Entrechán dereita

 

(Texto íntegro)

 

v1emmacouceiroentrechan.html

Trono
Trono de acantos, de briza espiñada, de ermas.

(Recoñezo ese trono)

Ou senón investida na cima do parque, entre o chan e miña man dereita,
que ás veces tamén estraga as comidas ou vive para min,
porque son destra na sinrazón de chamar a outras portas
e levo todas as preguntas por escrito.
Repito: vive para min, que os sábados limpo as follas ou sento na cociña
a ver se o recordo todo. E vive para min porque recorda
porque agora ás veces leva un anel emprestado
e non sabería dicir ónde perdeu as chaves.
Pero desenredo o pelo para que non prenda
e baixe á miña boca e morda as uñas. Que as miñas razóns estalan co esmalte
e nen sequera sinalan se caen na conta.
E vive para min porque é idéntica, porque pousa sobre min e non se move,
ou prende a luz toda a noite
para que a min me falte menos.

Esta destra anotada por se esquezo algún nome
ou abandono este verso no medio da rúa.

No medio da rúa,
ou senón investida na cima do parque
(trono)
trono de acantos, de vista alugada (de izadas).

Entre o chan e a miña man dereita.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega