E o mundo será mellor

 

(Texto íntegro)

 

v2xccaneiroeomundoseramellor.html

Miñas donas e meus señores:

     É para min unha grande honra estar hoxe nas terras irmás de Portugal, en Peso da Régua, terras do Douro xubiloso e da fértil literatura e da fraternidade. O Douro onde morre o río que vela os meus días, o Támega, xunto cun castelo enigmático que preside o val máis fermoso do mundo, Monterrei. Fálolles de Verín, lugar onde nacín e onde vivo, tribo que escribiu o seu candor no medio da miña alma de escritor arraiano.
     Hónrame estar aquí para recibir o prestixioso premio que une o noso sangue na fervenza da palabra compartida, o premio Eixo Atlántico de Narrativa galega e portuguesa, o premio que leva o nome do desaparecido editor Carlos Blanco. Síntome feliz e orgulloso de que a miña "Ébora" acadase tal recoñecemento, feliz e orgulloso de rematar deste xeito unha pentaloxía que iniciei hai dez anos e que por fin ve rematada a súa viaxe. Trátase dun proxecto ambicioso que posúe dúas vías paralelas, por unha banda están O INFORTUNIO DA SOIDADE e TALVEZ MELANCOLÍA, novelas de protagonista, fragmentadas, delirantes; pola outra UN XOGO DE APÓCRIFOS e OS SÉCULOS DA LÚA, novelas corais, cohesionadas, complexas de forma e estructura. E, na fin, ÉBORA, un texto no que quixen finalizar esta pentaloxía que ten a procura da felicidade como centro e motor. ÉBORA é unha débeda que tiña comigo mesmo e cos lectores, unha novela gozosa, plena de humor e de amor, de camiños e esperanzas e entusiasmo. Escribín ÉBORA para defenderme dos agravios da vida, para vingar aos protagonistas das outras novelas, todos tan infelices e desconsolados e limitados e aflixidos. ÉBORA é unha novela feliz, como o seu autor nesta hora e neste lugar tan pleno de luces, esas luces das que tan necesitado está o mundo inintelixible que nos tocou vivir, ou desvivir, a todos nós. Este mundo de espanto e inanición cerebral e decadencia e simplismo. Este mundo no que o sucedáneo literario pretende suplantar á verdadeira literatura coa escusa, falaz, de poder competir nesta era cibernética cos grandes soportes culturais. Pero eu digo non. Aposto pola obra literaria fronte ás imposicións do márquetin e do mercado e sei que só o tempo ha de ser quen teña a última palabra, quen sitúe e resitúe no seu lugar os nosos textos. Os textos e non os autores. As novelas viven a súa propia vida despois de seren editadas. Xa non nos pertencen. Pertencen a unha realidade allea por completo a este espacio que ensalza o efémero e insubstancial, este espacio de modas e modismos e modelos que non van máis alá do seu presente. Sei que non está ben dicilo, pero a miña incorrección debe permitirme esta borgeana licencia: quero escribir para a memoria, non para o olvido. E non coñezo outro xeito de facer literatura que non sexa este onde vai escrita a condición humana: o absurdo, a felicidade, o amor, a morte, o tempo... de que outra cousa se pode escribir? Intentar crear a miña propia voz entre as outras voces, ser eu, co meu modo de imaxinar, coas miñas porfías, co meu desánimo ou entusiasmo, coa sinceridade que necesariamente debe abrollar nas páxinas que en verdade pagan a pena, co intento de edificar melodías que nos acerquen máis á música que perdura. Velaquí a miña obra, velaquí a vocación coa que cada día enfrento as miñas mans e os meus ollos.
     E nesa vocación continúo, pese a tanto. Saiban vostedes que non resulta fácil escribir no meu país. Saiban que ser escritor e escribir en galego é unha aventura que case sempre remata en naufraxio. Saiban que Galicia está plena de homes e mulleres entusiastas, creadoras e creadores de altísima calidade e escaso recoñecemento. Para elas e para eles pido, á amada Portugal, que lles abra portas e fronteiras coa seguridade de que a súa calidade está moi por riba da estima que se lles ten. Estima que nesta hora, e xa por último, quero trasladar aos editores do meu país, esa estraña fauna de resistentes. Porque ser editor en Galicia é algo máis que un oficio ou unha ocupación. Os editores galegos pelexan día a día contra a adversidade, constantes, entregados, e non se resignan a ver derruída a patria da palabra. Por eles levanto hoxe a miña voz e por eles reclamo unha maior atención dos gobernos e gobernantes ao mundo do libro e ás súas marxes. O patrimonio do meu país é a cultura, esa é a súa gran industria e o seu maior capital. E ese capital, perdoen a insistencia, non recibe a atención que merece.
     E nada máis, miñas donas e meus señores. Gracias por escoitarme e gracias por confiar no futuro, esa pomba que está a bicar os nosos ollos. O futuro que nos xunta en torno á palabra e ao mundo que concita, o mundo dos que residimos na estirpe da arte e da liberdade, o mundo da literatura. Ese mundo que será mellor se nós, e só nós, en verdade queremos que así sexa.
     Miñas donas e meus señores, moito obrigado.

Peso da Régua, 29 setembro de 2000

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega