Castelao na luz e na sombra

 

A tradición e o porvir galegos

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

 


 

     O 18 de agosto de 1940 foi oferecido a Castelao o primeiro homenaxe da colectividade. No dia cumpríanse os trinta da sua arribada a Buenos Aires. O acto seria organizado pol-o Centro Gallego, no "Princes George Hall". Asistiron mais de un milleiro de comensales. As sociedades de emigrados galegos, ou de exilados, tiñan mandado todas representacións ao acto.
     Cando os discursos de ofrecimento e louvanza remataron, o homenaxeado erguéuse para pronunciar o seu. Fixo un pequeno introito en castelán, adicado a "los amigos que, sin ser gallegos, han venido a compartir con nosotros el pan de esta comida". Palabras endereitadas principalmente, non só ao auditorio arxentino, senon aos nacionalistas vascos e cataláns.
     Nas primeiras verbas adiantóu que se consideraba autorizado a falar como galeguista, pero "de todol-os sectores e partidos", ou "se queredes mellor, como un galeguista de ningún partido". E sin perder tempo en mais prenuncios entróu na exposición do seu pensamento cinguido a hora en vivencia:
          Desde fai bastante tempo estamos asistindo a un parto dooroso e sanguiñento de novas concepcións, e calisquera que sexa o fin do drama do mundo, o pasado non pode roubarnos a aición e o pensamento, que necesitaremos para crear o futuro.
          Declarovos que eu renego da nosa Historia, porque o pasado non nos deixóu mais que desilusión da vida, sin saber tan siquera cal foi o seu mellor propósito, e conduxonos fatalmente a degradación colectiva. Por eso se agora esculcamos o pasado non é para que acatemos o seus designios, senon ao contrario, para convencernos de como se desvióu o destino da nosa Patria, e o xenio do noso Povo, e para non cometer os lamentables erros que cometeron os nosos abós.
     Párrafo que lembra outro de Alfred Weber. Aquele no que o pensador xerman dí que "o pasado e o espello do presente e... o presente a morea dos fracasos do pasado". Despois foi desnovelando a idea axial, ao traveso de unha cadea de feitos históricos, que sendo de primeiras gloriosos, a fatalidade os tornóu ingloriosos, cando non fatales. Todos eles escollendo como víctima a Galiza, para chegar a unha conclusión non aparente, si ben positiva:
          Pero hai algo que está por riba da historia e que é superior ao pasado: a verdadeira e auténtica tradición de Galiza. Non aquela tradición dos chamados tradicionalistas, que se afinca nos topicos da Historia e que pretende resucitar tempos abolidos, senon aquela enerxía étnica que vive nos limos da concencia nacional de Galiza e loita para rexurdir e frorecer. Porque a tradición non consiste n-unha serie de feitos históricos superpostos, nin reside somente no pasado, pois ten asegurada a sua continuidade no tempo. A tradición e a i-alma eterna de Galiza, que vive no cerne dos nosos instintos e na entrana granítica do noso chan.
     A que puderamos chamar estructura nai da teoria, semella estar perfiada. Mais o orador quere chegar a maior especificación:
          A tradición e o idioma, o arte, o espirito, a cultura, o xeito de vivir e o sentido transcendente da vida e da morte, o afán da universalidade e de encetar camiños inéditos, o amor a xusticia e as boas formas de convivencia, a identificación con a Terra que nos fixo e que nos crióu. A tradición e aquelo que endexamais nos traicionóu e que sempre foi traicionado.
     Non sería outro, nin de menos calado, nin de menor dinamismo, o espirito que levóu Castelao a Sud-América. E do que foi pregoeiro cando Galiza non tiña voz, cando con as demais nacionalidades ibéricas caira n-unha lagoa de silencio, con profundidade de coarenta anos:
          ...Por eso eu ainda son capáz de conservar o mesmo optimismo que tiñan os homes da miña xeneración e os rapaces que nos empurraban.

 


 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega