Das unendliche Parfum - A narrativa alemana hoxe

 

(Texto íntegro)

 

v2franckmeyernarrativaalemanahoxe.html
     A economía alemana amosará síntomas de estancamento, a literatura non. É máis, pódese dicir que está a vivir unha nova primavera. Isto refírese tanto ó éxito considerable de numerosos títulos concretos como ó pulo co que nos últimos anos entran no escenario novas xeracións de autoras e autores. Malia que as editoriais levan tempo loitando cun mercado difícil, están lonxe das perdas que padecen os xornais ou o sector da televisión privada. Non se libran da situación xeral —os consumidores gastan pouco—, pero a crise móvese nun nivel moi alto. Só en Alemaña publícanse máis de noventa mil títulos ó ano, sen termos en conta Austria e Suíza coas que, sen embargo, se forma un espacio literario compartido (polo que neste artigo se mencionarán tamén a autores deses dous países). E no mes de marzo deste ano a Feira do Libro de Leipzig, a segunda en importancia despois da de Frankfurt, puido celebrar un aumento do número de visitantes.
     Se cadra o que se produciu na última década foi un achegamento da literatura á xente lectora. Despois dos anos de experimentación e da aplicación de procedementos metaliterarios volveuse descubrir a forza das historias. Non se pode descartar que as editoriais aprenderan algo do éxito da literatura anglosaxona e latinoamericana. A par do auxe dun xénero dito menor como a novela policíaca, iniciado nos anos noventa e acompañado do nacemento de novas casas editoras, a unificación do país dividido creou certas expectativas verbo do tratamento literario deste tema. Ademais, a finais da mesma década apareceu un concepto non exento de marketing, o milagre das señoritas, para denominar as numerosas escritoras novas que triunfaban coa súa primeira obra. Neste contexto xurdiron nomes como Karen Duve, Zoë Jenny, Sibylle Berg ou Judith Hermann, que seguen escribindo con moito éxito. A última, por exemplo, publicou a comezos deste ano o seu segundo libro, Só pantasmas, que encabezou durante varias semanas a lista dos bestsellers.
     A receptividade do público permitiu, asemade, a aparición ou o afianzamento de autores novos como Thomas Lehr, Norman Ohler, Ingo Schulze etc. Toda esta xente cultiva, en xeral, un estilo realista no sentido máis amplo, aínda que non faltan achegas experimentais ou influenciadas pola picaresca. Mesmo hai obras semidocumentais, como Xeración Golf de Florian Illies, un bestseller que indaga na experiencia colectiva da xente nacida ao redor do ano 70 (época en que se lanza o coche ó que alude o título). Desde logo, as xeracións anteriores e os grandes patriarcas tamén seguen aí: o Premio Nobel Günther Grass, Martin Walser, Christa Wolf, Wilhelm Genazino, Monika Maron, Herta Müller, Arnold Stadler, Hans Magnus Enzensberger, Durs Grünbein, Peter Handke, Elfriede Jelinek, Doris Dörrie, Uwe Timm etc.
     Os temas que se tratan na narrativa son enormemente variados. Desde logo, goza de boa aceptación a literatura máis ben pracenteira sobre aspectos cotiáns da vida moderna (Ildikó von Kürthy, Birgit Vanderbeke, Julia Franck), pero albíscanse certos eixos dunha importancia especial e de proxección internacional, como se fose o que se espera da literatura alemana. En canto á temática guerra/nazis/xudeus obsérvase a superación de tabús doutros tempos (Grass: A paso de cangrexo, Walser: A morte dun crítico, Schlink: O lector, Jirgl: Os imperfectos). O tratamento da época da Alemaña oriental vai unido á nostalxia ou á ironía (Hensel: Nenos da zona leste, Brussig: Heroes coma nós, Kampfmüller: As fuxidas de Hampel). E volve un subxénero moi de moda nos anos vinte, a novela berlinesa (Ohler: Centro, Parei: A boxeadora de sombras, Naters: Mentiras), sen que iso poña en cuestión o carácter multipolar da literatura en lingua alemana.
     Algunhas obras contemporáneas por certo, como Crazy (B. Lebert), Irmá do sono (R. Schneider) ou Avenida do sol (T. Brussig), leváronse ao cine. A proximidade a outras artes obsérvase, ademais, no cultivo dunha literatura que se podería chamar techno ou hip-hop, ou ben porque describen directamente ese mundo (Alexa Hennig von Lange: Relax) ou ben porque reivindican, ás veces ironicamente, a vida como estrela (Benjamin von Stuckrad-Barre: Livealbum).
     Parte da riqueza creativa actual ten que ver con autores de ascendencia estranxeira. Aí están por exemplo o sirio Rafik Schami, as húngaras Zsusza Bánk e Terézia Mora, o ruso Wladimir Kaminer ou os tres de orixe turca Emine Sevgi Özdamar, Feridun Zaimoglu e Selim Özdogan. A fin de contas, trátase do reflexo dun intercambio cultural permanente para o que Centroeuropa é un sitio idóneo como poucos.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega