Do nacionalismo literario a unha literatura nacional

 

[Texto íntegro]

 

m5xgonzalezmillandonacionalismoliterario.html




Do nacionalismo literario a unha literatura nacional.
Hipóteses de traballo para un estudio institucional da literatura galega
(1)


     Coa experiencia do discurso literario galego como referencia, proxéctanse unha serie de hipóteses de traballo para reformular a cuestión da literatura nacional. Sinálanse as perspectivas tradicionalmente utilizadas para definir un corpus literario nacional e novos puntos de partida que abren espacios de reflexión ata agora inexplorados ou pouco articulados. Estúdianse as relacións entre literatura nacional e sistema literario; analízanse as vías de intervención dos idearios nacionalistas no discurso literario; e indícanse algunhas das deformacións provocadas por determinadas lecturas nacionais. Unha distinción fundamental entre nacionalismo literario e literatura nacional percorre toda a exposición. O artigo remata cunha breve referencia á actual crise do proceso de lexitimación nacional da literatura galega.



I. PERSPECTIVAS

     1. ¿Que fai que un grupo social acepte ou reciba unha determinada producción literaria como nacional? ¿Quen define e decide que un texto sexa nacional? e, no caso da literatura galega, ¿cando se inicia ese proceso?, ¿cando se comeza a falar de literatura nacional galega? Estas interrogacións, como outras moitas que poderían ser igualmente formuladas, serven para testemuñar a amplitude e complexidade da reflexión sobre a literatura nacional. Para someter esta cuestión a unha necesaria revisión conceptual adiántanse aquí algunhas das perspectivas que fundamentaron no seu momento a reflexión sobre o fenómeno nacionalitario e outras cun valor heurístico apoiado nunha bibliografía máis recente. No primeiro grupo destaca o criterio filolóxico coas condicións da súa lexitimidade como instrumento de análise e como estratexia para delimitar o espacio nacional dunha determinada producción literaria. É no segundo apartado no que se formulan hipóteses moito menos consolidadas conceptual e operativamente, pero non por iso menos efectivas como perspectivas analíticas; adquiren unha especial relevancia algunhas áreas de investigación: os diferentes procesos que interveñen na producción e reproducción culturais dunha determinada sociedade, os espacios públicos necesarios para institucionalizar o discurso literario e as correspondencias entre o desenvolvemento dunha literatura nacional e a configuración dun imaxinario colectivo. Outra perspectiva inevitable neste inventario inicial é o estudio dos distintos discursos que interveñen na articulación dunha literatura nacional, sobre todo cando se analizan situacións socioculturais como a galega, nas que se observa como trazo distintivo a multifuncionalidade do discurso literario (2).
     2. Esta última observación subliña unha condición do discurso literario de especial relevancia para o estudio das literaturas nacionais. Algúns dos máis recentes estudios sobre a configuración e apropiación nacional do discurso literario a partir de determinadas experiencias históricas demostran que no conxunto da matriz do imaxinario colectivo aquel é un dos primeiros en consolidarse como tal discurso social e en sufrir tamén as consecuencias, algunhas negativas, desta privilexiada condición. A proliferación das macrometáforas nacionais, a tentación alegórica e a polivalencia retórica que caracterizan o funcionamento do discurso literario nun espacio cultural como o galego son trazos que falan neste sentido. A medida que os demais discursos entran a participar na matriz ideacional nacional, como consecuencia e como instrumento dunha gradual diferenciación social, obsérvase unha reducción do protagonismo do discurso literario. Sería interesante estudiar desde esta perspectiva a evolución dos idearios galeguistas para ver como participa o discurso literario nas diversas fases deste proceso e como paseniño interveñen no desenvolvemento do fenómeno nacionalitario os demais discursos sociais.
     3. Cando se fala de literatura nacional ou de discurso literario nacional, termos que a pesar da súa vinculación aluden a realidades distintas, tende a utilizarse como marco de referencia unha hipotética normalidade institucional. Pero se como indicaba nunha nota anterior, a literatura non é senón un conxunto de prácticas sociais específicas, nas que interveñen uns axentes e unhas institucións, entón debe aceptarse que un determinado sistema literario poida amosar un alto grao de normalidade nun dos seus ámbitos e ó mesmo tempo evidenciar deficiencias nalgúns dos espacios públicos nos que intervén e dos que depende para asegurar a efectividade da súa institucionalización. Noutras palabras, o sistema literario en cuestión pode ofrecer un exhaustivo repertorio de xéneros e outras formas discursivas e ó mesmo tempo amosar enormes dificultades na súa consolidación como discurso social. Esta observación é especialmente apropiada para sistemas literarios como o galego, sobre todo nas últimas décadas, nas que experimenta unha explosión de formas e rexistros, especialmente no xénero narrativo. O optimismo derivado deste salto cuantitativo e cualitativo non pode ocultar, sen embargo, as múltiples deficiencias que impiden a súa institucionalización social; a consolidación do mundo editorial galego, por exemplo, non vai acompañada dunha tendencia semellante no ámbito das institucións educativas, nas que a presencia da literatura galega segue sendo estructuralmente moi deficiente.
     4. Unha das dificultades relacionadas coa cualificación nacional dun determinado sistema literario reside na polisemia da denominación mesma. É o uso das súas distintas connotacións o que obriga a reflexionar sobre os presupostos utilizados na súa proxección como unha institución nacional, especialmente cando na articulación da política cultural oficial o discurso literario intervén como un instrumento básico. Obviamente, un dos niveis de significación depende da concepción de nacion(alismo) utilizada na proxección do sistema literario en cuestión; cualificalo de nacional equivale a recoñecer a existencia dunha identidade colectiva que, sen embargo, pode estar silenciada ou deficientemente codificada noutros discursos sociais da mesma comunidade. En certos casos, a dimensión nacional dun determinado corpus literario reside nun acto de autodefinición utópica e na proxección dun espacio colectivo inexistente como institución social pero efectivo como un imaxinario desexado; a dimensión programática e combativa de gran parte da producción literaria galega responde a unha instrumentación crítica derivada da experiencia de dependencia e de inxustiza e testemuña unha realidade
imaxinaria pero efectiva como representación dunha identidade colectiva lingüisticamente codificada.
     O criterio filolóxico, utilizado sistematicamente como o principio fundamental no proceso de canonización estética e de lexitimación nacional desde as primeiras fases do desenvolvemento do fenómeno nacionalitario, partía dunha identificación, especialmente efectiva nos momentos de maior autoconciencia colectiva, entre lingua como sistema de comunicación e discurso literario, unha confusión que determinadas circunstancias sociais se encargarían de superar. Como modelo de lectura a visión da literatura en tanto que representación dunha identidade nacional defende a lexitimación desta caracterización mediante a selección de determinados textos que funcionan como obras emblemáticas (3).
      5. Se a caracterización nacional é un tipo de lectura que privilexia determinados comportamentos e promove certas tendencias na institucionalización do discurso literario, facéndoo acredor de todas as cargas de ambigüidade que condicionan a articulación discursiva do fenómeno nacionalitario, o horizonte de actuación estatal engade outro nivel de complexidade e obriga a considerar unha serie de cuestións directamente relacionadas coa intervención das institucións do Estado na consolidación dunha literatura nacional. Unha pregunta inevitable neste marco de reflexión é a de se o discurso literario dispón doutras opcións, ademais da estatal, para configurarse como institución nacional, máis concretamente, se pode concibirse unha lectura ó mesmo tempo non-estatal e nacional(ista) dun sistema literario. Experiencias históricas como a galega poden inclinarnos a unha rápida resposta afirmativa, inducida pola errónea identificación do nacionalismo literario e da literatura nacional propiamente dita, dous procesos socioculturais centrais na reflexión sobre a institucionalización nacional do discurso literario. Como se indica noutras seccións deste traballo, a proliferación de determinados códigos de reforzamento da identidade nacional nunha obra literaria non permite definila como texto nacional; para poder falar de literatura nacional hai que incorporar no paradigma explicativo a dimensión axencial ou institucional.
     6. A dinámica sociocultural galega das últimas décadas obriga tamén a distinguir dúas acepcións importantes de literatura nacional: dunha banda, como suma de todos os textos pertencentes a un determinado sistema literario, segundo criterios establecidos pola comunidade correspondente; e doutra, como canon duns textos lexitimados social e esteticamente. Os procesos que levan a esta distinción constitúen pezas fundamentais da historia literaria galega moderna e dificilmente poderían ser ignorados na evolución deste sistema literario. Unha concepción da literatura nacional galega no momento actual non pode prescindir nin do conxunto de todos os textos pertencentes ó ámbito da producción literaria nin dun canon no que estean representados os maiores logros estéticos e as configuracións alegóricas mellor articuladas da experiencia nacional. Unha interrelación semellante non está exenta de dificultades, sobre todo porque cuestiona a práctica aínda hoxe predominante do nacionalismo literario. Sen embargo, a recente multiplicación da producción literaria e a subseguinte diversificación de formas está obrigando a reformular os presupostos sobre os que ata agora traballaba o nacionalismo literario, precisamente porque moitos dos novos rexistros e algúns dos textos, sobre todo os publicados a partir de 1980, dificilmente encaixan nos ríxidos esquemas dos idearios nacionalistas que por moitos anos garantiron e lexitimaron a estabilidade da identidade colectiva.
     Para comprender o funcionamento dunha literatura nacional a idea de canon con todos os procesos sociais que nel interveñen é fundamental. No caso do sistema literario galego a configuración dun corpus privilexiado é unha verdadeira revolución e supón ó mesmo tempo un dobre recoñecemento: dunha banda, a potencial efectividade do discurso literario na consolidación dunha hexemonía nacional; e doutra, o recoñecemento de que a avaliación dun producto literario galego non depende exclusivamente da súa hipotética condición de texto nacional, xa que outros criterios demandan participar tamén na súa canonización. Esta observación non equivale a dicir que o sistema literario descoñecese ata décadas recentes a existencia dun canon; máis ben suxire unha nova vía de investigación a partir da distinción entre dúas formas distintas de institucionalizar o discurso literario denominadas nacionalismo literario e literatura nacional. Esta última representa un momento cun alto grao de autonomía dos discursos sociais, entre eles o literario, coa conseguinte consolidación da diferenciación funcional das distintas institucións sociais. O nacionalismo literario tamén se apropia dos textos nos que se sente mellor representado, é dicir naqueles nos que o ideario nacionalista adquire unha fórmula ideal de articulación. Cantares gallegos podería servir de texto-guía para analizar as transformacións operadas no proceso de canonización da literatura galega ó pasar da fase de nacionalismo literario á da literatura nacional, no sentido global sinalado. O poemario rosaliano non perde o seu carácter fundacional nesta operación; sen embargo, e isto é o realmente relevante, os textos canónicos que acompañan a Cantares en ambas as dúas fases non coinciden e, por tanto, a percepción mesma do poemario sofre un cambio como consecuencia da transformación do espacio literario no que está instalado.
     7. Este é o marco no que se debe analizar a importación da chamada literatura de consumo no corpus nacional, un dos aspectos máis complexos e de máis difícil articulación na actual producción literaria galega e na súa problemática consolidación como literatura nacional. Unha das consecuencias derivadas desta nova situación é o desmarque de dous ámbitos de investigación: dunha banda, as relacións da literatura nacional coa literatura popular (en canto representación dunha identidade étnica asociada cunha determinada visión da tradición colectiva); doutra, coa literatura de masas (na que encontran eco as voces das novas identidades sociais). Mentres a condición nacional estivo apoiada na producción popular, a definición de literatura nacional non ofrecía maiores problemas de conceptualización nin de articulación, porque entre o corpus literario e a identidade étnica había unha homologación perfecta. Esta situación sofre unha profunda crise cando á literatura tradicional se lle engade unha nova producción, a de consumo masivo urbano, porque demanda novos criterios de canonización (4).



II. LITERATURA NACIONAL E SISTEMA LITERARIO

     1. ¿É a galega unha literatura nacional?, ¿que se pretende cunha caracterización semellante?, ¿que se entende por literatura nacional cando tal denominación é empregada para analizar a literatura galega, sobre todo no contexto das últimas décadas? A persistente (¿e inevitable?) ambigüidade no uso de termos como literatura galega e literatura nacional por parte dalgunhas institucións culturais, como demostra a case obsesiva utilización de Cela e Torrente como escritores galegos, proba que estas preguntas seguen sendo relevantes porque desenmascaran algúns
dos presupostos que consciente ou inconscientemente se empregan con referencia á literatura galega como, por exemplo, a reducción do imaxinario literario a unha serie de macrometáforas procedentes dos idearios nacionalistas que utilizan preferentemente criterios esencialistas (a galeguidade) ou a busca da lexitimación nunha identidade colectiva uniforme e constante definida en termos dun ideario nacional. Estas observacións obrigan a concluír provisionalmente que unha reflexión sobre a entidade da literatura galega sen analizar previamente a cuestión da literatura nacional dificilmente evitará serias simplificacións conceptuais e metodolóxicas.
     2. Definir como nacional un determinado sistema literario significa, en primeiro lugar, identificar unha serie de elementos comúns nun determinado corpus textual. Case todos os estudios sobre a dimensión nacional da literatura galega intentan asegurar a lexitimidade desta condición en base ós presupostos dunha identidade colectiva definida segundo trazos esenciais e intemporais (o humor, a ironía, o lirismo ou un non menos impreciso realismo máxico), representada por unha serie de escritores que encarnan o espírito colectivo, é dicir, nacional. É esta unha práctica cultivada especialmente na fase do nacionalismo literario.
     Falar de literatura nacional implica, en segundo lugar, concederlle unha autodeterminación á producción literaria en cuestión, delimitándoa de acordo con parámetros sociopolíticos emblematicamente representados por un espacio nacional. Esta autonomía tradúcese na consagración da especificidade dos diversos procesos que constitúen o sistema literario (xéneros, movementos, tendencias, evolución cronolóxica, etc.). O problema desta proposta, como se observa na súa aplicación á literatura galega, é que lle impón ó sistema literario unha autarquía diferenciada en termos absolutos para compensar a experiencia da dependencia que se observa noutros niveis da sociedade. En terceiro lugar, a unha literatura nacional recoñéceselle un mínimo nivel de institucionalización social, é dicir, unha progresiva autonomía social do discurso literario correspondente. Finalmente, presupón tamén a imaxe da producción literaria como un sistema, é dicir, cunha certa organicidade ou corporeidade funcional, e cun canon que define a base sobre a que se estructura o sistema literario nacional e a posibilidade de dialogar con outros sistemas.
     3. Este último aspecto sinala un ámbito de reflexión importante: o da interdependencia entre o nivel de sistematicidade e a articulación nacional dunha determinada producción literaria. Tende a identificarse a articulación nacional como base para configurar a sistematicidade dun conxunto de textos. Estamos, sen embargo, fronte a unha argumentación viciada pola circularidade: a sistematicidade é proba inequívoca de que unha determinada producción é nacional e, simultaneamente, a condición de nacional é sinal irrefutable, segundo os defensores desta interpretación, de que se pode falar de sistema literario. Detrás das cualificacións de nacional, alimentando a acumulación dos seus significados, non é difícil observar a tentación dunha uniformidade esencialista que determina as condicións de interpretación da producción literaria en termos de sistematicidade.
     O recoñecemento dun sistema literario pasa pola identificación dun canon e este é inconcibible sen a imposición dunha articulación nacional. Aínda que os sistemas literarios funcionan sobre a base dunha constante xerarquización da súa producción en dous grupos, o da producción canónica e o da producción non canónica, non se trata de posicións permanentes. Sen embargo, nun sistema literario como o galego, no que aínda ten un peso determinante o denominado nacionalismo literario, o canon presenta unha certa rixidez derivada en gran parte da multifuncionalidade do discurso literario, como exemplifican algunhas modalidades de canonización dos poemarios de Rosalía de Castro. Podería dicirse que a articulación nacional é o principio fundamental nas múltiples formas de sistematicidade dunha determinada producción literaria, na que actúa como criterio de selección canónica e como principio de explicación para a súa dinámica diacrónica e sincrónica (preferencia por determinados xéneros, canonización ou marxinación de determinadas manifestacións, etc.) (5).
     4. Un dos tópicos máis utilizados na defensa dos idearios nacionalistas é a visión autárquica do sistema literario correspondente. Son paradigmáticos os traballos que argumentan a favor do carácter nacional do sistema literario galego e propoñen a lectura dunha evolución específica e explicada en termos non de relacións cos sistemas cos que inevitablemente está relacionado, senón a partir dos trazos que aparentemente marcan a súa esencial especificidade; noutras palabras, o sistema literario galego amosaría unha evolución distinta da dos sistemas veciños precisamente por ser unha entidade nacional, pero ó mesmo tempo sería a dinámica diacrónica a que lexitimaría o seu carácter nacional. O círculo argumentativo queda así pechado. A cronoloxía perfectamente individualizada sería o sinal dunha especificidade que de forma máis ou menos latente demostraría a condición nacional do sistema literario. Pero, en última instancia, a defensa dunha visión autárquica deste non é senón unha estratexia de compensación fronte ás múltiples dependencias da sociedade galega con respecto a outras entidades sociais.
     5. Como se vén argumentando, aplicarlle a denominación de nacional a un sistema literario é unha operación que non está exenta de dificultades, derivadas en parte dos obstáculos epistémicos e dos múltiples niveis de connotación cos que opera a denominación mesma de literatura nacional. Pero esta reflexión acada un nivel dunha aínda maior complexidade cando se encadra na experiencia da subalternidade, macrometáfora doutras denominacións non menos efectivas (marxinación, periferia, dependencia ou desenvolvemento). No caso concreto da sociedade galega esta condición de subalternidade tradúcese fundamentalmente na dobre experiencia dunha memoria colectiva silenciada e un futuro cun horizonte de expectativas de curta viabilidade.
     Un rápido inventario dos indicadores da subalternidade no sistema literario galego permite identificar algunhas áreas de investigación directamente relacionadas coas delimitadas pola reflexión sobre a configuración nacional dunha literatura marxinal: o subdesenvolvemento de determinados rexistros literarios, a deficiente institucionalización social do discurso literario, o impacto da diglosia sociocultural e das condicións de dependencia económica e política, a multifuncionalidade do discurso literario, a subordinación institucional con respecto a outros sistemas literarios, as dificultades no proceso de recepción da producción literaria causadas polas mesmas condicións de subalternidade, a fixación temática das macrometáforas que obstaculizaron o desenvolvemento e a dinámica dos mundos imaxinarios utilizados nos diversos rexistros literarios e, finalmente, unha deficiente mobilidade xenérica, como exemplifica a privilexiada percepción da lírica, condicionada en parte por unha concepción esencialista da galeguidade (6).



III. DISCURSO LITERARIO E IDEARIO NACIONALISTA

     1. A ambigüidade do discurso literario está directamente relacionada coa súa dobre e contradictoria tendencia a estabilizar e a subverter os mundos imaxinarios. Estas dúas condicións son especialmente pertinentes para analizar a literaturización do imaxinario nacional. Segundo esta hipótese, o discurso literario ten a capacidade de erixirse en espacio de condensación alegórica do imaxinario nacional e por esta mesma razón déixase seducir pola tentación dunha caracterización esencialista; pero pode igualmente fomentar unha subversión das súas representacións e apropiacións, e transformarse no seu elemento dinamizador. Deste xeito, a literatura aparece como un transmisor eficaz dunha determinada enerxía herdada dos idearios nacional(istas), pero ó mesmo tempo, polas esixencias da súa discursividade, pode tamén sometelos a unha crise de lexitimación e contribuír á súa desarticulación.
     2. ¿Como ler unha crise semellante no contexto dun proxecto de literatura nacional? ¿Como calibrar a aportación do discurso literario a esta crise e ás súas posibles solucións? Estas preguntas adquiren unha especial relevancia no contexto da literatura galega das últimas décadas. Cando Galicia entra nunha cronoloxía de liberdades políticas a partir de 1975, o discurso literario deixa de ser o vehículo privilexiado para a articulación dos idearios nacionais e vese forzado a competir cos demais discursos sociais que demandan un protagonismo específico. Atopámonos, así, coa paradoxal situación dun sistema literario que está en condicións de adquirir por primeira vez un certo nivel de institucionalización precisamente cando entran en crise algunhas das propostas máis visibles do nacionalismo tradicional. Esta crise de lexitimación nacional amosa xa algunhas das transformacións que sen dúbida van influír no futuro desenvolvemento do sistema literario galego como literatura nacional: a crecente autonomía da canonización estética, a perda de valor alegórico dos textos e a aparición de novas identidades sociais que complementan ou compiten coa nacional. O resultado máis previsible para unha intelección da literatura galega será unha lectura nacional menos monolítica e máis polifónica, e un proceso de canonización diversificador capaz de incorporar textos e formas previamente excluídos ou marxinados.
     3. Toda literatura nacional basea a súa lexitimación nunha serie de textos que combinan un alto valor alegórico e unha recoñecida calidade estética. É o seu canon, arredor do cal se estructura toda a producción literaria e se articula a súa evolución cronolóxica. En situacións de marcada deficiencia institucional os textos canónicos adquiren unha función fundacional que permite formular a seguinte tipoloxía: texto/arquetipo, así denominado polo seu carácter fundacional no conxunto do sistema literario en cuestión; texto/xénero, por inaugurar un xénero ou un subxénero dentro do sistema literario; texto/ideario, por articular un determinado ideario nacionalista ou social en xeral; texto/reivindicación, por resumir a súa forza na reivindicación dunha determinada imaxe colectiva; texto/contestación, por criticar situacións de dependencia e desigualdade e finalmente texto/etnia, por expor unha determinada concepción da cosmovisión colectiva. Esta tipoloxía precisa sen dúbida de necesarios reaxustes, pero en canto hipótese de traballo pode ser útil para estudiar sistemas literarios coma o galego.
     4. Ata ben entrada a década dos 70 case todos os textos galegos eran considerados nacionais; o criterio filolóxico impoñíase como baremo definitivo neste proceso de lexitimación. A partir de 1975, e sobre todo na década seguinte, prodúcese
unha profunda transformación, debido en gran parte á crecente institucionalización do discurso literario que introduce outros elementos na avaliación, e á crise de lexitimación das tradicionais identidades colectivas. Un repaso pola producción literaria máis recente permite sinalar a persistencia dalgunhas das estratexias de nacionalización: a apropiación dunha determinada representación da realidade galega, a utilización da alegoría nacional como estratexia discursiva, a articulación literaria dunha identidade colectiva, o cultivo intensificador dunha intencionalidade reivindicativa ou contestataria, a nacionalización, é dicir galeguización, de formas ou xéneros inéditos no sistema, a estructuración do mundo de ficción en torno a unha serie de imaxes consideradas nacionais e a instalación do texto nunha determinada tradición literaria que, por razóns varias, é definida como nacional.
     Na historiografía literaria galega pode documentarse a especial consideración asignada a determinados autores e sobre todo ás tendencias por eles representadas. Os procesos de canonización de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Celso E. Ferreiro, Neira Vilas ou Blanco Amor xiran en torno ó principio da representación dunha identidade nacional. As insistentes alusións ó talante fantasioso ou imaxinario da literatura galega, da que se aproveitan determinados críticos para incluír nela autores de expresión non galega (o exemplo de Torrente Ballester), non fan senón demostrar a persistente utilización deste tipo de argumentos sobre a identidade nacional da literatura galega.
     5. A utilización das macrometáforas nacionais é unha das estratexias das que se valen conscientemente algúns autores para asegurarse a lexitimación nacional da súa producción literaria. Obviamente, esta pode ser unha vía falsa e ineficaz de nacionalización da producción literaria como demostrou o caso galego na década dos oitenta, na que cuestionou este proceso e se inaugurou unha nova forma de entender o que é un texto nacional (7). Unha nova concepción do texto nacional na producción literaria galega máis recente pode ser analizada a partir dunha serie de datos: os procesos de institucionalización social do discurso literario galego na década dos oitenta, a crise de determinados idearios nacional(istas) e a conseguinte perda de Iexitimación do Macro-Texto único, a incorporación de novas formas literarias e novos mundos imaxinarios, a súa difícil homologación cos previamente canonizados como nacionais, a entrada en acción doutros discursos sociais ó lado do literario na articulación do imaxinario nacional galego, unha nova forma de concibir o sistema literario galego como consecuencia das novas experiencias que aparecen na década dos oitenta e a efectiva intervención dunha serie de axencias que a penas contaran anteriormente (o caso das casas editoriais, por exemplo) e que neste momento impoñen criterios propios na definición do que debe ser un texto nacional.
     Persiste, sen embargo, a obsesión por reproducir a textualización dunha esencia galega, aínda que condicionada polos mencionados procesos e transformacións. O novidoso agora é unha inestabilidade e unha pluralidade de opcións que dificultan un rápido ascenso dentro do sistema literario. O canon ábrese e desxerarquízase, debido en parte á perda de lexitimación dos criterios que imperaban ata os anos oitenta e tamén polas esixencias dos novos escritores arroupados polas institucións interesadas na súa canonización. O elemento ideacional xa non é, como antes, o único trazo privilexiado neste proceso de clasificación e as macrometáforas que definían o carácter nacional dos textos literarios desaparecen, son transformadas discursivamente (de seren tratadas alegoricamente convértense en obxecto de ironía) ou sofren o impacto das novas formas literarias (8).
     6. É fundamental concibir a literatura nacional como un espacio social específico e institucionalizado no que interveñen os diversos axentes sociais que directa ou indirectamente están relacionados coa lexitimación e utilización nacional do discurso literario. O recoñecemento desta dimensión institucional esixe analizar a intervención dos demais discursos sociais na nacionalización do sistema literario; ó mesmo tempo, subliña a relevancia da cuestión da literatura nacional como un espacio teórico idóneo para estudiar as complexas relacións entre o discurso literario e os demais discursos sociais e confirma a privilexiada condición deste proceso cultural como un ámbito único para analizar os mecanismos de producción e reproducción simbólica nos que tan activamente intervén o discurso literario, sobre todo en situacións como a da sociedade galega.
     7. ¿Que fai do imaxinario nacional un espacio privilexiado para a producción das macrometáforas coas que se alimenta a producción literaria? Para responder a esta pregunta, que é clave para entender a cuestión da literatura nacional, hai que identificar e analizar previamente as imaxes nas que se autorrepresentan as macrometáforas nacionais e estudiar as obras de determinados autores, especialmente os canonizados, para ver como se materializan nelas. Igualmente relevante é a análise da evolución do discurso literario no contexto deste corpus de metáforas e a específica intervención de cada un dos demais discursos sociais na articulación e reconfiguración deste mesmo corpus. Especialmente interesante sería detectar en que medida a producción literaria de determinados autores serviu de guía na articulación dun determinado ideario nacionalista. Esta constatación probaría que o discurso literario e os mundos imaxinarios por el construídos tiveron un papel determinante nos programas nacionalistas.
     Só despois destas indagacións previas estariamos en condicións de documentar os procesos polos que determinadas representacións son canonizadas e nacionalizadas inmediatamente e outras son silenciadas ou rexeitadas (9). Para que a canonización sexa efectiva é imprescindible un alto nivel de correspondencia entre os mundos imaxinarios e as institucións responsables da súa apropiación ideolóxica. O problema con esta operación é que tende a silenciar as contradiccións na análise dos autores canonizados como nacionais para non restarlle efectividade ó argumento da homoxeneidade dos idearios nacionalistas que eles representan (10).
     8. Despois da reflexión anterior é necesario preguntarse se a literaturización do imaxinario nacional equivale á nacionalización do discurso literario, se son dúas denominacións distintas dun mesmo proceso social. A configuración literaria do imaxinario nacional está directamente relacionada co mencionado nacionalismo literario e explícase, sobre todo nas súas fases iniciais, pola débil institucionalización doutros discursos sociais, sobre todo o político. Segundo esta hipótese, os idearios naciona(listas) utilizarían como vehículo privilexiado para articular o seu imaxinario o discurso literario; e este, coma contrapeso, traduciría as macrometáforas do imaxinario nacional ós seus propios rexistros. A nacionalización do discurso literario, pola outra banda, precisa para ser efectiva dun certo grao de autonomía institucional. É neste sentido no que debe falarse de literatura nacional, como se indica noutras seccións. Como conclusión provisional pode aventurarse a seguinte liña de investigación: unha reflexión sobre os modos de nacionalización de textos e autores e sobre as axencias que neles interveñen esixe, en primeiro lugar, unha análise da lexitimación social e da canonización estética e un estudio detido das circunstancias que condicionan cada unha destas actividades; en segundo lugar, obriga a distinguir diferentes graos de nacionalización do discurso
literario e a identificar os distintos proxectos nacionalitarios nos que se inscribe e dos que forma parte.



IV. A LECTURA NACIONAL DO SISTEMA LITERARIO

     1. Os manuais de historiografía literaria fundamentan a súa lóxica argumentativa a partir do seguinte principio: a lectura nacional é a fórmula ideal para entender as complexas relacións entre os diversos sistemas literarios. Esta fórmula caracterízase por unha serie de imposicións que exerce sobre o discurso literario: imposicións ideolóxicas derivadas dos idearios nacionais utilizados como instrumentos ou guías de articulación; imposicións estéticas, resultado da privilexiada xerarquización de rexistros específicos; e imposición de determinadas interpretacións sobre a evolución autónoma do sistema literario, nas que a lectura nacional é especialmente efectiva. Estas observacións xerais suxiren tamén liñas concretas de investigación; unha delas é a análise dos mecanismos utilizados para silenciar as versións que problematizan a homoxeneidade do sistema e, en última instancia, a súa estabilidade; outra é a comparación dos manuais escolares utilizados nos diversos niveis do ensino, que permitiría ver como se lexitima a lectura nacional dun determinado sistema literario a través da institución pedagóxica.
     2. A lectura nacional é un proceso interpretativo que, por principio, traballa con textos fundacionais, os textos nacionais por excelencia, arredor dos cales se vai distribuíndo o resto da producción literaria. O seu carácter fundacional descansa nunha serie de funcións, que deben ser relacionadas coa tipoloxía textual inventariada na sección anterior; aquí só se indican as máis relevantes: a inauguración ou reiniciación dun sistema literario (como exemplifica Cantares gallegos no caso de Galicia), a síntese dos trazos primordiais dunha identidade colectiva (sobre todo as macrometáforas dun determinado ideario nacionalista), a recuperación e articulación dunhas formas literarias consideradas fundamentais para a configuración do sistema literario, a inauguración de novas vías temáticas ou discursivas e a incorporación no espacio textual dos desafíos dunha época concreta, normalmente identificada cun momento especialmente relevante na evolución do sistema literario (o Rexurdimento lírico do século pasado, o proxecto literario da Xeración Nós, ou títulos máis recentes como Caixón desastre e O triángulo inscrito na circunferencia, para a literatura galega).
     3. Para establecer as relacións entre a institucionalización do discurso literario e a súa nacionalización é importante identificar as axencias que interveñen na lexitimación dunha lectura nacional da producción literaria. É obvio que ademais das propias do discurso literario actúan neste proceso as institucións especializadas na articulación dos idearios nacionalistas e que estas últimas exercen presión sobre as primeiras como se detecta nos tipos de imposicións sinalados anteriormente. No caso da literatura galega a canonización estética, na que comezan a intervir algunhas institucións cunha dinámica propia, aínda segue en gran medida subordinada ou identificada co proceso de lexitimación nacional (11). Obsérvase, pois, unha ambigua equiparación entre ambos os dous procesos, que non sería absurdo interpretar como a persistencia dun espacio liminar, fronteirizo, no que se xesta unha osmose entre a lexitimación nacional e a canonización estética, producto da inestabilidade da matriz discursiva e da multifuncionalidade dos diversos discursos sociais. A cuestión para o futuro é ver se se produce un progresivo distanciamento
e, en caso afirmativo, que forzas interveñen nesta hipotética diferenciación e autonomización das funcións discursivas. Especial importancia adquire o estudio da intervención institucional da crítica na lectura nacional da producción literaria, o papel dos organismos de transmisión da reflexión crítica (revistas, casas editoriais...), os tipos de crítica utilizada (xornalística, ensaística, académica), as interferencias coas axencias responsables dos idearios nacionalistas e a impronta destes na crítica literaria.
     4. Aínda que provisional, a seguinte tipoloxía de lecturas nacionais pode ser un punto de partida operativo para o estudio dunha literatura como a galega (12): a institucional/oficial (representada pola Administración oficial), a das institucións oficiais encargadas de protexer e estudiar a cultura nacional (o Consello da Cultura ou o recentemente creado Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, por exemplo), a das diversas formacións políticas nacionalistas (o caso do Bloque), a dos movementos sociais que promoven a institucionalización nacional da cultura galega (o exemplo da Mesa pola Normalización Lingüística de Galicia), a dos sectores académicos e centros de documentación comprometidos coa reivindicación dunha cultura nacional (o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago) e a dalgúns medios de comunicación especialmente interesados na proxección nacional da literatura galega (o caso do semanario A Nosa Terra). Unha análise comparativa permitiría analizar a contextualización de cada unha das lecturas a partir precisamente das institucións que as lexitiman. Esta sería, sen dúbida, a liña de investigación máis recomendable e a máis efectiva.



V. DO NACIONALISMO LITERARIO Á LITERATURA NACIONAL

     1. Como se adiantaba nalgunha nota anterior, moitas veces cando se fala de literatura nacional trátase en realidade do nacionalismo literario, que é unha práctica social distinta, ou mellor, o mesmo ámbito discursivo e institucional pero en distintos momentos da súa evolución. Galicia pode servir como exemplo paradigmático para profundar nesta distinción. Xa desde ben entrado o século XIX, a producción literaria galega funcionou vicariamente como o único espacio público galego, pero non desde unhas supostas condicións autónomas do discurso literario senón desde as esixencias de articulación dun imaxinario nacionalista; o carácter determinante destes idearios forzou unha lectura da producción literaria como se dunha literatura nacional se tratase. A débil ou case inexistente autonomía discursiva é compensada polo vigor das propostas galeguistas que se apoderan dun incipiente discurso literario autóctono para articular as súas propostas ideolóxicas. A dobre personalidade de moitos e significados escritores galegos como ideólogos do galeguismo e creadores literarios dá unha moi precisa imaxe do fenómeno aquí analizado.
     Do antedito pode deducirse que cando nun determinado espacio cultural non existe un mínimo de institucionalización discursiva, é problemático cualificar de nacional un sistema literario sen analizar previamente as complexas relacións e as necesarias distincións entre literatura nacional, nacionalismo literario e sistema literario. Cando aínda persiste unha superimposición de funcións discursivas, é dicir unha institucionalización discursiva deficiente, e a literatura como entidade social non ten acadado a autonomía suficiente, non pode falarse dun sistema literario consolidado e moito menos de literatura nacional. Segundo esta hipótese, a literatura galega dificilmente podería apropiarse desta denominación, incluso no seu
estado actual. É necesario engadir, sen embargo, que a aceptación desta hipótese non invalida a proposta do concepto de sistema literario como base de operacións dun corpus de producción, porque este non pode darse nunca nun baldeiro, por moi básico que sexa o seu nivel de estructuración interna.
     Cando Rosalía de Castro escribe a súa obra poética en galego non a sitúa dentro dunha literatura nacional senón no ámbito do nacionalismo literario. Teriamos que preguntarnos se Otero Pedrayo e Vicente Risco, por sinalar dous autores que escriben nunha encrucillada sociocultural especialmente complexa, utilizaban como horizonte da súa práctica literaria a idea de sistema literario nacional ou se polo contrario aínda dependían dunha concepción próxima ó nacionalismo literario. Pode argüírse como hipótese de traballo que a Xeración Nós se impuxo como tarefa colectiva a configuración dun sistema literario nacional (non pode explicarse doutro xeito o programa cultural implícito na revista do mesmo nome) e a difícil reconfiguracion da matriz discursiva no seo da cultura galega, defendendo a autonomía dos discursos existentes (especialmente o literario nos seus diferentes xéneros) e potenciando e lexitimando a dos que ata entón foran silenciados ou marxinados. O nacionalismo literario é, pois, un requirimento para poder falar de literatura nacional, pero non debe ser identificado con ela.
     Se o obxectivo último de todo nacionalismo literario é a utilización do discurso literario para consolidar e lexitimar un determinado ideario nacional(ista), os seus maiores obstáculos procederán da tendencia á autoxestión e á autonomía do discurso en cuestión. Polo contrario, na configuración dunha literatura nacional propiamente dita conflúen as imposicións dun poder político cunha efectiva hexemonía sociocultural e a progresiva institucionalización autónoma do discurso literario, unha autonomía que obviamente é sempre relativa e arbitraria. Pode falarse, pois, de literatura nacional cando un determinado ideario nacional(ista) se fai coa lexitimación social e potencia ó mesmo tempo a institucionalización autónoma da canonización estética. Analizada desde esta perspectiva a dinámica sociocultural galega actual, e máis concretamente a súa producción literaria, é obrigado concluír que a cualificación de literatura nacional só pode facerse con tento e despois de responder a múltiples cuestións que, en principio, impiden unha resposta excesivamente inxenua.
     2. Como conclusión provisional dunha reflexión sobre a literaratura nacional que pretende superar presupostos e imposicións de cuestionable lexitimación conceptual sirvan estas notas finais en torno a unha das maiores transformacións do sistema literario galego nas últimas décadas: a mencionada crise do modelo representado polo Macro-Texto Nacional e a lenta e difícil configuración dun Inter-Texto Polifónico. Trátase de dous procesos directamente relacionados coa crise dunha identidade nacional e coa aparición dunha serie de novas identidades colectivas que progresivamente adquiren un decidido protagonismo na articulación social da producción e da reproducción culturais.
     O predominio do Macro-Texto Nacional obedece a unha fase na que o sistema literario está controlado pola tendencia definida anteriormente como nacionalismo literario. Nela os textos aínda rexistran directamente as macrometáforas deseñadas ou promovidas polos respectivos idearios nacionalistas que, dalgún xeito, guían ou condicionan monoloxicamente a dinámica do discurso literario (13). Todos os textos son sometidos a esta integración monotemática que a crítica é a primeira en potenciar e lexitimar porque responde ás expectativas dun lectorado reducido
pero ben articulado ideoloxicamente. A visión da cultura galega como unha cultura de resistencia intensificou esta lexitimación dun único Macro-Texto que funcionaba como un espacio simbólico no que se ían integrando pouco a pouco cada unha das obras que eran recibidas como versións dun mesmo e único Texto. Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro viñan ser un mesmo autor, mellor aínda, os repetidores simbólicos dunha única identidade cultural. Un dos problemas derivados desta interpretación, determinante na evolución do discurso literario galego moderno, foi a imposición dunha lectura única a moitos e moi diversos proxectos literarios (14).
     A fase do Inter-Texto Polifónico, perceptible sobre todo na década dos oitenta, corresponde a un sistema literario que pretende funcionar autonomamente. Esta nova concepción está directamente relacionada cunha profunda crise nos presupostos tradicionalmente utilizados para definir a textualidade literaria galega. Agora os textos xa non son predominantemente alegóricos, como na fase anterior; e os puntos de confluencia hai que buscalos non na copresencia dunha reducida serie de macrometáforas alimentadas polo ideario nacional correspondente senón na vontade de compartir un espacio discursivo e institucional moito menos homoxéneo que o presuposto pola práctica do nacionalismo literario. Neste novo estadio da evolución do sistema literario os textos non se rexen pola analoxía das décadas anteriores senón pola súa pertenza a un sistema caracterizado pola ausencia dunha lexitimidade impositiva dun determinado ideario nacional. En que medida esta nova dinámica facilitará ou dificultará a institucionalización dunha literatura nacional galega tal e como aquí foi definida é unha cuestión que vai precisar de estudios específicos.
     Hoxe resulta xa problemático defender un imaxinario colectivo galego, se por tal se entende a imposición dunha incuestionable uniformidade na proxección da identidade nacional. Suso de Toro e Antón Reixa, entre outros, obrigan a falar dunha crise das macrometáforas lexitimadas polos diferentes idearios nacionalistas e a recoñecer unha paulatina emerxencia de novas identidades sociais. Xa se indicou anteriormente que as imposicións dunha lectura nacional están experimentando unha seria oposición por parte doutras interpretacións que parten de principios distintos e incluso opostos. Estas novas lecturas permiten identificar erros e responder ós desafíos pendentes e obrigan a matizar presupostos excesivamente xeneralizadores procedentes de paradigmas anteriores.
     Ó ámbito de estudio sobre a literatura nacional aínda lle queda un longo percorrido. E as preguntas, moitas máis das que aquí foron formuladas, necesariamente terán que multiplicarse como proba dunha inevitable revisión dos presupostos sobre os que esta cuestión está fundamentada conceptualmente. A crise de lexitimación de determinadas representacións da identidade colectiva e o cuestionamento mesmo dos principios de articulación das culturas nacionais, dúas consecuencias lóxicas da nova dinámica social na producción e reproducción dos procesos de significación, son unha proba incuestionable de que na reflexión sobre o obxecto social denominado tradicionalmente literatura nacional algunhas portas deben pecharse e outras, moitas outras, deben ser abertas. Queden, pois, as hipóteses aquí formuladas como propostas provisionais á espera de futuras investigacións.




1. Este traballo é unha versión modificada do relatorio presentado nun curso organizado pola Universidade de Santiago de Compostela sobre a condición nacional e/ou subalterna da literatura galega (Mondoñedo, 5-7 de setembro, 1994). Constitúe un conxunto de hipóteses de traballo dun estudio máis extenso sobre as condicións de lexitimación nacional da producción literaria galega contemporánea.
2. Quizais non estea de máis precisar que se entende aquí por discurso literario, para evitar presuposicións e innecesarias ambigüidades. Con este termo alúdese ás institucións e colectivos que producen, distribúen e consumen un obxecto recoñecido socialmente como literatura, ós instrumentos de avaliación utilizados nestes procesos e ós textos por eles apropiados.
3. Sería interesante reler un texto tan emblemático como Memorias dun neno labrego e analizar toda a historia da sua recepción a partir da identificación crítica entre os rexistros da comunicación sociolingüística e os propios do discurso literario.
4. Ver como circulan pola literatura infantil e xuvenil galega, ou pola narrativa de xénero policial, determinadas macrometáforas derivadas dos idearios nacionalistas, pode ser unha boa vía de investigación nesta dirección.
5. Non se pode esquecer que as historiografías literarias están presentadas desde a perspectiva desta mesma articulación nacional, que se responsabiliza dos ritmos de evolución e dos cortes cronolóxicos do sistema literario en cuestión. Un estudio dos presupostos cos que operan as historiografías literarias galegas existentes permitiría ver como a proxección nacional do sistema literario condiciona a configuración destes manuais.
6. Algúns dos indicadores sinalados están en franco retroceso, pero a aparente normalidade nacional do sistema literario galego, como se indicaba anteriormente, oculta moitas deficiencias dificilmente superables se non se intervén eficazmente na institucionalización social do discurso literario.
7. Moitas das hipóteses formuladas neste traballo están directamente relacionadas con esta observación e intentan responder dalgún xeito á cuestión da textualidade nacional, mediante a superación dun único Macro-Texto Nacional e a aparición do que eu denomino, a falta dunha terminoloxía máis precisa, un Inter-Texto polisémico. Sobre esta cuestión reflexiónase máis adiante.
8. Pénsese, por exemplo, na utilización que se fai destas macrometáforas nalgúns subxéneros narrativos (novela policial, erótica, etc.). Crime en Compostela pode ser sintomática deste novo tratamento.
9. Non debe esquecerse que gran parte do atractivo dos mundos literarios de autores como Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro débese ó feito de que están articulados en torno a unha serie de macrometáforas (explícitas ou implícitas) que condensan ou exemplifican imaxinariamente as preocupacións, obsesións ou desafíos de determinados sectores da comunidade galega.
10. A historia da recepción crítica da obra de Rosalía de Castro ofrece un corpus documental especialmente rico para estudiar esta cuestión no contexto da literatura galega.
11. Aínda que na lectura dun sistema literario como nacional tende a prevalecer a lexitimación nacional sobre a canonización estética, esta sobredeterminación non significa a relegación ou anulación funcional da segunda; máis ben habería que concluír que o investimento estético é unha dimensión fundamental para entender como se articula ideoloxicamente e como se institucionaliza o proceso de lexitimación e configuración nacional dun sistema literario.
12. No contexto da institucionalización dunha lectura nacional sería interesante analizar as publicacións que no ámbito do discurso literario financian as institucións oficiais. O inventario de textos, autores, épocas, movementos ou xeracións utiliza o discurso literario para lexitimar un determinado comportamento político.
13. Quizais o monocultivo ou a hexemonía do xénero lírico nun período importante da evolución do sistema literario galego deba ser explicado desde esta perspectiva.
14. A poesía de Rosalía de Castro e a narrativa de Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro, por sinalar exemplos senlleiros, estiveron condicionadas por esta imposición interpretativa ata hai poucos anos.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega