Criadores superviventes baixo o franquismo: O caso de Ken Keirades

 

[Texto íntegro]

 

v2xcgarridocriadoressuperviventes.htm
     Manuel García Barros, comezou a usar o pseudónimo Ken Keirades para resumir toda unha longa ringleira deles que viñera usando con desigual sorte co fin de mitigar a persecución polos seus reiterados delictos de "opinión" nos xornais nos que viña colaborando desde os tempos do agrarismo. Represión que non evitaba por moito que mudaba a camuflaxe nominal polo que finalmente optou por manterse nese anonimato célebre que o identificaba.
     Nace nunha parroquia do polimorfo rural estradense no 1876. Logo dun percorrido vital semellante aos de moitos "nenos labregos", co ingrediente da preocupación pola "cousa pública" desde moi novo, chega ao período republicano logo de atravesar o ecuador da súa longa vida, consolidándose como escritor maduro con "Contiños da Terra", como un dos autores literarios máis populares e lidos. As súas colaboracións en "El País" de Pontevedra, "El Pueblo Gallego", "El Emigrado" —do que era redactor xefe— e as revistas da emigración, facían deste estradense un intelectual consagrado aínda cun estilo xenuíno e cunha peculiaridade que o facía senlleiro no panorama cultural: a súa ostentación da condición de labrego. E estar orgulloso de ser labrego é tanto como dicir conxugar a conciencia de clase coa conciencia nacional. Naquela altura, de correntes ideolóxicas importadas e reproducidas mimeticamente, os obreiros semellaban mais susceptibles de sentirse apátridas, e os labregos e mariñeiros estaban máis propensos a poñer os pés na terra, afociñando coa cuestión nacional logo das consecuencias que para eles se derivaba das distintas lexislacións globais que non atendían a especificidade galega.
     Os seus antecedentes nas "Irmandades da fala" e o seu combate polo Estatuto, fixeron que fose identificado como galeguista, non en tanto militaba na póla autonomista de Izquierda Republicana. Provinte do agrarismo aínda que desenganado do seu pactismo e apoliticismo favorable ao poder, tiña que recoñecerlle a este movemento o mérito de ter erguido aos campesiños a condición de "xente", segundo as súas palabras.
     Ex-nacionalista ou proto-nacionalista pero naquel entón non poderíamos ir máis alá de definilo efectivamente só como galeguista. Certo que sostiña a necesidade de escindirse e constituírse en Esquerda Republicana Galega, unha vez que non se precisase a súa coordinación Estatal para conseguir o Estatuto. Certo que pedía o voto polos candidatos galeguistas. Pero o seu anti-clericalismo a súa implicación laica co movemento de renovación pedagóxica local, e as súas diferencias cos galeguistas estradenses e as súas amizades co grupo republicano local, fixeron que nunca se consumara a súa militancia no PG a diferencia do seu fillo David que foi encamiñado cara ás mocidades, entre outras cousas por ser fillo de quen era.
     O caso é que tanto o seu esquerdismo e o seu galeguismo turraban del para unha e outra banda e non remataba por asentar este rebumbio interno reflexo do rebumbio externo, cando se produce o golpe de Estado. Comeza unha longa, definitiva pero interminable fase da súa vida caracterizada pola disidencia e combate á dictadura.
     O seu é un exemplo ilustrativo da resistencia ao dominio franquista porque esta tivo moitas formas e múltiples contradiccións que só se poden avaliar se un se sitúa no concreto, mesmo no caso individual. Con dificultades para coordinar unha resposta colectiva e articular unha estructura estable, cada quen pelexaba contra Franco ao seu xeito e desde a súa situación particular. E o curioso é que isto é o que nos permitirá ter unha visión de conxunto porque un anti-franquismo des-localizado e desencarnado, as veces resulta difícil de comprender porque ao levarse á cabo desde a clandestinidade, con todo o que isto arrastra, ás cousas nunca son o que parecen.
     No 36 Manuel García Barros, xunto co seu fillo das Mocidades Galeguistas, son sacados da súa casa e logo de varios acenos de execución polo camiño, son levados ao "cuartelillo" onde son humillados xunto con moitos outros militantes republicanos estradenses que obrigados a desfilar, cantar o "Cara ao Sol" e finalmente compartir menú, isto é, engulir o famoso aceite de rícino.
     Son castigos menores entre os que cabe sinalar o de borrar coa man e sosa cáustica as pintadas pro-Estatuto do pavimento das rúas locais. E é de subliñar isto porque o seu fillo xunto co seu mestre deste, o profesor galeguista Antonio Fraguas, nunca esquecerán esta vexación.
     O caso é que a represión política estábase a converter nun lucrativo negocio: poder secuestrar e pedir un rescate sen ter consecuencias penais é o paraíso de calquera delincuente. Esta práctica non era allea ao consentimento oficial que só cando tocou algún adiñeirado parente de militares foi freada polo propio réxime pois o incentivo particular debía ser regulado para impedir este tipo de conflictos de intereses.
     Mais, secuestrar pobres as veces non cubría os riscos, nalgún caso os perseguidos revirábanse e algún dos cuneteiros remataba perdendo unha perna na refrega como ten ocorrido.
     Nese caso os "valentes" eran homenaxeados e recoñecidos por méritos de guerra de xeito que tal como se veu reflicto no devandito caso do zanco ferido: un fuxido disparoulle cando era queimada a súa casa coa súa familia dentro na parroquia estradense da Somoza, o propietario do membro mutilado puido vivir do favor oficial o que lle restou de vida, e mesmo os seus descendentes herdaron ditas honras, co cal a teoría dos facciosos incontrolados non ten máis base que a necesidade posterior de lexitimar o réxime desentendéndose dos "excesos" dos primeiros días.
     Non é a orixe dos "paseos" os rancores previos senón que os paseos son efectivamente oportunidade de dirimir disputas anteriores nuns termos antes impensábeis, pero non se aprecia hostilidade persoal anterior en moitos casos e mesmo veñan de outras localidades (Vilagarcía especialmente) para que poidan ter menos miramentos. E, como dixemos, tampouco se debe xulgar a represión desde o exclusivo punto de vista da ganancia económica porque as veces as víctimas non tiñan un can. A represión era un xenocidio político en toda regra: eliminar a un sector ideolóxico da sociedade, e punto.
     Por iso foron a por Ken Keirades, polas súas ideas e non polo seu peto, xa que aínda que non era un pobre de solemnidade, non deixaba de ser un mestre con todo o que iso implica a nivel económico naquel entón onde un dito ilustraba a súa situación: "pasa máis fame que un mestre de escola". Nesta persoa evidenciase a persecución ideolóxica pura e dura, fría e calculadora.
     A familia non dispoñía da cantidade suficiente coa que subornar aos falanxistas e tampouco Ken Keirades se prestou a delatar a outros ou a de asinar como testemuña falsa nalgún dos moitos cambios de propiedade de terras lindeiras para o cal os falanxistas espoliadores requirían da súa colaboración. A morte parecía certa.
Foron as mulleres da familia as que se tiraron a petar na porta dos coñecidos de outrora das casas máis podentes, quen finalmente, despois dalgún chasco —os amigos coñécense nas ocasións— reuniu a cantidade esixida. Isto é, nada menos que 20.000 pesetas daquela. Nuns tempos nos que a vida estaba tan cara, a morte administrábase con grande xenerosidade.
     Esa experiencia marcou a un García Barros que levou moitas decepcións pero tamén agradables sorpresas. Algún dos que viña de despelexar nas páxinas de "El Emigrado", cuestionando a súa honestidade, como é o caso da corporación municipal, enfróntanse aos militares con lealdade e son fusilados por defender a legalidade vixente. A Valentín Paz Andrade, que o puxera verde na prensa por tránsfuga galeguista, co tempo sería obxecto da súa gabanza e requiriría dos seus servicios.
    Outros que avalara coa súa pluma —v.g. Pérez Viondi, o cuñado de Castelao— agora vestían o uniforme militar e desfilaban celebrando cada victoria dos chamados "nacionais".
     Con todo, apesares de estar baixo sospeita e ameazado, alberga na súa casa a diversos fuxidos de distinto orixe ideolóxico, contacta coa guerrilla comunista, acolle ao director do xornal radical-socialista Sánchez Brea, e acubilla ao poeta estradense e secretario do PG da Garda, Ramiro Alfonso Castro Dono.
     Este último pasa 10 anos no faiado da casa, saíndo as veces disfrazado para botar unha man coas tarefas da casa e para alternar faiados doutros parentes aos que a súa presencia continuada puidera comprometer. Castro Dono, poeta novo e de grande talento, ten a súa obra hoxe atópase case descoñecida, pero é preciso que se saiba que algúns dos versos anónimos de combate que circularon por aqueles anos son da súa autoría como é o caso do "Cara ao Sol fachí" que escribiu na casa de Manuel García Barros. Debe pois corrixir a súa referencia Claudio Rodríguez Fer na súa magnífica obra "A literatura galega durante a Guerra Civil (1936-1939)" pois suxire que pertence ao propio Ken Keirades.
     Lembremos o seu texto:

"Car'ó sol coa camisa bermella,
estrela e fouce ó curazón
chimparei ós fachis pol-á orella
da céltiga nazón.

Formarei na troupe libertaria
da rebel Galiza proletaria:
que d' América virá,
pr' acá coa estrela da libertá.

Si che din qu'inda está alí,
sorrí,
que axiña a verán aquí.

Voltarán d' América os fuxidos
ós nosos mártis a vingar
e andarán os fachis encollidos
sin ter pra onde liscar...

Volverá o abrente da fartura
que en chegando os roxos se asegura.
¡En pé galego, érguete xa,
qu'en Galiza alborexando está!"

     Este improvisado taller literario tamén tiña moito de seminario de estudios filosóficos. O trunfo da forza bruta foi mal encaixada polos intelectuais. Habería que volver o século das luces, reler a Kant e aos adoradores da razón. Mais estes fuxidos non só lían senón que recollían en cadernos a escolleita de textos de librepensadores e ilustrados para superar a atmosfera inquisitorial. Alí estaba Voltaire, Rousseau, Diderot, Holbach, Mably, Pastor de Pellico, Glootz, Courrier, Garibaldi, Saint Just, Lamartine, Renan... Facíanselle copias en papel de carbón e distribuíase para degustar na intimidade como se fose whisky durante a lei seca norteamericana.
     A igrexa toma partido na guerra. O Papa Pío XI dá a luz a encíclica "Divini Redentoris", e o 1 de xullo do 37 os bispos publican unha carta conxunta bendicindo ao bando "nacional", coa excepción do bispo de Victoria e Tarragona que non asinan. O Cardenal Goma bautizará o "movemento" como "Cruzada Nacional".
     Co cal os republicanos xa sabían de que lado estaba Deus. Por iso cando o crego da parroquia se consolaba da perda dunha batalla lembrando que "siempre nos quedará Dios". García Barros replicará, "hai que matarlle a Deus".
     E matando a Deus aos poucos, ía escribindo diversos ensaios filosóficos que tiñan en común a mesma tese: A verdade imposta pola forza non parece ser verdade. Se fose verdade non precisaría da forza.
     En "Sobre lo Discutible e indiscutible" de 1939, García Barros faise a mesma pregunta que os mercadores lle facían a Don Quijote cando os ameazaba coa espada senón afirmaban que "no hay en el mundo todo doncella más hermosa que la emperatriz de la Mancha, la sin par Dulcinea del Toboso". Decían os comerciantes "Señor caballero, nosotros no conocemos quién sea esa buena señora que decís; mostrádnosla: que si ella fuere de tanta hermosura como significáis, de buena gana y sin apremio alguno confesaremos la verdad que por parte vuestra nos es pedida"
     Evidente a réplica do Don Quijote non pode ser outra: Que mérito ten recoñecer a verdade cando se ve. É a trampa da loucura, é o trunfo da irracionalidade, é dinamitar a intersubxectividade, en definitiva, o "asalto á razón" de que nos fala Georg Luckács.
Ademais deste ensaio, ten outro en español titulado "Para el buzón del Padre P."
     Este uso do español hai que entendelo no marco dunhas circunstancias nas que para el, neste momento, era máis importante o contido que a forma, trátase de chegar a máis xente e desmontar os argumentos do nacional-catolicismo. Logo, máis adiante, decatarase que a forma tamén é contido, e mesmo chegará a escribir oracións en galego para darlle entrada ao noso idioma nas celebracións sociais (festas patronais), pois chegou a conclusión que de seguir a política franquista de etnocidio, a língua acabaría por extinguirse. Mesmo ideou unha rede clandestina de falantes do galego para conservar o idioma contra toda presión.
     No 1940 entra en contacto con Castelao e Otero Pedraio. Consegue dalgún xeito enviarlle algúns orixinais ao exiliado, concretamente unha carta a contrapunto con Otero que se chama "Sonata de Outono". Escrébelle: "Fai tempo que non fago nada disto. A pruma que tanto amei cáiseme agora das mans, e o papel branco que tanto me atraguía repéleme tamén dun xeito invencibre. ¿Por que? Deixemos as interrogacións a unha banda. É a vida algo tan incerto que naide sabe o que os días (cabalos do tempo) lle poden carrexar"
     O estado de ánimo da derrota non impide que volva a solidificarse na súa escrita a saiba dunha terra que debaixo das cinzas empurra con novos gromos a desentullarse de tanto chamusco.
     A primeira consecuencia do franquismo na creación artística e literaria é a inhibición, Castro Dono queima as súas poesías e deixa de escribir. Mais a segunda, para aqueles que porfían en seguir a crear, é ter que facelo dentro das marxes de manobra que deixa o réxime. Ken Keirades queixase que os mozos galeguistas queiran representar a "Virxe do Cristal" de Curros e replica: hai que representar "O divino sainete". Pero sabe que eso é irrepresentábel. Cando envía os ensaios filosóficos por canles segredos e co pseudónimo "Fulgencio Tizón", comenta que si iso caera en malas mans podería ser fusilado. Por iso dubidaba da idoneidade de facer unha historia de Galiza como a que pretendía Otero se non se podía pronunciar aquelas personalidades e feitos máis relevantes para a autoconciencia do país.
     Por outra banda, si un publica dentro desas marxes podería estar a lexitimar un réxime que mostraría unha falsa permisividade. Pero si non se publica, si se opta polo retraemento... sería autodisolverse como escritores e intelectuais.
     En García Barros concorren todas estas contradiccións. Primeiro tece unha rede de colaboradores, unha ducia de mozos novos que lle pasan os seus textos a máquina, e logo distribúe entre unha serie de lectores escolleitos dun círculo a cada paso máis amplo. Mais é consciente de que as novas xeracións non saberán de quen el foi nin de que este país tivo un esplendor literario. Séntese tentado a colaborar na prensa que require os seus servicios.
     Inicialmente négase co argumento de que decidira manterse á marxe mentres as circunstancias políticas non cambiaran. Máis como estas non tiñan trazas de cambiar, animado por outros galeguistas, remata por enviar a "La Noche" unha poesía feita a principios de século, e cun contido costumista.
     O uso da súa colaboración como argumento dos falanxistas da vila para vender a súa adhesión ao réxime provocou tal reacción en García Barros que acorda nunca máis publicar nada.
     No 1942 remata a obra "As aventuras de Alberte Quiñoi" e tenta editala en Arxentina, alá tamén re-editará os "Contiños da Terra", e continuamente buscará o xeito de enviar ao exilio as súas colaboracións, á BBC de Londres, aos Centros de Emigrados, ata chegar nos anos 60 a colaborar con "Vieiros" de México.
     Máis a frustración dun creador neste marco represivo nunca pode ser ben ponderada. Moribundo no seu leito de morte accede a que publiquen a súa novela debidamente podada para permitir que pase a censura. Mais el nunca a chegará a ver cos seus ollos o libro impreso pois o 12 de abril de 1972, uns días antes da saída do prelo, deixará de existir con tempo suficiente para poder ser soterrado o 14 de abril, co fin de aproveitar a data tamén para amolar a unha dictadura, contra a cal, —como dicía a Garda Civil ao seu fillo— "no hace más propaganda porque no puede".
     A volta da escuridade na creación terá consecuencias irreversibles. Desde a narrativa de evasión ata a literatura máis panfletaria non deixa de ser un efecto da dictadura. Unha literatura como a galega que tardou séculos en levantar a cabeza, non poderá repoñerse doadamente deste trauma. As xeracións que se perderon eran os cimentos dun prometedor futuro, que polas razóns aquí expostas acabou rematando nun mediocre presente. Aínda non estamos a altura do noso pasado.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega