Canción para Ánxel Casal, fusilado polos fascistas en 1936

 

 

v2franciscocastrocancionparaanxelcasal.html


( Póñaselle música, na primeira parte, de violíns. Pero que saiban chorar.
Na segunda, de canóns. Pero triunfantes )



- I -


O teu sangue non sabía
non sabía
que licuaba para sempre
nas pedras da Historia e do Tempo de Compostela. Fría.
O teu corazón non sabía
non sabía
que a calor que te abeiraba por dentro
tornaba xeada e absurda. Perdida.
Mais a túa alma xa sabía
sabía
que a liberdade había espertar no abrente do futuro
de entre as pedras duras da túa Compostela miña. Rexurdida.




- II -


Aquelas balas non sabían
non sabían
que te agardaban da outra beira das rochas, onde arfa a alba. Fría.
Aqueles homes non sabían
non sabían
que foran nacidos para te asasinar
e para rubricar a inxustiza
e para fundar o universo da dor, a orde porcallenta e marcial, a nonvida. Perdida.
Aquela cidade morta
a túa Compostela miña
acorda hoxe na lembranza da túa vida valente
e medra libertaria sobre o teu exemplo.
Xa non fría.
Nunca máis perdida.
E para sempre rexurdida.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega