Columnas de papel. A lingua e outras vidas

 

Sudáfrica

 

v3xabierdocampomisteriobadaladas005.html
     Con relativa sorpresa e agradecemento leo no FARO do xoves, día oito, a resposta que o Señor Embaixador de Sudáfrica en Madrid, David V. Louw, ten para co meu artigo "África", publicado na data do 19 de setembro pasado.
     Sorpéndese el tamén pola miña "ofensiva visión dos vinte e cinco anos de encarceramento do Sr. Nelson Mandela", líder reivindicado por toda esa negritude que o Goberno de Pretoria non é capaz de acalar nin coa violencia que arestora amosan as imaxes dos satélites; e polas que nos é doado ver e sabermos nas nosas casas, no íntimo das nosas conciencias. E iso si
que pode ser, éo xa polo menos para min, unha ofensa á nosa dignidade de cidadáns do mundo.
     Cabe aínda supor que, alén das cámaras que recollen a represión máis superficial, exista esoutro xeito de violencia máis terríbel, cal é a continua negación, ata os lindes da utopía, dos elementais dereitos a vivir como persoa, libre, por endexamais ofendida.
     Debo agradecerlle ao señor embaixador esa referencia á posibilidade, subscrita polo Sr. P.W. Botha na data do doce de febreiro último, de deixar en liberdade a Nelson Mandela. Permítame, con todos os respectos, dubidar se ese brando corazón do presidente do Estado, respecto destas declaracións, non obedecerán máis ben ás moitas e non sei xa se graves presións dos países que "avisaron" -aínda que de xeito ben sutil- ao Goberno da República con inminente retirada e as humanitarias intencións para co preso. Liberar ao Nelson significa, para min e para moitos, dar tamén a liberdade polas que hoxe seguen atentos Winnie, a esposa, e milleiros de persoas; cómpre non esquecelo.
     Certamente, eu, aquí en Galicia, tiña apenas quince anos cando o encarceramento de Mandela. Como ben sabe, as luces da comunicación eran entón tan cativas e filtradas que acaso África, o continente humillado, fose para moitos nenos do mundo (os galegos cando menos) pouco máis ca un inocente paraíso, a gran selva, o deserto, os ríos, as cidades, o marfil... e, quizais aló no sur un soño ou un imperio de diamantes. Mais algo non debeu cadrar moi ben no comboio da Historia cando ata aqueles nenos de onte chegan hoxe as voces da negritude coma un clamor, pedindo arreo a súa dignidade, que non coutan todas as cadeas do mundo nin os muros nin os cómplices silencios. Pois que rompe o mar ao fin todos os diques.
     E quero agradecerlle, Señor Embaixador, xa por último, e tamén especialmente, que se dignase a ler o meu artigo, escrito en galego, que como ben sabe é o noso patrimonio máis auténtico de cultura oral e escrita. O seu amábel exemplo de lector na nosa lingua, sirva xa de verdade rotunda para todos cantos aínda seguen a crer que o noso idioma non serve senón para o suburbio ou para as loucas minorías. Como ve, estamos tamén aquí a refacer un país ben antigo, resistimos ao furacán que varre os inimigos íntimos, a morte, en definitiva.
     Prometo, para cando sexa verdade esa liberación total que vostede sei que procurará e arestora soamente anuncia coma unha data incerta, escribir de volta e para a luz de toda África, polo ben de todos, pola non violencia, pola integración... E, como non, terei presente na miña memoria esa súa amizade que por hoxe se permite darlle as grazas pola atención que fixo posíbel o atrevemento e a frescura deste artigo.

Faro de Vigo
   18 de outubro do 1987  

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega