Equinoccio de primavera

 

[Escolma]

 

v2mirovillarequinoccio.html



ADÁN DESEXA MORRER NO PARAÍSO DE EVA

Na laranxa que filtran os teus brazos
cando me fas entrar no teu dominio,
nos peros onde enauga o meu designio
oculto como o mar e os seus argazos,

nas mazás do pecado, nos abrazos,
degoiro ser Adán, sen raciocinio,
no pexego zugado en condominio,
desexo ata morrer coma pedrazos,

no líquido azucrado que me dás,
que bebo pouco a pouco, con agrado
pois acórdame o odor dunha begonia,

na laranxa, nos peros, nas mazás,
no pexego e no líquido azucrado
degoiro o teu sabor de macedonia.



OS MEUS ZAPATOS

Aqueles meus zapatos que noutrora
foran lustrosos, húmidos un día
de tanto andaren sós, sen alegría,
amolecendo bóchegas cadora,

aqueles meus zapatos, na aurora
mollados de amargor, da dor máis fría,
e gastados de insán melancolía,
xa son zapatos novos arestora,

deron en recobrar o brillo antigo
ao queceren no lume permanente
das mans pequenas, fráxiles, inmensas,

poderosas no amor, no seu abrigo,
aqueles meus zapatos, de repente,
descubriron as cousas más intensas.



NEGACIÓN DE ULISES E TESEO

Se algunha vez tiveses que agardar entre fío
e tecidos, non sexas Penélope que tece
e destece os bordados axiña que anoitece.
Ulises non existe, foi verso fuxidío.

Se algunha vez tiveses que agardar entre fío
e tecidos, non sexas Ariadna que ofrece
saír do labirinto mortal a quen a esquece.
Teseo non existe, só queda o desafío.

Se algunha vez eu debo partir como Odiseo
prefiro voltar sempre vencido a Compostela.
Non me importa a derrota se ti me identificas.

Se algunha vez eu debo marchar como Teseo
non ha ser Artemisa fluxo do meu Sarela.
Non me importa ser lama se ti me purificas.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega