certo? (Restregándose os ollos) ¿Es ti ...?...

CASTA.—

(Imitando o son duna campá, dándolle eco) ¡Sooooonnnng!

ALBITO.—

¿Logo non é un pesadelo...?

CASTA.—

(Coma denantes) ¡¡¡Nooooonngg!!!

     Albito, tirándose da cama, quere fuxir, pero a porta, milagreiramente atrancada, non se lle abre.

     Casta ri triunfante e fantasmal ao tempo que se muda de sitio.

ALBITO.—

(Dende a porta, coa voz demudada) ¡¡¡Maríaaaaa!!! ¡¡Deus do ceo, acórdate de min...!!

CASTA.—

(Sibilina) Lémbraste del cando trona...

ALBITO.—

(Caendo de xeonllos) ¡Santa Bárbara bendita...! ¡¡¡ ... Maríaaaa!!!

CASTA.—

(Ferretuda) ... Que no ceo estás escrita... (Ri coelleira). Érguete, ho, érguete... Non sexas xichón e non tornes a chamar que xa che dixen que ninguén che ouvirá...

ALBITO.—

(Aínda axeonllado) ¡Quen che vería a ti no meu sitio...!

CASTA.—

Xa me vin... Fixéchesmas pasar moi mouras... ¿Ou é que xa te esqueceches...?

ALBITO.—

(Con cara de parvo) ¡¿Eu ...?!

CASTA.—

(Asentindo coa cabeza) ... Cando ías da taberna ós leitos das coiras esquecendo que tiñas unha muller a quen atender i un casal polo que mirar...

ALBITO.—

(Erguéndose amodiño, aínda con medo de calquera reacción imprevista da pantasma) ¡Mullé...!

CASTA.—

(Moi doída) Non respectaches nin a noite do meu tránsito... A carón do meu corpiño aínda quente... ¡E coa María! (Ollándoo, asqueada): ¡María, a miña criadiña máis nova...!

ALBITO.—

¡Foi coa mágoa...! ¡Escomecei chorándolle no peito i dempoisas...! ¡Coño, Casta, un home non é un chumbo! ¡... A calorciña das velas... a caña... o leito baleiro...! (Moi sorprendido). ¿Amais, ti coma sabes...? ¿Non tabas morta...?

CASTA.—

Non sexas parvo, Albito...

ALBITO.—

(Recoñecendo a súa torpeza ao tempo que se persigna) ¡Tes razón, perdoa...!.

CASTA.—

Non me molestes... (Agarimosa) E, anda, vai pra o leito...

ALBITO.—

Estou ben así...

CASTA.—

(Indo cara el) ¿Ques que che axude...?

ALBITO.—

(Moi asustado) ¡Non, non...! (Bota a correr cara ao leito) ¡Non fai falla que te molestes...! (Métese dentro e arróupase). ¡Xa estou afeito a facelo...! (Ri, nervioso) ¡Dende que me deixaches xa non teño axudas...!

CASTA.—

(Incrédula) Albito...

ALBITO.—

(Rindo o xeito de arredarse, coma un rapaz collido en trola) ¡Boeno... Cando durmo na cas...!

CASTA.—

¡Albito...!

ALBITO.—

¡Ademais, mira... aí... aí... teño o teu retrato para que vexas que aínda me lembro de ti!

CASTA.—

¡Aaaalbiiito!

ALBITO.—

(Xuramento de neno) ¡Xúrocho por...!

    
Un trono arrepiante cúrtalle a garola. Albito, moi asustado, agóchase coas roupas do leito.
     Casta ceiba isa risiña entre xesuística e de ultratumba que aínda mete máis xeo na espiña do pobre macho.

CASTA.—

Ai, meu pobre Albito... ¡Soio a un baldreu coma ti se lle pode ocorrer engadar a unha aparición celestial...!

ALBITO.—

(Sacando, moi pouquiño a pouco, a cabeza de debaixo das sabas, pregunta —máis admirado polas palabras da muller que polo portentoso artificio luminario— tatelexante e aínda moi escaldado): ¿Ques dicir que ti...? ¿Ti, Casta, estás no ceo? (Tuse e carraspexa) ¡¿Que ves a Deus... a San Pedro... á Virxe do Carme...i tudo iso...?!

CASTA.—

(Sen inflexións) Estou e vexo...

ALBITO.—

(Abaneando a cabeza) ¡La hostia!

    
Un lóstrego reviste a chambra de verde.
(Erguendo as mans coma para detelo) ¡Quixen dicir "La vida"!

CASTA.—

Non sexas xichón... Foi un lóstrego da treboada, non unha chispa especial... No ceo non se espantan disas parvadas... Teñen máis en que matinar... Por certo, que enriba quedaba un tempo estupendo...

ALBITO.—

(Cada vez máis admirado) ¿Logo... no ceo, ás veces, tamén chove e trona...?

CASTA.—

Ás veces...

ALBITO.—

¡¿Siiii...?!

CASTA.—

(Asentindo coa cabeza) Cando il (sinala ao teito) pasa de festas...

ALBITO.—

(Rindo moi admirado) ¡Que castrón!

    
Outro lóstrego asulaga a estancia. Albito mira interrogante á súa dona.

CASTA.—

(Asentindo coa cabeza) Ista vegada foi il...

ALBITO.—

(Tatalexante) ¡¿Pro non me dicías que...?!

CASTA.—

Foi para avisarme do tempo que levo fóra... ¡Como non teño riló...!

ALBITO.—

(Moi esperanzado. Case ledo) ¡¿Logo... vaste xa?!

CASTA.—

Aínda non. Foi o primeiro aviso... É que xa levo un bo anaco fóra...

ALBITO.—

(Entre decepcionado e admirado polo sistema) ¡Aaaaaah!

[...]

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega