Estirpe

 

Escolma. Serpe

 

v1ferrinestirpe019.html

nas Illas cando chove
hai asobíos secos e un alustre espiral
que se enguedella dentro da memoria
aparición agora da serpenta
na peneda nos fondais do soño
vós mulleres estades no intre alto de pari-lo fillo
e ela espreita alí
nos choros urros castañetas de dentes feces polo curso
e cómo vos torcedes
arrótavos o dentro un agurgullo mesto
rachan panos de baixo
afeas lumes coiteladas froles
invádenvos a vida
e corgas de negror manan de afeito
e cómo vos torcedes
no seguro segredo dos paridoiros escusados
nos profundos da bouza
a cobra aperta a cobra cingue espreme
cos seus aneis os ventres das femias do mundo
iluminados por dentro iluminados
e cómo vos torcedes
e vén de noite a cobra
polo luar que é cousa das mulleres
sitio da cobra dos grandes ollos
á percura do leite e mais dos tetos
a cobra trai a cría
pro logo levaranos de morte morrida
polas poulas do frío alén das serras
pómulos marelos toxo arnal espetado nos ollos
vermes a choutos fríos polo fígado
misia pega peteirará nos nosos labres
polas grandas xordas levaranos
deica a ribeira na que vagan os que foron
pois que era chegará á devesa de noso e máis ás Illas de acó
deseñada no peito dos fillos dos señores de lonxe
(coido que con ocre)
a cobra nunca empeza nin falece
a cobra está nas Illas vixiando
se asobiar as vidas son segadas
se alampa a vista nace toda cousa
eu son a cobra de todas as Esposas
que desovan no mar igual ca os ríos.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega