Diccio_eu

 

[a]

 

Diccio eu

     abanico: ave migratoria e multicolor, de cola fina e ancha, que abre e pecha constantemente como se sempre estivese dicindo adeus.

     acordeón: esponxa musical de gran tamaño.

     aire: mar invisible onde os peixes camiñan por ríos sen auga.

     alborada: muller mitolóxica, de alta estatura e longos cabelos. de aspecto etéreo. mirada fría de tonalidades azuis, vermellas ou grises. fuxidía e solitaria. desprende unha substancia luminosa e transparente que permanece flotando sobre o aire.

     allen (woody): 1_ chiste mental de proporcións cósmicas. 2_ filósofo típico das rúas de manhattan. 3_ disfrace que se compón, basicamente, dunhas lentes grosas de cor escuro e unha perruca co cabelo alporizado. en certas ocasións e, como complemento, pódeselle engadir un clarinete. especialmente indicado para ir á cerimonia dos ÓSCAR.

     almanaque: 1_ bloque de doce edificios; así mesmo divididos en 28, 29, 30 ou 31 vivendas, unicamente habitadas por santos e santas. 2_ xoguete decorativo que amosa 365 combinacións distintas. 3_ o traxe do tempo.

     amar: 1_ milagre matemático polo cal UN se suma a outro UN, para que o resultado siga sendo UN, sempre e cando non interfira un terceiro UN; feito que podería provocar unha sucesión xeométrica de catástrofes incontrolables. 2_ lugar de paso.

     amnesia: aparcamento subterráneo sempre baleiro.

     anarquía: 1_ ke kada un faga o ke lle pete sen petarlle ao ke ten enfronte. 2_ estado orixinario do UNIVERSO.

     andoriñas: 1_ pingüíns voadores de escasas proporcións que habitan nas trabes dos pendellos. 2_ saloucos do pensamento. 3_ puntos suspensivos do aire en eterno movemento.

     antípodas: lugar no que nunca estaremos; agás, naturalmente, nas antípodas da vida.

     antonio (manuel): foula. ronsel. marusía. silenzo. distanza. xerfa. xuntando soedades. ortodrómicas. melfas. almanaques. ouceános irremediables. amaremos de novo: os paxaros e as antípodas. nós, que sempre bebemos as soidades do nordés; compañeiro con boina e con cachimba.

     antroido: había neve amoreada de días anteriores e, cando cheguei, miña avoa finxiu que en realidade non me coñecía. despois quitei a perruca, a carantoña, a funda, e senteime detrás da cociña mentres ela me preparaba unha cunca de leite quente con Cola_Cao.

     araña: penélope tecedora de fíos. costureira do aire; especialista na elaboración de flores de cinza que logo pendura dos recantos dos armarios, paredes, portas: etc....

     arco da vella: utensilio de sete cores con forma abovedada que, nos días de chuvia, se utilizaba para buscar tesouros agochados.

     armario: lugar do que se sae; (¿con faldas y a lo loco?).

     arteria:
estrada masificada pola cal discorren coches sempre de cor vermello en dirección ó centro.

     artesa: o galiñeiro dos bolos.

     asunción (da María): habitante dos almanaques.

     avión: pensamento ruidoso.

     aznar (josé maría): especie de bigote monótono e repetitivo que se fixo "universalmente" relevante nas illas das Azores.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega