Castelao no seu tempo

 

 

v4fcarballocastelao001.html

     É difícil enmarcar unha biografía. No caso de Alfonso Daniel R. Castelao, a sua obra, pictórica, literária e política é o mellor espello da sua personalidade e un espléndido reflexo de Galiza no tempo e no espácio. Antepoñer, logo, uns dados á análise da sua obra, pode resultar supérfluo; seremos, pois, breves para que o lector non se demore nesta introdución.
     A actividade de Castelao abranxe a mitade do s. XX. Do XIX recebeu o ambiente da sua infáncia e os problemas, en parte centenários, que a ferrollan o país por quen el deu a vida. Eis as datas da sua biografia:

     1886: nace en Rianxo (A Coruña). O neno Daniel vive coa sua nai e cos abós maternos. Asiste á escola privada de Xoan Vidal e seguidamente á pública da vila rianxeira.
     1895: emigra á Arxentina, estabelecéndose na Pampa onde traballa o pai. Ali aumenta a familia con duas nenas.
     1900: Retorna a familia a Rianxo. En Santiago estuda o bacherelato e os cursos de Medicina até a Licenciatura. É un alumno que participa amplamente na acción artística de aqueles anos: guitarrista, "tuno", humorista, caricaturista de tal calidade que expón en Madrid en 1908.
     1910: Exerce a medicina en Rianxo. Cofundador do "Barbero Municipal". Como conferenciante e colaborador de prensa contacta co movimento cultural e co agrarismo. En 1912 ascrébese á "Acción Gallega" de Basilio Alvárez.

* * *

     1916: Despois da perda do seu fillo (1913) e dunha cegueira da que se recuperou parcialmente (1914), opta por algun cargo ao marxe da medicina, emprégase en "Estadística" na cidade de Pontevedra. E o ano da fundación das Irmandades da Fala. En 1935 formulaba el a sua situación anímica neste 1916:

"Cando eu me consideraba o derradeiro superviviente dun pobo suicida, chegou a min a voz alentadora dun escritor. Era Antón Vilar Ponte. A sua chamada tivo a virtude de xuntar a uns poucos galegos que non nos coñeciamos, pero que dende entón ficamos unidos por vencellos que somentes a morte vai rompendo" (ANT, 13-III-1936).

     Desde este momento combina as multiples actividades de profesor de Dibuxo, funcionário de Estadística, escritor, pintor e militante político. En 1925 publica "Cincuenta homes por dez réas", en 1926 "Cousas"; en 1930 "As Cruces de Pedra na Bretaña". Xa en 1921 comezara o contacto con Europa que expresou no seu Diario.
     1931: Elexido Diputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes da II-ª República.
     En nadal deste 1931 é a fundación do Partido Galeguista. Castelao forma parte da secretaría; a posesión de Secretario Político retrasa-se até 1933 e, na práctica, até a sua volta do desterro en 1935.
     1933: Cesa como diputado por disolución das Cortes. Académico da R.A. Gallega.
     1934: Firma o Pacto de Compostela do que surxe Galeuzca. Traslado forzoso.
     1934: Badajoz.
     1935: Retorna a Pontevedra. Nova viaxe a Francia e Bélxica.
     1936: Diputado nas eleccións do 16 de febreiro polo P. Galeguista. Dirixe a campaña do Estatuto plebiscitado o 28-VI-1936. A sublevación militar coincide coa sua estáncia en Madrid.

* * *

     1937: Asiste ao Parlamento, trasládase a Barcelona e Valencia. Edita "Galicia Mártir", "Atila en Galicia".
     1938: Consigue que o Estatuto de Galicia tome estado parlamentario nas Cortes de Monserrat. Viaxe a URRSS. Edita o album "Milicianos". Parte para N. York, Cuba.
     1940: Establécese en Buenos Aires. Estreo de "Os vellos non deben de namorarse".
     1944: Presidente do Consello de Galiza. Publica 1.ª ed. de "Sempre en Galiza".
     1945: Asiste en México á sesión das Cortes no exílio na que se ratifica o Estatuto de Galícia.
     1945: Acepta o cargo de Ministro do Goberno da República no exilio. Acude a Francia para as sesións deste Goberno. En agosto de 1947 retorna a Buenos Aires.
     1950: 7 de xaneiro fina na Clínica do Centro Galego de Buenos Aires. O día 9 é enterrado na Chacarita, no panteón do Centro Gallego. O derradeiro libro do que firma os primeiros plegos do prelo, "As cruces de Pedra na Galiza" (resumo da cronoloxía histórica de Castelao na obra de V. Paz Andrade, "Castelao na luz e na sombra", Ed. Do Castro, Sada-Coruña, 1982).

     A princípios de século, Galiza era un país en descomposición. Actuaban antagonicamente fortes dinamismos de esperanza e de morte. Luis Seoane entendiao asi:

"Nel (en Castelao) confluiron, destacándoas, encarnándoas na sua obra, distintas correntes populares que exibian en Galicia o fracaso dun réxime político e dunha economía. A descomposición da sociedade galega, que ofrece dabondo caracteristicas diferentes das sociedades doutros países peninsulares, o deseio de que se aplicasen solucións racionales a esta descomposición da que se derivan males tan punxentes pra o pobo como o servilismo, a miseria, a ignorancia, a emigración e ainda o esquicemento dos orixes, determinaron o senso da vida de Castelao e do seu arte. O mundo que o rodeaba, a miseria física e intelectual de Galicia, fixo que actuase "como laud cubrindo a falta dunha espada" (L. Seoane, "Castelao artista", ed. alborada, B. Aires, 1969, p. 11).

     A demografia galega de 1900 a 1950 é o primeiro test que detecta os síntomas da gravedade situacional.

     Povoación de Galiza e porcentaxe Galiza/España
          1900: 1.950.515 - 10.64
          1910: 2.063.589 - 10.32
          1920: 2.124.244 - 9.93
          1930: 2.230.281 - 9.42
          1940: 2.495.860 - 9.59
          1950: 2.604.200 - 9.26

     O ritmo de crecemento é inferior á media do Estado. A recuperación da década 1930-1940 monstra o factor emigración, que se invirte neses anos, como decisivo neste fenómeno.

Tasas do movemento natural da povoación. Unidade: 1 nacimento/1.000 h. ano

Periodo

Galiza

Estado Español

1901-1910 32.8 34.06
1911-1920 28.26 29.71
1921-1930 27.51 29.05
1931-1940 24.62 24.11
1941-1950 22.23 21.45

 

    ("Síntesis estadística de Galicia" Madrid, 1976, p. 63)


Tasa anual de mortalidade

1901-1910 22.44 24.91
1911-1920 21.48 23.32
1921-1930 17.93 18.93
1931-1940 16.07 17.03
1941-1950 13.46 12.86

 

                                                                                                       (ib. p. 64)

    
     O crecemento vexetativo de Galiza é paralelo ao do Estado, a saida migratória perturba este proceso e indica a problemática máis grave, a insuficiéncia económica.
     A emigración é, xa que logo, un dos fenómenos máis visíbeis e alarmantes da Galiza do s. XX. Viña de atrás, certamente, pero toma formas masivas e actua de disolve social de primeiro grau.

Saldos migratorios de Galiza de 1900 a 1950

1901-10

1911-20

1921-30

1931-40

1941-50

A Coruña... -55.038 -23.941 -22.855 +31.184 -16.887
Lugo... -31.250 -34.807 -36.820 +12.122 -36.079
Ourense... -24.594 -19.724 -20.273 +1.057 -27.423
Pontevedra... -15.563 + 715 -19.498 +19.154 -34.970
Total: Galiza... -126.445 -79.187 -99.446 +63.517 -115.359


(Fonte: F. Carballo, A. Magariños, A Igrexa en Galicia, 1931-36, Ed. Akal, Madrid, 1978, p. 63).


   En 50 anos perde Galiza perto de medio millón de habitantes pola emigración, segundo os censos oficiais (420.437), aparte dos emigrantes non contabilizados que suman unha alta porcentaxe. Só a década 1931-1940 invirte o signo e devolve ao país 63.517 persoas. Estas e os retornados previamente xogaron un papel importante na economía, cultura e política do país. Os lugares de emigración mais receptores foron Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba, antes de 1940. Venezuela e México de 1940 a 1950. A emigración ao interior do Estado e a Europa, a diferéncia dos anos 1960-1975, era menos significativa.
     Se a maior parte da povoación vivia en áreas rurais, o 86.7% en 1930 e o 78.6% en 1950, o predomínio da actividade primária, principalmente agrária, era absoluto.

Povoación activa galega de 1900 a 1950

1900

1920

1930

1940

1950

Sector primario 85.8% 82.7% 65.32% 73%  71.8%
Sector secundário 6 7.3 14.6 10.9 13.6
Sector Terciário 8 9.9 22.02 16.01 14.51


     Estas cifras non deben entenderse na sua frialdade. A calificación do posto de traballo principal non obedecia a leis fixas; abundaban os traballadores de máis dunha actividade. En todo caso e fora de núcleos reducidos, como Vigo, Ferrol, A Coruña, o proletário industrial era inexistente e os de servícios moi reducido. A problemática social dos traballadores era grave, no campo e nos outros sectores, pero a clase social obreira era tan feble como inicial. Entre 1900 e 1936 a conflitividade social verdadeiramente significativa era a labrega.


PROBLEMATICA ECONOMICOSOCIAL

     A identificación persoal con Galiza é unha característica de Castelao; iso consígueo mediante a atención á realidade humana do país e a comunión cos seus habitantes. O artista Castelao só dibuxa ou escrebe para dialogar cos homes da sua Terra. Antón Vilar Ponte, na resposta ao discurso de entrada de Castelao na RAG, manifestábao asi:

"O certo é que Galiza, ao nos dar a Castelao, encarnou nunha persoa, nun ser de carne e oso, todas as suas características mitolóxicas, todas as cualidades raciaes,
froito do ambente e da tradición, que constituen o fondo da permanencia do ethos ao longo das xeneracións.
     Como en calquer verdadeiro home representativo, dáse toda Galiza en Castelao, e todo Castelao en Galiza, segun dixera Teixeira de Pascoaes, e a arte de ser galego en encarnación providencial, e só dependendo del e subsumíndose nos seus sentimentos, sombra dos seus pensamentos, a concencia patriótica xurdirá fecunda" (V. Paz Andrade, o,c, p. 315)


     De aí que nas obras de Castelao, especialmente no "Sempre en Galiza", ten acollida a problemática enteira do país, incluso aquela que estaba menos perto dos ambientes ordinários nos que se movia.
     O problema agrário recorre todo o espácio galego e estala en fondos conflictos en 1907, 1916 e durante os anos da República. En 1937, no que sería o primeiro libro de "Sempre en Galiza", escrebia Castelao:

"Pode decirse que Galiza é un país precapitalista, povoado por traballadores que viven dun mísero xornal, que eles mesmos sacan da terra ou do mar; sen industrias dabondo para absorber o escedente de povoación labrega e mariñeira; cun paro forzoso e cun déficit pecuniario constante, que se resolve pacificamente por medio da emigración. En fin; Galiza ten unha vida diferenciada dentro de España, cunha morfoloxía social i económica tan peculiares que, por plantear problemas minoritarios, queda sempre ao marxe da Lei Xeral do Estado e das preocupacións xeraes que a loita de crases plantea no mundo capitalista" (Ed. 2.ª, Buenos Aires, 1961, p. 47).


     A superación dos restos feudais na estrutura da propiedade da terra e da forma de Desamortización habida en Galiza no s. XIX foi a grande obra do movimento agrarista. A caseque totalidade da propiedade da terra cultivábel estaba a fins do s. XIX na man da aristocrácia e da burguesía. Se no s. XVIII o 52% destas terras eran propiedade eclesiástica, coa desamortización esa parte pasou á burguesía e somente en cantidade insignificante ao campesinado. A forma mais habitual da posesión para o cultivo desa propiedade era o foro. Pero os grandes foros estaban tamén na man da burguesía que subforara ou arrendara aos labregos unidades de exploración ou eidos determinados.
     Durante a segunda mitade do s. XIX a burguesía progresista tentou de solucionar esta situación coa redención en favor dos labregos das cargas forais. A lei de 1873 nese sentido foi derogada en 1874 sen lograr efectos sensíbeis.
     Co século XX a tarefa de eliminar tal estado de cousas pasa aos labregos. As sociedades mutualistas son o antecedente das agrárias e dos sindicatos. 1907 marca a data dunha loita que non se remata nen durante a IIª República (1931-1936). En todo caso as redencións pendentes realizáronse caseque na totalidade antes de 1950.
     A primeira etapa da loita agrarista corresponde aos anos 1907-1912. Destacan catro organizacións societárias:
     —Solidaridade Galega, promovida por Lugris Freire, R. Sanz, S. Golpe, os irmáns Naveira, etc. Apoiada, nos primeiros pasos, por parte do clero no que sobresae o abade da Coruña, Sr. Bernárdez. Mediante o "catecismo solidario", repartido por milleiros, extenderon a sua actividade nun eixo que vai de A Coruña, Santiago, Arzúa, a lugares de Chantada-Monforte. As tres Asambleas Agrárias de Monforte, 1908, 1909 e 1911, débense principalmente aos Solidarios. Acreditan un reformismo e un acertamento importante á realidade do país. Tímidos redencionistas do foro, buscaban a unidade lugareña e a desaparición do caciquismo.
     —Unión Campesina, 1907-1910, tamén se desenvolveu arredor de A Coruña. De inspiración anarquista, adopta métodos directos contra os fielatos e a inxusta distribución dos consumos. Foron dirixentes M. Martínez López e X. Moreno Bello. Inda que desfeita como colectivo, mantivo a inspiración de bastantes sociedades agrárias tanto durante a Monarquia como a II.ª República.
     —O Directório de Teis (Lavadores-Vigo), de influéncia no sur de Pontevedra, decididamente antiforista. Chinto Crespo, un dos seus dirixentes en unión de M. Lago e Arturo Prieto, os chamados "tres mártires" e "Os tres apóstolos", sofreron desterro. Entenderon antes que ninguén a reivindicación dos montes veciñais e utilizaron o poder da prensa para movilizar os labregos.
     —En 1910 irrumpe Acción Gallega de Basilio Alvarez. Os primeiros propagandistas que vivian en Madrid, trasladáronse a Galiza. Actuaron con forza nas asambleas agrárias de Rivadavia e nas seguintes. Sen programa definido, Basilio Alvarez consegueu as maiores concentracións que se recordan, desatou unha protesta verbal de violéncia e criou en toda Galiza unha situación de protesta colectiva que axilizou o traspaso da propiedade e a unidade campesiña.
     —O agrarismo cristián operaba desde 1900, aproveitou a lei sindical de 1906 e extendeuse levemente. En 1918, coa visita do xesuita P. Navares e doutros dirixentes do CNCA, consigue notábel expansión. Utilizado pola Ditadura, forma en 1930 a FFCCA de Galicia (Unión rexional de Federacións Católicas Agrarias). Durante a República móstrase achegado á CEDA. Númericamente este sindicalismo compite co total restante, ideoloxicamente é moi amarelo, para actua realmente no campo ao través de algunhas cooperativas.
     A segunda etapa agrarista exténdese até a Ditadura.

"O catrienio 1915-1919 é fundamental para o agrarismo galego, escrebe X.A. Durán; as folgas agrárias, as manifestacións, os procesamentos, multiplícanse. E neste contexto, francamente revolucionário, prende a variante radical da vella loita contra o foro: nace, con poder de marcado abolicionismo, o "non pagar os foros", os procesos colectivos e as accións de parróquias enteiras".


     Da forza organizativa agrária é testigo o número tan alto que cobría o mapa enteiro de Galiza.

Sociedades e sindicatos agrarios en Galicia, 1910-1926

Anos

Sociedades

Sindicatos

Total

1910 93
1915 145 111 256
1917 136 120 256
1920 2.266 398 625
1923 234 720 954
1926 234 801 1.035

 

Fonte: Anuario Estadístico de España, cita de R. Villares en Grial, 54, p. 483.


     Unha terceira etapa corresponde á Ditadura e á II.ª República. En 1926 deuse a lei de "redención foral", regulada en 1927. Con ela os propietários lograron mellores cotizacións que as outorgadas na contenda agrarista. Legalizado o proceso, reforzado pola República, prosegue realizándose incluso no réxime adverso do Franquismo.
     As duras condicións nas que o labrego galego acedeu á propiedade total da terra, sen axudas crediticias, explícanse polas remesas de divisas da emigración, a favorabilidade de certos précios agrários e o aforro desusado destes traballadores. Foi un paso decisivo para chegar a unha "reforma agrária" produtiva, aspecto inda non acadado. Pero aquela conquista modificou o tecido social do agro. Desaparecen os "fidalgos" xa arruinados a fins do XIX, perdeu poder caciquil o burgués gran terratenente de forais, desapareceron os cabezoleiros e unha chea de intermediários que fiaban o "caciquismo político desde a Restauración". Castelao analizou no exílio a xeira agrarista:

"O que lle ocurria ao agrarismo galego era que se deixaba utilizar por elementos incongruentes, alóxenos e, ás veces, contrários ao interés e vida dos labregos. Calquera partido político ou sindical podía afiliar Sociedades Agrarias ou conquerir o favor dos seus e valedores, pois estas forzas, orixinariamente anticaciquís, eran módulo especial de caciquismo. En fin, as organizacións agrárias formaban un campo asequíbel a todos os bandos, incluso retrógados, e deixando-se levar por uns e por outros, resulta que arreo se combatian entre si. En meio deste caos, os galeguistas só interviñemos para dicir a verdade, fora de todo compromiso e de todo cálculo electoreiro. E foi entón cando Alonso Rios se arredou da disciplina do Partido Galeguista —que non do galeguismo, que é anterior e superior aos partidos— dando asi proba de xenerosidade... Se as organizacións agrárias de Galiza xa estiveran redimidas de intromisións alleas, entón levarían ás Cortes da República máis de 30 deputados, dos 48 que ao noso povo Ile correspondia elexir (Castelao, prosa do exílio, p. 58).


     Neste ambiente de loita iniciábase a "modernización" da agricultura galega, tanto coa penetración da maquinária, como de abonos, sementes seleccionadas e razas vacunas. A Guerra civil interrumpeuno, e a política económica do Franquismo, desde 1960, escorouno cara o domínio do capitalismo extrarural.

* * *


     Outros problemas económicos de Galiza eran o da pesca, da indústria conserveira e os servícios tanto portuários como viários. Sobre a pesca e a conserva expresábase asi Castelao en "Sempre en Galiza", p. 49:

"Os problemas económicos e sociais da pesca galega adquiriron unha gravedade extrema co desenrolo da industria pesqueira —a máis importante de España— e co seu obrigado sometimento á industria conserveira —única criación capitalista en Galiza. Os mariñeiros ainda traballan "a parte" e non cobran salário fixo. Os "armadores" son patróns que xa non xogan a vida no mar; pero que viven sometidos á veleidade egoista dos "conserveiros". Os "conserveiros" viven do comércio exterior e sofren a incomprensión dos "gobernantes de secano". Cando hai máis sardiña no noso litoral xurden conflictos que se solucionan co abarrotamento de fábricas de salazón e conserva, co amarre da flota pesqueira nos portos de refúxio e coa fame de moitos miles de familias mariñeiras. Estamos moi lonxe de conquerir grandes portos pesqueiros, semellantes aos de outras nacións atlánticas, co seu complemento de transportes baratos e rápidos, para repartir peixe fresco nas rexións do interior, onde somentes coñecen o peixe en conserva. Temos, pois, dereito a crer que unha política estatal asentada no centro da Península non pode solucionar os problemas mariñeiros".


     Efectivamente, a pesar da introdución da conserva e da mellora na navegación, o litoral galego vivia anos de baixa rendabilidade. A Ditadura arranxou alguns pequenos portos. Cidades como Vigo beneficiábanse dos fluxos migratórios e construian espléndidas avanidas. Pero a emigración devoraba a beiramar. Rianxo era unha proba de baixo nivel de vida nos anos de Castelao.
     O resto das indústrias galegas estaban no berce: a electricidade, a metalurxía etc. A vias de comunicación tanto do ferrocarril como de carreteras eran pésimas. Sobre o ferrocarril falou Castelao nas Cortes e volta ao tema en diferentes escritos no exílio:

"O primitivo proxecto de ferrocarrís para Galiza comprendia un total de 1513 Kms., e mentras se cumplia e melloraba o plan ferroviário doutras partes de España, en Galiza nen se realizaban plans nen siquera se respetaban no papel.
     Asi ocurriu que o plan ferroviário de Galiza foi várias veces modificado e sempre diminuído, pero en todos os programas figuraba a vía Zamora-Ourense. Por fin o Consello Superior de Ferrocarris elaborou un proxecto que parecia definitivo; pero semellante proxecto só comprendia un total de 977 Kms. de línea férrea para Galiza, e dicer, 536 Kms. menos dos que se lograron nos primeiros plans.
     A todo isto chegou a Ditadura de Primo de Rivera e con ela o famoso Conde de Guadalhorce quen, facéndonos un gran favor, reduciu as líneas galegas ao ferrocarril Zamora-Ourense-Santiago-A Coruña, é dicer, a 506 Kms. de via férrea, que ven ser unha terceira parte do que Galiza xa tiña conseguido nos vellos proxectos.
     O plan de Guadalhorce tiña, polo menos, a ventaxa de non quedarse no papel, como quedaran os plans anteriores. Efectivamente, as obras do ferrocarril Zamora-Ourense Santiago-A Coruña deron comezo en diferentes partes do traxecto. E ao advir a República, todos criamos que se aceleraria o ritmo de traballos nunha obra de tan vital interés para Galiza. Pero as nosas esperanzas resultaron defraudadas. Ocurriu que o flamante ministro de Obras Públicas da República,. Don Indalecio Prieto, paralizou as obras, xa bastante avanzadas nalguns lugares. O povo galego sentiuse ferido pola determinación do Sr. Prieto, e en Ourense e Santiago producíronse desordes graves que turbaron a alegria galega dos primeiros días da República" (Discurso de Castelao de 1946, recollido en "Prosas do exílio", antoloxía de R. Palmás, Montevideo, 1976).


     Asi que nen o ferrocarril transversal, nen o de Zamora-Ourense foron levados á realidade. No é de extrafiar que os sectores máis vivos do obreirismo galego daquela foran os da construción do ferrocarril e os dos portos de Vigo e A Coruña.
     Ao marxe deste aspecto sombrizo da economía galega aferrollada polo centralismo, Galiza experimentaba certa dinamización. A Banca galega desde a década do 20 expandíase, a gaderia presionaba nos mercados, a conserva penetraba en Europa. Os políticos e os facendistas galegos postulaban formas máis librecambistas frente ao proteccionismo gubernamental favorábel a Cataluña, ao Pais Vasco e aos latifundários do cereal. A depéndencia económica do país non era tan fonda como hoxe e as alternativas do nacionalismo iban cara un capitalismo autocentrado e cooperativista.


MIRADOIRO CULTURAL

     A situación cultural de Galiza a princípios de século era inquedante. Corria parella a situación escolar:


Saben ler e escreber

Anos

A Coruña

Lugo

1900 38.16% 23.39%
1910 43.56% 34.20%
1920 49.43% 44.94%
1930 57.03% 59.18%
1940 71.50% 68.00%
1950 77.33% 69.00%

 
 

(Fonte: Reseña Estadistica das provincias de A Coruña e Lugo, I.N.E.).


     O maior esforzo escolar corresponde á II.ª República:

Número de mestres por provincias

Prov.

ano 1931

ano 1935

Diferéncia en máis

A Coruña 1.241 1.718 477
Lugo 965 1.491 526
Ourense 1.170 1.642 572
Pontevedra 1.150 1.651 501


(X. R. Barreiro, Historia de Galicia, IV E. Contemporánea, p. 205).


     En cinco anos aumentou o número de mestres o 44%. As catro províncias galegas ocupaban un posto entre as dez primeiras do Estado en mestres por 1.000 habitantes.
     Pero o aumento cuantitativo non correspondia ao cualitativo. A escola galega era distorsionante da cultura comunitária, carecia de racionalidade e non preparaba para transformar a sociedade senón para subordinala aos interes exteriores. No galeguismo das Irmandadaes da Fala apareceu non só a preocupación dunha escola crítica e galega senón tamén se iniciaron pasos tímidos de experimentación. Asi se recollian os desexos de vellos pedagogos como Sarmiento. Xoan Viqueira e Risco participaron nun proxecto de escola presentado na III.ª Asamblea nacionalista. Castelao escrebeu en "Sempre en Galiza":

"Hoxe os máis destacados educadores de Europa propoñen que o ensino se dea na língua materna dos nenos, deica o desenrolo completo da sua personalidade, porque asi quedarán en condicións de deprederen a segunda língua como asignatura. Este aixioma pedagóxico fúndase na comprobación de que a suma de coñecimentos adequeridos por un neno instruido na sua língua materna, é doble da que adequiriria nunha língua allea. A esplicación está dada por moitos pedagogos: cando non se utiliza na escola a língua materna dos nenos prodúcese unha atrófia na facultade do linguaxe, i esta perturbación déixase sentir fatalmente no aprendizaxe da segunda língua. Estas conclusións parez que non chegaron ao coñecimento dos nosos estadistas. O neno non é dono de ningunha língua, perde a expresión espontánea do pensamento e sofre un complexo de inferioridade que non o abondoará mentras viva" (Sempre en Galiza, p. 111).


     A inadecuación da escola tanto no ensino primario como no médio e universitário partia ante todo da língua utilizada, o español, e conxuntamente da marxinación da cultura galega á que non servia nen dinamizaba, ao contrário pretendia eliminar. Só pequenos intentos no ensino médio e mínimos no universitário foron excepción. Asi afondábase día a día a separación entre a cultura das clases populares e a dos funcionários e axentes da educación escolar.

* * *


     A reacción do galeguismo para dinamizar a cultura galega foi grande e os resultados brillantes. Castelao entrou de cheo nesta funcionalidade co Album Nós:

"O movimento de Renacencia cultural que arrinca dos Precursores acadou nas follas de "Nós" unha das máis altas cimas. Por enriba dos valores artísticos —que non se poderían mellorar— a obra constitue un documento social estrelecente.
     O home galego, o seu entorno vivencial, o xenio rural e mariñeiro... endexamais deran inspiración a trasuntos tan expresivos. E, ao mesmo tempo, tan rezumantes de autenticidade.
     O drama social do noso povo, está representado desde a primeira á derradeira estampa. Os trazos de cada figura, o mesmo que o intuito latente en cada pé, responden a un orde de ideas-forza, chamadas a estalar máis cedo ou máis tarde na conciéncia da sociedade. Nada hai na obra que cheire a neutro ou banal.
     A obra viria a constituir como un retábulo de fondo, do movimento ideolóxico que de Galiza fixo seu eixo. Deulle aquel contido social expresado en doble linguaxe, de que tería de vivir en adiante" (V. Paz Adrade, o.c., p. 236).


     No méio deste desplegue cultural, literário, artístico e ideolóxico están várias organizacións, pero moi primordialmente as Irmandades da Fala. A significación política desta sociedade non resume o seu valor; a xeración das Irmandades cultivou todas as respostas de Galiza ás incitacións do tempo.
     De algunha forma incorporáronse a esta chamada os arquitectos como A. Palacios (1876) que durante a República erixiu o templo votivo do Mar en Panxón e trazou un plan de urbanización de Vigo, abandonado polos Concellos postbélicos, e M. Sánchez Román (1875) fiel á tradición do granito, autor dos edifícios da Caixa de Aforros en Santiago e do Museo Provincial de Lugo.
     A recuperación escultórica foi parella á pictórica. F. Asorei no seu obradoiro de Compostela traballa tamén o granito levantando monumentos en vilas e cidades. Con el hai unha prometedora escola: Bonome, Eiroa, Xoan Piñeiro, Failde. Este foi o grilón cos novos escultores actuais.
     Chamoso Lamas exprésase asi sobre a pintura galega:

"Desde aquelas exposicións de arte rexional en Madrid en 1912 e en Compostela en 1917, pode dicirse que a pintura galega se afirma como unha arte perfectamente definida, capaz de manter a altura dunha acusada personalidade se as multiples tendencias que asolaron ás demais escolas españolas de pintura non debilitasen o seu desenvolvimento".
(M. Chamoso, Arte en Galicia, Ed. Noguer, 1976, p. 359).


     Na mesma traxectória de Castelao están C. Maside, M. Colmeiro, A. Souto. As becas da Diputación de Pontevedra axudaron esta explosión de valores que tantos nomes deron á pintura de aqueles anos. Moitos prosiguen inda un labor decisivo, como Laxeiro, outros foron os mestres aquí e no exilio, como U. Lugris e L. Seoane. Esta floración inqueda coincide coa mesma vibración dos poetas. Castelao deixou no seu "Diario" ben expresadas as arelas dunha arte comprometida tanto como formalmente valiosa. Nunha carta íntima ao poeta Manuel Antonio escrebía:

"A gran ignorancia do pobo foi a que salvou a nosa tradición, que durmeu alguns séculos acochada no instinto popular, e ao instinto popular temos de ir pra engadir á vella tradición unha nova tradición. Lémbrome que Jean d'Udine fai unha comparanza ademirábel: lévalle un caravel a un plateiro de cidade e dille que con sio che faga o petador da tua porta e verás como o plateiro fai unha imitación esauta do caravel, unha imitación sen espirito ningún; lévalle un caravel a un ferreiro de aldea e faille a mesma encomenda e verás como o ferreiro fai unha interpretación do caravel, unha imitación na que pon o cuño da sua persoalidade. Eu dígoche agora: levemos un caravel a todos os plateiros do mundo e os petadores serían outros tantos caraveles de prata; levemos un caravel a todos os ferreiros de todas as nacións do mundo e os petadores formarán tantos grupos como nacións, pois neles aparecería o cuño de raza. O devandito é que o pobo sempre fai arte, anque sexa ao seu gusto".
(M. Antonio, Correspondencia, Galaxia, 1979, p. 193).


     Eran, xa que logo, tempos de búsqueda, de inspiración na propia matriz. Para iso tamén axudaron certas institucións. A Real Academia GALEGA PRESENTOUSE COS SEUS PRIMEIROS ACADÉMICOS o 30 de setembro de 1906. Era Presidente M.M. Murguia. O seu boletín, que se iniciou en 1906, é un expoñente de laboriosidade e de promoción do coñecimento do noso pasado. En 1923 surxia o SEMINARIO DE ESTUDIOS GALEGOS con variadas seccións onde se agruparon os mais dos investigadores da época, cunha biblioteca e o boletín Arquivos. Presidian as seccións do Seminario: Cabeza de León, Xesús Carro, Paulino Pedret, Filgueira Valverde, Otero Pedraio, Vicente Risco, L. Tobio, L. Iglesias, M. Gómez Román, M. Díaz Rozas e A.D.R. Castelao. Obras de colaboración como "Terra de Melide" acreditan unhas técnicas avanzadas de traballo en equipo.
     Nese ambiente desenvolveuse a literatura enlazando cos últimos escritores do XIX como Pondal, rompendo co falso ruralismo ao través do manifesto "Máis ala" (1923) de Manuel Antonio e A. Cribeiro. Galiza contou cunha explosión poética da mellor calidade. Somente unha referéncia mínima o demostra: Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, L. Amado Carballo, F. Bouza Brei, Iglesia Alvariño e os daquela iniciadores A. Cunqueiro, Blanco Amor etc. Pero o mais notábel foi a madurez da prosa científica e literária na que brillaron os tres máximos criadores: R. Otero Pedraio, V. Risco e A.D.R. Castelao.
     O expoñente de esta criatividade foi a revista Nós. O axente veiculador o editorialista Anxel Casal e a monstra un amplo ano de prensa en galego ou, ao menos, con numerosa participación da prosa galega. O mellor esforzo dun intento de prensa libre e ao servício do País foi o xornal "Galicia" de Vigo, dirixido por V. Paz Andrade nos anos da Ditadura. A extensión e alcance da prensa diária ou periódica pode observarse pola seguinte estadística:

Número de periódicos

1900

1913

1920

1927

A Coruña 24 31 44 40
Lugo 11 26 26 20
Ourense 9 10 10 13
Pontevedra 22 32 31 31


     Do censo total de publicacións periódicas destes anos, Devois presenta esta proporción para as editadas en galego ou en castelán e galego:

1913

1920

1927

Galego 1 2 2
Castelán e galego 6 12 16


(Palomares X.M., "As estadisticas da prensa periódica e da prensa de Galicia", en Grial anexo 1, 1982, pp. 41 e 48)


     Do devandito cabe concluir que a língua galega estaba nun proceso inicial de normalización, de avance na normativización, que a literatura penetraba en todos os campos poéticos e científicos e que a cultura galega non só contaba con excelentes valores individuais, senón que buscaba unha resposta global da sociedade aos seus problemas. A Guerra civil foi tamén unha guerra contra a cultura galega que tivo o seu exílio en Latinoamérica á espera de voltar.


POLÍTICA GALEGA

     Castelao sentíase identificado como criador cultural, pero a chamada á Política, que lle impuxo inmensos sacríficios, converteuno no motor do nivel onde a vida do país tomaba as decisións máis perentóricas.

"Deixei de realizar a miña obra artística e literária entregándome á política, soio polo ben da nosa Terra, pois eu máis nome conqueriria evitando enemistades. Todo estou disposto a facer, pero esto de que os galeguistas se convirtan en interruptores dunha laboura que eu dirixin e que xa empeza a dar froitos, eso non era concebible", escrebia en 1947, cando presidia o Consello de Galiza e gardaba no seu ánimo toda a esperanza da libertade do país (V. Paz Andrade, o.c, p. 510).


     Nos 50 anos do s. XX o poder político en Galiza sofreu modificacións sustanciais.
     Ábrese o século dentro da Restauración, sistema de liberalismo conservador, oligárquico e caciquil. Os fios da política dependian de Madrid e ali cairon dirixentes galegos conservadores e progresistas. Tanto Dato como Canalejas chegaron á presidencia do Goberno Central e proseguiron proxectos de U. Montero Rios. No espácio galego movianse os "virreis" de turno e repartianse as actas.

"¿A quen votaban os galegos? Votaron sempre co Goberno que facía as eleccións, de maneira que se estas eran convocadas polos liberais ou polos conservadores (que estaban no poleiro) os galegos (fora dos diputados enfeudados ou que tiñan necesariamente que sair, os Montero Rios, Marqués de Riestra, Linares Rivas, Bugallal, González Besada, Martínez Villaverde, etc.) votaban sempre os candidatos do partido do goberno. Esto quere decir que o resultado das actas non reflexa a vontade do país, por conseguinte que as respostas electorais non sirven para medir o nivel de respostas políticas do pobo galego durante a Restauración" (Barreiro, R.o.c, p. 284).


     Pero o povo galego non se resignou ante esta política corrupta. Sindicalmente foron os movimentos agrários os máis resistentes ocasionándose enfrentamentos e mortes violentas v.g.:

     1909: en Oseira, 9 mortos e 27 feridos.
     1910: en Viana do Bolo, axitacións campesiñas. 
     1911: en Noia, axitacións campesiñas. 
     1916: en Nebra, 38 feridos e 5 mortos.
     1922: en Sobradelo, 3 mortos, 10 feridos dos campesiños e 3 da G. Civil.

     Duas organizacións políticas galegas recolleron as arelas do povo contra a política estatal: Os Solidarios e as Irmandades da Fala. Pretendian os homes de "Solidaridade Galega" conquerir unha representación política parlamentária. Se ben obtiveron algunhas vitorias locais, fracasaron como formación política. As Irmandades (1916) marcáronse no Congreso de Lugo (1920) uns obxectivos moi avanzados:
     —Autonomía integral de Galiza, autonomía municipal, preparación dunhas bases para un federalismo hispánico no que entrase Portugal.
     Os fracasos electorais de 1918 e a doble tendéncia, política unha, cultural outra, criaron a partir de 1922 rupturas nas Irmandades, sendo a liña cultural a que dominou nos anos da Ditadura.
     No sector obreiro, cativo pero moi vivo, a resisténcia á Restauración foi sensíbel. Duas formacións acaparaban o sindicalismo, UGT e CNT; as duas promoveron grandes folgas na Coruña, Santiago, Vigo e Ferrol. O número dos militantes aumentaba e resistiu as presións da Ditadura.

* * *


     A redución ao silencio dos partidos políticos durante a Ditadura serviu, até certo ponto, para a reformulación destes, tanto para os de signo estatal, como os galegos. Nos derradeiros anos o galeguismo e o republicanismo acercáronse cara formar coalicións antimonárquicas. Nas asambleas de Barrantes e Lestrove quedaron constituidas ORGA (Organización Republicana Galega Autonoma) e posteriormente FRG (Federación Republicana Galega 1930). O exito desta nas eleccións de 1931 consagrou a vida política de S. Casares Quiroga, pero non impediu a deserción dos nacionalistas para criar un partido própio.

* * *


     Durante a II.ª República (1931-1936) Galiza despertou da aparente apatia na participación electoral. Naquela primavera asomaron os seus anceios todos os sectores da provoación, todas as forzas políticas e os grupos de presión.
     Na esquerda estatal destacaron o PSOE, o PC e o PRS.
     O PSOE consigue certa implantación con diputados en 1931 e 1936. Dubidoso na sua aceptación de Galiza como nación, levou unha política recelosa, excepto na formación do FP en 1936. Tamén posteriormente, durante a Guerra civil e anos sucesivos, obstruiu a aprobación do Estatuto galego e a obra de Castelao. O PC creceu levemente e mantivo maior respeto aos problemas galegos. No seu seo apareceron correntes nacionalistas como as de Benigno Alvarez. Este partido tiña unha incidéncia notábel en certos sectores, v.g., no maxisterio ourensán e nas casas do povo de várias cidades.
     O Partido Radical socialista foi unha monstra da resistencia á dereitización do PR, pero apenas significou algo na política galega. A falta de galeguismo nestes partidos ocasionou a escisión do PSOE que deu nacemento á USG, con influéncia na zona de Santiago.
     Na dereita estatal acabou acaparando altas cotas a CEDA, hostil ao Estatuto Galego o mesmo que Renovación española de X. Calvo Sotelo. Ambos partidos traballaron por atraerse á Iglexa e aos empresários galegos.
     O Partido Radical, en xiro á dereita constante, contaba en Galiza con influencia; os seus dirixentes mereceron as maiores descalificacións do galeguismo. So B. Alvarez se proclamaba autonomista por libre, mentras os radicais se opuxeron ao Estatuto defendendo somente a descentralización económica. Tamén temos que recoñecer a existéncia de FE tanto na Universidade de Santiago como en núcleos buegueses rurais e urbanos. Poucos pero agresivos prepararon as bases do posterior pleito civil.
     Neste ambiente de forzas centralistas o galeguismo consigue fundar o PG a fins de 1931. O gran labor deste partido asi como das Mocedades Galeguistas foi a elaboración, propaganda e plebiscito do Estatuto de Galiza que conseguiron en 1936 con éxito relevante e gracias tanto ao poder institucional de Casares Quiroga ao frente do aparato estatal, como do apoio do FP. Os resultados legais do plebiscito do 28 de xuño de 1936 foron:

Censo electoral de Galiza: 1.343.135.
Votantes 1.000.963 = 74.52%
Votos afirmativos 991.476 = 99.05%
Votos negativos 6.161 = 0.6%
En branco 1.453 = 0.1%

 

* * *


   Esta realidade fermosa para os nacionalistas galegos é expoñente dun duro labor durante os dous primeiros anos (1931-1932) e no 1936. O PG por obra de Alexandre Bóveda lograra unha organización ampla e acollia unha militancia en formación intelectual. A honradez, a laboriosidade e preparación intelectual dos dirixentes galeguistas fixeron posíbel unha conciencia en Galiza cara a sua identidade.
     Pero o labor político dos partidos é inseparábel da movilidade ideolóxica dos traballadores do agro, mar e fábrica. Aqui houbo unha forte politización ao través dos sindicatos UGT, CNT e agrários.

     Nºs de afiliados a UGT en 1932 = 21.748
     Nºs de afiliados a CNT en 1932 = 33.755

     Ambos sindicatos estaban a afiliar sociedades agrárias. Asi en 1932 a FNTT afirma ter os seguintes afiliados:

     Coruña, seccións 25, afiliados 2.917
     Lugo, seccións 5, afiliados 232
     Ourense, seccións 18, afiliados 1.715
     Pontevedra, seccións 14, afiliados 974

* * *


     (Ver G. Probados, M., "Movemento obreiro e socialismo, A Coruña, 1931-1933", ed. do Castro, Sada, 1982, p. 20).
     Hai que confesar que este forte movemento obreiro significou pouco tanto na formación da conciéncia nacional como nas eleccións. Na mente dos nacionalistas das Irmanades e do PG estaba a penetración tanto nas sociedades agrárias como no ambiente das cidades como Vigo e Ferrol.
     Se o PSOE e o PC estaban alonxados diferentemente dos problemas própios de Galiza, traballaban na mellora da sociedade e na profundación da cultura. Non asi os grupos de presión como o exército e a igrexa. Esta, despois dunha certa mirada de interés polo galeguismo, agrupouse arredor da CEDA e contra o sindicalismo de clase. É certo que un bon número de católicos, do clero e dos laicos, militaban no Seminario de Estudos Galegos e mesmo no PG; parte deles separáronse para apoiar á Dereita Galeguista escindida do PG no 1935.
     Galiza atravesaba unha etapa de despegrizamento, non había ambiente tenso, nen situacións limites en 1936. A Guerra Civil, a que arrastraron as Dereitas oligárquicas e o exército antirrepublicano, romperon esta liña de esperanza.

* * *


     Só seis meses houbo en Galiza de guerra civil e de paseos, asasinatos e fusilamentos xudiciais. Podemos dicer que en 1937 a guerra non só estaba fora das nosas fronteiras, estaba como campo de batalla xa imposíbel para o nacionalismo. Castelao ve como os batallóns galegos da República tratan de defender o honor de Galiza. Logo seria a guerrilla dos fuxidos e dos retornados do exílio en apoio de aqueles. En Galicia foi unha xesta dura e longa (1939-1951) con restos até 1965, 1967 e novos xérmolos en 1975. Significaba o incorformismo e a lealtade.
     Á vez o galeguismo do exilio e do interior buscaba solucións políticas. O do interior, cedeu antes. Xa citamos un texto de Castelao no que aparece a sua anguria ante as decisións que levaron á disolución do PG para buscar unha via cultural en 1950. Castelao morre coa ilusión dunha Galicia republicana, libre e soberana. A guerra e o exílio tamén madureceron a sua ideoloxía política e contan no legado aos galegos de hoxe.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega