Entre dous abismos

 

(Texto íntegro)

 

m1avilarponteentredousabismos.html

ENTRE DOUS ABISMOS

FARSADA GRANGUIÑOLESCA N'UN PASO
FEITA Ó CORRER DA PRUMA
E
ESTRENADA POL-O CADRO DE DECLAMAZÓN
DA "IRMANDADE DA FALA"
DA CRUÑA



ANTÓN VILLAR PONTE




PERSOAXES


TÍA MARICA: Vella de 70 anos.
FELISA: Dona de 30.
LOLA: Dona de 25.
LOÍS: Mozo de 24.
TÍO XAN: Vello de 72.
EDUARDO: Siñore de 37
FÉLIX: Siñore de 39


A acción n'unha casa señorial d'aldeia, nos tempos autuaes.


COMPARTO


TÍA MARICA Srta. Carmen Chao
FELISA Srta. Elvira Bao
LOLA Srta. Carmen Meléndrez
LOÍS D. Víctor Casas
TÍO XAN D. Baltasar Edreira
EDUARDO D. Arcadio Carballo
FÉLIX D. Loís de la Fuente


ENTRE DOUS ABISMOS


PASO ÚNICO

Sala folgada. No foro, unha fenestra pechada. Á direita un espello coberto por un manto e unha porta, que da â escaleira. Á isquerda outra porta. No meio do chan, sobre un pano negro, tumbado o cadávre de D. Fiz, entre fachas de cera amarela, acesas e latexantes. Un Cristo ô fondo. Lola, debruzada n'unha cadeira con xeito dôroso e os cabelos en desorde. Ao erguerse o telón, hai un silenzo medoñento e tráxico na escea. Todos dormitan, cansos e preguizosos, agás aquela dona. Despois d'un momentiño, súpetamente a ponla d'unha arbre, levada pol-o vento, abate nos cristaes da fenestra.


TÍA MARICA
(Espertando tremente). ¡Ai Guesús! ¡Avomaría!.

TÍO XAN
(Espreguizándose). ¿Qué tes miña Marica?

TÍA MARICA
¿E non ouviches, hóm? (Con xeito misterioso).

TÍO XAN
¿O qué muller? Ganas de leria. ¡Pro ti tremas com'unha vara verde! Soio ouzo o vento que zoa.

TÍA MARICA
O vento, o vento... Sentín com'unha mán petando nos cristaes da fenestra.

TÍO XAN
Seique che subeu â testa o café carregadiño de caña ás cheas que papaches pol-a meia noite.

TÍA MARICA
Ten máis xeito c'o que dís, Xan, ou non te decatas do difuntiño? Ropara no logare. As cousas da morte sonche moi serias.

(Volve a petar a ponla na fenestra con mais forza)

TÍO XAN
(Dando un pulo c'o medo). ¿Qué...?

TÍA MARICA
¡Ai!. San Silvestre benditiño. ¡E agora riraste de min? O difuntiño estará quedo!.
(Érguese un pouco pra ollalo).

TÍO XAN
¡Estará quedo! (Érguese o mesmo).

TÍA MARICA
Non sentíchel-a man?.

TÍO XAN
E ela, parecer, parécea.

TÍA MARICA
Sonche avisos do ceo; cousas d'El Señor.

TÍO XAN
Poida que sí. ¡Señorita Lola...!

LOLA
Pónvos medo a ponla da pereira que avala o vento. Sodes ben cobardes.

TÍO XAN
A ponla, sería a ponla... Pois Marica papoulle un medo, señorita...

TÍA MARICA
Eso, fala ti, hom, que ainda non acougaches do susto.

TÍO XAN
Eu, por me rire de ti.

TÍA MARICA
Rir, ríchete ô primeiro. Pro despois...

TÍO XAN
Fixen que m'asustaba pra me rire...
(Volve batirse a ponla con maior forza).


TÍA MARICA
¿E agora?

TÍO XAN
(Querendo repoñerse) Me...me...me...

LOÍS
(Espertando e refregand'os ollos). ¡Ai, tío Xan, somella un carneiriño!

TÍA MARICA
Porque ten me...me...me...do, com'a min, o moi valentón (Recalcando as verbas).

LOÍS
¿Pro elo que foi?

LOLA
Nada, home, nada. A ponla da pereira que co vento, na fenestra... ¡Non seades supersticiosos!

LOÍS
¿E asustáronse?

TÍA MARICA
Mire, señorita Lola, e disimule vostede: vostede é nova, pro eu xa lle vou vella e téñolle visto moitas cousas. Fóronlle tres petaduras cada vez mais fortes. E os avisos de San Pascoal, sonlle asin, abofé.


LOLA
E dalle Marica ô argadelo.Déixame en paz. Rezade ou dormire. (Érguese e fita agarimosa o cadávre). ¡Probiño!

LOÍS
Eu, coma crer, non vos creio n'esas cousas, mais cando se finou meu pai, qu'en groria esteña, sintin o moucho tres noites enantes. E o mesmo cando a morte da tía Sabela. E, poida que fora unha casoalidade...

TÍO XAN
Pois eu, ou...(cai un anaco do cal do teito) ou...

EDUARDO
(Que xa espertou e os escoita). Oubea, tío Xan, coma un can, fóralle a i-alma, cando venta norte.

LOLA
(Amostrando o anaco de cal). Hasta un pouco de cal que cai pol-o vento, pónvos medo. (Rínse os homes). ¡Rídesvos, agora!

EDUARDO
Os mortos non lle volven (A Marica). Todas esas sonlle supersticiós fillas da iñoranza.

LOLA
(Volvendo a fitar con moito afeuto o cadávre). Non volven, Marica, non, non volven ô mundo os que se finan. ¡Se volveran! (Tocando unha man do morto con ternura).

TÍA MARICA
E vostede querería que volvesen?

LOLA
(Como falando co cadávre). Querería, querería... Perdere pra sempre ôs que se queren ôs que unha quixo tanto! Se volvesen despois de teren sabido dend'o outro mundo, onde coido eu que ha saberse todo, canto unha os quería... (Chora e déixase caer na cadeira con fondo desconsolo).

EDUARDO
Millor estarán aló, cando Diol-os leva, e eles non volven.

TÍA MARICA
Pois eu teño visto moitas cousas do outro mundo e estou moi escamada.

LOÍS
Como unha bertorella vella.

TÍA MARICA
Ti, cala atrevido, que inda és mozo e non sabes o que se pesca.

LOÍS
En troques, tía Marica, vosté sabe ben o que se pesca coa caña. (Todos se rín).

TÍO XAN
Agora non che fun eu, comadriña.

TÍA MARICA
Respetai, respetai o logare, xa que non tedes respeto pr'as miñas cañas.

LOLA
E d'elas falábamos, señora.

TÍA MARICA
Leria, leria. Sodes uns xudíos mouros. ¿Non vos lembrades de qu'está eiquí a señorita? Ela e D. Eduardo pódenme facer unha broma, se cadra. Pro vosoutros, mal criados, que sodes do meu igoal...

EDUARDO
Non s'encabuxe, tía Marica. Non llo fan por mal. É por pasar o tempo. (Erguéndose). Lola, ¿non ten sono?

TÍA MARICA
Ten que s'ire deitar un anaquiño, señorita.

LOLA
Falade vosoutros, deixádeme, deixádeme a min. Eu sei o que faigo.

EDUARDO
Pero, Lola, seia razonabre, com'o foi a pobre viuva. Felisa, súa irmá, obedeceunos e deitouse. Porque mañán e día de trafego c'o enterro. ¿Cómo tería o corpo de seguir no velorio? Pois vosté tamén vai estar morta.

LOLA
Cada un é cada un. Esta é a derradeira noite que poido ver á Fiz. Inda cadávre, téñoo cabo de min. Síntome ben acompañándoo, velándoo. Queríalle moito. ¡Era tan bô home, tan bô! (Afrixida).

EDUARDO
Pro eso non lle fai, Lola. ¿Pódeo sentir mais vosté que a pobre Felisa, qu'era a sua muller? E Felisa deitouse un pouco. Vosté ô fin e ô remate, é soio cuñada de Fiz, qu'en paz esteña.

LOLA
Os sentimentos, Eduardo, non teñen comparanza en ningures (Alritada)... Abonda, me non digan mais nada.

EDUARDO
Ben logo.

TÍO XAN
É terque.

TÍA MARICA
E a probiña sintíucho moito. Cala, xa cant'o galo. (Ouvese o canto).

LOÍS
¡Carapio!. Volvía a prendel-o sono...

EDUARDO
(Abrindo un pouco as madeiras das fenestras). Xa está amancendo.

TÍA MARICA
Xa, señor, é mesmo de día. Por iso o diiña dóunolo Dios para ben... E mais calouse o vento.

TÍO XAN
Aló vai a noite. Un pouco dormindo e outro pouco parolando...

LOÍS
Desque se foi a moita xente que veu de pirmeira hora e tomámol-o café, coma todo ficou en silenzo, todos escabezamos un bô soniño.

EDUARDO
Eu non coidaba dormire, mais pilleino un pouco.

TÍO XAN
Poil-a tía Marica, pescoulla boa.

TÍA MARICA
O que hom?

TÍO XAN
A soñeira muller. Bruabas mais que o mare.

LOÍS
Pescoulla con...

TÍO XAN
Con "copeada", qu'era c'o que pescaban a sardiña nos meus tempos.

TÍA MARICA
¡Tomáchedela conmigo! Rezai, rezai, xudíos mouros; tede temor de Dios, Noso Señore... Ti, Loís, es tan mal criado e tan pouca vergonza coma este vellón chocho.(Pol-o tío Xan).

(Síntese pasos fora, despois do ruído que fai un ouxeto ô caere).

TÍO XAN
Ca...ca...ca...len.

EDUARDO
(Que sigue ollando pol-a fenda da fenestra). Canta ô día com'os galos, tío Xan.

TÍO XAN
Non, era que...

TÍA MARICA
Que tiña medo.

TÍO XAN
¿Eu?

TÍA MARICA
Tí, tí, tí, tí.

TÍO XAN
Cala, galiña choca.

(Aparesce Felisa na porta, toda de loito. Trai os cabelos ben recollidos).

LOÍS
¡A señora!

EDUARDO
Ah, Felisa. Para que s'ergueu tan axiña?

FELISA
Porque xa veu o día. E quero que vaian para as suas casas os que teñen que traballar pol-a mañán.

LOÍS
Inda é cedo, señora.

FELISA
Non, agora xa quedo eu, queda Marica; abaixo está a sobriña de Marica, e queda Lola tamén. Os mais deben de s'ire. Loís, Xan; e vosté, Eduardo...

EDUARDO
Xa sabe Felisa que a min desgraciadamente, non m'agarda ninguén.

TÍO XAN
E falla que lle fai, abofé, unha compañeira. Búsquea, siñore, e disimule o atrevimento: ten cartos, é novo, non sei que se lle perde solteiro.

EDUARDO
Fun sempre nemigo do casoiro, pero agora ¡quén sabe! (Mira para Felisa).

TÍA MARICA

Pois que sea pra ben e de contado, Don Eduardo.

FELISA
Non sabíamos nada...

EDUARDO
É que eu comenzo a sabelo agora. Pro inda tardarei algo en facelo. Quizais alá pra o ano que ven, ou pra o outro, se cadra... (Lola ergue a cabeza).

FELISA
(Roparando). E tí, Loliña, agora podías deitarte un pouco, anda...

LOLA
(Secamente). Non.

FELISA
Pero, muller...

LOLA
Non é non, dixen.

TÍA MARICA
¿E s'enferma?

LOLA
Millor. E se morro, moito millor ainda, Dios me perdoe.
FELISA
(A Eduardo). Que xenio ten esta miña irmá.

EDUARDO
A falla de descanso, o non dormire...

LOLA
(Erguéndose). Si, o non dormire (aparte) porque se dormira non tería visto coma diante do cadávre quente do marido coquetea a muller c'o seu antigo mozo. (Alto). ¡Pobre Fiz!

FELISA
Calquera diría que a viuda és tí.

LOLA
Pode que calquera (con sorna).

TÍA MARICA
Non s'alrite, señorita. Dinno pol-o seu ben.

LOLA
O meu ben sei eu cal é.

TÍA MARICA
As penas señorita, prodúcenlle o histérico. Seillo eu.

TÍO XAN
(Baixiño). E sabes curalo tamén. (Facendo aceno de bebere).

TÍA MARICA
Arrenégote moscón ruín.

FELISA
Marica, abre a fenestra. (Érguese e ábrea).

TÍA MARICA
Santos e bôs días nos dea El Señore...

FELISA
E vosoutros, podedes irvos. Xa é día craro. Vosté, Eduardo...

EDUARDO
Quédome, non faltaría outra cousa. I-a deixalas soilas?

FELISA
Se agora comenzarán a vir'os veciños. E xa sabe que non consentimos que velara mais xente.

LOÍS
Entón co'a sua licencia, Doña Felisa (erguéndose).

FELISA
Si, si, e moitas gracias, Loisiño.

LOÍS
¡Ai, señora!. Imonos logo, tío Xan.

TÍO XAN
E ímonos, logo (érguese tamén).

LOÍS
(Arentándose ô cadávre). Parez que vai vivo mesmamente. Da xenio ver o difuntiño.

TÍO XAN
E com'o probe sofreu tan pouco. Aquel cochino ataque! Diol-o teña na sua santa groria. (Vánse entrambos).

TÍA MARICA
¡Ai! non somos nada. (Volvendo a sentarse). ¡Ai Guesús!

FELISA
Non, non te sentes; vai termar do lume, pra que tua sobriña se deite un pouco, se quere. Prepara unha taza de café -vosté soio toma café- pra don Eduardo. Xa que s'empeña en quedare.

TÍA MARICA
Ben logo. Véñase cando queira, señore.

EDUARDO
Pero se non teño ganas, Felisa.

FELISA
Vaia, Eduardo, que a friaxe da noite métese no corpo e percísase entoar o estómago. Obedézame.

EDUARDO
Entonces, obedecerei: por un momentiño.

(Fican Felisa e Lola, soilas. Felisa, decatándose de que a irmá áchase abstraída, ergue o pano que cobre o espello, e mírase n'el, arregrando o peitado. Todo moi súpeto)

FELISA
¡Quen vén ahí!.

TÍA MARICA
Señora ama, o sancristán; que ven de presa, deseia falarll'un momento non sei qué do enterro. Trai uns papés na man.

FELISA
Vou aló. (Sal). Agarda aquí namentras...

TÍA MARICA
Descoide señora.

LOLA
(Erguéndose súpetamente). Vaite, Marica.

TÍA MARICA
Heina deixar sola, señoritiña?

LOLA
Vaite. Cómpreme este gosto. É pra rezar unha oración que soio ten virtú cando se reza a soilas c'o morto que está corpo presente. ¿Sabes?

TÍA MARICA
Pro, señorita Lola...

LOLA
Anda, faime ese favor; eu non teño medo com'a tí, anda... (empuxándoa).

TÍA MARICA
Voume, logo.(Vaise).

LOLA
¡Gracias a Dios! (vai â porta). Inda non ven ninguén. Falan embaixo (achegándose ô cadávre). Asín arelaba ficar soila contigo. Para despedirme ben de tí, pobre Fiz, eu qu'era a única no mundo que che quería co'a i-alma, con tod'a i-alma. (Axoenllándose). Recei a noite enteira pol-a tua salvación. Agora, agora poido darche o derradeiro adiós, como eu quería darcho, asín... (bicándoo nos beizos e colléndolle unha man). ¡Cántas veces, en vida, tentoume o deseio de bicarte, como te bico agora, nos beizos que xa non falarán mais; na frente, n'esta frentiña que pensaba moitas cousas grandes, pro que non pensou nunca na grandeza do grandísmo amore que en segredo eu sentía por tí. Porque estiven, sempre, namorada tolamente de tí, pobre Fiz, qu'eras tan bô e tan nobre. Tanto te quero que me parez que as tuas mans i-a tua carne, non teñen a friaxe tolledora e arrepiante das d'outros mortos. Agora fago o que non poiden facer en vida. Agora bícote, cando ti non podes bicare. Cand'o teu corpo está morto e non sinte, e a tua i-alma, se me ve e m'escoita, gardará o segredo do meu amore, d'este amore, que m'abafaba, que m'abraiaba e que cicais n'outro mundo algún día poderás correspondere. Sofrín moito, adorándote en silenzo. E xa poido, ¡pobre de min, decircho todo, revelarcho todo!. ¡As miñas bágoas acompañaránte no cadaleito e irán contigo â foxa! (Salaia esconsolada. Logo coidando oir xente, érguese de súpeto, e corre a escoitar â porta da escaleira, enxoitando o pranto das meixelas). ¡Sobe alguén! Non, non, siguen de parola embaixo.

FIZ
(Con voz baixa, sospirando). ¡Lola!

LOLA
(Sen arreparar no cadávre). Chámanme; ¡chamáronme...! Parceume .. (Mira pol-as habitaciós).

FIZ
(Erguéndose paseniñamente, fregando os ollos e movendo as pernas). ¡Loliña!

LOLA
(Volvéndose con fondo terror). ¡¡El!! ¡¡Ah!! ¡Virxe santa!... (Fica feita un novelo, encollida, tremante, contr'a parede).

FIZ
(Que quedou sentado no chan botándolle os brazos). Estou vivo... Non teñas medo.

LOLA
(Receosa, vacilante). ¡Fiz!

FIZ
Foi un caso de catalépsia. O médico doume por morto. (¡Os médicos!). Loliña, desbota o medo. Serénate, a tí déboche a vida. Ouvin todo... Os rezos pol-a miña i-alma, os tristeiros tanguidos das campanas, como dispoñían o meu enterro, como me choraban, como pensaba gardal-a miña memoria un amigo, como atopaba consolo a viuva desconsolada. ¡Horribel, Loliña, horribel...! Contando as horas que se me facían segundos, desexando que non chegara o amañecer nunca, vendo preto o momento terribel de sere metido, acochado na caixa pra m'afogar n'ela. E quería berrar, abril-os ollos, moverme; que angustia, Dios, que angustia! e non podía, non podía como se fora todo de cristal ríxido. Ningún reo de morte debeu sofrir tanto. Debin botar cañas, coido tel-os cabelos brancos (indo ô espello). E non... ¡Ai reconézome! Estou vivo, como enantes. (Con ledicia salvaxe). ¡Coma enantes non...! (di esto, con brusco troque, pensativo).

LOLA
¡Oh! ¿Pero soño? Estou desperta? ¡Meu Dios, vou chamar! ¡Fé...!

FIZ
(Tapándoll'a boca e apertándoa). Non, non chames Loliña; miña neniña boa e santa, estou vivo, e xa sabes que a ninguén mais que a tí ll'interesa a miña resurreución. Para "ela" e para "él", pode ser un gran disgosto.

LOLA
¡Non, Fiz!

FIZ
Cala, que non abonda tua bondade pra disculpalos. Cala, qu'eu dou por ben empregado canto sofrín e sofro e sofrirei logo, por conocere a tua i-alma de ouro, en troques de saber da ruindade cativa da outra. O teu amore, xoíña miña, desentangarañoume, fixo fervel-o sangue nas miñas veas, salvoume a vida. Os teus bicos, as tuas bágoas foron a miña salvación... Bicos de santa qu'eu che devolvo honradamente! (bicándoa con xeito paterno)

LOLA
De tola, de pecadora.

FIZ
De Santa a quen adoro. Porqu'és a miña vida; a vida da miña vida.

LOLA
Esquece todo canto tés ouvido; canto lle dixen ô morto... que non morreu... ¡s'é que vive!

FIZ
Non ves que vivo, non sintes a miña calore, non sintes o meu corazón que anda desbocado, galgando pol-o peito... ¡Esquecer, Loliña! Pódese calar, e calarei. Eu tamén terei agora un amor segredo ou un segredo d'amore. Mais o esquecemento, imposibel. ¡Se me déchel-a vida, inda que para sofrire!

LOLA

Dinche a vida; porque... si... estás vivo... ¡quizais a costa da miña! Que a miña ¿ond'irá agora? N'esta casa non colle... fora... ¡Ah! penso que Dios poida vencerte coma rival.

FIZ
Pensas no mosteiro? (Lola fai sinos afirmativos). ¡Non me deixes solo! Non, por Dios, Lola, me non deixes soio, non m'abandones, quédate; maior sacrificio que no convento, mais que no mosteiro facerás n'esta casa, onde sin tí, a miña vida será o inferno. ¡Soio con ela? Non, Loliña, non me deixes soio con ela, se non queres ser responsabel do afundimento d'un fogare. Eu prométoche afogar no silenzo a miña pasión por tí, o meu odio hacia ela, se tí me das o consolo da tua presencia. Entr'o teu amore, o noso amore i-o meu odio hacia ela tenderei unha ponte de disimulo para que a vida d'este fogar poida deslizarse sobre do abismo frío e terribel que abríu a verdade na noite negra e tráxica de oxe. D'outro xeito...

LOLA
Veñen, veñen...

FIZ
Agora comenza a comedia, a comedia que sangra.

LOLA
Fiz esquence todo por Dios. E escóndete un pouco, alá (sinalando o coarto), evítalle un sosto a ela, á miña irmá, á Felisa. Mentras eu a preparo. (Fiz métese no coarto. Hai un silenzo na escea).

FELISA
(Falando fora). Entretivéronme abondo. Teño a cabeza tola.

EDUARDO
(Tamén fora). Os enterros dan moito que facer.

LOLA
(Saíndolles ô alcontro). ¡Felisiña...!

FELISA
Agora ven a caixa.

LOLA
Non fai falla. Fiz non morreu.

FELISA
¿Qué dis? Trastornoute a mala noite. Pero i-o cadávre (decatándose de que falla), o cadávre, onde está o cadávre?

EDUARDO
(Logo de reparar tamén). I-o cadávre! ¿Qué fixo, Lola?

FELISA
¡Toleou...!

LOLA
Fiz non morreu, está vivo.

FELISA
Axiña, ¿qué fixeches...? ¡Tola!, ¡tola!

EDUARDO
Agarda, sospeito... (dirixíndose ô coarto, supondo que Lola arrastrou pra alí o cadávre).

LOLA
Foi un caso de catalépsia. Non t'asustes, Felisa.
(Sal Fiz, cando Eduardo chega á porta).

FIZ
¡Eduardo! (Eduardo asústase e da un berro).

LOLA
Non s'asusten.

FELISA
(Indo a quedar cheia de medo, trás d'Eduardo). Virxe Santa! ¡Milagre! ¿É certo o que vexo?

LOLA
(Rechegándose a Fiz, e colléndolle unha man). Decátense; está vivo; n'o ven, vivo, gracias a Dios!

FIZ
¡Vivo n'un fogar morto! Cando ía caer no negro abismo da eternidade (a Lola) salvácheme, pra traguerme sin querer ô borde d'estoutro abismo terribel e fondo que nos arreda d'eles (siñalando a Eduardo e Felisa, xuntos pol-o medo e distantes). Mira...


CAI O PANO

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega