Coloquio de 24 gallegos rústicos

 

Escolma

 

m2padresarmientoescolma.html

MARCOS DA PORTELA:

No chan que en Morrazo
chaman os galegos
chan de Parafita,
que chega hasta o ceo,

que está no camiño
que vai ao Ribeiro
dendes Pontevedra,
a vila do reino;

a umha legoíña,
camiño dereito
-fai conta que sigues
o rumbo surlesto-

se sube en relanzo
por todo o vieiro,
sin muita fadiga
nin muito tormento.

Agiña se chega
ao chan que dixemos
e mais é ben ancho
todo o seu terreo.

Alí corren lebres
e cazan coellos
os homes nas festas;
dempois van vendelos.

De alí, daquel chan
tan alto en extremo,
se ve toda a vila
cos seus arrodeos.

Se ve o mar bravo,
se ve o mar quedo,
de Ons e de Tambo
as illas ao lejos.

Se ven Portonovo
e, junto San Xenxo,
Marín e Combarro,
Lourido e Campelo.

Se ven o Castrove
e mais Montecelo,
tamén San Zibrán
e mais o Castelo.

Do norte está posto
o lindo convento
dos frades de Lérez,
que está nun outeiro.

Alí donde sempre
van muitos romeiros
ao San Benitiño,
santiño ben feito.

Tamén de aquel chan
se ven, que están preto,
os olhos da Ponte
co Burgo pequeno.

Morrazo, se fora
máis chan seu terreo,
se vira de frente
casi todo enteiro.

Por fin os navíos
e barcos dos pescos
se ven navegare,
e máis se están quedos.

Os olhos se fartan
con tanto recreo
de terra, de verde
de mar e de ceo.

Alí no chan dito,
subindo ou decendo,
a gente se para,
relouca de velo.

Se asenta no chan
ou sobre un penedo
e colle refolgo
co vento mareiro.

Alí as meniñas,
as mozas, os nenos,
as velhas, os mozos,
os homes, os velhos,

que veñan, que volten
á vila, ao eido,
almorzan, merendan
e failles proveito.

Frangullas de pan,
migallas de queijo,
castañas mamotas
ou fruita do tempo

se compran na vila
por pouco diñeiro;
ameixas e ostras,
centolas, cangrejos,

e mais caramuxos,
que compran por centos,
ou berberichiños
que ten pouco prezo.

Alí os escochan
con mans ou con ferros,
os chuchan ou comen
con muito sosego.

Por iso aquel chan
está sempre cheo
de cachos mariños,
estando tan lejos.

Na vila é costume,
dempois que a coñezco,
que os sábados todos
do ano e arreo

se faga un mercado
mercando e vendendo
mil cousas do usso
con muito comerzo

de olas, de potes,
de asados, pucheiros,
de pratos, cazolas,
picheles e petos,

angazos e rodros,
rebolos e eixos,
de rocas, de fusos,
de trouzos, sarelos,

de polas e polos,
de lebres, coelhos,
de pitas e ovos,
de veces son frescos;

marrás, vacuriños,
años e carneiros,
capós e cabirtos,
e todo a bon prezo;

pantrigos, petadas,
ripotes e queixos,
mel e manteiguiñas
e fruitas do tempo;

de liño, de estopa,
de mantas, mantelos,
de cintas, de faixas,
manguiñas, ourelos,

navallas, fouciñas,
tixeiras, cuitelos,
e vingueletiños
grandes e pequenos.

As coles con terra
se venden por centos,
se mide a nabiña,
val muito diñeiro.

Por fin e por postre,
mal e que cansemos,
se vende, se merca,
de todo, sen termo.

Así pois, un día
do mes de setembro,
que foi dezasete,
mercado o terceiro,

eu, Marcos Portela
do Monte Porreiro,
que son, mal pecado,
un probe labrego,

pasein por ventura,
indo a ver o crego
Jacinto, que estaba
en Taboadelo,

junto a Parafita,
camiño dereito,
indo de Mourente,
cortando o vieiro.

Cheguein á tardiña,
ás catro, algo menos,
ao chan devandito,
cansado anque ledo.

Vin muito gentío
que estaba alí quedo,
deitado na herva,
comendo e bebendo;

vin mozos, vin mozas,
vin homes, vin vellos,
vin muitas mulleres,
vin nenas, vin nenos.

Uns viñan da sega,
castelláns enxertos,
outros do mercado
volvían ao eido,

por seren os máis
amigos e deudos,
todos de Morrazo,
ou do seu terreo.

Así que no chan,
e sin cuidar nelo,
foi ó seu encontro
chegando a tal tempo.

¡Jesús, que alegría!
¡Jesús, que contento!
¡Jesús, que saúdes,
abrazos e beixos!

Sentáronse todos
no campiño seco,
ollando ás de veces
á vila en dereito.

Alí merendaron
grandes e pequenos,
juntaron merendas
e todos comeron.

Tampouco faltou
para o cumprimento
pantrigo da vila,
viño do Ribeiro.

A min, que os ollaba
e estaba mui preto,
por farme merzede
todos me dixeron:

- ¡Ai Marcos!, compadre,
tomai un cortezo
e botaille dous tragos,
que abondo aquí temos.

Non fun porfiado,
que estaba sedento,
comín e bebín
bastante, por certo.

Dempois da merenda
eu quixen primeiro
saber dos que viñan
que novas trouxeron.

Os numes de todos
direi, pois me lembro,
serán vinte e catro,
os outros os deixo.

Doce segadores
que alá en Toledo
segarán, ou cerca
de Madrid, o mesmo:

Antón de Domaio,
Mamed de Salcedo,
Albertos de Coiro,
Macías de Hermelo.

Martiño dos Cobres,
Bartolo do Tesso,
Bieito de Aldán,
Bras do Montecelo,

Roque de Beluso,
Bastián do Castelo,
Jan de Figueirido,
Mingos do Penedo;

máis quatro mulleres
que foran arreo
cinco anos á sega
por facer diñeiro:

Lucía de Esculca,
Tereixa do Cerro,
Farruca da Braña,
Marta dos Rexelos.

Tamén dous rapaces
e amos pequenos:
Xepiño da Fonte,
Perucho dos Merlos;

dúas raparigas,
amas de bon geito:
Maruxa das Rulas,
Minguiña do Rego.

Os catro estiveran
dez meses arreo
servindo en Madril
por pouco diñeiro.

Xepiño tanguía
o vinco dun cego;
con ele cantaba
con aire galego.

Facía bailare
ó can por diñeiro,
pedía nas rúas
o pan para o cego.

Compraba Perucho
os zapatos vellos,
berraba cun saco
para recollelos.

Andaba descalzo
e sempre correndo,
tan pobre era o dono,
só tiña remendos.

Maruxa servira
a un pasteleiro
na Porta do Sole,
no lado ezquerdo.

Diz que é mui bizarro
e gasta por cento;
Maruxa ajotaba
as moscas do eido.

Minguiña, máis nena,
estaba cun vello,
facíalle a cama
con mal aderezo.

El fora soldado,
mais era un famento;
quería a Minguiña
muito por extremo.

Os catro que dixen
así mo dixeron,
canto deles conto
eu non poño erro.

Os mesmos, é todo,
tiñan parentesco,
criados e nados
nun mesmo terreo.

Volvíanse á terra
por outros vieiros,
juntáranse todos
no chan a desejo.

A gente dá volta
do mercado feito;
foi muita, foi tanta
que eu non a coñezco.

Só catro mulleres
faltaron dereito;
direin os seus numes,
son de Carvalledo:

Andrea da Chouza,
a neta do cego,
vendira laitugas,
comprara cangrexos.

Un feixe de toxos
Tomasa de Outeiro
vendira na vila,
comprara jorelos.

Catuxa do Mato
landres e coellos
vendira; comprara
sal e mais pan fresco.

Comprara jouviñas
Mariña a do cego;
na praza vendira
gestas con codesos.

As outras que calo
alá ao seu geito
na praza ou mercado
vendiran, eu creo

ja leite, ja herva,
ja figos, pexegos,
vasoiras, ou bruños,
ja peras, ja peros.

Compraran á volta
ja olas, ja petos,
ja berberichiños,
ja peites, ja espellos.

Só os vinte e catro
falaron arreo
das cousas de novo
que estaban correndo.

Direi as que ouvín,
poreinas en versos,
que así os meniños
podrán deprendelos.

Eu non sei de copras
e fáltame o engeño;
nen fixen cantigas
no falar galego.

Fareinas, pois logo,
cos ringróns pequenos,
enxempro das outras
que cantan os nenos.

Meniñas de Noia,
cando van ao mato,
levan a merenda
ao Santo San Marcos.

Aínda que sejan
de pouco concerto,
sejan como foren,
serán ao meu geito.

Heinas de cantare,
e naquel ton mesmo,
ou do saramago
que naceu no teso.

Os homes xouvíos
dirán, eu cho creo,
Marcos da Portela
relouca de vello.

¿E iso que impora?
¿Que temos con eso?
Se eu quero folgarme,
calen, pois, lavercos.

Heinas de cantare
no Monte Porreiro,
quando nas cachadas
sembrare o centeo.

Cando for á vila,
para meu contento
verein que as saudades
cantando son menos.

Mais no día santo,
se hai gaita ou pandeiro,
alí miñas copras
farán seu efeuto.

Cantaranas nenas,
cantaranas nenos,
bailarán os mozos,
os mozos solteiros.

Por farme mercede
cantarán nos medios:
"Marcos da Portela
é poetra vello.

Marcos da Portela
do Monte Porreiro
é vello nos anos,
é poetra neno".

Agora, pois, vamos
dicindo nos versos
que cousas falaron,
que cousas dixeron.

Sentados no chan,
deitados nos fentos,
todos vinte e catro,
dempois de ben cheos,

Antón de Domaio,
por home máis vello,
tomou a parola,
falou o primeiro.

- ¿Que tendes, mulleres,
de novo e de certo?
¿Que dicen na vila?
¿Que corre no reino?

ANTÓN DE DOMAIO:

¿O ano foi boo
dos fruitos colleitos?
¿Se espera das viñas
bebamos sen prezo?

¿O mar deu de si,
en todo este tempo,
fartura de peixes
salados ou frescos?

MARCOS DA PORTELA / ANDREA DA CHOUZA:

Andrea da Chouza,
muller de bon quedo,
por todas falou
e dixo: - Non creo

que vós, que ora vindes
de alá de Toledo,
non saibais as novs
que acá ja correron.

A máis lastimeira
que corre ja ha tempo
é que o noso rei
finou sen remedio.

Na vila non dicen
cousa de proveito;
todos tén saúde,
as grazas a Deos.

Se non que n'ha muito
que algúns ja morreron
do mal das vexigas,
mulleres e nenos.

Outros de maleitas,
que estaban tremendo,
sanouos a Morte
con poucos remedios.

Na praza si que houbo
de novo e de certo
muito no verán
abondo de fresco:

pixotas e crongos,
muges e corvelos,
melgachos e melgas,
pintos e jorelos,

panchozes e xardas,
polbos e badexosm
buraces e sollas,
escachos e reos,

robalos e raias,
curuxos e meros,
cabalas e barbos,
e mais bucareos;

de tranchos, mui poucos;
rodaballos, menos;
lengudos, a pote;
airoas, sen termo.

Catro mans a branca
iban os jorelos;
de tres as jouviñas
antronte; ¡que prezo!

Muitos caramuxos,
mexillós, cranguexos,
camarós, pezebres,
ameixas a centos.

Mais non vos cansedes,
Andrea, por Deos,
dixo; e ajudoulle
Tomasa de Outeiro:

TOMASA DO OUTEIRO:

- O ano foi farto,
o maíz eu creo
que encherá os canastros
tanto que o centeo.

O millo meúdo
e os feixóns pretos
e mais o paínzo
ancherán os cestos.

Anque o liño tivo
muito gorgo, é certo
non coubo nos lagos
o liño colleito.

Das coles, das verzas,
dos allos, dos beldros
e mais das cebolas
foi ano mui cheo.

Se ollais os nabales,
dirés que no inverno
habrá muitos nabos,
rabizas e grelos.

As viñas prometen,
ja estamos sen medo,
que habrá nas vendimias
gran falta de cestos.

Na vila traballan
tantos toneleiros
que abouxan as rúas
con tanto golpeo.

Toneles e pipas
de novo fan presto;
e alimpian, remendan
os pipotes vellos.

Do viño a colleita
será sen exempro,
e seica a ochaviño
pasará o neto.

Estas son as novas,
embora as contemos;
agora, compadre,
containos, vos prego,

a morte do rei,
que acá non sabemos
como e cando foi
o seu seimento.

Contáinolo axiña,
que ja será vello
alá en Madril
e mais en Toledo.

ANTÓN DE DOMAIO:

- ¡Jesús, que doudice,
Tomasa!; ben vejo
que teus pais e avós
son de Carvalledo.

¿Ti cuidas que os homes
da sega volvemos
vindo por Madril
e entramos adentro?

Non, miña querida,
nós non che podemos
falar nin migalla
do que alí foi feito.

Algunha cousiña
que ouvimos de lexos
aínda dempois
diremos se hai tempo.

Testigos de vista
só os catro pequenos
que en Madrid serviron
isos podrán selo.

¡Ai ti, Peruchiño!,
conta por extenso
que viche en Madril
na morte e no enterro

do rei, noso dono,
dos choros, lamentos,
das cousas que logo
dempois se fixeron.

E ti, Maruxiña,
eméndalle os erros
a vez que Perucho
se esqueze do certo.

Tamén ti, Minguiña,
pois viche o suceso,
dinos o que viche
ou torto ou dereito.

Se non te lembrares
de todo e de presto,
Xepiño, que é pronto,
dirá teus defeutos.

PERUCHO DOS MERLOS:

- ¿Eu? ¿Seica vós tendes,
Antón, o desejo
de ouvirme entre tantos
falar como neno?

¿Eu, mal pecadiño,
contar por extenso
cousas atán grandes
que alí sucederon?

Aínda se foran
os zapatos vellos
que merquei nas rúas
e din ao maeso;

aínda se fora
por darvos contento,
decirvos en como
berraba correndo

"patuyá, patuyá",
descalzo e famento;
"tuyá, apatuyá,
¿hay zapatos viexos"?

Aínda se fora,
contara sen medo
qué couces, qué croques,
qué azoutes me deron

porque non berraba
máis alto que o ceo;
vendise zapatos
se tiña algúns vellos.

Aínda se fora,
n'importa o segredo,
que cousas meu dono
facía no eido

de noite furtando,
de día a pé quedo,
aos vellos zapatos
botando un remendo,

a vez que non viña
con min derradeiro,
na capa embrullado
ajustando o prezo.

Aínda se foran
cousas de tal geito,
falara por vinte,
contara por centos.

Mais cousas da corte
e tanto misterio,
¿eu? ¿Quen cho dixera,
Perucho dos Merlos?

O máis que eu farei,
se podo facelo,
a voa compaña
cumprindo o desejo,

será, pouco ou muito,
contar, se me lembro,
o que ouvín de longe,
o que vin de preto.

Tende conta, homes,
mulleres e nenos,
as cousas e todo
que direin; comenzo:

Antes de San Joán
viran de Arangüeso
o rei máis a reina
cos reás mancebos.

Viran con saúde,
estaban mui ledos
todos no Retiro,
pazo de recreo.

Ja tiñan disposto
coller o vieiro
cara a Valsaíño
a catar o fresco,

cando de repente,
un día, por certo,
día de más fadas,
triste e mui funesto,

a nove de jullo
do ano que temos,
ás dúas da tarde,
pouco máis ou menos,

o rei don Felipo,
estando no leito,
non sein se durmindo,
non sein se desperto,

pois tiña costume,
dempois de algún tempo
de erguerse de noite,
deitarse mui cedo.

Non era malato
nen estaba enfermo,
mais un accidente
colleulle de recio.

Déronlle uns caldiños
mui quentes de presto;
tamén matan caldos
quando quere Deos.

Deulle un gran salouco,
fixo un gran bostezo,
cando unha fechiña
chegou ao gorgeiro.

"¡Oh mon Dieu, mon Dieu!",
falou por extremo;
quedouse en "mon Dieu"
morto sen remedio.

Faltoulle o resollo
e mais os meneos;
sen febre e sen dore
se foi para o ceo.

Corenta e seis anos,
meses máis ou menos,
foi rei das Españas
e mais doutros reinos.

Por fin ja finou,
¡ai, ai, que tormento!
¡Quen cho nos dexera,
cousa tan sen tempo!

Morreu de repente
sen junta de médicos;
aínda por iso
sen os sacramentos.

Habendo no pazo
sempre muitos cregos,
de veces un frade,
ninguén foi de preto.

"É morto de súbito
el-rei" -dixo presto
un que chaman Scoti,
cuido que é marqueso.

A reina, sen folgo
naquele momento,
nen falou mingalla
nen fixo meneo.

Non tiña consolo,
non podían telo,
seus fillos e nora
en tan triste apreto.

Foi nun día sábado,
cando todos cremos
que a reina dos anjos
fai os seus misteiros.

Era mui devoto
e mui rezadeiro
da Virgen da Atrocha,
que lle deu o reino.

Por iso no pazo
aínda están certos
que a Virgen María
o chamou ao ceo.

Nada disto vin,
e vos llo confeso,
non venden no pazo
os zapatos vellos.

Ouvino decire
naquel día mesmo;
a quen, como, en donde
direin sen rodeo.

Estaba eu falando
na rúa do Espello
con outro rapaz,
e tamén gallego.

Seu nume Inaciño,
que andaba vendendo
nas rúas habanos
grandes e pequenos.

Non cuidés que habanos
seica son os mesmos
cós que ó lume asopran
nos lares os nenos.

Non, son de papele
cumpridos dun prego,
pregados, redondos,
pintados no medio.

Con estes as donas
de pouco diñeiro
se asopran, desbafan,
se dan ó ar fresco.

Este, pois, me dixo
o que ja, por certo,
vos teño contando,
sen falta nen erro;

que asín o ouvira
a Amaro Soutelo,
que era da Carnota
e mais carboeiro,

a quen llo dixera
Bernaldo do Bierzo,
lacaio do pazo,
palaquín de pesos.

E que este o soupera
de Afonso Mouquelo,
un dos frega-pratos
naquel pazo mesmo,

en donde á tardiña,
por máis señas desto,
a Afonso llo dixo
un home ja vello

que tiña no pazo
por vida o emprego
de atizar matulas,
mudar candieiros.

E que este, por postre,
ouvira que a un crego
llo estaba contando
un señore quedo

que fora presente
ao triste suceso
no tempo dos caldos
e mais do bostezo.

MARUXIÑA:

- ¡Jesús, Peruchiño,
que conto tan cheo
de cousas sen zelme
e mais de arrodeos!

¿Que fan as matulas,
que fai o Mouquelo,
que fai a Carnota
no caso que temos?

Fai, neno, o que fas,
non sejas toleiro,
conta todo axiña,
fala máis dereito.

Fala pan por pan,
déixate de algueiros,
conta só as cousas
que fan ao suceso.

Tamén quero hoje
gastar algún tempo
contando o que vin,
decir o que penso.

PERUCHO:

Maruxa, Maruxa,
¿eu seica cho nego?
Eu falo o que sein,
ti fala ao teu geito.

Non metas balbordo,
que eu non son rincheiro,
nen teñas cabuxo
porque fun extenso.

O caso foi grave
e pide concerto,
se se ha de contare
a gusto e desejo.

Cala, pois; prosigo,
que queren sabelo
os desta compaña
todo polos dedos.

¡Se virades, homes,
dempois que souberon
a morte do rei
os frades e cregos,

soldados e xefes,
mulleres e nenos,
os probes e ricos
e mais os dos gremios,

os grandes señores,
as monxas e vellos
e mais as das prazas,
que están nuns cubertos!

¡Que gritos, que choros,
que lutos, que berros!
¡Que cousas decían,
e todos gemendo!

"¡Ai, ai, noso rei
morreu nun momento!",
falaban, choraban,
e todo a un tempo.

Con estes ouvidos
ouvín a un cego
chorar na zanfona
con son lastimeiro.

Choraba, cantaba:
"Jesús, Padre eterno,
¿que présa corría
a morte do reino"?

E vin que no banco
que tangue o pequeno
os ferros, que saltan,
quedábanse quedos.

¿Non vistes no mato
a vez que un jovenco
perdeu súa nai
e dá muitos berros?

¿Ouvistes o ruído
que fai con os ventos
o mar da Lanzada
cando está enquieto?

¿Vos lembra do estrondo
que fai no inverno
o trebón con raios,
centellas, lostregos?

¿E mais dos estoupos
que as pezas de ferro
estralan co fogo
na ría de preto?

Así todos, todos
os sinos, a centos,
que están nas igrexas
e mais nos mosteiros,

campás e chocallos,
grandes e pequenos,
fendían o aire,
queixábanse ao ceo.

Facían tal ruído,
estrondo e lamento,
que nos aboujaban
sen achar remedio.

Dempois non o vin,
mais supen, por certo,
que o corpo do rei
o lañaron presto.

Sacáronlle a maga,
botáronlle drento
sal e mais vinagre,
allos e mais cheiros.

Porque non fedese
o corpo algún tempo
o atustullaron
de muitos ingüentos.
[...]

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega