Da voz e da man das mulleres

 

[Texto íntegro]

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

As escritoras galegas á procura dun espazo propio

 

 

Cómpre falar especificamente da literatura producida por mulleres?
     Poderíamos preguntarnos, en primeiro lugar, se cómpre falar especificamente de literatura escrita por mulleres (prefiro esta denominación á de literatura feminina) e por que motivo. A miña resposta de partida é si, si porque a literatura escrita por mulleres aínda precisa de ser traída ao centro da escena literaria. É unha forma de focalizar a atención sobre unha cuestión que aínda non é unha cuestión central, malia as aparencias, igual que o facemos cando atendemos especificamente á literatura escrita polos autores e autoras máis novos, que aínda non ocupan o mesmo espazo cós escritores e escritoras con maior traxectoria.
     Falemos pois de literatura escrita por mulleres, e falemos de escrita feminina, pois tamén acredito na existencia dunha escrita feminina que é para min unha ferramenta, unha táctica no camiño cara á igualdade entre creadores e creadoras, igualdade de oportunidades e de recepción, entre outras.
     Entre as posíbeis repostas á pregunta coa que iniciamos esta intervención, quero botar man das afirmacións de Lúcia Helena Vianna e Márcia Lígia Guidin, na "Apresentação" do libro Contos de escritoras brasileiras.
     "Dentre as respostas possíveis, podemos apresentar uma razao que se sobrepoe a todas as outras: muitas mulheres brasileiras escreveram ao longo do tempo e nem sempre se teve notícia de tais escritos"1 .
     Na mesma contracapa desta edición, atopamos tamén unha afirmación de interese para a nosa resposta: "Antes eram os homens que dizian como nós éramos. Agora somos nós." Afirmación que corresponde á escritora Lygia Fagundes Telles.
     É dicir, cómpre falar especificamente da literatura escrita por mulleres co obxecto de visibilizar a obra das escritoras.
     Hai unha razón máis para falarmos expresamente da literatura escrita por mulleres, as dificultades para acceder ao espazo literario. Poderíamos lembrar a hipótese que constrúe V. Woolf ao redor dunha inexistente irmá de Shakespeare, mais a nós bástanos con recuperar algún dos fragmentos de Rosalía de Castro para coñecermos as penurias das mulleres escritoras (Las literatas. Carta a Eduarda), ás veces tan insalvábeis que hai casos de escritoras que agacharon o seu sexo baixo un pseudónimo masculino. Falamos dun fenómeno que se dá en todas as literaturas do planeta, fundamentalmente no século XIX2 . Mais Galiza ten as súas singularidades e, neste caso, adiántase ao seu tempo tal e como recollen Mª Pilar García Negro e Francisco Rodríguez3.
     Desde hai décadas debátese a existencia dunha escrita feminina con trazos diferenciados da literatura tradicional, a sustentada e desenvolvida por escritores. Tal e como sinalan Macedo e Amaral4 entendemos por escrita feminina:
     a) a necesidade de recuperar retrospectivamente unha tradición feminina, cuestión que ten a ver coa mentada visibilización das escritoras a que antes aludíamos, e
     b) o establecemento de marcas de xénero na obra producida por mulleres, do que se podería inferir a existencia dun discurso propio (relacionado co concepto écriture feminine, acuñado pola crítica feminista francesa dos 70).
     Neste debate prodúcense posicións en prol e en contra da existencia dun discurso feminino propio, mais non só se trataría diso. Debemos deixar claro que para alén de considerarmos ou non a existencia da escrita feminina, non podemos considerar que toda a obra escrita por mulleres presente estes trazos caracterizadores, pois o certo é que moitas mulleres seguiron producindo literatura perfectamente inserida na tradición creada polos escritores sen que na súa obra haxa elemento ningún que nos permita comprobar que está escrita por unha muller.
     De aí a reacción que moitas escritoras tivemos diante da clasificación que no seu día fixera Helena González da poesía contemporánea5, que se pode considerar como un caso de bioloxismo, pois nun artigo en que clasifica a produción poética dos 90 en cinco grupos, todas as poetas estaban incluías no grupo "poesía de muller" e non formaban parte de ningún dos outros catro. Porén no seu libro Elas e o paraugas totalizador fai referencia á parcialidade desta análise:
     "A literatura galega escrita por mulleres... segue chea de carencias no que atinxe á súa posición no sistema literario e á súa cantidade. Isto segue a ser así malia o estourido de novas poetas que nos 90 deslumbran polo risco das súas propostas... Con todo hai que ir con xeito, pois é esta unha etiqueta reversible... Cómpre moito tento coa moda literaria feminina gobernada polos mandatos do mercado, e xestionada polos pais, non sexa que a literatura de mulleres se inmobilice como etiqueta dun subxénero ou modalidade literaria, e, xa que logo, se opere tras da inexistencia dun gueto."6
     Como dicía máis arriba, e de acordo coa definición que dan Macedo e Amaral, acredito na existencia dunha escrita feminina, tamén Teresa Moure se posiciona rotundamente:
     "Si creo que hai unha literatura feminina (aínda que non todas as mulleres que escriben produzan literatura feminina)... Tamén creo que esa literatura é perfectamente recoñecible para o lector ou a lectora, igual que a de calquera outra minoría; co seu mesmo carácter disidente e alternativo."7
     Finalmente engadir que existe unha forte vinculación entre a reivindicación da nación e a da muller e así, a reivindicación do discurso propio ten unha dobre vertente: a da creación dun discurso nacional e a da creación dun discurso de muller.
     "Rosalía de Castro... a expresión literaria máis acabada, de por parte, dunha sintonía non casual, entre o xénero marcado discriminatoriamente, as mulleres, e a nación marxinalizada e oprimida."
     Este principio, como di Belén Martín Lucas, "es especialmente notable en el caso de los territorios colonizados"9. Mais o mesmo colonialismo ou outras situacións extremas como a guerra ou o subdesenvolvemento son os que fan que a muller renuncie moitas veces a que a súa escrita sexa cualificada de feminista (non é unha cuestión central para estas mulleres a reivindicación de xénero), por máis que conteña elemento que así permiten cualificala10.
     En Galiza, xa desde o século XIX participamos da necesidade de procurarmos, as escritoras, un espazo propio. É o caso da nosa poeta nacional Rosalía Castro.
     O primeiro poema de Follas novas (1880)



Daquelas que cantan as pombas i as frores
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
ai! de que a terei?
 


     Revela desde o inicio que a autora é consciente de que a súa obra non ten nada que ver co que habitualmente escribían as mulleres, ou se consideraba que debían escribir as mulleres. Nesa altura, Rosalía é xa unha autora recoñecida, a iniciadora, con Cantares Gallegos (1853), do Rexurdimento. Casualidade ou non, este é un feito determinante para a nosa literatura, a recuperación das nosas letras da man dunha voz feminina, algo que nos envexan desde outras latitudes, pois supón que o xénero feminino, moi consciente en Rosalía, lle pertence ás nosas letras desde o século XIX, algo ao que noutras literaturas se chegaría andando o XX. Así o expresa María Merçé Marçal nunha conferencia pronunciada no I Encontro de poetas peninsulares e das illas "neste caso creo que as poetas galegas levan vantaxe."11
     Se relemos o prólogo de Follas Novas veremos que Rosalía quere conscientemente recoller a voz das mulleres e amplificala a través dos seus poemas:
     "mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres ... sin querer sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre iñorados..."12

Rosalía como antecesora de V. Woolf. Carta a Eduarda.
     Rosalía de Castro, a quen hoxe recoñecemos como a grande poeta nacional que dá inicio á recuperación da nosa literatura, experimentou a negación á que a sociedade somete ás mulleres. Rosalía non podía ser invisibilizada, por iso foi negada, como muller e como escritora, e así o recolle ela mesma no texto Las literatas. Carta a Eduarda.
     "Por lo que a mi respecta, se dice muy corrientemente que mi marido trabaja sin cesar para hacerme inmortal. Versos, prosa, bueno o malo, todo es suyo; pero sobre todo lo que les parece menos malo, y no hay principainte de poeta ni hombre sesudo que no lo afirme. ¡De tal modo le cargan pecados que no ha cometido! Enfadosa preocupación, penosa tarea, por cierto la de mi marido, que costándole aún trabajo escribir para si (porque la mayor parte de los poetas son perezosos), tiene que hacer además los libros de su mujer, sin duda con el objeto de que digan que tiene una esposa poetisa (esa palabra ya llegó a hacerme daño) o novelista, es decir, lo peor que puede ser hoy una mujer."13
     Este texto foi publicado no Almanaque de Galicia no ano 1865, sesenta e tres anos antes14 de que Virginia Woolf realizase as conferencias sobre Muller e novela na Arts Society de Newham e na Odtaa de Girton (en outubro de 1828) para as universitarias de Cambridge e que logo darían lugar á publicación do ensaio Un cuarto de seu, o que se vén considerando texto referencial á hora de reflexionar sobre o papel das mulleres e, especialmente, das mulleres escritoras.15
     En Las literatas Rosalía pon de manifesto a negación á que a somete a crítica, unha crítica patriarcal incapaz de asumir os valores da intelixencia e a calidade artística a unha muller. A mesma crítica que trasladou a través do tempo unha imaxe distorsionada de Rosalía, unhas veces atribuíndo ao seu home a súa capacidade literaria, outras veces minimizando o valor real dos seus textos. Ilustra perfectamente esta situación Francisco Rodríguez na súa, aínda non ben ponderada, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro16 ou Mª Pilar García Negro no estudo introdutorio á edición de El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas17 onde recollen opinións publicadas por Alonso Montero ou Umbral. Repárese no escaso valor que Alonso Montero concede á obra da nosa autora cando di dela que tiña unha pobre conciencia da realidade ou das posibilidades dunha cultura en galego. Só a lectura do prólogo de Cantares Gallegos ou da súa adicatoria botan por terra estes argumentos.

A temática da muller escritora
     O poema de Follas Novas ao que facíamos referencia exemplifica a discusión sobre cales son o tipo de temas que poden tratar as mulleres escritoras, pois a crítica patriarcal que lles negaba o espazo, que as invisibilizaba, consideraba, en todo caso, que ás mulleres lle eran dados certos temas, cuestión sobre a que Rosalía reflexiona no poema.
     No libro As mulleres escritoras (1860-1870). O xenio de Rosalía (Compostela, Laiovento, 2002), a súa autora, Celia Mª Armas, conclúe: "había algúns temas que lle eran do máis "propicios", como a lírica de tema paisaxístico, saudoso, amoroso? ou a prosa moralizante e relixiosa... porque, segundo a ideoloxía da época (que se apoiaba en informes fisiolóxicos) diferenciábanse dos homes na súa "exquisita sensibilidade" que lles permitía recriarse con naturalidade no mundo do amor." (páx. 333)
     Ademais, Rosalía ten unha importancia radical para a nosa literatura e para a literatura universal. Rosalía revoluciona o panorama literario e faino de dous xeitos, empregando o noso idioma como lingua literaria e pasando ao primeiro plano no espazo literario, ela, unha muller, que terá que afrontar críticas e maldades. Este dobre enfrontamento é o que explicaría, así o manifesta Celia Mª Armas, que en parte das nosas obras non teña empregado o galego, nomeadamente na prosa ensaística e na novela, xéneros en que aínda non tiña presenza o noso idioma.

A difícil consecución do espazo.
     Acadar un espazo propio foi para as mulleres escritoras tan difícil coma para o resto das súas conxéneres. Lembremos o importante papel que a muller desenvolve na revolución Francesa e como, malia ser útil na loita, non se lle recoñecerán moitos dos dereitos que reclamaba. De aí que escritoras como Olympe de Gouges ou Mary Wollstonecraft centren o seu traballo na vindicación dos dereitos das mulleres. Ao igual que moitas rapazas adoptaron a vestimenta dos homes para participar en actos reservados aos homes, ou para acceder á universidade, houbo escritoras que ocultaron a súa verdadeira identidade baixo nome masculino, casos como os de Caterina Albert i Paradis, Amandine Aurore Lucie Dupin, Cecilia Bohl de Faber ou Mary Ann Evans (Víctor Catalá, George Sand, Fernán Caballero ou George Eliot), son os de destacadas escritoras que tiveron diferentes razóns para ocultarse baixo un nome de home.
     Unha das dificultades que atoparon as escritoras ao longo dos tempos foi a da recepción da súa obra, moitas veces negada, invisibilizada ou infravalorada. A propia Rosalía de Castro escribe no final da súa novela La hija del mar, "Porque aínda non lles é permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben". Sobre esta invisibilización coñecemos os textos de Rosalía, os que logo escribirá V. Woolf en Un cuarto de seu, ou, aínda anos máis tarde podemos ver como persiste esta actitude invisibilizadora cunha das grandes escritoras do XX nos "libre" USA.
     Na biografía que Linda Wagner-Martin realiza sobre a Silvia Plath, lemos o testemuño dun crítico literario que pon en evidencia até que punto as mulleres eran invisíbeis para a sociedade americana dos anos 60:
     "Ted bajó a preparar el cochecito mientras ella vestía al bebé. Yo me quedé un momento atrás... Sylvia entonces se volvió a mí, nada efusiva de pronto.
     -Me alegró mucho que eliguieras aquel poema -me dijo-. Es uno de mis preferidos, aunque al parecer no le gustaba a nadie más.
     Yo no entendía nada. No sabía de que me estaba hablando. Se dio cuenta y me lo aclaró.
     -El que publicaste en el Observer hace un año. Sobre la fábrica de noche.
     -¡Válgame Dios, pero si eres Sylvia Plath! -me tocó a mí exclamarme ahora-. Oh, lo siento. Si era un poema precioso.
     "Precioso" no era el término adecuado, pero ¿qué otra cosa le dices a una joven ama de casa inteligente?..."18.
     Este episodio pon en evidencia cantas veces a muller era negada, muller que pasaba da propiedade do pai á propiedade do esposo quen, neste caso, Ted Huges, tamén poeta, ensombreceu e impediu o normal desenvolvemento da actividade literaria de Sylvia, primeiro porque el era o que prioritariamente dedicaba tempo a escribir, mentres Sylvia traballaba, atendía a casa e os fillos e buscaba tempo para escribir os seus propios poemas; e logo, porque despois de morta manipulou a súa obra, mesmo existe a dúbida de se fixo desaparecer algúns dos seus escritos, especialmente algúns dos seus diarios.

Promoción dos 90: a Penélope navegante na deconstrución do mito.
     En Galiza, será coa denominada Promoción dos 90 que tomará dimensión a autoría feminina, pola maior presenza de mulleres nesta promoción e pola converxencia coas autoras máis novas de autoras con traxectoria e recoñecidas no panorama literario.
     Establécese que a Promoción dos 90 é a daqueles autores e autoras que comezan publicar a súa obra nos inicios desta década. Un dos trazos caracterizadores desta xeración será a importancia que toma a autoría feminina. A mediados da década, a crítica literaria comeza sinalar a importancia do papel que as poetas ían tendo no panorama literario e comeza salientarse, na poesía deses anos, a aparición de diversas voces femininas cun discurso propio que viña anovar os temas e o seu tratamento. Non se podía concluír, como fixo unha parte da crítica, que era a primeira vez que as mulleres demostraban a súa calidade literaria ou que a súa presenza superaba á de voces masculinas coetáneas, as mulleres seguían, e seguen, sendo minoría numérica, mais si é certo que o seu traballo poético deu moito que falar e iniciou un tempo novo para a muller escritora e para a literatura en xeral. Tempo que viña coincidir cos logros da muller noutros ámbitos e que tiña moito que ver coa evolución do pensamento e da loita feminista19. Con todo, repárese en como a crítica recibe o fenómeno, como fala de que por primeira vez hai un grande número de escritoras, en todo caso é comprobábel que sempre en número inferior ao dos homes.
     Un dato significativo e que dá aínda máis relevo á focalización na autoría feminina, ao tempo que pon en cuestión algunha das afirmacións da crítica naqueles anos, é que nesta promoción veñen converxer todas as autoras. Nos 90 converxen:
     a) as autoras da Xeración de 1957 (das Festas Minervais, de 50), como Xohana Torres que se iniciara na poesía, Do sulco (1959), ou Mª Xosé Queizán que se iniciara na     narrativa, A orella no buraco (1965), e só tardiamente escribirá poesía. Estas autoras signifícanse na narrativa, dentro da corrente denominada nova narrativa galega, Xohana Torres con Adiós María. É significativo o caso de Xohana Torres que contra todo prognóstico foi a vencedora do certame Galicia do Centro Galego de Buenos Aires. A propia autora recoñece que as críticas que recibiu ao non ser a autora favorita para gañar o premio, levárona a un profundo desengano que colaborou no seu afastamento da vida pública20. Inicialmente a obra destas escritoras non presenta o que chamamos, trazos de xénero, sacando que Adiós María constrúese ao redor das reflexións dunha moza de 14 anos. Non será até vinte anos despois que estas autoras comecen, como as autoras máis novas, a empregar eses trazos de xénero, como son a revisión dos mitos e das figuras semánticas, do que falaremos máis adiante.
     b) Autoras da Promoción dos 80 como son Marilar Aleixandre, Luísa Villalta ou Pilar Pallarés.
     c) Autoras da Promoción dos 90. Todas elas publican o seu primeiro libro nesta década, mais debemos diferenciar:
              a. Autoras que por idade pertencerían á promoción anterior: mais que non publican até esta década: Marica Campo, Chus Pato.
              b. Autoras que por idade corresponde a este período.
     1991 e 1992 son dous anos clave. En 1991 publícanse: Urania de Chus Pato, Música Reservada de Luísa Villalta e Metáfora da metáfora de Mª Xosé Queizán. En 1992 saen á luz Tempo de Ría de Xohana Torres, Tras as portas do rostro de Marica Campo e Prometo a Flor de Loto de Luz Pozo. Son o anuncio silencioso da renovación poética que nace coa década, unha renovación que ten, como xa dixemos, protagonistas con xénero feminino. Ademais, algún destes libros ten unha decidida vontade anovadora, así Metáfora da metáfora de Mª Xosé Queizán en que se fai unha revisión da poética creada ao longo dos séculos, nomeadamente das figuras semánticas ou Tempo de Ría de Xohana Torres, que contén a revisión do mito de Penélope.
   En 1993 publícase a carpeta manufacturada 8 e medio. No prólogo ou introdución os editores (Edicións do Dragón que viñan a ser Paco souto, Fran Alonso e Miro Villar) non xustifican o porqué dunha escolla de oito autoras, só autoras, e deixan ao leitor que tire as súas propias conclusións. Na carpeta figuran poemas de Isolda Santiago, Chus Pato, Carme Lobón, María Xesús Nogueira, Rita, Ana Romaní, Iolanda Aldrei e Marta Dacosta. Malia non expresalo explicitamente os editores aportaban, a través deste selo alternativo, a súa particular selección de autoras para un fenómeno novo que se visualizaba xa como un dos fenómenos fundamentais daqueles anos.

Como escribimos
     Na poesía galega actual escrita por mulleres hai que destacar a vontade de deixar patente a nosa condición feminina, xa feminizando a linguaxe, mediante a revisión dos tópicos literarios e os recursos semánticos (o caso xa mencionado de Queizán ou o de Chus Pato que no III Congreso de Escritores Galegos declaraba a metáfora como figura propiamente masculina e reivindica o carácter feminino da metonimia21), xa reivindicando ás nosas devanceiras, entre as que vai a aparecer a figura da nai, xa desconstuíndo as personaxes literarias ou míticas que nos legou a tradición. No ano 1998 publícanse a un tempo tres libros: Catálogo de velenos de Marilar Aleixandre, Arden de Ana Romaní e Setembro da miña autoría, nos tres poemarios aparece a figura da nai. Esta confluencia na temática vén ser unha consecuencia lóxica da nosa afirmación feminina, e da nosa necesidade de construírmonos como mulleres. A figura da nai, a nosa antecesora máis inmediata, reflicte dous posicionamentos: a nai como transmisora da necesidade de rebeldía, mais tamén como perpetuadora dunha realidade que está a negarnos, e, neste sentido, prodúcese a reacción contra a figura da nai.
     Froito desa necesidade de feminización é tamén a renovación no tratamento dos temas, así as poetas desfanse do pudor e, nunha nova tesitura, abordan a temática erótica, así Olga Novo ou Yolanda Castaño, mais non só. O abandono do pudor, intencionado ou non, tradúcese nunha expresión provocadora que non refuga ningunha das manifestacións posíbeis. Deste xeito o mesmo título dalgún poemario pon en evidencia este desexo de desfacerse do estereotipo de poetas candorosas: Os teus dedos na miña braga con regra, de Lupe Gómez ou A teta sobre o sol, de Olga Novo.
     Algo que comeza a producirse recentemente é a necesidade ou a oportunidade de tomar como referentes literarios a outras mulleres. Até hai pouco os nosos referentes literarios eran tanto masculinos como femininos, aínda que, progresivamente, as poetas máis novas poden atopar cada vez máis referentes, sobre todo en cuestións que particularmente só temos abordado as mulleres: a reivindicación dunha linguaxe propiamente feminina, así Mª Xosé Queizán que tenta rachar coa linguaxe literaria herdada, e así xorde o seu libro Metáfora da metáfora en que ironiza sobre moitas da metáforas que temos herdado, e neste mesmo sentido podemos ler o poema "O caduco", en que racha con todo o que herdamos e se rebela contra o estereotipado, estereotipado por unha cultura de homes. Tamén poderemos atopar as nosas referentes nas mulleres para tratar un tema que xa se ten denominado como "recuperación das devanceiras", e este sería o caso de Chus Pato no seu libro A ponte das poldras.
     Podemos falar, pois, de novos temas e do tratamento en feminino de temas universais, como o amor, agora tamén entre mulleres, ou a crítica social, centrada na reivindicación da muller traballadora. É dicir, e vou botar man das palabras de M. Merçé Marçal que me parecen moito máis esclarecedoras: "a aparición de novos temas ou novos tratamentos de temas tradicionais da poesía, como por exemplo no caso do amor, creo que é na poesía das mulleres, moito máis que na dos nosos compañeiros masculinos, onde estas novas realidades, cos seus novos conflictos moitas veces home-muller, aparecen con máis evidencia. Por outro lado, temas tradicionalmente femininos, mais moi pouco presentes na poesía como pode ser o embarazo, o parto, o rol materno, a non maternidade, o aborto, a menstruación, etc. atopan o seu lugar e son revisados e vistos desde novas perspectivas... Aparece o que poderiamos chamar un orgullo de muller, por dicilo así, e o adxectivo feminino, aínda que continúa sendo problemático, empeza a perder as súa connotacións pexorativas ao aplicarse á literatura."22 Hoxe, podemos pór como exemplo o tratamento do tema de reivinciación sociolaboral nunha das autoras máis novas. Antía Otero realiza no seu primeiro libro, O son da xordeira, publicado en 2003, a crítica da alienación da muller simbolizada nas costureiras.
     E fundamentalmente, e cito de novo a M. Merçé Marçal "a parte de temas... esta poesía acostuma a vehicular o intento de dicir unha identidade de muller que se quere suxeito... Unha identidade complexa e problemática e en proceso de construcción, na medida en que foi abandonado o vínculo co arquetipo tradicional; pero que tamén, ao mesmo tempo, non está fascinada nin identificada cos modelos masculinos, teoricamente neutros que se lle ofrecen."23
     No congreso Letras na Raia, celebrado no mes de outubro de 2006, María Reimóndez, poeta e narradora, afirmaba que unha das achegas das escritoras á literatura foi a utilización de novos materiais na escrita, materiais que se poderían chamar indignos, e non porque ela, ou nós, así o consideremos, senón pola interpretación que a sociedade sempre asignou a estes materiais. Falaba do corpo, do corpo da muller, e do fogar, coa visión que as mulleres sobre el temos.
     Resumindo:
As mulleres aportan á escrita a feminización, feminización da linguaxe, mediante a renovación das figuras retóricas ou a deconstrución dos tópicos literarios, e feminización da temática, mediante a deconstrución de mitos e personaxes literarias ou a adopción dunha nova óptica para os temas de sempre ou mediante a introdución de temas que se consideran "femininos". En definitiva a muller escritora acomete a revisión da forma e o fondo.


Eles tamén
     O papel desempeñado polas mulleres ten importantes consecuencias para a nosa posición como creadoras, mais tamén para a propia literatura. Este extremo pode comprobarse na obra de autores como Carlos Negro, Eduardo Estévez ou Vázquez Pintor (as súas obras foron identificadas nos certames en que resultaron premiadas e antes de coñecerse o nome do autor, como obras escritas por mulleres). Estamos xa case nese momento en que, como dixo Luisa Villalta, unha das evidencias da integración, é dicir, da homologación definitiva de escritores e escritoras, sería a da irrelevancia do sexo do autor/autora á hora de abordar a súa obra, escribir sobre un determinado tema, tratalo dun determinado xeito... Engado, a irrelevancia da autoría á hora de xulgar a obra literaria. O certo é que na Promoción dos 90, houbo autores que manifestaron que se identificaban plenamente coas voces femininas, era o caso de Rafa Villar.

Sobre a abundancia e o éxito: a frialdade das cifras
     Cando falamos da presenza da muller como escritora na literatura galega actual o primeiro que constatamos é que existen diferencias duns xéneros a outros en canto á súa presenza. Así comprobamos que, segundo os datos de finais da década dos 90 do século pasado, son poucas as mulleres que abordan o texto dramático (Inma Souto, Luísa Villalta...), non son moitas as mulleres que cultivan a narrativa (Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Marica Campo, Mª Victoria Moreno, Mª Xosé Queizán, Luísa Villalta, Inma López Silva, María Reimóndez...) e si hai unha presenza importante da muller no mundo da poesía. En primeiro lugar debemos puntualizar que a presenza da muller en cada un dos xéneros é directamente proporcional á vitalidade de cada un destes xéneros na nosa literatura. No momento actual, ademais, as mulleres participan activamente en moitos campos da literatura, tamén a nivel teórico, así no caso do estudo da poesía temos que destacar tamén a presenza de mulleres: Teresa Seara, María do Cebreiro...
     A importante presenza da muller no mundo da poesía vén sendo reiteradamente sinalada pola crítica dos últimos tempos, e dun primeiro momento triunfalista en que se falaba de que había moitísimas mulleres a escribir poesía, pasouse a un tempo en que si se recoñece a súa importante presenza, mais sen esquecer que segue mantendo unha inferioridade proporcional á presenza de creadores masculinos, é dicir, seguimos sendo menos as mulleres cós homes na creación da poesía. E aínda que isto non é unha cuestión numérica, é certo que evidencia un certo grao de anormalidade. Se atendemos aos libros publicados nos anos 1997, 1998 ou 1999, segundo os datos que se recollen nos correspondentes Anuarios de Literatura, comprobamos que entre os anos 1997 e 98 a muller representa o 19.7% e o 22.9%, mentres que no ano 99 son un 33.7%. Aínda que consideremos estes datos con todas as reservas que nos parezan pertinentes o certo é que as mulleres seguen tendo unha presenza menor que se centra fundamentalmente na produción de literatura infantil e de poesía.
     Podemos voltar ao inicio e cuestionarnos por que somos máis as poetas cás narradoras, ou por que a presenza da muller na poesía é máis evidente cá na prosa. Esta pregunta, ao igual que a cuestión de por que estamos agora máis presentes que en épocas precedentes ten a súa resposta fóra do mundo da literatura. O feminismo e as súas reivindicacións teñen conseguido un maior nivel de concienciación da muller que, deste xeito, comeza aparecer en moitos ámbitos en que antes a súa presenza era escasa. Con todo, a muller segue a ser un ser alienado que mantén unha dobre xornada laboral, e que, en determinadas épocas da súa vida, perde toda individualidade, o que fai nalgúns casos que moitas escritoras non teñan aparecido no panorama literario até ter superado aquela idade en que os fillos e as fillas xa están criados. Esta ausencia de individualidade é a que explica, desde o meu punto de vista, a menor presenza da muller no mundo da narrativa, unha escrita que pola súa natureza precisa de periodicidade, atención e constancia. Para María Xosé Queizán as "condicións sociais obrígannos a desenvolvernos en xéneros que non requiran unha disponibilidade grande dun tempo que non dispomos para nós mesmas. Por iso é evidente o predominio de poetas frente a narradortas, autoras teatrais, ensaístas..."24
     Mais a menor presenza de narradoras ao longo do XX (Xohana Torres, Mª X. Queizán, Marilar Aleixandre...) vaise ver incrementada no derradeiro decenio do século. Inma López Silva, María Reimóndez, Pilar Buela, Teresa Moure, Anxos Sumai ou Rosa Aneiros comezan gañar certames literarios e a focalizar o panorama das letras coas súas obras, que, precisamente, figuran entre o máis innovador da narrativa.

En pé de igualdade?
     É unha evidencia que as mulleres reiteramos unha e outra vez o noso dereito a estar aquí e a dicilo coas nosas propias palabras, marcadas agora en feminino, igual cós nosos textos, que agora queren falar de nós mesmas, de temas que teñen que ver con nós e de temas que precisan da nosa reivindicación. Contrasta con isto que a linguaxe siga a ser tan tremendamente sexista ou que a muller siga a ter unha presenza numericamente tan escasa nos órganos de representación e de dirección de empresas e entidades directamente relacionadas co mundo da literatura ou que haxa quen considere que procurar o noso propio espazo a través dunha escrita marcada en feminino sexa dirixirnos a un público reducido e aillado.
     O feito de que en determinado momento se comezase falar da presenza das poetas na literatura galega como a gran presenza, ou a aparición de poetas de calidade, pon en evidencia a excepcionalidade con que se ve un feito que, por outro lado, debería ser completamente normal. En calquera caso, hai que aclarar que a importancia acadada pola poesía escrita por mulleres nos últimos anos non obedece a ningún xeito de discriminación positiva, senón que é resultado dos méritos efectivamente demostrados, entre eles ter marcado o noso mundo e a nosa escrita en feminino sen renunciar á nosa evidente condición de mulleres, que nos dá unha visión diferente do mundo, o que, ademais, repercute na boa marcha do xénero, como sinalou nalgunha ocasión Marga do Val: se hoxe a poesía goza de boa saúde e desafía ao mundo establecido é debido á presenza das mulleres.
     Non quero pasar por alto outra cuestión, que é a de considerar que moitas veces o noso recoñecemento vén exclusivamente do feito de ser mulleres, ignorando os valores aportados pola nosa obra, dando a entender que estamos aí porque temos que cubir un cupo, o cupo das mulleres, o que non é senón outro xeito de minusvaloración.
     Considero necesario seguir a afondar na feminización dos textos literarios e seguir a posibilitar e incentivar a participación das mulleres, mais isto non é só labor da literatura, é tamén un labor da sociedade que está na man de todas nós, de todos nós levar adiante.


 

_________________________________

1  Lúcia Helena Vianna e Márcia Lígia Guidin (Ed.), Contos de escritoras brasileiras, 2003, São Paulo, Martins Fortes, páx. 1.

2 Na literatura portuguesa os primeiros escritos de mulleres aparecen por volta do século XVII, son textos escritos por relixiosas: Sor Mariana Alcoforado, Sor Violantes do Ceu, Sor María do Ceu, ? textos en que, en contra do agardado, atopamos un certo erotismo agíónico, nacido do incorformismo pola situación persoal, mulleres obrigadas a entrar en conventos, como denunciarán escritoras como Teresa Margarida da Silva e Orta, na mesma época.

3 García Negro, María Pilar e Rodríguez Sánchez, Francisco, "Literatura feminina e feminista da segunda metade do século XIX", Historia da literatura galega, 1996, Vigo, AS-PG, páx. 362.

4 Macedo, Ana Gabriela; Amara, Ana Luísa Amaral (ed.) Dicionário da crítica feminista Porto, Ediçoes Afrontamento, 2005.

5 Helena González, "A poesía dos noventa e a reacción contra a poesía dominante", Poetas e xeracións, suplemento do Correo Galego, 3 de xaneiro de 1997.

6 González Fernández, Helena, Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación, Vigo, Xerais, 2005, páx. 17.

7 Moure, Teresa, A palabra das fillas de Eva, 2005, Vigo, Galaxia, páx. 23.

8 García Negro, María Pilar e Rodríguez Sánchez, Francisco, op. cit. , páx. 355.

9 Martín Lucas, Belén, "Mujer y nación construcción de las identidades", en Beatriz Suárez Briones, Beatriz, Mª Belén Martín Lucas, Mª Jesús Fariña Busto (eds), Escribir en femenino, 2000, Barcelona, Icaria, páx. 163

10 Bringas López, Ana, "Colonialismo y patriarcado en la literatura de autoras anglófonas de África y el Caribe", en Beatriz Suárez Briones, Beatriz, Mª Belén Martín Lucas, Mª Jesús Fariña Busto (eds), Escribir en femenino, 2000, Barcelona, Icaria.

11 Mª Merçé Marçal, "Conferencia no I Encontro de poetas peninsulares e das illas", A Festa da Palabra Silenciada, 14, páx. 69.

12 Castro, Rosalía de, "Dúas palabras da autora", Follas Novas, 1996, AS-PG, Vigo, p.p. 13-14.

13 Mª P. García Negro, A. Gómez Sánchez e F. Rodríguez Sánchez (ed.), Literatura feminina e feminista da segunda metade do século XIX. Antoloxía, Vigo, AS-PG, 1996, páx. 35.

14 "Estamos no ecuador da centuria e, a esta altura, a Galiza xa comezara a producir, en paralelo un vivo debate sobre os direitos das mulleres e sobre a súa emancipación, unha obra xornalística e literaria, de autoría feminina, que, polo seu número e calidade, dan da galega sociedade pioneira na atención pública e na produción escrita que teñen como eixo a cuestión das mulleres." García Negro, María Pilar e Rodríguez Sánchez, Francisco, "Literatura feminina e feminista da segunda metade do século XIX", Historia da literatura galega, 1996, Vigo, AS-PG, páx. 362.

15 Carmen Blanco no ensaio Literatura galega da muller fala destes dous textos e di o seguinte:
"... Las literatas, que analiza o conxunto de prexuízos que recaían sobre a escritora en xeral e a escritora casada en particular. O ensaio parte, por tanto, dunha actitude moi semellante á adoptada por Virginia Woolf en Unha habitación propia (1929), aínda que con menores pretensións. De todos os xeitos, como sempre en Rosalía, a apariencia estilisticamente coloquial e insignificante da Carta a Eduarda non pode ocultar a clarividencia e a fondura do contido e da crítica existentes na súa análise da situación de Las literatas. Se a obra de Virginia Woolf aínda é básica para comprender os condicionamentos materiais e psicolóxicos nos que se move a creación literaria feminina, a de Rosalía tamén o é para comprender os condicionamentos sociais cos que se tiña que enfrontar a escritora en xeral e de maneira moi especial a escritora galega." Literatura galega da muller, Vigo, Xerais, 1991, páx. 48

16 Rodríguez, Francisco, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, 1988, AS-PG, Vigo.

17 García Negro, Mª Pilar, "Estudo introdutorio", El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas, 2006, col. As letras das mulleres, Sotelo Branco, Santiago de Compostela.

18 Wagner-Martin, Linda, Sylvia Plath, Barcelona, Circe, 2001, páx. 202

19 En Unha habitación propia, V. Woolf di tallantemente: "cómpre ter cincocentas libras ao ano e cuarto cun pecho na porta se queredes escribir novela ou poesía" (Virginia Woolf, Un cuarto de seu, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia e Sotelo Branco, 2005, páx. 183), é dicir, ás mulleres cómprelles independencia económica e un espazo que non teñan que compartir con ninguén, onde poidan gozar da intimidade necesaria, algo co que os homes contaban, mais que para a muller aínda estaba por chegar. Woolf reitera:
   "A liberdade intelectual depende de cousas materiais. A poesía depende da liberdade intelectual. E as mulleres sempre foron pobres, non só desde hai douscentos anos, senón desde o principio dos tempos. As mulleres tiveron menos liberdade intelectual que os fillos dos escravos atenienses. Polo tanto, as mulleres non tiveron a máis mínima oportunidade de escribir poesía. Por ese motivo fixen tanto fincapé nos cartos e no cuarto de seu." (Virginia Woolf, Un cuarto de seu, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia e Sotelo Branco, 2005, p.p. 187).

20 En Memoria de poeta, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo coñecemos a outra versión da confrontación. Cáccamo comenta o episodio e sinala que seu pai formaba parte daquel xurado, no que defendeu a obra de Xohana Torres, fronte a Xente ao lonxe. Blanco Amor recibiu aquel fallo moi negativamente.

21 "Muller: ningún chanzo conduce a Nós. Carencia de nome: metonimia. Metáfora, o pai. Eu nos bordos, de aí a contemporaneidade do intento feminino. Non ser negada. Nomear desde a outra, eu. Nós-Outras (de aí o emprego de moitas voces, que rompen a unicidade dos poemas; Voces: todas). Chus Pato "Eu, en toda clase de regatos", Dorna, nº 22, 1996.
22 A Festa da Palabra Silenciada, n° 14, 70 7 1.

23 Iden, páx. 71.

24 M. Xosé Queizán, "O poder e a escritora", por FIGA (Feministas Independientes Galegas) (1990)", citado por Carlos L. Bernárdez e outros, Literatura galega século XX, 2001, Vigo, A Nosa Terra, páx. 363.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega