Cimenterio privado

 

Escolma.

 

m1celsoemiliocimenterioescolma001.html
Nunha foxa común

Aldraxados por séculos
mallados e feridos,
asoballados sempre,
decote desvividos,
pergunto qué fixeron,
contesto que fuxiron
da terra malpocada,
sin pelexar, vencidos,
abandonado o campo
á furia do nemigo.
Soio unhos cantos bravos
a proba resistiron.
Garda, matria, un loureiro
prá frente distes fillos.


O mártir


Non che diréi que imos a vingarte,
amigo morto polo ferro airado.
Porque pasaron tantos anos,
tantos treidores e desleigados
e días de tristura, tantos,
que xa non saberíamos
en quén vingarnos.

Diréiche tan só
que te lembramos
e procuramos
seguirche os pasos,
mais por outros camiños que non leven
ás bosques dos coitelos afiados.


Decía o malpocado que xaz eiquí enterrado


Non trunfan na historia
os pobos sumisos.
Augas represadas
non moven muíños.

Nunca serán libres
os pobos sofridos.
Con augas paradas
non roda o rodicio.


Un perigroso elemento

Morréu sin entender
que por namorar ó vento
que namora á libertá,
(vento do pobo que xime
por coñecer a verdá);
que por rirse a gargalladas
da necia solenidá,
tivera que ser á forza
un perigroso elemento,
subversivo e pecadento.
Nunca o entendéu, mais agora,
dempóis de morrer, enténdeo.


O hincha


A felicidá, en resume,
era pra il berrar gol
nos partidos de fútbol
entre a mesta moitedume.

Mais deulle tal torozón
cando quedóu campeón
o odiado equipo contrario,
que por dous goles a un
xace na foxa común
iste badoco gregario.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega