Darío a diario

 

[Escolma]

 

Darío a diario



Imos, meu ben, camiñar sereno
pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos
comeza-lo xeito da túa vida, e mírame,
mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos
dos teus días xunta min.










Tódolos bebés son tu e ningún coma ti.
Tódolos nenos son tu e ningún coma ti.
Tódolos adolescentes son tu e ningún coma ti.
Tódolos mozos son tu e ningún coma ti.
Tódolos anciáns son tu e ningún coma ti.
Tódalas nais son eu e todas, coma min, saben que es único.










Nin coa mísera desculpa de che mellora-la vida
escoitarás de min xamais
unha mentira.

Se aborrezo tal estilo, a túa nobreza
—e penosa che ha ser por veces—
ampárate solidario do humano.

Guerreiro forte da envexa afasta
de ti os mesquiños de espírito,
                                            cariño.










Na tabula rassa intelecto-sentimental que eras ti xa onte
cantos moldes perfectos cantas persoas non han querer baleirar.
Eu mesma que libre te deseño, canto
de min por min, de min contra min non tentarei
introducir.

Que saibas derruí-las marcas e apropiarte,
facer teu o aceno, e só aquel, que elixas.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega