De péndulos e de templarios

 

 

v2bernardezvilardependulosedetemplarios.html

     A principios do ano 1851, o Panteón de París foi esceario dun orixinal experimento. Jean Bernard León Foucault trataba de demostrar, no seu marco, o movimento de rotación da Terra, utilizando un péndulo formado por unha esfera de 28 kilos de peso suspendida dun fío de aceiro de 67 metros. O principio baseábase na consideración de que, de non existir tal movemento, o péndulo debería de manterse en oscilación no mesmo plano. Polo experimento de Foucalt puido comprobarse que o movimento do artiluxio variaba, cada hora, 11 graos, 17 minutos e 39 segundos respecto do plano inicial. Un péndulo semellante a este, aínda que de dimensións algo máis reducidas, está a repetir constantemente a histórica demostración de monsieur Foucault na Casa das Ciencias da Coruña, que paga realmente a pena dunha visita.
     O péndulo de Foucault sirve asimesmo de título á última e agardada obra de Humberto Eco, que veño de rematar.
     Estou convencido de que, así como co seu Quixote tratou Cervantes de acabar coa credibilidade dos libros de cabaleirías, o profesor piemontés tentou con esta nova obra súa —se ben que con Eco nunca se pode estar seguro de nada— de sustrair prestixio, ou de aflorar debidamente a inconsciencia das chamadas ciencias, orgaizacións, ou ordes esotéricas, ocultas, e similares. Coa súa lectura abanéanse mesmo conviccións tan firmes como a das medidas da Gran Pirámide do Exipto, diante da demostración de que tamén as proporcións dun simple kiosko de revistas resultan en todo semellantes ás da faraónica construcción e, polo tanto, merecedoras tamén de parecida sublimación científica, aínda que o seu deseñador non tivese nunca a pretensión de acadar tal notoriedade.
     A través de O péndulo de Foucault parece ficar meridianamente demostrado tamén que os constructores dos megalitos, a Irmandade do Templo de Salomón, os procuradores do "Velocino de Ouro", así como druídas, gnósticos, maniqueus, o Santo Graal, astrólogos, alquimistas, templarios, cátaros, teutónicos, cabalistas, rosa-cruces, asasinos, drusos, baconianos, enciclopedistas, masóns —mesmo os do rito escocés—, xesuítas, exorcistas, vigaristas, sabios de Sión, iluminados de Babiera, e outras denominacións, reais ou imaxinarias, que desfilan a todo o longo e ancho da obra, veñen ser a mesma cousa, parten do mesmo principio, e atópanse todos eles tan absolutamente desnortados que acaban por admitir calquer clase de axuda que lles amose a máis remota posibilidade de reaxir camiño. Eco aproveita ademáis este ben condimentado caldo para arremeter contra a mafia editorial, outro xeito de organización, menos iniciática, pero máis real e interesada, contra a que nada sabíamos que abrigase semellante xenreira.
     Alén destas consideracións, a finalidade da obra aparece xa explicada na primeira páxina, gracias a unha esclarecedora cita en caracteres hebraicos, doadamente asequible para calquer lector medio. Para un máis axeitado entendemento, o capítulo 114 desenrola aínda, compridamente, a fórmula matemática demostradora de incidencia que sobre o movemento do Péndulo pode ter o corpo dun aforcado.

     Sen embargo, hai cousas que se botan a faltar. Eco ocúpase de moitos e relevantes personaxes nesta dilatada novela; dende Mandrake —Merlín para os vellos lectores de "comics"— ata Flash Gordon, de Mickey Mouse ó Axente Secreto X-9, ou de Casanova, Napoléon, o Aga Khan, Woody Allen e John Lennon, sen esquecerse do Rick's Café de Casablanca. Mais non fai a máis mínima alusión ó seu cuasi paisano Corto Maltese, o cal resulta imperdonable.

     Corto Maltese, iniciado nos estudios do Talmud, o Zohar e a Cábala polo rabino Ezra Toledano, deambulador nun mundo en todo semellante ó que se recrea na obra, entre botadoras de cartas, cultos afro-americanos, ritos satánicos ou extrañas e segredas loxias, e que, a través de migracións espacio-temporais, toma contacto con bardos, visita o castelo do Graal, ou vive a xuventude dos seus propios coñecidos, e mesmo é capaz de soñar baixo os trilitos de Stonehenge un enfrontamento case real dos korrigans, magos e elfos da vella Britania, con invasores nibelungos, fadas, ondinas e dragóns do continente, ben merecía a satisfacción de pasar a engrosar esa longa nómina na que Eco se recrea.

     Con todo, os personaxes centrais, aqueles arredor dos que xira realmente a trama, son, indudablemente, os templarios.

     Antiga representación de Jacques de Molay, o derradeiro dos Mestres templarios, queimado na fogueira, en Paris, o 18 de marzo de 1314.


     Confeso que, ata o momento en que un sorprendente comunicado dunha autodenominada "Orde do Temple", en contra da exhibición do filme Ivanhoe, que con tanta escasa consideración se pronuncia respecto a ela, fora moi cativo o meu interese respecto a estes afamados cabaleiros. Mais, despois desta inesperada irrupción súa, logo de séculos de silencio, non tiven máis remedio que preocuparme por alcanzar certas nocións acerca do seu nacementeo, evolución, e posterior desaparición. Algo realmente apaixoante. Porque, en contra do esperado, o Temple resultou ser a máis singular de todas as ordes militares que teñan existido nunca.

     Formada por monxes guerreiros, encomendados da misión de protexer as vidas de peregrinos, e a defensa dos Santos Lugares, os templarios acabaron por se esparexer pola maior parte de Europa e foron o principal sostén do Reino Cristiano de Xerusalén, xurdido da primeira cruzada. Da cábala, do sufismo musulmán e, especialmente, da orde mística dos asasinos, o temple asimilou segredos e coñecementos que somente acadamos a intuir, mais que non deixan de asombrarnos. Nascida para o combate armado a orde acadou, sen embargo, unha vocación auténticamente ecuménica. En 1180 defendeu a posibilidade de partición da Terra Santa cos musulmáns, e ata chegou a contemplar o proxecto dunha alianza entre o cristianismo e o islam. A realidade é que o Temple foi unha adiantada para o tempo que lle tocou vivir.

     Engaiolado polo acceso a este mundo, ata entón ignorado, acabei por facer algo máis. Visitei a explanada do Templo, en Xerusalén, ó pé do val do Cedrón, o lugar en cuxas caves e bóbedas soterradas iniciaron a sua andaina os nove primeiros templarios, e algunhas das case vinte fortalezas que chegaron a posuir en Terra Santa. De todas elas ningunha, quizais, tan relacionada coa temática que nos ocupa, como a de Safed, encolgada a mil metros de altura, dominando os vales de Galilea, a paraxe elexida por Isaac Luria para desenrolar os seus brillantes estudos sobre a Cábala.

     Tamén puiden coñecer as lombas dos Cornos de Hattin, sobre o lago Xenesaret, esceario da grande derrota templaria en campo aberto, principio do fin do seu poder. Por último pateei as sólidas murallas e defensas de San Xoán de Acre, último baluarte cristiano en Terra Santa, caído en 1291 despois de dous meses de asedio. Naqueles baluartes, o que son as cousas, a miña insaciable curiosidade estivo a piques de facerme intervir, accidentalmente, na rodaxe dunha película policíaca protagonizada por Peter Ustinov.

     O Monte do Templo, en Xerusalén, dende o oeste. A praza do primeiro termo é a do coñecido "Muro das Lamentacións", todo o que resta do Templo de Herodes. No centro da explanada que hai detrás, advírtese a octogonal Mequita de Omar, encimada pola súa cúpula dourada. A mesquita situada no extremo da dereita é a de El-Aqsa, mentres que a pequena explanada que hai detrás dela é unha plataforma sostida por pilares e bóvedas, que os cruzados consideraron como a cuberta das Cabalerizas do Rei Salomón. Nelas viviron, a partir de 1128, os nove primeiros cabaleiros Templarios.


     Como case que todo ó pasado da nosa terra se refire, a historia do Temple en Galicia, está aínda por desenterrar. Houbo fortalezas, mosteiros e concesións seus en case todas as nosas vilas e bisbarras, mesmo en lugares tan sorprendentes como as illas da Coelleira e de San Simón, nas rías de O Barqueiro e Vigo. E nesta cidade a súa casa estivo no solar que agora ocupa a Concatedral. A importancia que o Temple acadou na nosa terra podémola tirar polo significativo feito de terse celebrado en Lugo, no ano 1244, o seu Capítulo Xeral.

     Un Capítulo Xeral puido ser algo capaz de rivalizar en importancia, salvadas as distancias, cunha Asamblea das Nacións Unidas, poñamos coma exemplo. No momento de celebrarse o de Lugo, a Orde contaba, ademáis das súas instalacións en Siria e Terra Santa, cunhas nove mil fortalezas, mosteiros, bailíos e bastidas, espalladas por Europa. O seu era un poder superior ó de ningún outro poder existente.

     Porque, o Temple, ademáis de moitas ducias de miles de combatentes, perfectamente armados e adestrados, contaba con puxantes explotacións agrícolas, gandeiras e artesanais, e dominaba o tráfico comercial co Oriente. Contaba así mesmo co principal e máis perfecto sistema bancario que coñeceu a historia, estrada propias, doctadas dunha rede de Hospedarías, xestionaba o cobro dos impostos, orgaizaba feiras e mercados, e era posuidor de portos privados e importantes flotas marítimas. Mesmo no momento no que recibía a coitelada final, dezasete navíos templarios partían da súa cidade de La Rochelle, en Francia, con cargamento, misión e rumbos descoñecidos.

     Un ten que resistirse a crer que un imperio coma este poida desaparecer da noite para a mañá. Para que procure unha explicación satisfactoria para o que puido ter acontecido despois do ardil de La Rochelle, O péndulo de Foucault pode resultar frustrante.

     Murallas e porto de San Xoán de Acre, o último baluarte cristiano en Terra Santa, visto dende o sur.


     Sen embargo, Eco non furtou esforzos para ser obxetivo. Porque, ademáis de demostrar un máis que notable coñecemento da entrambilicada problemática que analiza, coñeceu tamén Provins, onde non hai moito foi recontruída unha daquelas notables templerías; os barrios que a Orde tivo en París, e mesmo a fortaleza de onde achou sorprendentes e reveladoras conexións. Tomar foi a cabeza do Temple portugués e, finalmente, o lugar co que o rei poeta don Dinís o fornecera, logo da súa aniquilación por medio dos pérfidos procesos inquisitorios do rei de Francia. En Tomar subsistiu a Orde ata mediados do século pasado, mudado o nome. Don Enrique o Navegante, Grande Mestre dela, aproveitaría o seu saber e os coñecementos longamente almacenados, para establecer as bases do Imperio Portugués.

     Custa, pois, admitir que canto representaron aqueles cabaleiros de manto branco e cruz vermella, capaces de cargar temerariamente contra as compridas filas do infiel, á sombra do seu estandarte de riscas negras, puidese esvairse sen mais nas moitas loxias, cofradías, gremios, sectas ou grupos de ennovelados que Eco fai desfilar. Ou resulta, cando menos, consternador.

     Mais, "Quid est veritas?" ¿O razonablemente demostrable, ou aquilo que un está disposto a crer? Porque, frente á descarnada resposta de O péndulo de Foucault, eu síntome prendido polo engado, o feitizo, e as posibilidades que mergullan arredor do inspirado sincretismo de Corto Maltese, a través do que aínda se pode manter unha pinga de ilusionada esperanza.


Nigrán, xuño de 1989

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega