Coiraza

 

(Texto íntegro)

 

v2martadacostacoiraza.html

I

memoria
memoria do corpo, pel e auga
desexo e sentido
memoria do que queremos esquecer
páxina en branco para punzar de novo

memoria
seixo que se desfai e é arrastrado
para non deixar nada que nos magoe
chuvia que non se para
auga que o leva todo

memoria
memoria do que nos queda
do que borramos
profundamente vencidas
dolorosamente vencidas
para defendernos


II

Coiraza,
casa e casulo,
funil para baixar ao fondo,
ao lugar apartado e pequeno
ao que nada chega
          (só esta voz)
e estar comigo
só comigo alí onde o silenzo
preña unha tea clara e permanente
para este pozo definitivo.


III

hoxe es un animal ferido
atrapado sen saída na coiraza
que a noite trouxo

como levar a luz á túa alma
como curar a dor das mans, de cada óso

vaste devorar sen que iso sexa
a penitencia imposta para ti

aínda que o vómito rodee o teu respiro
aínda que non haxa osíxeno nin mar

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega