Chano Piñeiro, tecedor de soños

 

 

v2fcorozadostecedordesonhos.html

     Cumpríronse, o pasado 21 de marzo, dez anos desde o falecemento de Chano Piñeiro, o home que levou o cinema galego á súa maioría de idade. Chano naceu, faría agora 51 anos, no desaparecido sanatorio de San Lourenzo, en Santiago de Compostela, concretamente o día 12 de outubro de 1954. Era fillo do entón boticario de Forcarei, don Manuel Piñeiro, e da súa dona, María Soledad Martínez. Foi asentado no Rexistro Civil de Forcarei o 15 do mesmo mes. Despois sería bautizado polo crego don Secundino Cortizo, párroco durante moitos anos da freguesía de San Martiño de Forcarei. Así se iniciaron os dez primeiros anos de Chano, vividos e vivenciados en Forcarei. Estes dez anos, que pasaría o futuro cineasta ininterrompidamente na localidade antes de que os pais decidisen envialo ó internado do colexio San Narciso de Marín, deixarían fonda pegada na súa alma e na súa mente, como poderemos evidenciar se rastrexamos, sen precisar de moita fondura, no seu corpus filmográfico. Dicía Chano no libriño A luz dun soño e outros textos de cine o seguinte: «Non sei quen dixo "a miña patria é a miña infancia". Tiña razón». Na biografía de Chano que escribín por encarga do meu amigo Xosé Luna para Edicións Fervenza, expresaba a inxustiza das asercións dalgún crítico de entón sobre o «recurso de Chano á descrición do rural como representación da Galicia enteira». Evidentemente, non creo que Chano quixese facer esa extrapolación; pola contra o que si creo é que trataba de acreditar a vella idea de que no localismo ben entendido se atopa a esencia da universalidade. Chano foi un namorado da aldea («eu son un aldeán, para ben ou para mal»), pero non un simple namorado relambido ou remirado, non; foi un namorado enraizado e comprometido coa súa terra e coa súa cultura («facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario»). Chano sempre creu na posibilidade dun cinema galego e en galego, e levou ese postulado ata o extremo de cargar a cámara ó lombo e botarse ós camiños para que, nos colexios e nos locais sociais das aldeas, puidesen ver a súa propia realidade na pantalla, pasada a través do cribo da imaxinación do home que mellor a soubo reflectir no noso cine.
     Malia a que a súa entrada no mundo do cinema tivo lugar cando contaba con pouco máis de vinte anos, a súa iniciación tívoa precisamente nestes dez anos que viviría en Forcarei, ¿como?, da man dun home que se podería definir coma un renacentista de aldea (pois pouco máis ca aldea se lle podería chamar ó Forcarei de entón). Cando se fala da infancia de Chano cómpre botar man deste home, Manuel Barreiro Ouro, que foi, ó longo da súa dilatada vida, reloxeiro, carteiro, músico, pintor, fotógrafo e proxectista do cine Colón, o cine no cal Chano descubriría o universo da sétima arte. Nestas dúas derradeiras facetas foi nas que influiu de xeito relevante na mente e no maxín do neno Chano. O cine Colón abrira as súas portas en Forcarei sete anos antes de que nacese Chano. Alí, puido impregnarse o futuro director de películas de todo tipo, coma «Muerte de un ciclista» e «Calle mayor», ou tamén «El ruiseñor de las cumbres» e «La faraona». O cine Colón de Forcarei pechou as súas portas definitivamente no ano 1981, cando xa Chano rodara as súas dúas primeiras películas. Nunha sociedade predominantemente «case abrumadoramente» rural, Chano comezou a pulsar a realidade do noso país, nuns anos nos que unha elevada porcentaxe da xente emigraba, ben a ultramar, ben ós países centroeuropeos, con predominio de Suiza e Alemaña. Coñecería neses anos a multiforme ralea de homes e mulleres que darían orixe ós seus futuros personaxes «case arquetípicos en moitos casos», as Xonxas e os Caladiños que chegou a tratar na súa nenez.
     Como digo, dez anos, que no caso de Chano sería tanto coma dicir unha cuarta parte da súa vida, foron os que ininterrompidamente botaría o futuro director en Forcarei. É certo que, no futuro, non perdería ocasión para volver á súa vila natal, pero os seus horizontes xa se agrandaron. Xa Forcarei non sería o centro do mundo e el mesmo sería tamén un emigrante, ben que un emigrante de corda curta, pois o seu destino máis lonxano sería Vigo, que dista uns sesenta quilómetros da terra que o veu medrar.
     Eu escribín, se cadra un pouco pretenciosamente, na biografía de Chano á que aludín, que Forcarei significou na súa vida o que a vila de «Amarcord» significou para aquel talento da imaxinación febril ó servicio do cinema que se chamou Fellini. Esto é, a nostalxia vestida de infancia e a lembranza poboada de louzanía, de frescura e de persoas pintorescas das que xermolarían, como xa teño apuntado, futuros personaxes da súa cinematografía. En Forcarei conviviu na súa infancia con eses futuros personaxes recreados ou reconstruídos por el na ficción da sétima arte: con Paco Farria, o alustrado que lle lía as cartas a Mamasunción, co "Ministro" que lle servía as cuncas de viño a Farria, ou coa propia e real Mamasunción, a señora María Rosa da Regueira, e, o que é máis relevante, con ducias de mulleres e homes reais e arquetipos a un tempo dos que logo collería Chano retallos para parir as súas criaturas cinematográficas a imaxe e semellanza daquelas da súa nenez, aínda que pasadas polo cribo da vizosa imaxinación do autor. Mais da nosa aldea non só herdaría Chano o fondo interese filantrópico e etnográfico, senón o xeito de contar as historias de vagar, con ese humor tan noso, esa retranca que Risco definiu coma a defensa dos indefensos. Dese procedemento expresivo «que tamén é un xeito de sentir, de osmar a realidade» salienta Víctor F. Freixanes que invariablemente é utilizado por nós coma mecanismo de distanciamento e resposta diante dunha realidade hostil. E hostil era, por forza, a realidade da aldea que Chano intúe (logo chegará a coñecela e a identificarse con ela) nos anos cincuenta e sesenta. Non había familia que non tivera a algún dos seus membros incorporado á diáspora. Suíza, Alemaña, Países Baixos, Francia, Arxentina, Brasil, Cuba, México, Panamá e outros países eran o destino de moitas persoas que para ben, porque melloraban a súa situación económica, e para mal, porque se desleixaban da súa terra natal, deixaban de ser coterráns para seren veciños na ausencia; homes e mulleres que, en moitas ocasións, perderían para sempre o seu contacto co chan no que naceran e medraran. Este sentimento de desleixamento enchoupará a obra fílmica de Chano.
     Por outra banda, os anos que pasou entre Marín e Santiago, entre o colexio dos padres Paúles (San Narciso) de Marín e o colexio La Salle de Santiago, serían anos que non deixarían practicamente pegada na súa vida. Mostraríase despois un «reaccionario daquela educación», que el consideraba loxicamente represiva e maniquea. No ano 1971 inicia os estudos de Farmacia na universidade compostelá. Ese mesmo ano detéctaselle o mal de Crohn, que o obrigará a ser sometido a constantes operacións de intestino durante o resto da súa vida. Tamén coñece á que se converterá na súa dona, Mariluz Montes, nunha festa en Augas Santas (Cotobade). Mariluz terá un papel primordial na vida de Chano e, no que toca á súa orientación cinematográfica cómpre salientar dous relevantes aspectos: a circunstancia de que fose ela quen lle regalou unha cámara tomavistas que daría inicio ós seus primeiros pasos no cinema e tamén a introducción de Chano nun mundo que ata entón non lle era alleo, pero que non coñecía en toda a súa intensidade: o da emigración e o contraste profundo entre os indianos e os aldeáns que ficaban na terra.
     Esto deuse nas aldeas de Rubillón (onde nacera Mariluz) e Baíste, onde no futuro tería lugar a rodaxe da curtametraxe «Mamasunción». Chano chegou, a través do contacto con estas terras ourensás, ó coñecemento da Galicia interior e profunda, aínda máis do que puidese ter e lembrar da súa Terra de Montes natal, que por outra parte tampouco era tan distante daquelas outras «son estremeiras» malia a pertenceren a distinta provincia. Neses anos 70 iniciaría Chano, pois, a súa andadura no mundo do cine. Primeiro nun formato afeccionado, o super-8, no que rodaría «Os paxaros morren no aire» (1977) e «Eu, o tolo» (1978-82), a primeira unha curtametraxe de 34 minutos de duración en torno a un guión elaborado polo propio Chano partindo do «Sempre en Galiza» de Castelao; e a segunda unha longametraxe de 110 minutos que pasa por ser unha pequena experimentación en ton máis ou menos surrealista. Coa curtametraxe gañaría o "Filme de oro" do Ministerio de Cultura en Vilagarcía de Arousa e o "Quijote de Honor" no certame «Ciudad de Alcalá de Henares», xa no ano 1978. Ó ano seguinte instalaráse en Vigo con Mariluz, onde rexentarán unha botica na rúa Torrecedeira e comezará a rodaxe da aludida longametraxe, que non obstante sufrirá unha demora de tres anos antes de ser estreada, no Centro Cultural Cidade de Vigo, no ano 1982. Neses anos que van desde a rodaxe ata a súa estrea Chano e mais Pablo Barreiro, o seu músico e técnico de son, ó xeito dos pioneiros de principios de século, inician unha viaxe de exhibición de «Eu, o tolo» por distintas vilas e aldeas de Galicia, equipados con pantalla, proxector e equipo de son. O público sempre os anima a seguir loitando por un cinema galego.
     E, de súpeto, chega o máxico ano de 1984. Por fin dará o salto ós 35 mm., despois de fundar a productora «Piñeiro, S.A». Rodará entón a curtametraxe que se converte no primeiro éxito internacional do cinema galego. A película, co título de «Mamasunción», estrearáse o día 28 de nadal dese ano, no Centro Cultural Caixa Vigo, e logrará, entre outros, os seguintes galardóns: Gran Premio do Cine Español e Trofeo do Instituto de Cooperación Iberoamericano no XXVI Festival Internacional de Bilbao; Premio da Federación Internacional de Críticos en Oberhausen (Alemania, 1985); Premio da Federación Internacional de Cineclubes en Cracovia (Polonia, 1985); Gran Premio de curtametraxes no Festival de Figueira da Foz (Portugal, 1985); Gran Premio do Festival de Tetuán (Marrocos, 1986); Segunda película máis votada polo público no Festival de Sidney (Australia, 1985). «Mamasunción» narra unha historia acontecida en Forcarei, unha historia chea de nostalxia e de emoción viva. É un pequeno conto, baseado como digo en feitos reais, sobre a emigración, desde o punto de vista dunha muller que vai encarnar a tódalas mulleres galegas, do mesmo xeito que despois o fará Xonxa. Digamos que Mamasunción e Xonxa non son dúas mulleres distintas, senón a mesma muller en distintas épocas da súa malfadada vida. Tanto unha coma a outra son, xa que logo, un só arquetipo, o da muller galega do interior rural que se tivo que sobrepor ás grandemente adversas circunstancias que orixinou en moitos fogares a sangría da emigración, esa viaxe que moitas das veces non tiña retorno e que, por pouco dano que fixese, cando menos encargábase de esnaquizar a familia. Pero «Mamasunción» tamén é un canto á aldea, á vida da aldea tal e como se entende nuns anos nos que a aldea estaba xustamente chea de vida.
     Sobre esta xa mítica curtametraxe, o propio Chano lle confesaría anos depois a Xosé Luis Barreiro: «se fago unha análise técnica, teño que recoñecer un bo nível de satisfacción con "Sempre Xonxa"; pero se me deixo levar póla intuición, ou pólos sentimentos que me bulen na alma, coido que "Mamasunción" é Chano Piñeiro en estado puro, mentras que "Sempre Xonxa" é unha síntese apurada e algo forzada de tódolos cines que agora se fan en Europa». Coincido, e coinciden case tódolos autores e críticos de cine do noso país, en que «Mamasunción» é Chano Piñeiro en estado puro, coma unha caste de revelación que Chano tivese por eses anos nos que redescubriu a aldea da man de Mariluz. Un valor engadido desta pequena producción é que os protagonistas, agás dous actores máis ou menos experimentados do grupo «Ditea», son as xentes das propias aldeas nas que se roda a película. Eso tamén é algo que Chano sempre agradecerá, como amosa no xornal ourensán La Región en 1985, nunha entrevista na que fala da relación entre a terra e a xente que nela se asenta, ou o que é o mesmo, entre a paisaxe e a paisanaxe: «Baíste e Rubillón son os verdadeiros protagonistas de "Mamasunción"... As películas de ambiente rural precisan que a xente e as pedras ou lousas ou madeiras falen a mesma fala, teñan o mesmo espírito. É fermoso ver esta comunión entre a xente e a terra. Por iso a actuación da xente na nosa película é tan natural, tan sinxela, sen artificiosidade nin esforzo teatral. A xente fai o que vai facendo tódolos días. Eu tiven a sorte de toparme coa xentiña de Rubillón e Baíste. Xente á que admiro por moitos motivos...»
     Fala Chano, pois, da sagra comunión entre a xente e a terra, un postulado que antes xa tiñamos visto, entre outros e de xeito maxistral, no doutor Xoán Rof Carballo, que nos legou unha fermosa expresión desa afinidade tan particular: "Tanto coma a relación interhumana precisa o home a relación coas cousas inertes e cos seres vivos, co mundo animal e vexetal. Tanto como o agarimo tutelar precisa paisaxes. Esa paisaxe que formou co home unha unidade na súa infancia, esoutra parte de nós mesmos, da que, para ter que vivir, nos temos visto precisados a desvencellarnos coma dunha libranza nutriz". Ou tamén na reflexión orteguiana de que «hay que terminar por reconocer una afinidad entre el alma de un pueblo y el estilo de su paisaje. Por eso se fija aquel en este, porque le gusta». Cabería engadir, da man dun noso coterráneo, o sempre lúcido Manuel Cabada Castro, que quizais por iso "paisaxe " é, en galego, de xénero feminino «para rematar por asentar esa profunda identidade entre a muller e a terra». Volvemos sempre á terra e á xentiña que lle dá sentido. A terra é, como apunta outro coterráneo, o xornalista X.M. Rivas Troitiño, algo máis ca locación na alma dos galegos.
     Ese vencellamento telúrico tan claramente exposto en "Mamasunción" debeu de ser unha das claves do seu éxito entre a nosa xente, primeiro, e en todos aqueles lugares onde foi exhibida despois.
     A miña opinión particular é que a curtametraxe máis famosa do cinema galego foi un éxito porque foi concibida e realizada en estado de gracia. O guión é un guión lineal, perfectamente entendible por todo o mundo e efectivo de cara a contar esta historia fermosa e nostálxica a un tempo; a atmosfera está plenamente conseguida, ata o extremo de ter un carácter case documental; os personaxes viven nesa mesma atmosfera sen interpretar, senón actuando con toda a naturalidade que transmite o feito de estaren facendo o que fan a cotío, pero esta vez baixo a atenta ollada da cámara de Chano; a aldea é outra protagonista máis, por onde Mamasunción se move coma unha extensión da súa propia casa. Todo conforma, pois, un especial marco para unha historia redonda que reflicte coma ningunha outra a nosa vida ancestral, a vida dunha aldea galega sangrada pola emigración.
     «Mamasunción» foi, pois, un fermoso comezo para Chano dentro dese mundo da imaxe profesional. Hai que dicir, como anécdota curiosa, que na cinematografía oficial de Chano —a que comeza precisamente con «Mamasunción» e remata con «O Camiño das Estrelas»—, cúmprese unha especie de inversión cíclica: en «Mamasunción» pode un doadamente esquecer que hai unha cámara rodando ou, o que é o mesmo, é unha película que podería pasar por un documental «un día calquera nunha aldea concreta de Galicia», e no caso de «O Camiño das Estrelas» sucede precisamente ó contrario, é un documental que podería pasar por unha película de ficción, pois ten un fío argumental ou conductor dunha historia, dun fermoso conto que parte dunha alegoría, a personificación de dous territorios máxicos: a montaña e o mar.
     No decurso do seguinte ano, 1985, Chano foi galardoado co Premio da Crítica Galicia no apartado de Artes e Ciencias da Representación, e o 25 de xullo dese ano, día no que a Televisión de Galicia se pon en funcionamento, a curtametraxe de Chano é a elixida para iniciar unha programación que xa quedará para a historia. Tamén participa nas Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, no Carballiño, compartindo mesa con Carlos Velo e con Carlos López Piñeiro. Pechando un ano pletórico, o 28 de outubro resulta elixido un dos «Once Galegos de Hoxe» (recoñecemento patrocinado pola O.N.C.E. en Galicia), xunto co noso común amigo e veciño Xosé Luis Barreiro e con Camilo José Cela, entre outros. Comeza, ademais, a escribir o guión da súa seguinte película, «Esperanza». «Esperanza» é unha película que contradí o seu título, unha historia sen esperanza baseada na vida cotiá dun alcolizado e os problemas que a súa eiva xera na familia e no seu entorno máis inmediato. Tanto Xosé M. Olveira «Pico», no seu rol de home amargado pola súa adicción, coma Rosa Álvarez, a muller que sofre esa realidade de pequena traxedia cotiá, acometen unha boa e mesurada interpretación, asegurando para a película ese ton adusto que, xunto coa atmosfera na que foi rodada, conseguen unha estética deliberadamente feísta e dolorosa. Un final abertamente triste redondea esa amargura que Chano quería transmitir. A película foi financiada integramente polo Concello de Vigo, dentro da súa programación social, e representou a España no Premio de Curtametraxes da CEE de 1987.
     É unha película triste, sen concesións, reflexo «fillo do neorrealismo italiano» dunha barriada tamén triste e sen moitas expectativas. Anticípase en anos á recente «Los lunes al sol», de Fernando León, rodada tamén en Vigo e co clima do desemprego compoñendo un fondo que sume á poboación nunha moral de derrota imperante ata no desamparo das barriadas, que axudan tamén a reflectir esa falta de «Esperanza».
     Chano asistiu durante meses, para se documentar e ofrecer un ambiente crible, ás terapias de alcólicos, e tivo que construír ese final duro do que falamos, porque a realidade coa que conviviu nese tempo era así de dura. No plano persoal, a doenza de Crohn ía avanzando e facéndolle a Chano a vida cada vez máis difícil. Aínda así, o director seguiu loitando por facer cine galego e en galego.
     A súa vindeira aventura chamaríase «Sempre Xonxa», e prolongaríase durante dous longos anos. Chano comezou o guión desta película, un guión que tería varias versións antes da definitiva, no ano 1985, é dicir, no mesmo ano da rodaxe de «Esperanza». Reescribiu a historia máis de nove veces. Entre 1985 e 1988 coñece a paisaxe atávica onde conformará o seu Trasdomonte, metáfora, en verbas de Xoan Acuña, de «tódalas Galicias posibles e soñadas», e trasunto cinematográfico e literario da Terra de Montes natal. Neira Vilas, o escritor de Gres, co que Chano fará amizade en Cuba en 1990, deixounos escrito nalgún lugar que todos levamos a xeografía orixinaria na retina. O director de Forcarei traslada a súa xeografía orixinaria a Santa Olaia de Valdeorras, ese lugar da Galicia máxica por onde ruarán os protagonistas da historia no marco da Galicia máis fonda e menos contaminada polo progreso. Compón a historia en catro décadas (1947 - 1986) que estarán representadas nas catros estacións do ano: a primavera da infancia; o verán da adolescencia; o outono da mocidade «e da emigración» e o inverno da madurez. Será unha historia moi humana, ateigada de amores e de odios, de mito e de racionalidade. Curiosamente, o mito e a racionalidade, contrapostos ab antiquo, tomarán corpo nun mesmo personaxe: Caladiño, o home inventor que serve de enlace entre os protagonistas, un pouco tolo e amigo das utopías. Representa coma ninguén a unión entre a vella matria «a Galicia dos mouros, do lucumón, dos tesouros enterrados, das doncelas, da estadea, da tradición, en definitiva» e a idea do progreso (do complexo e descompasado aggiornamento do noso rural).
     Xúntanse, en "Sempre Xonxa", os tópicos que conviven na aldea da época franquista: o crego, o mestre, os picariños, os avós e avoas, o "tolo" marabilloso de Caladiño e a criada do crego, pola que salaia o utópico inventor. Este mosaico de personaxes que van desfilando no espazo e no tempo do Trasdomonte piñeirano son os que insuflan a pletórica vida que reborda dos limiares da aldea ancestral e os que tecen a xa coñecida trama de amizade, amor e traizón, enfiada en torno ós tres personaxes protagonistas, que son a propia Xonxa, o Pancho e o Birutas.
     Está inspirada nunha historia da que Chano escoitara falar nas aldeas de Rubillón e Baíste, escenarios, como xa sabe a estas alturas o lector, de «Mamasunción».
     Os principais papeis da película estarán encarnados por Uxía Blanco, que traza con mestría os intensos perfís da muller protagonista, Xavier R. Lourido e Miguel Insua nos papeis de Pancho e Birutas, Roberto Casteleiro construíndo un axeitado Caladiño, Roberto Vidal Bolaño na pel do mestre, a veterana Aurora Redondo incorporando á avoa do Panchiño, Rodrigo Roel como o crego e a actriz Loles León intepretando á súa criada. Conta coa colaboración, nun pequeno cameo, do fotógrafo Manuel Ferrol, a quen Chano quere render, deste xeito, homenaxe como o fotógrafo por antonomasia da emigración, xunto con outra escena que recrea a celebérrima fotografía de Ferrol na que aparece o avó chorando e pasando a súa man por baixo da meixela do seu neto, que tamén chora, ous dous despedindo a alguén dos moitos que se foron ás Américas.
     A espiñenta realidade da película semella influír nos tamén dificultosos avatares da producción e da rodaxe. A pesar de obter as máximas valoracións con "Mamasunción" por parte do Ministerio de Cultura, tres veces se lle nega «cando a película xa está en marcha» a subvención para "Sempre Xonxa" por parte do entón Director Xeral de Cinematografía, o crítico e escritor Fernando Méndez Leite, a quen Chano envía unha carta desde o xornal Atlántico Diario criticando, en ton mordaz, a falta de obxectividade no reparto. Finalmente logra saír do atranco gracias ás aportacións da Consellería de Cultura da Xunta, da organización do V Centenario e da Deputación de Pontevedra, entre outros organismos, e tamén gracias ás pequenas aportacións de particulares que cren en Chano e no seu circio compromiso coa cultura galega.
     A carreira comercial en Galicia é todo un éxito, algo que non se repite no resto de España. Sen embargo, o resultado artístico é outro cantar, posto que resulta seleccionada en 1990 para os festivais de Montreal, La Habana, os III encontros cinematográficos de Cannes, o de Cine Latino de Chicago, o de Portland e os de Sidney e Melbourne. Precisamente en La Habana, Chano e Mariluz atópanse e traban fonda amizade co escritor Neira Vilas e coa súa dona Anisia. Mesmo falan de adaptaren ó cinema algún día a novela de Neira "Memorias dun neno labrego", que tanto engaiolara a Chano na súa adolescencia.
     Xa pasou á intrahistoria do noso cinema a anécdota da busca de Xonxa. Uxía Blanco, ata entón actriz afeccionada que interviñera en algunha montaxes teatrais, aparéceselle a Chano na botica de Torrecedeira cando Chano xa descría de atopar a muller que daría vida a Xonxa, despois de infindade de castings e de percorrer tódalas cidades de Galicia. Vencendo a súa primeira timidez, preséntaselle dicindo que ela é Xonxa. Chano non o dubida, olla aquel rostro e dáo por feito. Xa tiña á súa Xonxa, a muller que encarna a tódalas mulleres labregas, a tódalas que sufriron en carne propia o mal da emigración e quedaron convertidas en pais e nais a un tempo nos fogares da Galicia rural.
     Despois de múltiples atrancos e cambadelas, estréase a película no ano 1989, converténdose na primeira longametraxe do cinema galego, xunto con «Urxa», de Carlos López Piñeiro, e «Continental», de Xavier Villaverde. Con «Sempre Xonxa», Chano percorre Canadá, Estados Unidos, Australia, Portugal, Cuba, Brasil e outros países de Latinoamérica. Este trafego e a dificultade á hora de conseguir financiamento para a longametraxe pásalle unha gravosa factura á xa resentida saúde de Chano. Tómase unha tempada de respiro, ben merecida. No ano 1992 chégalle unha proposta por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia: facer unha película de media duración para a promoción e divulgación do noso país con vistas ó Xacobeo 93. Agora non terá os problemas financeiros que tivera ó longo de case toda a súa filmografía. Chano decide darlle un formato mestura de ficción e realidade no que trenzará a historia dun lobishome «Valente», representando ás terras labregas do interior e da montaña, e dunha serea, personificando á Galicia da costa, a Galicia mariñeira. A historia ocórreselle durante unha das súas visitas a Forcarei: "Asaltáronme cando ía no coche facer unha das miñas esporádicas visitas a Forcarei. Xa se sabe que tódolos asasinos volven ó lugar do crime e eu, cada certo tempo, sinto a necesidade de volver á miña primeira aldea. Sei exactamente o lugar onde descubrín que a base da película ía ser unha historia de amor entre unha serea e un homelobo. Entón parei o coche, baixei a xanela e deixei que os personaxes repousaran mentres que cos meus ollos percorría e penetraba os volumes que debuxaba na paisaxe a luz quente do solpor". Na mediometraxe, que finalmente se titulará «O Camiño das Estrelas», Chano compón un fresco ateigado con tódalas imaxes posibles de Galicia, ou, por mellor dicir, con tódalas Galicias posibles. Logra facer algo moi aproximado ó cinema total, é dicir, ó cinema que se expresa sen precisar palabras, sen diálogos. En media hora móstranos a súa idea de país: desde os percebeiros do Roncudo ata as canteiras do Porriño; desde os desfiles de moda galega ata os peregrinos que se ven reflectidos simbolicamente no falcón que percorre a Galicia desde o aire, como facía Caladiño no final de "Sempre Xonxa"; desde os peliqueiros dos antroidos de Verín e Laza ata as escolas de canteiros; desde as conserveiras ata as palilleiras de Camariñas. O resultado, con non facer da película a mellor das obras de Chano, alónxase da estereotipada imaxe da Galicia que sempre se tenta vender ó exterior. «O Camiño das Estrelas» estrearáse no Monte do Gozo, sobre un lenzo de colosais proporcións, e reunirá a centos de persoas para admirar o derradeiro dos traballos que para a grande pantalla ía facer o director de Forcarei. A partir dese verán de 1993, a saúde de Chano obrigaríao a ingresar repetidas veces no hospital ata o seu fatídico desenlace o 21 de marzo de 1995, cando contaba corenta anos.
     Pouco antes de morrer aínda tivo azos para organizar un macrofestival cinematográfico no auditorio natural de Castrelos, de Vigo, e no nadal de 1994 tamén tivo tempo para presentar a súa recompilación dos artigos que publicaba no xornal «Faro de Vigo», un libriño con ilustracións de Quesada e prólogo do xornalista Anxel Vence, que retrata maxistralmente a Chano coma «un ser cunqueiriano daquela época incerta e feliz na que os animais falaban e os homes gardaban no faiado raiolas de sol, retais de vento e anacos de soños». Descobrírasenos, nestas pequenas colaboracións en prensa diaria, coma un perfecto escritor de retranca, de ironía punxente e mordaz que retrataba ás persoas e ás paisaxes, tanto rurais coma urbanas, cun agarimo non exento de certa elegante tristura e de certa recorrente nostalxia. Despois, trala súa morte, editaríase tamén o libriño «A luz dun soño e outros textos de cine», onde o director nos regala reflexións, lembranzas e opinións sobre o mundiño do cinema e sobre a propia vida. Tanto nestes escritos coma na súa filmografía, Chano creou un mundo partindo da súa Terra de Montes natal. A este trasunto literario e cinematográfico bautizouno coma Trasdomonte. En Trasdomonte sintetízase a Galicia rural, interior, ancestral, a Galicia gardiá das tradicións e do uso da nosa lingua vernácula, o galego que máis lle gustaba a Chano, ata o extremo de que, cando se realizou a versión castelá da película «Sempre Xonxa» para ser distribuída no resto de España, optou por un castelán galeguizado, sen tempos verbais compostos. Referíndose a este Trasdomonte piñeirano, Xoán Acuña, crítico de cine e autor da primeira biografía de Chano, apúntanos nun comentario sobre a película «Eu, o tolo»: «o realizador de Forcarei asenta as trabes, na suposta tolemia dos seus particulares territorios da imaxinación, dunha bisbarra singular: Trasdomonte. Trasdomonte é Galicia e Galicia é Trasdomonte. Metáforas do mundo. Aínda non se chama así, pero en "Mamasunción" e "Sempre Xonxa" xa non haberá dúbida. E Chano mesmo escribe no ano 88: "Soño e penso en Trasdomonte, é a aldea imaxinaria da miña película, é o meu lugar. Está sobre os meus pensamentos, os meus personaxes viven alí. Viva, alegre, chea de sons e vibracións vitais, limpa, base dun milleiro de historias que eu mesmo podería contar, lancexa esta aldea hoxe cáseque morta, cáseque viva. ... personaxes que son de película. Ás veces, son tan de ficción que un ten a seguridade de que se o conta ninguén o vai crer".
     Modestamente, eu penso seguir ese ronsel na miña escrita e penso tentar recrear en cada relato e en cada poesía ese Trasdomonte creado por Chano a imaxe e semellanza da nosa terra, das nosas aldeas, dos nosos montes e das nosas xentes, nunha mestura de homenaxe á propia terra e tamén á memoria de Chano, un galego dos realmente bos e xenerosos que se baleirou na defensa da nosa cultura e da nosa identidade. Un home a quen, con fonda sinceridade, pagou a pena coñecer e tratar, para seguir lembrándoo toda a vida e para seguir con firmeza e imaxinación a súa derradeira consella: "Non deixedes de inventar contos incribles, por favor. Seguide facendo películas. Quizais sexa o único xeito de sobrevivirdes. Porque, ¿que imos facer se non temos soños»".

Forcarei,
5 de maio de 2005

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega