Camiños no tempo

 

Escolma.

 

m2rcabanillascaminosescolma.html

O RELEMBRO DO CLAN



   ¡Ou, soave ilusión céltiga a da inmortalidade!
¡Ou, raza prisioneira da diviña Saudade!
Breogán, pai dos pobos, o das míticas velas
enfiadas a inota, mariña inmensidade,
tiña a arela inquedante de contar as estrelas.

   Coa sede de infinito que o seu peito runxía,
na costa brigantiña, sobre un rochedo, ergueu
unha torre de pedra. Dende a torre seguía,
cando sereo e limpo o ceo estrelecía,
o ir e vir dos mundos á voz do grande Theut.

   Unha noite que os astros de luz doirada e rosa
ficaron esvaídos no craror do luar,
esmeralda no seo de neve dunha diosa,
veu surdir unha illa, incerta, vagorosa,
onde o ceo bicaba a liña azul do mar.

   O neto de Ith, xuntando as naves que comanda,
encastelou nas proas a lucerna do Alén
e saieu mar adiante até chegar a Irlanda.
E a illa misteriosa cruzou de banda a banda,
cinguindo unha coroa máis fúlxida na sen.

   A espada escintilante tendeu os pontes sagros
do paraíso céltigo. Nos craros hourizontes
choutou a luz a rir. Os verdecentes agros,
os ríos cristaíños, os encrestados montes
enchían de dozura a illa dos miragros.

   Mais, a pouco, Breogán desmaiou de inquedade.
Soñando co agarimo do clan velido e morno
e os ronseles que abrira do mar na inmensidade,
fai resoar nos ventos o druídico corno
¡e aparellando as naves ordeou o retorno
ás praias de Brigancia, forzado da Saudade!





XELMIRIA

          I

DOÑA URRACA


Raíña sin asento, aventureira,
muller formosa, inqueda, namorada,
a cabalgar pasou a vida enteira,
o peito a frorecer, na man a espada.

   Co home, o fillo, a irmán, a mourería,
a nobreza e o pobo envolta en guerra,
canto conquiren maña e valentía
o corazón imbel bótallo en terra.

   Nin ferida de aldraxes perde o azo,
nin prisioneira en Castellar ten medo,
nin a papal escomunión lle espanta.

   Doulle a Castela un rei de forte brazo,
ó mundo o froito dun amor segredo
e a Dios do ceo unha princesa santa.


       II

XELMÍREZ


É toda a Raza e toda a Terra nosas.
Erguendo a Sé, coa forza dunha arela
que as pedras fixo frorecer en rosas,
dalle a Roma unha irmán en Compostela.

   Ampara reises, sabios e trobeiros,
bota ó mar o birremes dunha armada,
cobre os vales de pazos e mosteiros
e impón a lei co báculo e coa espada.

   A punto de morrer, cando se mira
diante das portas fúlxidas do ceo,
da súa catedral fixo memoria.

   E, tornando a Santiago, encende e inspira
no corazón e a mente de Mateo
o prodixio do Pórtico da Groria.


            III

PEDRO FROILAZ


Conde de Caamouco e de Ferreira,
de Trastámara a Traba, a vella edade
non veu máis prestixiosa dinidade,
máis limpo corazón, man máis enteira.

   Núa e invencibre espada cabaleira,
soupo soster dun neno a maxestade
en cen loitas, levando a lealdade
por brasón, por escudo e por bandeira.

   Cando deixou no trono ó rei sentado,
volveu, tranquío, ó seu solar gallego,
do máis craro linaxe berce honrado.

   E dos eidos nativos no sosego,
empuñando a manceira dun arado,
o que pudo reinar, morreu labrego.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega