Elfriede Jelinek - Unha voz discrepante

 

 

Elfriede Jelinek
     Elfriede Jelinek é rara? Non vai ir a Estocolmo para recibir persoalmente o Premio Nobel. Talvez tema as caras dos aduladores e autodeclarados expertos que sempre agroman da nada cando unha persoa se fai famosa. Antes non sabían moito dela, como demostra a reducida cantidade de traducións de obras súas. Tampouco Jelinek era unha das candidatas das que se falara nos días anteriores á decisión do xurado sueco. Baralláranse nomes como Margaret Atwood (Canadá), Joyce Carol Oates (EEUU), Doris Lessing (Reino Unido) ou incluso o da tamén austríaca Friederike Mayröcker (mentres El País insistía —por razóns que saberán eles— en Vargas Llosa).
    
Elfriede Jelinek é rara? No canto de alegrarse e organizar grandes festas ou desfilar polas televisións reacciona de xeito case tímido e retírase, levando o seu cabelo cardado e a maquillaxe pálida da súa cara como se fose unha carauta para protexer a persoa real. Talvez tema ser instrumentalizada por feministas, críticos de Austria, anti-capitalistas, anti-fascistas, comunistas e outros grupos que a reclaman como destacada representante das súas ideas. Talvez só queira ser ela, Elfriede Jelinek, desexando que a deixen en paz, porque a súa obra tamén é ese intento de liberarse das manipulacións e intereses alleos, unha loita contra a utilización.
    
Elfriede Jelinek é rara ou simplemente sensible e, ademais, sumamente lúcida? Non o sei, non son ningún especialista da literatura de Jelinek, aínda que me inclino, fascinado pola tolemia creativa, pola segunda opción. Pode que mesmo haxa quen diga que como home tampouco a sei entender. Mais lin a finais dos oitenta a súa novela Lust (que outros máis listos ca min traduzan o título), coñezo A pianista e algunha peza de teatro súa, descubrindo que o seu tema esencial, o que rastrexa nos contextos máis diferentes, é a alienación do ser humano, deformado polo paternalismo, machismo, capitalismo, nacionalismo, militarismo, racismo, cinismo. Unha das ferramentas para alienar o ser humano é a mentira e unha das ferramentas de Jelinek para destapar esa mentira é a súa utilización da linguaxe. O xurado sueco valorou especialmente esta faceta "lingüística" da autora austríaca, se ben eu dubido -coñecendo a política de traducións de moitas editoriais- que esas características se manteñan realmente nas versións existentes ou por haber, pois demasiadas veces desaparecen as solucións coherentes co espírito do orixinal, víctimas dun afán castrador de estandarización (como sometemento ao poder de quen estandariza) comparable ao que delata a propia Jelinek.
    
No seu país de orixe téñena tachado de pornográfica, de ensuciadora da nación, de vergoña para Austria. Para entendelo, podemos arriscarnos e facer un pequeno exercicio de imaxinación? Imaxinemos a Jelinek como galega. Critica o país, o enchufismo, as mafias da cultura, o retraso mental dos políticos, o carácter violadoramente arcaico da sociedade, o poder rancio dos homes grises, o mal gusto do gusto oficial, o fanatismo dos fanáticos, o papanatismo dos poderosos. E todo isto mencionando nomes propios, sen calar, sen aceptar o que hai, denunciando e mostrando. Atoparía unha editorial coa que publicar as súas novelas ou un escenario onde representar as súas pezas de teatro? A válvula de escape da Jelinek real é Alemaña, onde recibiu moitos premios importantes, como o Heinrich Heine, o Georg Büchner ou o Else Lasker-Schüler. Publicaba na editorial Rowohlt de Hamburgo ata que, descontenta co cambio de política desa casa, mudou para o Berlin Verlag da capital xermana. Igual que despois de moitos anos se deu de baixa no Partido Comunista de Austria cando as discrepancias coa súa liña se fixeron insoportables.
     Esta é, entón, a autora tan incómoda, rara e interesante, galardoada agora polo xurado do Nobel, pouco antes de cumprir ela os 58 anos. Non son quen de decidir se merece ou non (como dixo o tradutor Miguel Sáenz) este premio. Non sei se é xusto que cinco anos despois do Nobel para Grass este volva outorgarse a alguén que escribe en lingua alemana. Claro que ningún xurado é infalible. Porén alégrome da liberdade dos de Suecia que teñen a dignidade de non cederen a ningunha esixencia de fóra, defendendo a súa autonomía e a da literatura e sorprendéndonos unha vez máis coa súa decisión incalculable.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega