Consideracións acerca de Baiona e do Rei Afonso

 

 

v2bernardezvilarbaiona.html

     Fillo de Fernando II (1157-1188) e da súa esposa Urraca de Portugal, Afonso IX, regnante Legione, Galletia, Asturiis et Extrematura, sucedeu ó seu proxenitor, logo da súa morte o 22 de xaneiro de 1188, sendo un dos seus primeiros actos coma rei o de conducir os seus restos a Compostela para darlle acobillo na súa Catedral. Afonso IX morrería corenta e dos anos despois en Sarria, o 24 de setembro do 1230, cando contaba con 59 de idade, e descansa tamén na catedral compostelá.
     Ó longo do seu dilatado reinado, e continuando o labor iniciado polo seu pai, Afonso XI concedeu Carta a uns dezaseis núcleos de poboación da nosa terra con obxecto de crear concellos non dependentes da xurisdicción señorial. A súa acción de goberno sintetízaa deste xeito Emilio González López:

Con Alfonso IX créase unha Galicia de burgueses e menestrais nas vilas da costa e das fronteiras... e nas localizadas nos centros de comunicación no interior da nosa terra. A presencia destas vilas, na súa meirande parte realengas, serviu para contrapesar un algo o excesivo poder feudal das abadías benedictinas en Galicia. E con elas xurdiu, nas zonas marítimas principalmente, unha Galicia de signo burgués e liberal aberta ao comercio material e espritual co resto da península e con Europa (1)

     Coñecidas estas circunstancias compre que digamos xa que, entre estas Cartas por Afonso IX concedidas, o día 7 de maio do ano 1201, e atopándose nunhas das illas hoxe denominadas Cíes, concretamente na de Faro, "estando en una Iglesia que alli habia dedicada al protomartir S. Esteban, que despues fue Monasterio de Frayles tercerones; y se llámo S. Esteban de Sías" (2), outorgou unha delas en favor de Baiona.
     Unha Carta viña a ser o documento, o diploma, que recollía o ordeamento xurídico, total ou parcial, dun territorio fose este o pertencente a  unha localidade, xa o dunha comarca. Trátase duns textos que se prodigaron, de xeito especial, ó longo do século XII, un tempo no que tan só tiñan potestade para concedelas os reis e os señores. Nelas regulábanse as relacións dos seus veciños, entre sí e coa entidade outorgante, e establecíanse as normas polas que se ía rexer a comunidade a partir do momento da concesión. É dicir, que eran auténticas fontes de dereito público. Eran, ademais, de dúas clases. Nos casos nos que conteñen exencións de cargas, ou privilexios en forma de franquicias que derogan, total ou en parte, o ordeamento xurídico xeral, coa finalidade de atraer moradores ós novos núcleos de asentamento, ou a aqueles outros, xa existentes, cuxo desenvolvemento interesaba fomentar, atopámonos diante das chamadas Cartas de Poboación. Mais, a aquelas outras nas que se observa a ausencia destes privilexios, e se limitan a especificar as relacións entre as xentes que alí residen, e entre estas e o poder, xeralmente elaboradas con base a ordeamentos consuetudinarios, ou costumes, derivados tanto do dereito romano-visigodo, coma doutros, xermánicos ou prerromanos, deberemos denominalas Foros, ou Cartas Forais (3).

     Nunha boa parte destes documentos faltan datos o suficientemente concretos para saber se as poboacións ás que se lles concederon, existían xa, ou tratábase de entidades de nova creación (4). A este respecto temos que indicar que a historiografía máis recente xa no acepta que as numerosas repoboacións que aparecen nos documentos do tempo da Reconquista supuxesen a instalación de continxentes demográficos en zonas despoboadas, coma se viña interpretando. A arqueoloxía, e un máis detido análise dos textos, inclinan a pensar que, en xeral, coma repoboación deberemos de entender a orgaización, ou a implantación, dunha nova orgaización político-administrativa sobre unha poboación xa existente.




A Carta de Baiona

     Segundo afirma frei Prudencio de Sandoval, a Carta que o rei Afonso IX lle concedeu a Baiona, manuscrita en latín, e sobre pergamiño, estivo depositada no arquivo do mosterio de Santa María de Oia. Posteriormente parece que pasou á Academia de la Historia, en Madrid. Na actualidade, sen embargo, ignórase o seu paradoiro (5). Afortunadamente consérvase "un amplio extracto, gracias a la obra del citado Sandoval Antiguedad de la ciudad y Iglesia Cathedral de Tuy, que recoge las cláusulas más importantes del mismo, traducidas a romançe, por sacarlas del mal latín que tienen", según afirma el propio autor (6).

     Avelino Sierra Fernández, que asegura ter examinado a primeira edición desa obra, impresa en Braga no ano 1610 (7), ofrece un extracto do contido desa Carta nas páxinas 93 a 95, do seu suxestivo e documentado traballo, repetíndoo despois, ad pedem litterae, nas 107 a 123. Segundo este, Afonso IX daba o lugar de Erizana, para que fose poboado, dereitos e foros, ou costumes, de xeito que os seus moradores vivisen e tivesen aquela súa vila en xusticia, e para que os maiores cos menores e os menores cos maiores habitasen nela perpetuamente en paz e quietude, indicando a continuación cantas disposicións consideraba oportunas para que o lograsen. Entre elas, as relativas á salazón e ó comercio marítimo cos franceses, especialmente cos do porto de La Rochelle.

     Do seu contido cabe deducir que debemos de considerar a este documento máis unha Carta de Poboación que un Foro. E das circunstancias que arrodean a súa concesión, que esta pareceu obedecer ó desexo do monarca de promocionar o desenvolvimento da vila, ben no beneficio do seu realengo, xa como afortalamento da fronteira con Portugal. Afonso XI, e a súa esposa Berenguela, permañeceron nesta comarca, ano 1201 coma xa dixemos, ó longo de varios meses, e nese período eximiron ó mosteiro de Oia, ata aquel momento con xurisdicción sobre o couto e a metade das igrexas de Erizana, do pago do portádego dos seus barcos cando arribasen a ela, como compensación por tirarlle esta para dala a repoboar (8). É dicir, segundo tivemos ocasión de comentar, para a implantación nela dunha nova orgaización político-administrativa, posto que a poboación existía xa, como se desprende do dato de que contaba con varias igrexas.

     A profesora Elisa Ferreira Priegue, con base ó feito de que a concesión e o ordeamento por el dispostos amosan un carácter nidiamente mercantil, considera que Afonso IX puido pretender, a través dos privilexios que lle proporcionaba ó lugar, competir comercialmetne coa área franco-flamenga, e conseguir o concurso dos navíos gascóns que entón pasaban fronte a el camiño de Portugal. A autora admite, sen embargo, que, na Carta non se advirte ningunha alusión á recepción, coma veciños, de "francos", ou doutros estranxeiros, nin se lle conceden a estes ningunha clase de privilexios (9).

     Mais, á parte da síntese que Sandoval fixo desta Carta de Baiona, consérvase tamén outra, a efectuada polo tudense Francisco Ávila y La Cueva (1789-1859) na súa monumental Historia Civil y Eclesiástica de la Ciudad de Tuy y su Obispado, reeditada facsimilarmente no ano 1995 polo Consello da Cultura Galega. O seu texto figura nas páxinas 117 a 121 do tomo II da obra.

     Segundo este outro autor, o documento por el consultado, en pergamiño, e redactado en caracteres daquel tempo, atopábase no mosteiro de Oia, e era a copia literal do auténtico, se ben que carecía das firmas "de los Prelados y Caballeros q. debieron confirmar en ella". Ávila y La Cueva infórmanos tamén que entón existía, así mesmo en Oia, a confirmación que desta concesión efectuara Fernando III (1217-1252), fillo de Afonso IX, suscrita por el en Tui o 17 de febreiro do ano 1232. Este outro documento trasladaba "a la letra el de Dn. Alonso 9º " (10).

     Temos que dicir que Ávila y La Cueva, ademais de recoller a traducción efectuada polo bispo Sandoval, inclúe certas partes do texto orixinal que este omitira, concretamente o protocolo inicial, a dispositio XIII do seu corpus, e o escatocolo final, que reproduce, segundo indica "con el mismo latín abreviaturas y cifras q. está la copia" (11).

     A comparación dos textos que aparecen nas obras de Avelino Sierra e Ávila y La Cueva, ofrece, sen embargo algunhas sorpresas. En primeiro lugar, certas e desconcertantes diferencias, ortográficas, filolóxicas e de puntuación, así coma no número de cláusulas ou dispositiones, 16 no do primeiro, e XIX no outro. Algo dificilmente explicable se os textos que nos ofrecen están tirados, como afirman, do traballo de Sandoval. As traduccións, afortunadamente, son bastante parellas. Por outra banda, tampouco atopamos en ningún deles nada que xustifique a afirmación de Henrique Flórez (1702-73), de que Sandoval escribían Henrizana en vez de Erizana (12).




¿Bajonam ou Bayonam?


     Para o obxecto deste traballo, a máis importante das indicadas discrepancias atópase nesta frase que, segundo Ávila y la Cueva, contiña o documento por el consultado: et impono eidem Villae de novo nomen Bajonam; y pongo ala misma Villa de nuevo nombre Bayona (13), xa que a mesma aparece no libro de Avelino Sierra coma: et impono eidem villae de novo nomen Bayonam (14).

     Esta discordancia respecto á denominación que Afonso IX lle impuña á vila que reordenaba, chagada a nós a través dun documento incompleto, e traducido, ofrece tan serias dúbidas, que nos parece que nada máis que poderán ser debidamente aclaradas por medio do orixinal. Infortunamente, neste momento, non contamos con el. Contamos, nada máis, que coas transcricións que del efectuaron Sandoval e Ávila y La Cueva.

     Agora ben, sabemos que os manuscritos medievais son pródigos en abreviaturas, e que a súa ortografía é moi irregular. E sabemos, así mesmo, que os criterios para a súa transcrición mudaron ó longo dos séculos, de xeito que, como é doado comprobar, un mesmo documento, dado á imprenta por paleógrafos de épocas diferentes, ofrece resultados tamén diferentes, se ben que próximos entre si. E no que respecta á utilización dos grafismos "y", "j" e "i", as discrepancias chegan case que ó paroxismo. Non hai máis que tomarse a molestia de examinar os tumbos e as coleccións diplomáticas publicados, nos que nun mesmo documento pódense observar diferencias coma: Tuix, Tuda, Tuy; Miñor, Myñor; Vieuiro, Vyueiro; monesteiro, moesteyro, monesteyro; Oia, Oya; Iacobo, Jacobo, ou Naiara, Nazara, Naiera, Nagera, Naigara e Naiare. Nos manuscritos orixinais, sen embargo, estas diferencias redúcense ostensiblemente, aínda que siga a habelas. Por iso temos que considerar de especial relevancia a afirmación de Ávila y La Cueva de que o que recolle, "le traslado con el mismo latin abreviaturas y cifras q. está la copia", pois con ela estanos a dicir que é tal como nolo ofrece o xeito como alí figuraba canto transcribe. E, debe de ser por iso que na súa obra, manuscrita, como xa dixemos, aparecen en latín, e suliñados, Bajonam, en dúas ocasións, e Vajona nunha terceira, mentres que, na liña seguinte, na traducción ó castelán que de Sandoval reproduce, fai constar Bayona.


Retallo da páxina 117 do volume II de Ávila y La Cueva, na que este argumenta en contra da posibilidade de que fose Afonso VII quen lle impuxo á vila o nome de Bajonam.

     A razoada exposición de Avelino Sierra, a través da que chega ó convencemento de que Ávila y La Cueva cometeu o erro de escribir mal este nome ó efectuar a transcrición de Sandoval (15), presenta, sen embargo, unha importante fisura. A de esquecer que o que o primeiro nos ofrece é unha copia textual, ou "ad pedem literrae", polo que, se son Bajonam e Vajona o que fixo constar, moi dificilmente podía telos tomado duns presuntos Bayonam orixinais, pois, de facelo, Avila y La Cueva tería falseado a literalidade que afirma. E non teríamos explicación para o feito de que, na traducción ó castelán que de Sandoval inclúe a continuación, diga Bayona. O caso do vallisoletano sería distinto, xa que, se, ademais de resumir e traducir o orixinal, mudou a ortografía do nome, puido facelo tan só coma consecuencia dos criterios de transcrición do seu tempo, non porque pretendese falsear nada.
     Comenta tamén o señor Sierra: ..."no debemos tener en consideración las numerosas transcripciones que erroneamente trasladan el vocablo como Bajona. Fray Prudencio Sandoval, que tuvo en sus propias manos el histórico documento, fue el único que, tras traducirlo al romance castellano, nos legó su contenido, tal como figura en el fuero original... Y no se pueden argumentar erratas, pues el obispo tudense, Cronista de la Majestad Real de los Reynos de Castilla, era hombre bien entendido en latines, y no existiendo la "y" en la lengua de Cicerón, nunca la emplearía en el vocablo Bayona sino figurara en el manuscrito original" (16). O suliñado é noso.

     A letra "Y", se ben que non existía orixinariamente no latín clásico, coma comenta, acabou por ser tomada do grego —é en realidade a súa hüpsilon maiúscula, ou "u"— para a transcrición das voces de orixe helénica. Do mesmo xeito, tampouco existía en latín a "j". Mais, como sabe calquera filólogo e lingüísta, tamén esta foi incorporada ó idioma de Cicerón, para representar a semivocal "i".

     Por último, engade: "En los numerosos códices de que disponen los archivos históricos nacional de Madrid, de Simancas (Valladolid), provincial de Pontevedra, municipal de Bayona, diocesano de Tuy, etc. hemos podido comprobar la existencia de centenares de voces BAYONA y tan sólo en muy raras ocasiones figura BAIONA, excepciones estas que debemos considerar como errores de los escriptores, copistas o licenciados de turno" (17).

     O razoamento é correcto, mais incompleto. Porque, se temos en conta as palabras de Ávila y la Cueva, respecto á textualidade da súas transcrición, e as irregularidades prosódico-ortográficas dos documentos medievais, mentres non sexa posible unha comprobación a través da Carta orixinal, afirmar a existencia dun erro por parte deste autor no seu traslado do nome de Bajonam, parece un tanto aventurado.

     Coma consecuencia, deberemos de nos procurar outras evidencias, sequera sexan estas prosopográficas, acerca da cuestión.




A Baiona vasca


     Ó norte dos Pirineos, no País Vasco francés, e na confluencia dos ríos Errobi e Atturri, tamén coñecidos coma Nive e Adour, existe unha antiga poboación. Os romanos chamárona Lapurdum, mentres que os vascos pasaron a denominala Baiona, con "i", topónimo que, máis tarde, pasou coma Bayonne, ó francés. O feito de que nun documento francés do ano 1313 este nome apareza como Baione (18) nas tres ocasións nas que o cita, parece indicar a pervivencia nesa altura, da ortografía vasca.

     Esta Baiona recibiu a súa Carta Foral arredor do ano 1125 de mans de Guillerme IX, o Trovador (1071-1126), duque de Aquitania (19). Os foros e liberdades que os seus habitantes recibiron por medio dela permitiron o desenvolvemente dunha destacada actividade comercial e marítima pola súa parte, así como a constitución, unhas décadas despois, da Societas Navium Baionensium, unha orgaización cuxas naves traficaron por toda a costa, chegando polo sur ata Portugal (20), quizais a imitación, ou para competir, coa flamenga Hansa das dezasete cidades.

     A profesora Elisa Ferreira considera que o nome da nosa Baiona foi "tomado indudablemente" desta Baiona vasca, xa que "es un nombre propagandístico y augurativo, típico de la repoblación urbana que rebautizaba las Valencias y Florencias de nueva planta, en un deseo de emular el prestigio de las originales; tal vez con un fin más concreto, un reclamo para atraer a los mercaderes bayoneses de paso" (21). A afirmación tal vez resulte un tanto arriscada, mais podería axustarse á realidade. De ser así, ofrecería certa luz sobre a auténtica ortografía da vila miñorana, botando ó mesmo tempo por terra as moitas inxeniosas, singulares, e mesmo pintorescas etimoloxías ás que ó longo dos séculos se recorreu para explicar a súa denominación. En todo caso, compre advertir que o documento francés de 1313 que acabamos de citar é máis de cen anos posterior ó momento no que Afonso IX así a bautizou.




Que nos di a cartografia


     Segundo opinión do cosmógrafo e cartógrafo flamengo Abraham Ortelius (1527-1598), "os mapas son os ollos da Historia". Comprobemos, pois, sequera a través nada máis que dos que conseguimos atopar, a visión que acerca desta problemática nos ofrecen. Na relación que a continuación vos ofrecemos, e por orde coronolóxico, indicamos, en primeiro lugar o ano da edición do documento cartográfico, seguidos pola denominación ou título do mesmo e polo do nome do seu autor, cando este sexa coñecido, para rematar co xeito coma nel aparecen ambas Baionas, en cursiva a nosa, e negrita a do País Vasco francés.


- 1300: "Carta Pisana", na que falta Galicia: Boiona.

- 1313: "Portolano" de Pietro Vesconte: Baiona de Mignol, Baona de Gasscogna.

- 1339: "Carta Portulana", de Angelino Dulcert: Baiona de Mignor, Baiona de Gascogna.

- 1375: "Atlas Catalán", de Abraham Cresques: Baiona Mignor, Baiona de Gascogna.

- 1424: "Carta Náutica", de Zuane Pizzigano: Baiona, Baiona.

- 1450-60: "Carta Náutica C.G.A.5.b": Bayona, Bayona.

- c.1460: "Carta Náutica C.G.A.5.d": Bayona, Bayona.

- 1467: "Portulano", de Grazioso de Benincasa: Mignor, Baiona de Guascogna.

- 1469: "Carta", de Graziozo Benincasa: Baiona Mignor, Baiona de Guascogna.

- c.1475: "Portulano", de Christofalos Soligo: Baiona.

- c.1475: "Carta náutica C.G.A.5.c.": Baiona, Baiona.

- 1482: "Hispania", de Donnus Nicolaus Germanus: Baiona.

- c.1485: "Portulano", de Pedro de Reinel: Baiona, Baiona.

- c.1493: "Carta de París", atribuída a Cristóbal Colón: Baiona. Falta a francesa.

- 1500: "Europae Descriptio": Vayona.

- 1511: "Mapamundi", de Vesconte de Maggiolo: Baiona, Baiona.

- 1515: "Geografía de Ptolomeo", de Sebastian Münster: Baiona, Baiona.

- XVI "Secundum littora Novae Franciae", dun cartógrafo holandés. I. de Baiona, Bajona, Bayonne.

- c. 1563: "Atlas Universal", de Sebastião Lopes: Baiona, Baiona.

- 1580: "Atlas" de Juan Riczo Oliva: Bayona, Bayona.

- 1584: "Von Cap Finisterre tot Camino", no "Sphiegel der Zeevaert", de Lucas Jansz Waghenaer", tomado de cartas manuscritas: Baiona, Islas de Baiona.

- 1600: "Reyno de Gallicia, y de León", anónimo: Islas de Baiona, Baiona.

-a 1603: "Descripción del Reyno de Galizia", de Hernando de Ojea, incorporado ó "Theatrum orbis terrarum" de Abraham Ortelius: Baiona, Ixola de Baiona.

- 1508: "Biscaiae et Guipiscoae typus", no "Atlas Mercator-Hondius": Baiona.

- 1608: "Gallicia, Legio et Asturias de Oviedo", de Jannssonius: Baiona, Yslas de Bayona.

- 1616: "Galicia", de Jodocus Hondius: Baiona, Islas Bayona.

- 1618: "Tabularum Geographicarum Contractarum", de Langenes-Bertius: Baiona.

- 1646-47: "Dell'Arcano del Mare: Galizia", de sir Robert Dudley e Antonio Francesco Lucini: G. di Baiona, Barona, I. di Baiona.

- 1652: "Les Estats de la Courounne de Castille", de Sanson d'Abbeville: Bayona, Bayyonne.

- 1666: "Carte van Galisien", de Jacob Jacobsz "Theunisz": Insulas van Bajona, Bajona.



     Coma se pode observar a través destes trinta documentos, ambas localidades aparecen inicial e maioritariamente representadas con "i". E a substitución escalonada desta letra polo "y" grego parece relativametne serodia. Lembremos que a Carta na que Afonso IX lle impuxo o nome a Baiona é do ano 1201. En todo caso, o cambio ortográfico parece non ter sido definitivo ata despois de mediados do século XVII, tempo aproximadamente coincidente co intre no que frei Prudencio de Sandoval fixo a traducción daquela. Resulta, así mismo, sintomático que na "Descripción del Reyno de Galizia", do ano 1603, cuxo autor, Hernando de Ojea, era galego, se manteña o "i". Nas edicións posteriores, sen embargo, a denominación foi substituída xa pola de Bayona.



Parte da páxina 118 do mesmo voume da obra de Ávila y La Cueva, na que este reproduce a traducción efectuada por de Sandoval, e reitera a expresión Bajonam.




Existe aínda unha terceira Baiona


     Non aparece nos mapas, e resulta bastante difícil dar con ela. Mais existe outra Baiona. Atópase en Portugal, ó sur de Sines, e ó sur tamén da paradisíaca Vila Nova de Milfontes. Mais non pode ser acadada senón seguindo unha estrada de ínfima calidade.

     Esta terceira Baiona, tamén con "i", non pasa dun fato de casas e unhas cantas embarcacións a refrexarse no espello do esteiro dun pequeno río que verte as súas augas na extrema norte do Algarve. Mais, dado que, como a un quilómetro de distancia, existe outro lugar chamado San Cosme e San Damián, e que, algo máis lonxe, se repiten tamén certos topónimos da provincia de Pontevedra, é moi posible que todas esta comarca fose repoboada con, ou baixo a dirección, de xentes procedentes desta parte de Galicia. Ignoramos, sen embargo, como e en que momento puido acontecer o feito, aínda que recorramos a facer especulacións.

     O territorio no que se atopa esta Baiona foi reconquistado entre os anos 1142 e 1168, ó longo do goberno do primeiro rei portugués, Afonso Henriques (1128-1185). Perdido despois, en 1191, cando os musulmáns fixeron recuar a fronteira de novo ata o Tejo e as portas de Lisboa, sería definitivamente recuperado por Afonso III (1248-1279), en 1249.




Et impono de novo...


     Que no ano 1201 Afonso IX lle impoña ó lugar de Erizana o nome de Bajonam, de novo, obriga a pensar que xa o debeu de levar antes. E, se llo impuxo, cabe deducir tamén que o fixo porque non se viña utilizando. Polo que sabemos, isto é máis habitual do que poida parecer. Coma exemplo, lembremos que Constantinopla, refundada no ano 330 co nome de Nova Roma, nunca foi coñecida por esta denominación.

     Unha posible explicación ó caso que nos ocupa atópase no tomo dez da continuación da Crónica General de España de Florián de Ocampo (c. 1495-1558), publicada en 1574-1586 por Ambrosio de Morales, un sevillano que visitou Galicia en 1572. Porque nel, este autor reproduce o seguinte comentario do emperador Alfonso VII (1111-1157), abó de Afonso IX, tomado, se ben que de oídas, segundo indica, dos privilexios que aquel monarca lle concedera ó mosteiro de Oia, ó que lle doara a vila de Erizana: "et nulumus ut vocentur (ut atea) Erizana, sed imponimus ei nomen Vajona". É dicir: "e non queremos que sexa chamada (como antes) Erizana, senón que lle impoñemos o nome de Vajona" (22).

     Lamentáblemente, nas doacións e concesións en favor do mosteiro de Oia efectuadas por Afonso VII que se conservan, anos 1135 (ou 1138), 1137, 1139, 1140 e 1149 (23) non aparece este comentario.

    Así mesmo, Ávila y La Cueva, que cara ó ano 1850 examinou no arquivo de Oia "todos los privilegios q. el referido emperador otorgó a favor dela motivada casa enq. se hace mención de la Villa de Erizana", afirma que tampouco atopou neles a cláusula alegada por Morales. Como consecuencia intúe que este debeu de atribuír a Afonso VII, por confusión, o que di dixo o seu neto Afonso IX (24). Cousa bastante explicable se, tal como afirma o sevillano, "Esto tuve por relacion, que yo no fui allá" (25).
     A causa deste silencio documental, buscouse unha explicación para este "de novo" nunha referencia que aparece nun vello texto de Marco Valerio Marcial, un autor, nado en Bílbilis, hoxe Catalayud, que, entre outros traballos, no ano 101 publicou unha ducia de libros cuns mil cincocentos epigramas. Pois ben, no número 37 do libro X, dinos o seguinte:

   Iuris et aequarum cultor sanctissime legum
veridico Latium qui regis ore forum
municipe, Materne, tuo veterique sodali
Callaicum mandas si quid ad Oceanum,
an Laurentino turpis in litore ranas
et satius tenues ducere credis acos
ad sua captiuum quam saxa remittere mullum
visus erit libris qui minor esse tribus?,
et fatuam summa cenare pelorida mensa
quosque tegit levi cortice concha brevis
ostrea baianis quam non liventia testis
quae domino pueri non prohibente vorent?


   É dicir, que Marcial era coñecedor das ostras e do muxo do Océano Galaico. Ademais, nalgúns códices, a expresión do penúltimo verso aparece coma baionis, que significaría "de Baiona". Emporiso, recurrir a este dato para demostrar a existencia da nominación Baiona nun tempo tan afastado, non parece satisfactoria, xa que o que realmente fai o epigrama é comparar os productos das ribeiras itálicas cos das nosas. A mención no quinto verso de Laurentino, unha comarca do Lacio, resulta a este respecto significativa, e obriga a considerar como correcta a lectura baianis, que é a que de ordinario se fai. É dicir, significando "de Baias", en referencia ó famoso balneario naquel tempo situado nas proximidades de Pozzuoli, non lonxe de Nápoles, algo máis ó sur do referido Laurentino. Reforza esta idea o feito de que no mesmo libro, e no epigrama 58, aluda de novo Marcial a este covizable e pacífico retiro de Baias (26).
     ¿Significa isto que o que pretendeu Afonso IX con este desconcertante "de novo" non era outra cousa que indicar que o que facía era bautizala cunha denominación xa existente, como a da Baiona vasco-francesa? Neste caso, confirmaríase a hipótese da profesora Elisa Ferreira.
     ¿Ou puido ser que, no momento da viaxe de Ambrosio de Morales, ano 1572, existise realmente outro privilexio de Afonso VII en favor do mosteiro de Oia, logo perdido, que recollía o cambio de nome por el supostamente realizado?
     Aínda que remotas, polo de agora, estas parecen as máis razoables das posibilidades coas que contamos para explicar ese "de novo". Coñecer a datación da Baiona portuguesa moi ben podería botar algunha luz sobre o asunto, xa que, se esta foi fundada durante a primeira ocupación daquel territorio, tal denominación resultaría coeva co reinado de Afonso VII (1111-1157), o que reforzaría a posibilidade de que fose este quen bautizou con ese mesmo nome á do Miñor, e antes da súa Carta de 1201. Mais, de resultar aquela do tempo da reocupación, ano 1249, nada aclararía.



COLOFÓN

    
Dende o 14 de decembro do ano 2001, Baiona conta cunha estatua ecuestre de Afonso IX. Algo, polo que acabamos de comentar, ó que este se fixo sobradamente merecedor. O monumento, estratexicamente situado diante do acceso ó castelo de Monterreal, é da autoría do tudense Xoán Oliveira (1928-2002), un escultor moi propenso a transmitir nas súas obras a súa especial predilección polos cabalos. Así, nesta, o monarca non figura sobre a cabalgadura, senón que é esta a que aparece onda el, se ben que nun respetuoso segundo plano, inclinando submisa a cabeza, mentres aquel, aínda que en autoritario ademán, acarícialle o pescozo coma se dun amigo se tratase. Coma oportuno complemento a esta homenaxe, na peana sobre a que se ergue o grupo, e en clara adecuación co seu ademán, unha placa recolle as palabras do monarca: "...et impono eidem villae de novo nomen Bayonam".


Parte final da locución colocada no frontis da peana do monumento ao rei Afonso. Nela pódese advertir a mutación filolóxica que vimos comentando, e parécenos que debería ser corrixida.

     Mais, coñecido canto acabamos de comentar, parécenos que sería actuar cun excelente criterio filolóxico eliminar canto antes ese máis que dubidoso Bayonam, que no monumento aparece, e sustituílo pola expresión textual Bajonam —pronunciable como Baionam— que Ávila y la Cueva, entendemos que correcta e axeitadamente documentado, nos transmitiu.


Vigo, maio do 2003










NOTAS


1 Emilio González López, páx. 295.
2 Henrique Flórez, volume XXII, páx. 19, tomado de Prudencio de Sandoval, folio 145. Vallisoletano de nacemento, frei Prudencio de Sandoval (c.1533-c.1620), foi cronista benedictino, e bispo de Tui no período 1608-1612. Foi autor, así mesmo, de varios traballos históricos, entre eles o de Antigüedad de la Ciudad y Iglesia Cathedral de Tuy.
3 A. Abós Santabárbara, páxs. 56, 248 e 587.
4 A través da historia sabemos das moitas vilas e cidades, oficialmente establecidas por diversos monarcas, que o único que fixeron en realidade foi mudarlle o nome. Alexandre de Macedonia, por exemplo, é un dos personaxes que, ademais de erguer poboacións novas, se atribuiu tamén a maior cantidade de fundacións espúreas. E Octavio Augusto, émulo seu en todas cantas accións acometeu, fundou tamén numerosas vilas, que gozaban xa de boa saúde.
5 Avelino Sierra Fernández, páxs. 92-93.
6 Avelino Sierra Fernández, páx. 93.
7 Avelino Sierra Fernández, páx. 90.
8 Luís Sánchez Belda, páx. 210. Privilexio firmado en Tui o 11 de abril de 1201.
9 Elisa Ferreira Priegue, páxs. 77-78.
10 Ávila y La Cueva, vol. II, páxs. 121.
11 Ávila y La Cueva, vol. II, páx. 118.
12 Henrique Flórez, vol. XXII, páx. 18.
13 Ávila y La Cueva, vol. II, páxs. 117 e 118. Literalmente: E impoño á mesma Vila de novo o nome Bajona.
14 Avelino Sierra Fernández, páxs. 88, 93 e 107. Na 90, sen embargo, figura coma Bayonan.
15 Avelino Sierra, páx. 90.
16 Avelino Sierra, páx. 90.
17 Avelino Sierra, páx. 90.
18 Elisa Ferreira, páxs. 612, 613 e 811.
19 Tomás Urzainqui, páx. 198. Este pintoresco personaxe, o primeiro Trovador, ou compositor de versos en fala popular, que se coñece, foi pai do non menos lendario Guillerme X de Aquitania (1099-1137), morto en Compostela, o Don Gaiferos de Mormaltán dos nosos romances, pai á súa vez de Leonor de Aquitania (1122-1204).
20 Elisa Ferreira, páxs. 75 e 76.
21 Elisa Ferreira, páx. 78.
22 Na edición que da parte que recolle a súa Viage fixo o agustino Henrique Flórez en 1765 —Ambrosio de Morales, páxina 141—, o nome da vila miñorana aparece xa coma Baiona, con caracteres distintos ós do resto da frase, o que parece indicar unha corrección por parte do editor.
23 Recollidas por Henrique Flórez, vol. XXII, páxs. 262 a 265, Luís Sánchez Belda, páxs. 107, 109, 110, 111 e 121, e Portela Silva, páxs. 153, 159-160.
24 Ávila y La Cueva, tomo II, páx. 117.
25 Ambrosio de Morales, páx. 141.
26 Lorenzo Riber, páxs. 205-206.











BIBLIOGRAFÍA PRINCIPAL

ABÓS SANTABÁRBARA, A., e MARCO MARTÍNEZ, A. (1986): Diccionario de Términos básicos para la Historia. Alhambra. Madrid.

ARIAS VILAS, Felipe (1992): A romanización de Galicia, Vigo.

ARMESTO, Victoria (1994): Galicia Feudal. 3ª ed., Coruña.

ÁVILA Y LA CUEVA, Francisco (1852-54): Historia Civil y Eclesiástica de Tuy y su obispado. IV vols. Edición Facsimilar, 1995. Pontevedra.

BARREIRO, Martín (1966): 2000 años de Historia del Castillo de Monterreal. Vigo.

CABEZA QUILES, Fernando (19929: Os nomes de Lugar. Xerais. Vigo.

DUBY, Georges (1997): Atlas Histórico Mundial. Barcelona.

FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, Salvador (1995): Historia da Comarca do Val Miñor. Vigo.

FERREIRA PRIEGUE, Elisa Mª (1988): Galicia en el Comercio Marítimo Medieval. La Coruña.

FLÓREZ, Henrique (1754-1994): España Sagrada. Madrid e Lugo.

GONZÁLEZ LOPES, Emilio (1978): Grandeza e decadencia do Reino de Galicia. Vigo.

HORNBLOWER, Simon, e SPAWFORTH, Antony (1996): The Oxford Classical Dictionary. Oxford-New York.

HOWATSON, M. C. (1997): The Oxford Companion to Classical Literature. Oxford.

ISLA FREZ, Amancio (1992): La Sociedad Gallega en la Alta Edad Media. Madrid.

MACKAY, Angus, e DITCHBURN, David (1997): Atlas of Medieval Europe. London and New York.

MADOZ, Pascual (1845): Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de Galicia. 6 Vols. Edición Facsímil de 1986. Madrid.

MANRIQUE, Fr. Ángel (1642): Anales Cistercienses. Lugduni (Lyon).

MATTOSO, José (1993): Historia de Portugal. 8 vols. Lisboa.

MÉNDEZ MARTÍNEZ, Gonzalo (1994): Cartografía antigua de Galicia. Diputación Provincial de Pontevedra. Vigo.

MÉNDEZ MARTÍNEZ, Gonzalo (1998): Cartografía de Galicia. Hércules. A Coruña.

MENÉNDEZ PIDAL, Ramón (1982): España Romana. 2 vols. Madrid.

MÉRIENNE, Patrick (1997): Atlas Mondial du Moyen Âge. Rennes.

MORALES, Ambrosio de (1765): Viage de Ambrosio de Morales por orden del rey D. Phelipe II a los Reynos de León, y Galicia, y Principado de Asturias. Madrid (Edición facsímil, Oviedo 1977).

OLIVEIRA MARQUES, A. H. de (1978): Historia de Portugal. 2 Vols. 8ª edição. Lisboa.

PALLARES MÉNDEZ, Mª del Carmen, e PORTELA SILVA, Ermelindo (1971): El Bajo Valle del Miño en los siglos XII y XIII. Universidade de Santiago de Compostela.

PORTELA SILVA, Ermelindo (1981): La colonización cisterciense en Galicia (1142-1250). Universidade de Santiago de Compostela.

PRO RUÍZ, Juan, e RIVERO RODRÍGUEZ, Manuel (1999): Breve Atlas de Historia de España. Madrid.

RIBER, Lorenzo (1941): Marco Valerio Marcial. Madrid.

RODRÍGUEZ ENNES, Luís (1999): Aproximación a la historia jurídica de Galicia. Xunta de Galicia. A Coruña.

RÍOS MAZARELLE, Manuel (1995): Diccionario de los Reyes de España. 2 vols. Madrid.

ROMERO MASIÁ, Ana María, e POSE MESURA, Xosé Manuel (1988): Galicia nos Textos Clásicos. A Coruña.

RUÍZ ASENCIO, José Manuel (1990): Colección Documental del Archivo de la Catedral de León. León.

SACAU RODRÍGUEZ, Gerardo (1998): Os nomes da Ría de Vigo. Cabo Silleiro-Berbés. Vigo.

SÁNCHEZ BELDA, Luís (1953): Documentos Reales Referentes a Galicia (569-1254). Madrid.

SIERRA FERNÁNDEZ, Avelino (2000): Fundación y orígenes de Bayona como villa de realengo. Concello de Baiona.

SIERRA PONCE DE LEÓN, Vicente (2002): Historia de Baiona y su patrimonio monumental. Xunta de Galicia. Coruña.

STEFOFF, Rebeca (1995): Maps and Mapmaking. Hong Kong.

TAMUJE, J. M. del (1975): La vía romana "per loca maritima" por el Bajo Miño y Costa Atlántica. La Guardia.

VV.AA. (1972): Nomenclator-Estadístico de la Diócesis de Tuy-Vigo. Vigo.

VV.AA. (1989): Cartografía de Galicia. Instituto Geográfico Nacional. Madrid.

VV.AA. (1991): Galicia. Historia. Vol. I. A Coruña.

VV.AA. (2001): Alla scoperta del mondo. Il Bulino. Modena.

URZAINQUI, Tománs, e OLAIZXOLA, Juan Mª: La Navarra Marítima. Gobierno de Navarra. Pamplona.

VILLAR, Francisco (1995) Estudios de Celtibérico y de Toponimia Prerromana. Salamanca.

YÁÑEZ NEIRA,  Fr. M. (1974): El Monasterio de Oya y sus Abades.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega