China, a próxima superpotencia

 

Fragmento: "Introducción"

 

China, a próxima superpotencia

     China está por todas partes. Se un día é o reclamo publicitario dunha feira nunha grande superficie comercial, ó seguinte pode ser noticia de primeira pola súa política de control da natalidade ou os avances na tecnoloxía espacial. Para non poucos aparece inseparablemente asociada a todo tipo de mantelerías, paraugas e outros productos téxteis que ateigan os comercios de medio mundo e por suposto tamén de Galicia. As mil e unha variedades de xoguetes, que nun tempo viraban a atención de pais e nais para as etiquetas (irónica confirmación da orixe made in China), abren paso hoxe a calculadoras, mouses de ordenador, traductoras de idiomas e outros moitos aparellos electrónicos. Semella que a producción china despreguízase da lama dos arrozais para comezar unha ambiciosa longa marcha cara a conquista de novos mercados, incluidos os da informática e das novas tecnoloxías. ¿Que mudou no Imperio do Centro para que todo isto aconteza tan de súpeto?.
    
China é depositaria dunha vella civilización que realizou valiosas aportacións ó acervo común da humanidade. Como ten lembrado o profesor Jacques Gernet, "comezou a multiplicar e a producir libros medio milenio antes de que Europa inventara a imprenta". Sen embargo, principalmente nos dous últimos séculos, semella coma se perdese o tren da historia. Precipitada na decadencia, conquistada e espoliada, sumida nunha profundísima crise económica, social e política, foi desprazada á periferia máis remota do noso mundo. Se dende entón numerosas forzas internas veñense esforzando arreo para atopar un camiño propio que encane aquel orgulloso pasado con un futuro de esperanza, numerosos indicios apuntan a que China conseguiu dar por fin co camiño acertado, poñendo proa firme cara ó progreso e a modernización das súas estructuras.
    
De non verse interrumpido o actual proceso, convertirase nunha potencia clave e determinante do mutipolar mundo do século XXI. Lee Kuan Yew, artífice do miragre económico singapureño, atreveuse incluso a sinalar unha data: no ano 2020, China será a primeira potencia do mundo. O propio Fondo Monetario Internacional (FMI) chegou a idénticas conclusións en 1993 ó reevaluar as dimensións da economía china conforme a un novo sistema baseado na paridade do poder de compra. Analistas, institucións, estrategas, coinciden ó sinalar o despertar do xigante de Oriente.
    
Se o cambio que se está a producir en China é lexible fundamentalmente en clave económica, é porque esa é a natureza determinante do proceso de transición que experimenta o país. Pero non debemos ignorar que o réxime chino defínese a sí mesmo como "socialista" e non amosa vontade algunha de renuncia a isa identidade política e ideolóxica configurada historicamente a partires de 1949. Moi polo contrario, a diferencia do acontecido na Europa do Leste ou na antiga URSS, o Partido Comunista, que dirixe con man firme o actual proceso, asegura que o sentido da reforma é o reforzamento do socialismo e non o seu abandono. Pero será difícil evitar que transformacións tan profundas como as que se están producindo no ámbito social, cultural ou económico non alteren o statu quo político nin determinen dalgún xeito reformulacións no plano ideolóxico. ¿Seguirá China a definirse no futuro como un país socialista? ¿Cal serán os contornos e parámetros que definirán ese hipotético socialismo que, por imperativo histórico, deberá revestirse de diferencia a respecto do que foi desterro da realidade europea para non seguir identico destino?.
    
A emerxencia de China como unha grande superpotencia, primeiro económica, pero tamén política e militar, acentuará igualmente a necesidade de configurar un novo equilibrio no plano das relacións internacionais, e en primeiro lugar, nos ámbitos da seguridade, a defensa ou o medio ambiente. Polas súas dimensións demográficas (máis de 1200 millóns de persoas, a quinta parte da humanidade); territoriais (a terceira potencia en extensión); polo seu crecente peso no comercio mundial, é improbable que unha estratexia de contención poda resultar exitosa con China. As súas potencialidades deben ser "socializada" nos diferentes foros rexionais e mundiais para evitar que se convirta nun factor de inestabilidade e contribúa á configuración dun ambente internacional máis saneado.
    
Dende a perspectiva china, a actual coxuntura histórica representa unha oportunidade fantástica para recuperar a grandeza doutro tempo. O 1 de xullo de 1997, Hong Kong, a terceira plaza financeira do mundo, quedará baixo a súa soberanía; en 1999 Portugal devolverá Macao; Taiwán non tardará en adoptar unha lingoaxe máis proclive á reunificación. Como sinalou recentemente Qian Qichen, o ministro de asuntos exteriores, nun discurso pronunciado ante a Asemblea Xeral de Nacións Unidas, "ningunha forza sobre a Terra pode deter a causa da reunificación de China". Estas fundadas expectativas de superación das humillacións do pasado, de recuperación da integridade territorial, prodúcense nun contexto internacional especialmente relevante e favorable para os seus intereses: rexurdir da zona de asia-pacífico; desaparición da URSS; fluídez e baleiros na configuración dunha nova estabilidade mundial. A suma da superación das súas debilidades crónicas e da fraxilidade do mundo actual permítelle incidir con maior protagonismo na definición da nova des-orde internacional.
    
Pero a groria aínda non está cantada. Poden ir moi mal as cousas se non se tronzan as negativas consecuencias do proceso de reforma. No ámbito interno, ós desequilibrios de diversa índole orixinados por un crecemento exponencial, súmase a incertidume provocada pola próxima desaparición da derradeira grande figura da epopeia revolucionaria. Deng Xiaoping, o nonoxenario impulsor da actual política, deixará tras de si unha pesada herencia. Para cegar as hipotéticas disputas, o corpo dirixente (Jiang Zemin, Li Peng, Qiao Shi, Zhu Rongji) procura pechar filas e transmitir ó exterior a idea de unidade, de cohesión, de firmeza. Pero poden emerxer fendas graves, capaces de estremecer dende a cúpula política ata a propia sociedade. Un segundo Tiannanmen sería difícilmente dixerible.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega