Conto de fadas

 

(Texto íntegro)

 

v1anisiamirandacontofadas.html

     As bolboretas Yin e Bibí, que falan á mesma vez, pedíronlle a Compay Grilo:
     -Cóntenos un conto de fadas, reis, princesas, castelos e todo eso...
     -Ben, pois contarei un conto de todo eso. Aquí vai:
     -O avó, do avó, do avó de meu avó, que non nacera en Cuba senón nun país lonxano, coñeceu a un rei que vivía nun castelo que esta na cima dun coto.
     Este rei non era moi bo. Estaba alá enriba, sin ocuparse dos que vivían na parte de abaixo do coto, no pobo. Alá estaba, cunha morea de cociñeiros, e coa súa muller, a raíña; a súa filla, a princesa; e o seu fillo, o príncipe; seis fadas boas e seis fadas ruíns.
     Os cociñeiros traballaban a reo, porque ó rei o único que lle gustaba era comer. A raíña, choraba. O príncipe e a princesa, aburríanse. As seis fadas boas, cada pouco dicíanlle ó rei:
     -Súa Maxestade non debera comer tanto. Olle como se puso: gordo, regordo que a costureira para facerlle a roupa, pon a máquina de coser no patio e teñen que axudarlle dez homes porque ela non pode coa tea...
     Pero viñan logo as fadas ruíns e dicíanlle:
     -Non lles raga caso a estas babecas, Maxestade. Non hai nada mellor que comer: doces, pan, salsas, fritos e mais fritos... Ademais, véselle moi bonito así.
     E o rei, como era lambón, seguía o consello das fadas ruíns. E tanto engordou, que a xente do pobo foino sabendo e todos querían ver ó barrigudo. E un dixo que o bandullo do rei non cabía pola porta... e outro, que non cabía no patio... e a verdade era que ninguén sabía o grandor daquela barriga.
     Un día, Rui, o xastre mozo do pobo, díxolle a súa irmá, que era panadeira:
     -Escoita Linda -así era como ela se chamaba-, imos ir ó castelo para ver ese rei; gustaríame saber se lle podo facer a roupa.
     -Pois imos -dixo Linda-. A min gustaríame saber de que tamaño lle tería de facer o pan.
     E sube que sube polo coto arriba, chegaron ó castelo, pero estaba pechado. Entón procuraron algunha regandixa por onde mirar. Atopárona pero non viron ó rei senón á princesa e ó príncipe, e chamáronos:
     -¡Shiii!
     E cando se achegaron os dous, Linda preguntou:
     -¿Vós sodes os fillos do rei?
     -Si -contestou a princesa-, e aburrímonos.
     -¿E como é eso?
     -Cansámonos de xogar a todos os xogos; non temos nada que facer -contestou o príncipe.
     -Eu nunca me aburro: traballo, paseo, vou ás festas, leo... -dixo Rui.
     -Eu tampouco me aburro -dixo Linda.
     -Pois nós, si -volveu a decir a princesa-. O único que se ve aquí é comida e mais comida porque as fadas ruíns dinlle a papá que coma todo o día, e papá non lles fai caso ás fadas boas, que lle din que coma só o necesario.
     -¡Pois vide con nós- invitou Rui-, así cando menos camiñades un pouco!
     ¿E sabedes o que pasou na derradeira? Algo raro: a princesa casou co xastriño; e o príncipe, coa panadeiriña.
     O rei, ¡nin se enterou! Os dous foron vivir no pobo: a princesa cosendo; o príncipe facendo pan.
     E aconteceu algo máis raro aínda. Certo día todos viran que do palacio saían os cociñeiros e as seis fadas boas, coa raíña, que xa non choraba, ó frente. E que nin ben chegaron ó pobo desapareceu o castelo. E aínda máis: ó seguinte día, as sete mulleres puxéronse a traballar coas xardiñeiras do pobo. ¿E os cociñeiros? Entre todos atenden varios comedores onde se come ben o necesario, quentiño e a boa hora.
     ¡Este é o conto de rir que lles contou Compay a Yin e a Bibí!.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega