Erbedeiro, vida e esmorecer dunha freguesía

 

(Texto íntegro)

 

v1xlripaldaerbedeiro.html

As freguesías de Galicia forman unha unidade de agrupamento sendo o seu punto de converxencia a Cabeza de Bisbarra onde se atopa o concello , lugar de xuntanza das xentes principalmente nas feiras, para mercar vender ou relacionarse cos veciños alleos.
      Hoxe en día os hábitos trocaron e pouco a pouco as circuntancias fixeron que moitas freguesías desaparecesen ou estén a piques de facelo . Como exemplo poñemos a de Erbedeiro , situada perto das ribeiras do río Miño no concello de Carballedo provincia de Lugo a 18 kilómetros de Chantada.
      Imos a tratar ó longo destas páxinas desmarañar a súa vida , comezaremos dicindo que as casas tiñan que amoldarse para o seu uso, como corresponde a unha freguesía agrícola na que o gando e viñedos constituían o principal desenrolo económico .
      A vivenda dividíase en dúas partes , ben difinidas , das que a primeira empregábase para cortes e a segunda ,chamada sobrado,para a familia .
      A planta era rectángular con paredes de pedra de pizarra ou cachote ,aínda que algunhas dispoñían de perpiaño , neste caso dábaselle forma de paralelepípedo de maneira que as xuntas formasen unha continua liña horizontal .
      As paredes levan uns buratos que engastellan as traves sobre as que irá unha maraña de puntóns nos que se asentan as táboas . O teito , a dúas augas, dispuña dunha trave ó longo da divisoria de ámbolas caídas , reforzada por unha que outra tixeira.
      Das traves igual que acontecía no piso saían uns puntóns unidos polas latas sobre as que iría a cuberta de lousas.
      En palabras do etnográfo Xaquín Lourenzo Fernández o home lígase directamente a casa do mesmo xeito que a casa se xungue a terra , sendo así a vivenda un vencello que liga ó home coa xeografía dunha maneira intima.
      Na casa a estancia principal era a cociña coa lareira ,pedra grande de granito, sobre a que ían o TRASFUGUEIRO , peza de ferro horizontal da que saían dos seus extremos doús ferros que formaban ángulo recto coa anterior peza , servía para apoiar os toros de leña. O TRÉBEDE , trebello de tres patas , enriba poñíanse tixolas , tarteiras... O ASNELO ou ANGARELA formado por dúas pezas a modo de forca , a peza vertical xira sobre un oco feito nunha pedra e da outra pendura a GRAMALLEIRA, cadea de ferro da que colgan potes e caldeiros . O ESCANO , banco para sentarse e dexergar como os toros de leña guindaban faiscas, sentíase petar a saraiba no teito ou bruar o vento na invernía. Outro dos seus usos era para comer o ter unha mesa que baixaba e subía a xeito. No alto atopábase o SARILLO , pau vertical do que saían outros radialmente que servía para enxugar os chourizos , manexábase por medio dunha roldana. Nun recanto estaba o CANTAREIRO ,destinado a colocar a sella ou balde , recipiente formado por doelas unidas por aros de ferro con auga sempre fresca da fonte. O TALLO, mesote no que sentado nel facíanse labouras como debullar os chícharos , feixós ou mazar o leite coa MANCEIRA que entraba por un burato , deixado no RODALEIRO axustado ó bicorollo dunha ola.
      A CANALETA , un oco no piso o que mediante unha canle de táboas cadrangular comunicaba coa maseira dos porcos no cubil. O CUNQUIRO ou ALZADEIRO , sitio das cuncas e demais louza . A ARTESA , onde se lle daban forma ós moletes que rematarían no forno. A LACENA , moble que entre outras cousas metíase o sail a manteiga e os quixos. A ARCA , deposito do pan das fornadas onde se conservaba con frescura varias semanas . Na cociña había un espacio denominado ANLLAR, para almacenar a leña. A parte a cociña tamén dispuña de pezas complementarias como o BADIL , pequena pa que recollía a cisa da lareira . O FOL , feito de dúas capas de madeira unidas por unha peza de coiro para avivecer o lume. O VENTALLO que daba aire. O ESPETO , garfio , no que se cravaban os torriscos para asar . E non podemos esquecernos da MASEIRA do can nun cornello , pois o can igual que o gato , acurrucado na lareira co seu sonsonete tan propio , eran tamén siaeiros da cociña como os grilos que metidos nas firgoas das paredes alegraban as noitres de xoula do verán.
      A cociña distinguíase por ser a estancia principal da casa , onde as familias permanecían a maior parte do tempo Na cociña celebrábanse xuntanzas , sobre todo nas dun veciño principal, que non faltaban endexamais nas aldeas , nel polos seus coñecementos depositaban a súa fiuza os demais veciños . E non só preparaban partillas, senón que poñían inxeccións ou si se terciaba facían de veterinarios, mesmo as veces arranxaban desavenencias entre veciños como se dun avogado se tratase,. Erbedeiro tamén gozou de ter un destes entrañables homes.
      Na cociña preparábanse casamentos ou quedábanse ata altas hora os noivos de parrafeo , da cociña saíase a realizar as labouras do campo , en fin na cociña acordábase a compra e venta do gando ou as mercadurías da feira.
      Outras estancias era o comedor con mobles dos que nunca faltaba o chinero , os cuartos de dormir coas camas cubertas de lenzos e colchas de liño, de tanta importancia na freguesía , xa que nun tear confeccionábanse lenzos , colchas e mantas .
      Pero saiamos a fóra onde a casa tiña outras dependencias complementarias como o hórreo o muiño e o forno .
      Malia con relación a esto debemos de facer unha consideración, pois xeralmente en algúns lugares cada casa posuía as tres dependencias, en Erbedeiro tan só podemos falar do hórreo neste aspecto. Responde ó tipo de edificación con camara formada por BALAGUSTOS de madeira , soportes de CEPA ou PES DIREITOS , segundo os casos O teito cunha estructura semellante ós das casas do que xa falamos .
      Non obstante ,esto que vimos de dicir, en Erbedeiro había unha casa que gozaba das tres edificacións de grande vagantío a diferencia das outras , con fachada de cantería e escudo o que indicaba o seu pasado esplendor señorial, mesmo a igrexa da freguesía fora capela da casa cuhas orixenes que se remontan ó séculoXVI .
      O curioso era o muiño, que segundo as características que precisa para que funcione, polo xeral, ocupa lugares afastasdos da casa , eiquí situabase en fronte dela , xa que o lugar reunía as condicións necesarias para o seu funcionamento o dispor dun regato co suficiente SALTO , para que a auga colla forza no CUBO e así poida mover as CULLERES do RODICIO e logo por medio da VARA transmita este movimento o PE que xunto coa MOA triturarán o gran do correspondente cereal ,que asuado na MOEGA vai caendo por medio da CANALETA para que se moa entre as dúas pedras . O muiño ó ser o único da aldea os seus donos cobraban polos servicios a MAQUÍA . A el no só acudían os veciños da freguesía senón de lugares alleos , sendo unha testemuña de amorios e refuxio de escapados .
      O mesmo que do muiño outro tanto podiamos dicir do forno, quen por circunstancias de ser case o único do que se dispoñía na parroquía podía considerarse como comunal , debido a que os amos cediano voluntariamente ós que desexasen cocer. Para o que prcuraban de pedir vez coa fin de que hobese un riguroso turno de fornadas Sempre que se realizaba esta actividade os rapaces agardaban con degaros a bica rapeira ,que se facía con restos sobrantes da masa.
      E así se o muiño gardaba entre as súas paredes cantidade de segredos non se quedaba atrás o forno , o ser raro o día que non se acendía polas causas devanditas , o que facía que fose lugar de pousada dunha furaleda de xente ambulante : zarralleiros follalateiros , serranchíns quincalleiros e sobre todo os afiadores os máis ambulantes de todos polo seu continuo devalar . Eles eran os encargados de traer novas doutros lugares: roubos asasinatos , lendas ou historias de santuarios . Os que mantiñan a comunicación podíamos dicir coa civilización . Esto a pesar de que na freguesía unha familia posuía un aparello de radio pero que moitas veces era como se non o houbese xa que a corriente eléctrica dispuña de pouca forza .Digamos que Erbedeiro tivo este servicio desde os anos vinte, concretamente desde 1925, debido a que perto tiña unha planta de luz que paradoxicamente alumaba a localidades de fóra do concello desde os anos vinte . Cando o propio concello necesitou agardar ata o encoro dos Peares.
      As BAIUCAS era un lugar de concentración da xente na aldea alí os homes botaban as partidas de timba ou se daban animadas conversas de historias máis ou menos disparatadas , dependía do número de grolos que se empoleiraban, e para as que o taberneiro sempre tiña a frase chea de indulxencia " Como conto está ben". Pero a baiuca era algo máis que eso , pois semellaba un almacén en pequeno porque nela atopábanse as máis variadas cousas mesmo xaropes e asperinas . Cousa que os paisanos agradecían xa que agás dos desplazamentos a feira era moi raro sair da aldea porque estaba aillada e non había estradas por tanto, toda saída debía de facerse a pe tan só os máis privilexiados podían facelo a cabalo de aí a importante función realizada pola baiuca.
      Erbedeiro como correspondía a unha freguesía agícola todo o ano xiraba en torno a esta consideración e que ía a par coas celebracións relixiosas polo que non é de estrañar que algúns meses se coñecesen con nomes como : San Xoan , Santiago , Difuntos ou Nadal . Así en Xaneiro cantábanse os reis por grupos de rapaces e rapazas se o aguinaldo resultaba do seu agrado os das casas recibían cantigas agradables , no caso contrario facían arremedo deles. Neste mes podábanse as cepas que en bancais chegaban ata as a beira do río Miño e non podemos deixar de pasar por alto o ENTROIDO en febreiro o que a freguesía contribuia aportando algún "VOLANTE" máscara típica da zona e que tiña o seu punto culminante de actuación en lugares perto da parroquía como Sernande e sobre todo Nogueira.
      O traxe de volante era moi curioso , pantalón tipo flamenco , pano que cruza o peito , camisa de cores e un cinto con dúa ducias de campaiñas , como complemento luce na cabeza un pucho cónico con monecos e outros enfeites do que penden cintas de cores.
      Unha vez que deixamos atrás ese mes no que houbo tempo para a troula , entramos no Marzal , suxeito a numerosos troques de aí o refrán : " Marzal, Marzal pola mañá cara de rosa e pola noite cara de can ". O mes de Abril é de moitas labouras , hai que botar o esterco , labrar a terra , sementar o millo e as patacas . Maio tampouco se queda atrás en canto a tartefas , pois xa medran os gromos das cepas e hai que proceder ó encovado e darlles o sulfato . Importante é tamén a plantación do liño , laboura que tivo a súa importancia na freguesía pois chegou a a disfrutar dun tear onde se fabicaban lenzos , mantas e colchas.
      Non podemos deixar de lembrar o" Domingo de Ramos ,"por estas quendas , unha das ocasións en que sempre houbo moita loufa no adro sintindo a xente unha afouteza tan só comparada co día da festa e todo elo tiña a súa explicación , que case sempre remataba nunha liaraza que en principio só atinxía a xente miuda que tiña nestas celebracións motivos para a diversión entre outras como podían ser: as rapazas xogar as casiñas coas monecas de trapo e os rapaces a tratantes de gando , a ndar os niños ,facer frautas xugar a billarda ou a gardas e ladróns. Pero houbo un ano que a festividade acabou cunha liaraza na que participaron xentes de tódalas idades : nenos e nenas mozos e mozas , vellos e vellas polo que imos a recordala . Como de costume os feligreses acudiron a igrexa con candaseu ramo de loureiro , mais este ano de referencia ocurriuselle a un enfeitalo con laranxas o que deseguida os demais faltoulles tempo, como se di , para imitalo . Ó parecer a cousa comezou xa dentro da igrexa pois un facíalle cochas na orella o que tiña diante cunha ramiña o que provocou que este dixera : "segue , segue que a saída as cochegas vouchas dar eu fendéndoche a calamocha" e xa se sabe o que son esta cousas , como empece un a aburar os demais imitanlle e así o que comezou con risos tendo xa os seus máis e os seus menos no interior da igrexa , se ben o lugar por respeto aínda detivo os azos , a saída xa non houbo maneira posible encerellándose nunha loita uns e outros . As laranxas ían de aquí para aculá e os golpes de ramo caían como bullóns nas testas descuidadas .Do que non se librou nin o crego , pois ó tencionar poñer paz ó sair a porta da igrexa reibiu un laranxazo que se escachou no medio da cara. O adro quedou feito unha mágoa , estrado de polas e de laranxas machacadas . Á fin a xente foise escamallando doendose coas mans na cachola.
      Despois de pasar o mes de maio no que a natureza revive chegamos a San Xoan con tempo xa máis axeitando e na semana de San Antón debíase segar o centeo coa fouce e de aló a uns días mallalo na eira , eiquí por mor do esgrevio do terreo nunca poido entrar a máquinaría e por eso debía de facerse cun trebello con dúas pezas artellado denominado MALLO. Neste mes sáchase o millo faise o aporcado e rarease , e dicir, arrincanse as plantas que sobren para que nos se estorben unhas as outras.
      E chegamos ó Santiago os días xa son máis longos e de moita calor e tempo de seca e de ter que regar as veigas , laboura que se facía en rigurosos turnos mesmo de noite para o que se levaba un candil . As veces algúns espilidos non respetaban os turnos o que ocasionaba retesías entre os veciños. Neste mes recollíase o liño . Por estas quendas, debido a calor que fai, as xentes erguense ó lumbrigar o día pois despois o sol quenta que non hai quen ature. E xa entrados no agosto a sega da herba é outra das labouras importantes , facíase coa gadaña e unha vez seca gardabase na palleira .Tamén sementase unha planta que é símbolo de identidade da provincia de Lugo : O nabo .
      Cando o verán xa vai fuxindo no setembro merman os días é alonganse as noites un pouco máis cada día , xa os máis vellos dicían : " Tan grande ouriciño , tan grande noveliño " pois xa comezan os fiadeiros . E o mes das colleitas entre as que hai que salientar a vendima , unha das labouras mái alegres , malia o duro que resulta subir as uvas en cestos ó lombo desde as " POXADAS " que se extenden deasde a beira do río aliñeadas en BANCAIS , ata as adegas algunha situadas no cumio da aldea co que o traballo aínda é maior . De aí o refrán que di :" Desde Pedrafita a Erbedeiro o viño no fondo o viño no ombreiro".Por estas datas sempre se lembra a lenda da xacia que vivía no fondo dun dos pozos que tiña o río Miño nesta zona e que segundo a mesma quedou convertida en borbulla por namorarse dun vendimiador xa que estalles prohibido polas súa leis engaritarse dos humanos. Outra da lenda é a da moura que vivía no cumio do penedo do GRAULLO un dos tres máis altos do concello , imponente mole que semella vixiar a toda a freguesía , pois ben a moura parce ser que baixaba a pasear polas viñas segundo se aprecia por esta cantiga.

            Desde a fonte salgueira
            ata a viña de mera
            se pasea unha baixeira
            máis fermosa e xirifeira
            que unha mañá de primavera.

Como podemos apreciar pola cantiga a moura nomease coa palabra baixera debido a faixa que levaban estes seres mitolóxicos .
      Unha vez rematada a vendima as uvas despois de pisadas na MOXEGA deixanse a ferver nas cubas e mentras realizan esta función aproveitase para recoller o millo que logo ponse en medas para que recoche . A continuación comeza a esfollada para meter as mazarocas en restras no hórreo . Esta laboura e motivo de boira entre os mozos e mozas , xa que quel que atope unha espiga vermella a que denominan " RAIÑA " dalle direito a bicar a unha rapaza. E o mes da cava das patacas eiquí debe de fascerse coa aixada pois o arado debido o pina que son os terreos non se pode usar.
      Xa o viño está a punto e presta o seu por iso dice con razón o refrán : " Con viño novo e sardiñas asadas non hai comida ruín"
      Erbedeiro era unha freguesía onde anbundaban os castiñeiros daba xenio ollar os camiños estrados deste froito de aí que a xente se apurase para apañar as castañas segundo o direito de que " Castaña no camiño é do veciño" A castaña xunto coas patacas formaba a base de alimentación da freguesía xa que unha vez secas nos CANIZOS , dependencia que tamén incluimos na cociña , consistía nun teito de listóns que deixaban entre eles firguas polas que pasaba o fume da lareira para enxugar as castañas que se podían comer con leite mazado ou fresco así como un excelente acompañamento do lardo . E como non , no magosto , con referente a el diremos que non tiña as conotacións de agora, era unha comida máis das que se facían ó ir do ano .
      A parte desto o mes de Octubre tiña en Erbedeiro algo de especial porque se celebraba a festa ou romería da Virxe dos Remedios a que acudían devotos dos máis afastados lugares. Unha delas aló polo 1931 , motivou que a freguesía aparecese de boca en boca das xentes debido as " Coplas de Cego" que se cantaban polas feiras, por un malfado suceso que imos a contar . Aquel día , malia a época do ano coa entrada do otoño , presentábase relumante de sol mesmo cunha calor non propia da estación. Pola mañá a banda de música, contratada para a festa, recorreo os rueiros tocando as correspondentes alboradas diante da alegría de todos. Celebrouse a misa solemne onde os asistentes renovaron as súas promesas a Virxe , dandose despois boa conta do xantar : rabanadas de xamón e chourizo como entrante , cocido , polo cabuxo entre outras cousas , rematando con toda clase de lambetadas das que non faltaba nunca o roscón , esperado sempre polos máis cativos con verdadeiros degaros , todo elo mollado con viño tinto e branco que nestas datas curaba todalas doenzas e ó final o café con augardente non podía faltar .Non obstante aquela tranquilidade pola tarde cambiou por mor dos mozos das freguesías de Chouzán e de Nogueira , ámbolas de sona polas igrexas románicas de candasúa .Xa que tanto uns coma os outros había tempo que desexaban arranxar as súas deavenencias para o que escolleron a Erbedeiro por quedar entre as devanditas aldeas.
      Chegado o momento os mozos desafiáronse e como consecuencia as mesas dos rosquilleiros rodaron polo chan a xente atropelouse o querer fuxir atarantados máis o peor é que axiña se deixaron sentir os tiros o que se repitería a através da pelexa causando varios mortos . Como diciamos a este suceso deuselle grande importancia e mereceu sair nas coplas de cego que como era costume ían en castelan, comenzaban así .

            En la provincia de Lugo
            partido de Chantada
            celebrándose una fiesta
            se convertió en batalla.

            Pués los mozos de ambos bandos
            se encontraban desafiados
            y el día once de octubre
            a las armas se lanzaron

            Que día tan desgraciado
            y el cantarlo causa pena

........................................................................................................................................

Novembro é tempo de chuvias e de friaxe tempò no que se venta o inverno ,.mes dos Santos e da lembranza dos mortos , quizais este día non se lle dese na freguesía a importancia que noutros lugares principalmente das vilas , non por non querer lembrarse deles senón porque os mortos viven en completa comunicación cos vivos, debido a situación do cimetrio no medio das casas e por tanto ese día vese como algo normal, segundo palabras de Rosalía de Castro " Os adros dos altos alciprestes , das oliveiras escuras , floridos e verdes, amigos dos vivos a quen nin os nenos temen".
      Este mes é tempo de festa nas cansas co gallo da matanza dos porcos , carne que unha vez salgada nuns casos ou afumada na lareira conservase para alimento .
      Exa para rematar o ano chega o Nadal , na Noite Boa xuntanse as familias a beira do lume , sentados no escano os máis vellos contan historias . O día de Ano Vello vaise votar o ano fóra e uns xuntanse na casados outros con grande animación e troula . E chega o Ano Novo para os que todos na freguesía se desexan moito ben .

      Así era a vida da freguesía de Erbedeiro e así foi durante moitos anos ata chegar o seu completo esmorecemento o desinzare de xente . As causas hainas en sobexo entre elas a emigración pois a xuventude falta de alicientes que a xunguise a terra emigrou para non voltar polo que a freguesía quedou sen a posibilidade de parellas novas que tivesen fillos. A esto engadimos que pouco a pouco a parroquia foi cada vez perdendo a súa identidade por diversos motivos como podían ser que a festa da Virxe dos Remedios deixase de celebrarse , as concentracións escolares privaron a aldea da mestra ou mestre co que esto leva consigo culturalmente . E o feito de que as xentes non poidesen gozar da presencia co crego duna maneira continua por ter que compartir o seu ministerio con varios lugares debido a falta de curas., foi outra pérdida de identidade porque así tamén desapareceron aqueles parlamentos das aldeas: os adros ,onde se falaba do tempo da contribución das colleitas e dos máis variados temas.
      ..O encoro dos Peares afectou a freguesía dunha maneira negativa o causar cambios na paisaxe co asulagamento de hortos e enxidos e de nucleos de povoación que pertenecían a freguesía como podía ser Sernande .
      A aldea convertiuse nun lugar tan só no que vivín vellos que resistiron o que puideron para rematar por ter que irse as cidade con outros familiares ou a residencias .
      Hoxe de cando en vez sobre todo no verán a Erbedeiro acheganse xentes que mercaron unha casa no lugar ou que cultiva algunhas viñas pero tanto uns coma os outros vive na vilas . Malia Erbedeiro permanecerá na lembranza dos que un día por circunstancias da vida tivemos que marcharnos . E no recordo aparecerá baixo unha antuca de nubeiros grises amosando as tonalidades do verdor das sementeiras das praderías e ribazos e tamén a chuvia que en melfos fios cae zarmoña e silandeira . Así como un sol relumante dos mellores días nun ceo de luz opaca e difusa.
Sen esquecernos das súas xentes , cheas de sudade amor a tradición e cuha alma poética e misteriosa.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega