Enredos

 

Fragmento (páxinas 7 a 15)

 

ENREDOS

[p. 7]

ENREDOS


     A voz enredos ten na Galiza dous valores: úsase xeralmente pra indicar algo de pouca importancia e sen transcendencia; cando se fala de froita, por exempro, os nosos labregos acostuman a decer: «ises son enredos de rapaces».


     En sentido máis restrinxido, un enredo é un xoguete, é decer, un artiluxio co que os nenos satisfán a sua necesidade de ocupar o tempo imitando no posible ás persoas maiores. O mesmo significado ten asimesmo a palabra brinquedo (de brincar = saltar, xogar). A anterior fórmase de enredar, do mesmo valor que brincar. Chámanse tamén os xoguetes ixolas, de onde ixoleiro = mañoso.


     O xoguete non ten fronteiras xeográficas nen cronolóxicas; en tódolos pobos e en tódalas épocas móstrasenos a existencia dista industria infantil.


     A única diferencia que se pode establecer antre uns enredos e outros como fundamental é a que existe antre o campo e a cidade.


     Inda que os xoguetes de un e doutra respondan á mesma causa, hai antre iles unha característica que posiblemente se traduza na formación dos adultos de un e doutro ambente. Ista diferencia radica no artífice: o neno da cidade dispón de xoguetes manufacturados lonxe, en sitios que íl non coñece; non sabe como se fan nen quen os fai. O do campo, pola contra, confecciónaos íl mesmo cos materiás que atopa ó seu redor e con ferramentas que moitas veces ten que improvisar.


     Por isto, é tamén distinta a reacción ante o xoguete: o cidadao sinte a curiosidade de saber como é e tende a desfacelo pra analizalo. O labrego non sinte ista necesidade e limítase a utilizalo unha vez confeccionado. É máis; moitas veces o placer que Ile proporcioa o xoguete reside na sua confección, e, unha vez rematado, limítase a regalarllo a outro neno máis pequeno, actuando esí o seu autor de persoa maior.


     A confección dos xoguetes desenrola ampliamente a habilidade manual no neno labrego, ó tempo que agudiza o seu inxenio e creatividade pra improvisar ferramentas e pra atopar aplicacións a calquer material de que dispoña.

[p. 8]

     Inda que a ideia poda ser un pouco atrevida, a vida do neno parez sintetizar a vida da humanidade, co seu avance até a perfección e coa incorporación do que a natureza proporcioa ó seu acervo cultural, modificándoo e transformándoo pra facelo máis axeitado ó seu propio progreso.


     É tamén interesante o feito de que o neno do campo non ten quen Ile precure a satisfacción da sua necesidade de xogar. Os pais, cos seus traballos e preocupacións non se interesan nista necesidade secundaria dos seus fillos. No campo non se coñece a visita dos Reis Magos máis que nos nacimentos que se arman na igrexa.


     Diste xeito, os nenos forman un mundo separado do dos homes, e antre eles aprenden e axúdanse tal e como a humanidade o fixo nos seus comenzos. Ó sumo, o auxilio das persoas maiores redúcese a proveelos dunha navalla ou dun coitelo ou a cortarlles algunha peza que eisixa un esforzo superior ó dun neno. Dista maneira, entregado iste ós seus propios meios, principia polos xoguetes máis sinxelos e pasa logo ós máis compricados.


     Podemos clasificar en difrentes grupos os enredos asegún atendamos á sua orixe ou á sua finalidade; ó seu emprego tal e como os ofrece a natureza ou á maior ou menor modificación a que haxa que sometelos; a que se utilicen pra xogar directamente ou que sexan aparellos doutro xogo; á idade en que os usan, etc.


     De todalas maneiras, calquer clasificación que se faga será sempre artificial e non terá outro valor que o espositivo.


     Ó referirnos eiquí ós enredos ou xoguetes, queremos siñificar todo aquelo que é modificado ou elaborado polos rapaces prá sua diversión, inda que a modificación poida ser mínima ás veces.


     A terra de Lobeira, ó Suloeste da provincia de Ourense, á que se refiren istas notas, é en xeral, probe en certos aspectos da cultura material, e antre iles atópanse os xoguetes na mesma condición.


     Eiquí está moi limitada a fantasía infantil, e os seus xoguetes son dunha grande simplicidade. Por outra banda, a maioría son sobradamente coñecidos fora dista terra, sendo poucos os que parecen ter certa orixinalidade e escasa espansión.


     Todolos traballos do campo contan coa colaboración dos nenos que, prestando unha axuda máis ou menos eficaz, aproveitan a ocasión pra se divertiren ó tempo que se van instruindo no que será

[p. 9]

no futuro a sua principal actividade. Nas sachas, sementeiras, carretos, mallas, seituras, queima das borreas, colleitas, deluvas, etc., teñen o seu sitio sinalado, o seu traballo apropiado que ó mesmo tempo lles serve de distracción.


     Outros traballos son da sua esclusiva incumbencia, como o de ir co gado ós pastos, levar a veceira, recoller as castañas, etc., traballos que non requiren esforzo, pero que supoñen a permanencia continuada nun sitio preciso e ocupados somente na vixilanza. Entón o tempo sobra e aparece o aburrimento; pra evitalo procuran xuntarse varios no mesmo lugar e xogan antre iles; entón aparecen os enredos.


     No inverno, perante as longas veladas a carón do lar, namentras as persoas maiores falan dos seus asuntos ou xogan á brisca, os nenos, escluidos distas actividades dispoñen dunhas horas pra adicar ós enredos.


     E tamén ó longo do día, cando os traballos do campo non son moitos, nas horas que teñen ceibes dos seus deberes na escola, poden atender a matar o tempo cos seus xogos e xoguetes.


     Mais o tempo millor aproveitado pra isto son as longas horas nas que o gado pace tranquilamente no campo, e os rapaces, xuntos, poñen a contribución o seu inxenio e os seus esforzos pra facer enredos.


     Sen transformacións de ningunha caste, a natureza proporcioa abundantes materiais cos que se divertiren. Antre os vexetais están os vilanos de certas plantas, como o dente de Ieón (Taraxacum dens leonis), dos que as sementes aladas voan doadamente cando se lles sopla; algunhas frores que almacenan mel no fondo das suas corolas; as palliñas longas e delgadas coas que facer cóchegas nas calugas ós compañeiros distraidos; as apóitegas (Cytinus hypocistis) das que a pulpa ten antre a xente miuda tantos partidarios; os morogos ou fresas silvestres, que se agachan nos sitios húmedos; as cereixas bravas, das que a sua busca da ocasión de gavear polas cerdeiras. Case todalas plantas teñen pró neno algunha aplicación.


     O movimento presta un particular encanto ós animais, especialmente ós insectos, como obxeto de divertimento; a salamantesa (Mantis), a mariquiña (Coccinella), a vacaloura (Lucanus), os cabaliños do demo (Libellula, Agrion, etc.), os zapateiros (Hydrometra) e

[p. 10]

outros sofren a asiduidade dos pequenos que, non sempre con malas intencións, abusan diles.


     Mais nistes casos o neno non engade nada ó que a Natureza lle dá. Non entran istes seres, polo tanto, na categoría de enredos tal como eiquí nos interesan. Non embargantes, son algunhas veces o elemento que provoca a aparición do brinquedo. Tal é o caso de ún dos enredos máis sinxelos: o garfo prós pisotes.


     Polos meses de agosto e septembro maduran as moras, froito da silveira (Rubus), que os rapaces comen con grande satisfaición, aínda cando estén verdes. Cando se atopan ben maduras, fan coelas pisotes pró cal amontónanas encol dunha pedra que antes lavaron con auga. Logo, con outra pedra, machacan as moras até formar unha pasta, que se consume colléndoa con garfos (Fig. 1) de tres ou dous dentes, que se fan dunha planta calqueira, aproveitando o punto de inserción de dous ou tres ponliñas. Istes garfos son máis ou menos perfeitos según o instrumental de que se dispoña; tendo unha navalla, os dentes agúzanse e ráspaselles a cortiza. Se só se ten a mau un anaco de vidro ou de folla de lata, istas operacións son máis imperfeitas. No derradeiro caso sempre queda o recurso de afialos contra dunha pedra, e, se a presa é moita, pódense empregar tal e como quedan ó partir os garabullos coas maus. Pra evitar que a saiva dé mal gosto ó pisote, úsanse garabullos secos.




Fig. 1


[p. 11]

     É curioso decatarse de que os garfos fanse denantes que o pisote, é decer, que en realidade iste non é máis que un pretexto pra usar aquiles.


     Unha vara desprendida espontaneamente dunha árbre ou arrincada a propósito de íl pode proporcioar unha escelente cabalgadura correndo coela antre as pernas e mallándoa con outra a maneira de fusta. Istes cabaliños préstanse, cando son varios os que interveñen no xogo, a ir ás carreiras, fixando un fito calqueira e proclamando vencedor ó que chega pirmeiro a il. Pode ser que istas carreiras sexan unha reminiscencia das carreiras de cabalos que noutros tempos se celebraban nistas comarcas.


     Pouca transformación eisixen tamén as tellas usadas pra xogar ó truco, entreteñimento dabondo coñecido pra evitarnos a sua descrición. A tella faise de calquer obxeto pesado, plano e de pequeno tamaño. O ideal prá sua confección é un anaco de tella —de ehí o seu nome
—, que se retoca golpeando as suas beiras cunha pedra até darlle a forma e o tamaño requeridos. A falta de tella emprégase un anaco de taboa ou de pedra.

     No río atópanse croios de pequeno tamaño, que se empregan pra xogar ás pedriñas. Iste xogo, tamén moi espallado, é propio das nenas e pra xogalo, séntanse no chan, no que colocan as pedriñas en número de cinco ou seis. Logo cunha mau, lanzan unha pedriña ó ar, e mentras ista rube, collen coa mesma man outra ou outras do chan ó tempo de receber de novo as que guindaron ó ar. Varía o número de pedras que lanzan, o das que collen do chan, a maneira de recebelas, etc., variando esí os lances do xogo.


     Os carballos (Quercus) proporcioan os seus cocos, carrabouxos ou bugallos, cos que os nenos xogan ás bolas. Pra elo lánzano colocándoo no dedo furabolos, encorvado, e dándolle impulso co matapiollos pra facelo chocar contra o dun compañeiro (Fig. 2); se




Fig. 2


[p. 12]

conquire tocarlle a iste, gánao pra si, no caso contrario é o compañeiro o que lanza o seu, e esí, tirando por turno as bolas, continúa o xogo no que poden participar dous ou máis. En realidade, as bolas deben ser de barro cocido, mercadas nas tendas, ou de cristal, das botellas de gaseosa, mais a falta delas, cumplen o seu papel os bugallos.


     Non teñen gran compricación os aparellos que se precisan pra outro xogo moi socorrido: a billarda. Consisten (Fig. 3) en dous paus: ún de 0,45 metros de lonxitude, feito cun anaco de ponla, preferentemente de carballo, que se chama palau; o outro, a biIlarda, ten de 0,20 a 0,25 metros e está aguzado polos dous estremos. Poden intervir no xogo dous ou máis xogadores que se poñen a certa distancia dun risco trazado no chan sobor do que se pon o palau. Logo tiran sucesivamente contra íl a billarda coa man, estabrecéndose esí un orden asegún aproximan ista máis ou menos ó palau. O pirmeiro colle entón a billarda coa man, colócaa á altura da sua frente e déixaa cair. Tal e como quede no chan debe xogala pró que bate co palau nunha punta facéndoa saltar polo ar, e niste co mesmo palau, bátelle de novo, lanzándoa a distancia. Tres veces seguidas repite a sorte, ó cabo das cales o xogador calcula a ollo a distancia antre o sitio en que está e o punto de partida, tomando como unidade de medida o palau. Unha vez calculada a distancia polo xogador procédese a comprobala. Se acerta cunha determiñada aproximación, segue tirando, no caso contrario deixa a vez ó compañeiro, turnándose dista forma até o final en que gana o que acada máis palaus.


     Un xogo interesante, xa pra mozotes, mais que non desprecian ás veces os maiores, é o da porca (Fig. 4). Pra iste xogo, no que




Fig. 3



Fig. 4


[p. 13]

participan varios, provéese cada ún dun pau da porca, anaco de rama dun metro de longo, cun estremo ensanchado co que se bate na porca, que é un tarugo de madeira, poligonal ou informe pra que role pouco. Ás veces faise a porca cunha lata vella, machacándoa até darlle unha forma sensiblemente esférica.


     Interveñen varios no xogo, que comenza facendo no chan unha serie de buratos, ún no centro
porca— e ó seu redor outros tantos cantos sexan os xogadores menos ún. 0 burato central custódiao un elexido a sorte —o porqueiro—.

     Os xogadores tentan por meio dos seus paus, meter a porca no burato central, impedíndoo o porqueiro; cando ún o logra pasa a ser o porqueiro.


     Como se comprenderá, abundan os golpes de pau nas canelas, polo que o xogo non sempre remata dunha maneira pacífica.


     Co obxeto de tornar os paxaros das herdades úsanse nistas terras uns aparellos chamados andavías, tabenlas ou taravelas, consistentes nunha hélice de folla de lata que move un eixo que ten á sua vez dependurados dous cravos, os cales baten na lata, producindo un ruido que alonxa ás aves. A hélice distas tabenlas fixo nascer nos rapaces a ideia de empregalas prós seus brinquedos, e esí reducindo o aparello a unha hélice máis ou menos perfeita, feita dunha lata vella e cravada no estremo dun pau (Fig. 5) anímaos a correr pra que o vento que provocan faga xirar o artiluxio. Non son descoñecidos, anque si pouco frecuentes, os voadores feitos cun anaco cadrado de papel, de dominio hoxe caseque universal.




Fig. 5


[p. 14]




Fig. 6


     Pola sua sinxeleza e cómoda factura, é corrente outro artificio que tamén ten grande difusión. Trátase dun pequeno anaco cadrado de folla de lata, madeira, cartón, etc., con dous buratos polos que pasa un cordón dobrado sobre si mesmo e cos estremos anudados (Fig. 6). Cos dedos furabolos sostéñense os estremos do cordón e faise xirar a peza central hastra torsionar convenentemente o cordón. Logo, alonxando e achegando alternativamente as mans, provócase un rápido movimento de rotación da peza central.


     Cando non hai outra cousa a man, pódese utilizar pra iste fin un botón de certo tamaño, por exemplo, o dunha chaqueta. Ben é verdade que, se o tal botón é arrincado da prenda a que pertesce, caso frecuente, tarde ou nunca volta a ela.


     Outro xogo, chamado leito, consiste en facerse cun cordón (baraza), duns 0,80 metros de longo e atarlle os estremos. Logo pásase tal cordón por antre os dedos das mans estendidos (Fig. 7); asegún se entrelacen nil os dedos fórmanse unha serie de figuras




Fig. 7


[p. 15]

ás que se dan nomes máis ou menos caprichosos: leito, berce, tiseiras, etc.


     Antre as moitas tendencias dos nenos, e que Iles asemellan ós pobos primitivos, está o aduviarse e vestirse con traxes máis ou menos chamativos. Non é fácil conseguir tales disfraces «de verdade», pero a natureza provee e ós rapaces saben empregar os seus dons. Pra isto son ideais os castiñeiros, dos que as follas, anchas e longas, cosidas con espiñas de escalambrón (Crataegus oxyacantha) ou con sinxelos garabullos permiten confeccionar cinturóns, tirantes, coroas, bandoleiras, etc. (Fig. 8).


     Un complemento a istes traxes ofréceno os carballos cos seus carrabouxos ou cocos que enebrados nun cordel por meio dunha agulla, dan orixe a guirnaldas (Fig. 9), que se poden utilizar como cinturóns ou como colares. Istes mesmos adubíos atopámolos engalanando os maios que se fan na época correspondente en Ourense, Pontevedra, etc.


     Pero aínda hai máis; aparte das frores e herbas que poden aumentar a riqueza do adubío, quedan os froitos da silveira, as moras maduras que tinguen fortemente a cara e as mans dos persoaxes compricando agradablemente a tarefa do disfraz.


     E cando fallan as moras, por non ser a época de atopalas maduras, sempre queda o recurso de colgarse nas orellas uns pendentes de cireixas, que, escollidas en parellas, cos peciolos unidos, pásanse polo pabellón auricular.


Fig. 8



Fig. 9

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega