Días de Losada na Estrada

 

 

v2xcgarridodiasdelosadanaestrada.html

     Podemos adiviñar a pluma de García Barros detrás da necrolóxica de Antón Losada Diéguez no "Emigrado" do 31 de outubro do 1929. "Caeu o loitador esgrevio como n´outrora caeu Porteiro, almas xemelas ambas no ideal que as guiaba cuias voces soaron unísoas cando o despertar arelante do sentimento galeguista".
     De seguido refírese o pesar que causou no noso concello a súa perda, pois na Estrada "de onde Lousada era mais que de ningures" é onde pasou a súa infancia, mais sobre todo onde "afiando o seu verbo" no movemento agrarista sería o que encarnaría o parto dun nacionalismo de masas forxado nunha batalla electoral frustrante que, como todas as derrotas, serviu para aprender dela moito máis que si se tivera producido unha vitoria.
Castelao na súa carta aos estradenses publicada na revista da sociedade de emigrados do noso Concello en Arxentina, lembra: "Na Estrada topei c-un amigo entrañable, un irmán par-a causa que debía embeber a miña vida. Era Antón Lousada Diéguez".
     Tamén para Ramón Otero Pedrayo A Estrada ten un recendo a Losada: "Es patria del catedrático y escritor don Antonio Losada Diéguez", escribía na súa "Guía de Galicia".
     Mais non sendo este o seu lugar de nacemento, transcorrendo a súa vida por algúns outros eidos ata o seu pasamento en Pontevedra, esta imputación non nos resulta inocente, e vindo de quen ven está claro que non obedece a intereses localistas por disputarse con Boborás a este intelectual de sona. Senón, pola contra, esta naturalización lémbranos ás Constitucións que desde á guerras médicas, pasando pola revolta de Cromwell na Inglaterra, ata as revolucións máis contemporáneas, quixeron recoñecer os dereitos que se lle negaba por razóns de nacemento, a aqueles que loitaran pola súa causa. Por iso existe un apartado específico na Constitución Cubana para recoñecer a nacionalidade ao Ché Guevara. É a mesma razón pola que os nacionalistas lembran ao Losada Estradense por enriba doutra localidade á que dedicara a súa sempre inxente actividade social, política e cultural. Reivindicando a Losada para A Estrada, remitíano a un proxecto de país que transcendía por primeira vez este ámbito parcial e particular. Aquí é onde por primeira vez se deu dun xeito nidio e irreversible o salto cualitativo do local ao nacional. Aquí coincidiu o paso dunha determinada traxectoria vital individual cun momento de desenvolvemento da acción colectiva que permitiu consumar nunha personalidade como a súa o matrimonio entre unha nación que non tiña conciencia de si e unha conciencia nacional que non tiña un pobo que á apreixara. Losada, o intelectual fóra de xogo, topaba ao fin o seu lugar. E A Estrada, vítima da miopía localista, tiña ao fin o líder coa altura de miras que precisaba.
     De aí que fixera un alto na súa biografía para regresar ao confronto estradense, cando xa tiña encamiñada lonxe destas terra a súa vida profesional e persoal —como din no "Emigrado"— "voltou por equí levantando o primeiro berro de rebeldía craramente, o que ninguén se atrevera a facer hastr´ó intre, pois as loitas polítecas do distrito eran dentro da casa sin que naide ousara encararse con quen estaba un pouco mais arriba"
Así pois en primeiro lugar teríamos que describir o periplo do "intelectual desprazado" ata que atopa o seu sitio. O mozo de boa familia, fidalguía católica conservadora, que cursa estudos en Deusto, Salamanca e Madrid, para rematar confirmando que iso de que o nacionalismo se cura viaxando non só é unha falacia, senón que precisamente é diste xeito que un toma conciencia da diferenza, por unha banda; e do dereito a non ser tratado como inferior, pola outra. Unha personalidade do seu carácter e co seu nivel intelectual levaba bastante mal a subordinación que se lle supoñía a todo o que cheirara a galego, é dicir, cultura, idioma e intereses económicos propios; aínda que fóra ao servizo do chamado "ben común" ou "interese xeral", isto é, a cultura, idioma e intereses económicos alleos.
     Mais a autoconciencia do propio non é posible só por percorrer outros mundos, senón sobre todo por mergullarse no propio. É certo, hai quen é capaz de vivir toda vida nun lugar impermeable as súas esperanzas e as súas angustias. Pero este non é o caso de Losada que desde 1907 entra de cheo na loita social e política da Estrada. Ao lombo do seu cabalo vai percorrendo as parroquias dando discursos a favor da causa da fracción do Partido Liberal que representaba a súa familia, pero tamén escoitando á xente, coñecendo a crúa realidade.
     Logo bótase polo mundo de novo no 1910: Santiago, Madrid, por pouco Tenerife, Toledo, e finalmente Ourense, antes de volver a loita política da Estrada, da cal nunca se desentendera no ámbito privado. E polo camiño queda a súa entrada nas "Irmandades da Fala", atento ao que acontece no Estado (Cataluña e Euskadi) e no planeta (recomposición do mapa europeo coa I Guerra Mundial)
     O xornal A NOSA TERRA expresaba así as novas da súa incorporación: "En Ourense un feixe de bos galegos que capitanea un douto catedrático teñen mentes de sumarse ao noso movemento redentor"...
     Capitaneados, si.... "Oh Capitán, meu Capitán! Levántate e escoita as campás; levántate, para ti flamexa a bandeira" diría Walt Whitman e con ese mesmo espírito enrólanse no seu navío a elite cultural da cidade das burgas: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Arturo Noguerol...
     Despois deste percorrido Losada xa non é o mesmo que se encerellaba na loita de bandos fratricida polo control do poder local para a xestión discrecional de contratos de subministro, obras públicas, postos de traballo, etc... pero tampouco era o moralista social-católico que pretendía redimir aos labregos coa única arma da fe na palabra e o exemplo de Xesuscristo. Non, Losada xa non era así, si é que algunha vez o fora, mais A Estrada, tampouco era a mesma que se confronra en batallas dialécticas nas páxinas de "El Estradense" e "La Voz del Pueblo"
     Desde 1910 cambiaron moitas cousas. Os labregos organizado ao abeiro desa liorta de faccións entorno a diferentes familias das elites políticas, comezaban a dar mostras de auto-organización, autosuficiencia e auto-estima; as bases de calquera desenvolvemento autónomo dun grupo social. Auto-organización coa reunificación na Federación Agrícola de Estrada, Silleda, Forcarey y Cerdedo, auto-suficiencia co desenvolvemento tecnolóxico e cooperativo da produción e a chegada das remesas dos emigrantes para financiar este proceso, e auto-estima, coa creación literaria e artística destinada a exaltar ao labrego produtivo fronte ao señorito parasitario ("O tío Marcos da Portela", e máis concretamente o "Catecismo do Labrego") cunha posta en valor da súa lingua e cultura e das súas potencialidades como suxeito histórico. Foron os tempos de Chinto Crespo do Directorio de Teis, exiliado na Estrada, e de Basilio Álvarez ao que tamén se lle sentiu arremeter contra o caciquismo por estas terras. Son os tempos de "El Eco de La Estrada" e na súa loita contra Riestra baixo a batuta de Pedro Varela e Ramiro Ulloa. Si, o fillo do outrora adversario Ramiro Ulloa e que por xogadas do destino agora semellaba posicionarse por algún tempo na mesma trincheira que Losada.
     No 1915 os agrarios lánzanse ao asalto do poder municipal. Finalmente o Marqués de Riestra —dono desta provincia— cede o goberno local a cambio dunhas pequenas concesións, logo apertará máis desde a Deputación presidida por Felipe Ruza e desde o Goberno Civil ata afogar á Estrada economicamente. "El Progreso" de Pontevedra sae na defensa da corporación estradense acusada de mala xestión e asfixiada de débedas desde o resto das administracións. Dirixe esta campaña un persoeiro catalán do que descoñecemos as razóns do seu desembarco nas loitas políticas galegas de primeiro de século, pero no que destacamos a aplicación das receitas catalanistas ao caso galego. Referímonos a José Carbonell Alsina, que asinaba como J. Cea, e que destacou desde 1916 pola súa denuncia do caciquismo riestrista que lle levou a gañarse as simpatías da esquerda receosa e a felicitación do propio Basilio Álvarez.
     Máis os agrarios estradenses, xogando en curto, rematan claudicando diante do Marqués e pactando a solución aos problemas municipais —xerados pola propia maquinaria riestrista— a cambio do apoio aos fillos de Don Xosé Riestra para representarnos nas Cortes do Estado.
     Con isto racha definitivamente o reunificado agrarismo e os veteranos combatentes anti-caciquís, entre os que subliñamos a Torres Agrelo ou García Barros como os máis salientables aínda que non os máis activos neste momento, afástanse da disciplina da Federación e son severamente acosados e fustrigados pola organización agraria.
     Non estaban dispostos a ceder á chantaxe pero tampouco ao suicidio ideolóxico que supuña antepoñer os intereses localistas a necesidade de obter representación dos intereses reais do país no parlamento, pois xa se sabía por experiencia de moitos anos (Riestra empezou a súa carreira política na Estrada había case medio século) que intereses representaba o marqués, isto é, os seus particulares.
     Así pois coincidía a evolución ideolóxica de Losada cun proceso político na Estrada que demandaba a presenza dunha personalidade como a súa para encabezar o reto ao marqués. E así foi, Losada non deixou tirados aos seus vellos correlixionarios e fronte a aqueles que lle reclamaban que se presentara pola comarca natal do Carballiño na que podía ter máis posibilidades, optou por enfrontarse ao cacique de máis sona e poder de Galiza alí onde tiña máis aferrollada a sociedade e máis sometidas as organizacións de masas que o combateran.
     E o 7 de xaneiro do 1918, fronte ao "Eco de la Estrada" do sector oficial da Federación, como non podía ser menos, resucita "El Estradense", se ben un García Barros —que o dirixira no 1906— xa non estaba ao fronte, estaba detrás e así nos consta por moito que o disimulara. O seu fráxil e miúdo corpo non soportaba outra volta poñerse de cabeza de turco. As súas cargas familiares non lle permitían o luxo de coller periodicamente unhas vacacións entre reixas como cando era máis novo. Atopamos demasiados alcumes e anónimos nesta nova tirada do xornal. Debían ser tempos moi duros. E as palabras eran duras tamén:
     "Cuando la obra estaba próxima a coronarse y creímos llegado el momento anhelado de que el pueblo fuese soberano y árbitro de sus propios destinos, las malas abejas que también abundan por desgracia en la colmena social, han impedido su terminación, han falseado nuestras doctrinas, y nuevos caciques parapetados tras la barrera del agrarismo, nuevos déspotas enmascarados con el nombre de amigos del labrador, nos entregaron en brazos del caciquismo, erigiéndose ellos mismos también en caciques, más tiranos, más insoportables, mas inquisidores que los caciques de antaño"
     Así se presentaba o grupo deste "periódico agrario regionalista de la Estrada". Identificándose xa coas "Irmandades da Fala" desde o seu principio e a nivel de Estado con Cambó que viña de chegar de viaxe a Galiza. Esta alianza co dirixente da Lliga ía saírlle caro pois o mitin na Estrada do 7 de febreiro que sería rebentado con berros contra os esbirros do ouro catalán.
     Nomes que si nos soan no pé dos artigos son os de Eduardo Cajide, M. Nodar Magán, Laurentino Espinosa, pero sobre todo Carlos Pardo y Ciorraga. Si como o Ramiro Ciorraga —cóengo que apadriñaba o bando de EL ESTRADENSE na primeira etapa ata que morreu no 1908— e tamén Pardo será un apelido fundamental no galeguismo republicano. Carlos Pardo asina a crónica do devandito mitin no que fala Losada, e do que non se esquece de citar algunhas dificultades para difundir o acto: "No se autorizan" —subliña a alcaldía nos carteis— "mi autoridad no puede consentirlo" dirá logo a respecto do permiso para celebrar o acto. Desde esa quedoulle o alcume de "mi autoridad" ao alcalde Pedro Varela. Pero ao fin falou Losada: "Yo iré casa por casa y le romperé a cada hombre la cadena que lo tiene atado a Riestra, convirtiéndole de esclavo que es, en un ser libre; de un paria, en un ciudadano" —de seguido comenta Carlos Pardo: "Los ánimos de los alborotadores están decaídos y allí mismo le reparten aguardiente sus jefes"
     O idioma galego asexa pouco a pouco a espreita e vai gañando terreo no xornal:
     "Agrarios, compañeiros de outros tempos: Hoxe ante vosoutros preséntase lembrándose dos tempos en que loitou ó voso lado un que é socio de algunhas das vosas Sociedades, e que vos pide os vosos votos na eleución pra Diputados a Cortes contra o Marqués de Riestra ou quen sea o que él presente que sempre será un da súa casa. Coidan que a Estrada é coma unha leira que se pode deixar de pais a fillos e dispoñer d´ela de calquer xeito.
     Contra o que sempre asoballou a Estrada, contra Riestra dade os vosos votos como rexionalista agrario a ANTONIO LOSADA DIÉGUEZ.
     ¡Viva Galicia! ¡Terra a nosa!
     ¡A conquistar a nosa liberdade Gallegos!"
     Mais García Barros non se pode acochar por moito tempo e remata contestando as acusacións de "El Eco de la Estrada" en canto a que Losada vai conseguir que Cambó interceda por el para darlle unha praza de mestre: "Me considero muy poca cosa para tanta música, además de que, ni el señor Losada es tan fatuo ni yo tan iluso que me fiara en nada de eso" Pois, como ben di Ken Keirades, si quixera que lle regalaran unha praza o lóxico é que se arrimara a Riestra que é o que fixeron os adversarios.
     A liña ideolóxica vaise acentuando e as colaboracións de Roberto Blanco Torres, Villar Ponte, Cabanillas e Porteiro fixan posición a nivel nacional. Mesmo atopamos unha colaboración do líder das Irmandades referido ao mitin que deu na Estrada e que foi interrompido por terse pronunciado en galego:
     "Non se me esquecerá endexais aquel mitin da Estrada ond´os caciques y-as suas parentelas, diron o exempro mais outo de indinidá. Sentirse dino e obrar como tal, e unha das probas da civilización.
     Sinte a dinidá da sua lingoa, o que a fala y-a estima como mais firme valor cultural da sua raza; y-o cume do rebaixamento, da falla de concencia de si e do pobo a que se pertenesce, está en pedir que lle falen unha lingua irmá —pro allea— e que enterren a propia y-a pospoñan coma unha vergonza, coma un rabo que nos achegase o mono....
     ¡Os caciques miserabres da Estrada quedaba reservado o papel de maldecir do seu idioma diante o mundo!
     ¡Nos falámolo —din— cos criados!... Ninguén lle fai tanto mal a un idioma, coma o que non sentindo a dinidá d´o verbe que usa, empreo somentes en baixos mesteres. Iso e prostituir o galego, rebaixalo, aldraxalo, telo de fregaduxo, e xesta, e estrume....
     De todol-os xeitos, idevos preparando pra que na vosa fermosa terra —campos frolidos, rios a sombra do ramaxe, parrales verdecentes, montes irtos— non se volva a dar outra proba de noxenta indinidá coma aquela tarde frente o pobo, xunta irexa a medio facer, nun adro donde non se enterraron petrucios pro quixose enterrar a dinidá ya crianza dun pobo, en sinal de rendimento a un vello usureiro"
     Así falou Lois Porteiro, de morte prematura —nese mesmo ano, quizais pouco despois de escribir este artigo— e do que se di que foi o pai do nacionalismo galego. Quen sabe se foi pai, o que de seguro foi é tamén capitán no sentido de Whitman tal como testemuña o poema de Cabanillas dedicado a el e que ten o esclarecedor título de "En pé!"
     Certo que o fraude electoral e a maquinaria caciquil impediron ao nacionalismo obter representación e Losada Diéguez foi derrotado, máis moito se aprendeu desa experiencia.
     Eran tempos de explorar e de fundar novas esperanzas. Eran tempos de crear e descubrir. Algunhas desas descubertas aínda hoxe seguen vixentes como a constatación de que o localismo e o centralismo son as dúas caras da mesma moeda coa que afogar o futuro do país, tal como retrataba por aquel entón Antón Losada: "Los caciquillos de La Estrada, siervos y lacayos de los caciques de Pontevedra, que a su vez son celadores de la gran cadena que da vueltas con sus grilletes de Madrid a provincias, todas esas formas de políticos odiosos, incapaces de concebir un ideal, son los vacilantes sostenedores de la vieja política para cual un partido es una persona, toda idea un interés, un enemigo es un perseguido, y un amigo un compañero de cuadrilla. Su fuerza está en la venganzas, y sus anhelos todos en el aprovechamiento de la caja de caudales"
     Lousada foi derrotado por Riestra, pero hoxe ninguén lembra a Riestra nin a súa vida parece que mereza a pena ser vivida. Cantos riestriñas temos hoxe recrutados por partidos foráneos para administrar e impoñer aquí a vontade allea, actúan como mercenarios, soldados de fortuna, que poñen a súa individualidade desconectada da súa terra, ao servizo do que máis puxe. Logran sentirse triunfadores a costa de desprezar o que son e identificarse co que lles vence. Mentres, outros, que semellan vencidos, soben ao navío que botou a andar Losada e Porteiro e emprenden novas rotas para atoparse a si mesmos. Pero non vos enganedes, só está vencido quen vence a costa de negarse a si mesmo. Os que se asumen e se responsabilizan de tomar o temón da súa vida nunca estarán vencidos de todo, sempre lles quedará París (Humphrey Bogart), Turim (Nietzsche), ou A Estrada (Losada) como testemuña de que apesares da adversidade e contra o que din de que non hai nada que facer neste mundo, por uns días, nalgún lugar deste planeta: a autenticidade foi posible.



———
As referencias transcritas tal como estaban publicadas polo interese que se puidera ter sobre a evolución socio-lingüística e ortográfica, proceden do xornal El Emigrado que se pode consultar na rede en: http://www.csbg.org/prensagalega/ e El Estradense de 1918, depositado no Fondo Mario Blanco, do Museo "Reimónde Portela" da Estrada.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega