Crónica desde Alemaña. O crebacabezas de Berlín

 

(Texto íntegro)

 

v9franckmeyercronicadesdealemanha.ocrebacabezasdeberlin

     Berlín é unha cidade esquizofrénica. Claro que para moita xente as connotacións que provoca a capital alemana son as de fascinación e interese. A realidade cultural parece confirmar esta impresión. Onde senón hai tres óperas, unha cantidade tan inmensa de teatros para todos os gustos, desde o máis oficial ata o máis subversivo? Unha filharmónica con semellante sopa internacional? Os museos son innumerables, hainos de todo tipo: históricos, antropolóxicos, arqueolóxicos, de arte, de culturas...
     Berlín incluso ten unha illa enteira con museos, a chamada Museumsinsel, patrimonio cultural da humanidade desde 1999, un proxecto que se remonta aos reis de Prusia de comezos do século XIX e que nos últimos anos se está rehabilitando. Despois de décadas en que se atopaba á sombra do Muro volve formar o centro máis céntrico da capital, en medio do río Spree. É aquí onde se pode ver o busto de Nefertiti, o altar de Pergamon, os románticos alemáns e os impresionistas franceses. Logo están as fundacións máis recentes como a Casa das Culturas do Mundo ou o impresionante e desconcertante Museo Xudeo. Pero hai máis: toda a arquitectura do poder e da política, o parlamento federal, a chancelería, as embaixadas, pazos de varios séculos, monumentos famosos... Un chau impregnado de Historia, de tantas cousas que pasaron en Berlín e que tiveron unha transcendencia internacional. Diríase, abofé que si, que un turista tería problemas para aburrirse aquí.
     A beira da cultura oficial, ademais, respírase un ambiente que atraen sempre a moitos artistas dos países máis diversos. O alcalde Klaus Wowereit, guay e gay, parece a persoa ideal para encarnar esa atmosfera especial. Os amplos espazos de Berlín convidan a descubrir sitios inhabituais, a ensaiar novos estilos e desenvolver novas perspectivas. Os anos posteriores á unificación caracterizáronse por unha grande efervescencia, Berlín como laboratorio, como obra que xamais se acaba, como crisol e como parque de atraccións. Con que Berlín como centro de Centroeuropa?
     Quén sabe, pois visto desde Alemaña tamén se podería chegar á conclusión que esta cidade é dabondo periférica, e non só xeograficamente. O taboleiro co horario dos trens na nova e faraónica Estación Principal parécese máis ao dunha vila que ao de Colonia por exemplo. As grandes arterias infraestructurais de Alemaña pasan por outros lados. Berlín queda á marxe. E se intentan coller un avión de Nova York á capital alemana chegarán primeiro a Frankfurt, pois non hai conexión directa. Aínda que Berlín ten tres aeroportos, estes non son moi grandes. Haberá que ver o que cambiará o novo centro aéreo supermoderno que xa está en fase de planificación. Quedará sobredimensionado como a Estación Principal de ferrocarrís? Xa veremos.
     Velaí unha das contradicións desta cidade: a vontade de volver convertela no grande centro de Alemaña está aí, alo menos por parte dalgúns, sobre todo políticos, mais logo é como se faltase a xente para algo tan grande. E que pasa cando a oferta é máis grande que a demanda? Os prezos caen. E así Berlín é unha das capitais máis baratas de toda Europa en canto aos gastos de vida e da vivenda. Ao aluguer un piso bonito é posible que che regalen a primeira mensualidade... Un paraíso para estudiantes e artistas descoñecidos. Ao contrario do que pasa en Madrid ou París a capital alemana tampouco é un importante centro económico: a penas queda emprego industrial. Fronte a zonas dinámicas como as de Múnic, Hamburgo ou Stuttgart, Berlín é unha especie de barbeito; só unha empresa do índice de bolsa alemán DAX ten a súa sede aquí (e, hai pouco, foi comprada por outra).
     Berlín é unha cidade esquizofrénica. A parte de ser a capital alemana tamén é un dos 16 Estados alemáns e, como tal, atópase praticamente en bancarrota: as débedas suman 60 mil millóns de euros. Sendo así, o Goberno de Wowereit, composto por socialdemócratas e excomunistas, apelou ao Tribunal Constitucional para que se constatase o estado de excepción financeiro, o cal implicaría a obriga da Federación é dicir, o Goberno Federal de asumir parte da débeda de Berlín. Ora ben, o Tribunal Constitucional sentenciou que as finanzas da capital non acadaban aínda unha situación límite, que os seus gastos per cápita excedían en moito aos doutros sitios comparables, no caso concreto aos de Hamburgo, e que, polo tanto, Berlín debería facer máis esforzos para aforrar e sanear os seus orzamentos.
     As consecuencias para a cultura van ser immediatas. As óperas, que xa hai uns anos foron asociadas nunha mesma estrutura administrativa, teñen un futuro incerto. Wowereit, a xeito dun xogador de póker, alterna entre as ameazas e a esixencia de que o Goberno Federal asuma a responsabilidade polo menos da Deutsche Staatsoper, é dicir, que a financie. O que, de certa maneira, hai detrás de todo isto é tamén a cuestión de se se quere unha capital nacional de proxección internacional ou se Berlín é un simple Estado nun sistema federal, ao igual que o Sarre ou Mecklemburgo-Pomerania Occidental.
     Despois da sentencia do Tribunal Constitucional de outubro de 2006, moitos se alegraron, sobre todo os primeiros ministros dos Estados ricos do sur: Baviera e BadenWürttemberg, que prefiren fomentar Múnic e Stuttgart que sanear o que tamén se ten chamado a "capital do precariado", Berlín. Sen dúbida, esta atitude non é só a expresión dun pensamento económico recente senón tamén a herdanza do federalismo alemán no que cada Estado defende celosamente os seus intereses. O resultado histórico desta situación é a existencia de moitos centros na xeografía alemana: Frankfurt como centro da banca e das infraestructuras, Hamburgo como centro da prensa e do comercio, Múnic como o das novas tecnoloxías, etc.
     A fin de contas, historicamente Berlín foi a capital de Prusia e dos nazis. O seu valor simbólico para a reunificación é incuestionable, ningún nutro sitio representaba tan ben o pasado traumático e o futuro esperanzador. De aí a decisión de trasladar a capitalidade de Bonn a Berlín. Sen embargo, xa é máis difícil velo como símbolo para a tradición democrática. Ademais, en moitas rexións persistía a lembranza de Prusia como o Estado máis potente que forzara aos demais a unirse baixo o seu liderado en 1870. De aí que a decisión parlamentaria referente á capitalidade fose, a comezos dos 90, tan axustada. E agora, no contexto dos cartos e da axuda interestatal, é cando rexorden estes resentimentos.
     Sen darlle á razón á estratexia de regateo de Wowereit, está claro que tampouco o outro bando fai mostra de magnanimidade. A miúdo confúndense espirito federalista e tacañería provinciana. Mais todo este crebacabezas de tanto politiqueo non parece afectar nin ao ambiente nin ao encanto de Berlín. O número de xente que no verán pasado, ao longo doCampionato Mundial de Fútbol, se reunía a milleiros diante da Porta de Brandeburgo para riren e choraren xuntos, excedía bastante o doutras cidades. Foi aquí onde se celebrou a Selección nacional. Nesta capital esquizofrénica á alemana que non nos dá respostas senón que nos cativa e inspira coas súas preguntas. Berlín é unha obra sen acabar, como a vida.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega