Como homes

 

(Texto íntegro)

 

v2loisdieguezcomohomes.html

     Baixaran os lobos pola noite fria para bater contra as portas das cabanas. As ovellas xuntaran as cabezas para protexer-se e os brados partiron dos cortellos contra a neve azul e contra a lua.
     Na amañecida do sol viron a desfeita: as portas rebentadas, os tenros corpos dos años e dos becerros ciscados en anacos pola campa branca. Os xornais deron conta detallada da carnizaria. Pero non habia máis foto que a dun corpo coa barriga aberta ao funil escuro, e na televisión foron primeiros planos de sangue callado tinguindo a neve, unha pata, unha cabeza, as tripas. Foi, logo, orxia de lobos feroces amparados no abisio e na tormenta da montaña ; como seria, agachados na soidade e na descarga mortal, tamén na sombra, orxia de homes a de matar tanta res para comer, impunemente, dia tras dia.
     Mais só un atolado mozo que subia nas noites de luar ao Cuíña para ouvear -un xeito, por outra banda, de serenar as velocidades da incansábel vida-, dixo ante as pantallas, "pero señor, tamén os lobos teñen que comer. Coma nós".


     O parque da cidade grande, na noite prácida con lua chea. É inverno, mais hoxe o tempo anunciou unha trégua e a temperatura suavizou tanto que mesmo vai calor. O mozo ollou pola xanela e, animado, apagou o televisor poñendo expresión de respiro. Meteu-se pola avenida principal do parque, tenuamente alumeada, e percurou o recuncho máis escuro para poder aprezar sen obstáculos o esplendor da lua. Baixo ela via-se a ponte romana atravesar o rio, e este, ao subir, meter-se entre os novos edifícios da Feira-Exposición e os xa vellos do Clube Fluvial. Logo, o Penarrúbia, as luces vermellas e ailladas das antenas coroando cumes.
     Asi está o mozo, comodamente sentado no banco do parque, a absorber o encanto da paisaxe. Aspira o arrecendo da erva segada e festexa o canto curto da curuxa cun cigarro. Mais asi enviso e feliz non ouve o tripar da pouta ferreña nen o axexo dos ollos de lume que desde hai tempo o veñen controlando. Sente o corpo do animal cando xa o ten enriba, deitado el no chan, sen cre-lo ainda, as gadoupas cravadas nas pernas e no peito, e os coitelos dos dentes entrando-lle no pescozo, entrando e afastando-se a outra parte do corpo como se o lobo gozase coa tortura que antecede á morte. O mozo xa non pode berrar. Os seus ollos van quedando fixos, moi abertos. Dura longo a agonia. Moito antes de que o lobo espete fondo os dentes na gorxa, ainda lle ha de abrir o peito, esgazar as ínguas, afuciñar no sexo como se tamén lle quixese percurar un derradeiro pracer na dor aguda.


     Ascendeu, mareado de sangue e de fartura, ao faio do altísimo edifício do casco vello da cidade augusta. Ao animal chegaba-lle a hora e percebia-o. Deitou-se sobre a alfombra a lamber coa língua o sangue do fociño e o das poutas. Logo puxo ollos soñadores, o lobo. Ao pouco chegaron as convulsións. Sentia-se morrer. A verdade é que arremedar o ciclo renovador da serpe imortal nun animal tan grande e intelixente non debe ser precisamente voluntário. Durou-lle toda a noite, con vómito de carne non mastigada e desmaios, até que o corpo espido do home xurdiu, tan selvaxe, fermoso e vingativo como a própria criación. E na xanela, ao mirar para o parque anegado na luz grisalla do mencer, chorou. Chorou.

LOIS DIÉGUEZ
Orbazai, novembro 1998

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega