Enquisa

 

[Texto íntegro]

 

v2estibalizespinosapoemasdeundous.html

 

—Unha pregunta fácil de contestar:
Á festa dos mil contos, ¿quen non debe faltar?


—Ás mil festas dos libros do Monte Porreiro
van trasniños cantando no barco veleiro
dun famoso capitán pirata
que esconde no Lérez tesouros de prata.

Ten, ten a miña casa ten,
e a túa, ¿que ten?


—A miña casiña ten
melodías de rubién,
que son fermosas cancións
que Trasli trouxo das Ons.

Dez eran dez os soños de Babarro.
Cóntanolos todos se non che é raro.


—Soño que vou nun rei-rei
sobre as augas do Almofrei...
e que son unha estreliña
no lombo dunha sardiña...
e que son o papaventos
dun neno que está contento...
e que son unha pandeira
dunha nena cantareira...


Macarrón de Narices, Nena de flan,
¿que comidas disfrutas máis?


—A leituga con vinagre,
pica, pica; pero sabe.
A mazá que está madura
nos meus dentes pouco dura.
Aínda que sexa de pé,
¡pataquiñas con bisté!
E de pé ou de sentado,
¡enorme bombón xeado!

Primeiro libro con Malola,
¿que é máis doado: escribir en parella ou a soas?

—A soas ou en parella
a escritura enguedella.
Fai a proba cun amigo
e comproba o que che digo.

Se tiveses unha chave dourada,
¿que portas nunca estarían pechadas?


—A Ler e mais a Xogar,
abertas de par en par.
A Guerra e a Pesadelo,
pechadas cun tarabelo.
A Sosego e a Contento,
deixando pasar o vento.

Lobo, lobo, O lazo de patinar,
¿cal dos teus libros che gusta máis?


—Un de min e mais de ti
e mais do amigo Traslí
escrito en branco de nube co voar dun colibrí
gardado en Monte Porreiro nunha caixa de almafí.

Eu voguei por Mar de Chocolate.
Fálanos do tempo libre, cóntano-las túas viaxes.


—Fun de Lérez a Marín
no bigote dun delfín.
Dende Marín a Bueu,
no redondo dun chapeu.
De Bueu ata a Lanzada,
na variña dunha fada
que anda nas ondas das rías
pintando as noites e os días.

Contos do reino de Mamoranguá.
Recoméndanos un libre imposible de olvidar.


—Na biblioteca do Monte Porreiro
cada libriño ten algo feiticeiro;
déixate por un deles enfeitizar,
verás como sempre o vas lembrar.

¿Que xigantes de nunca acabar
son capaces de te asustar?


—O xigante da Guerra,
aterra;
o da Inxustiza,
arreguiza;
o da Pobreza,
despreza;
pero os de nunca acabar,
sempre veñen con nós xogar.

Cuco, cuquelo,
¿que libros tes en proxecto?


—Viven sempre no maxín,
por ser fermoso xardín,
un montón de personaxes
que en papel fan mil viaxes.
Se con eles sabes ir,
un libro vas escribir.
 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega