Estudo das sombras

 

(Texto íntegro)

 

v2luisavillaltaestudos.html
A sombra participa da natureza da materia universal.
Antes pode estar un corpo sen sombra que a virtude sen enigma.

Leonardo da Vinci




I
Entanto o meu outro sol
se instala no ponto certo das cousas
deszo soia o arpexio da luz cara a nota máis grave,
cara ao seu fundamento,
o aroma onde medra a raíz do revés.
Náceme a boca a un sorriso de noite
mostrando fragmentos de estrelas prohibidas.
Existe un lugar sen palabras, un escuro zoar,
unha voz indivisa
e a vontade de entrar pola porta vacía que deixan as formas.



II
O peso do corpo achegábase á terra
coa substancia sutil da que se enche o desexo.
A pergunta esvaraba no horizonte mortal,
unha liña tan nítida como o teu corpo espido.
O cansazo do sol era sempre pasado
que esperaba detrás insistindo a chamada.
Pero ti eras máis en silencio.
As palabras brillaban nas moedas dos rostos.
Pero ti eras máis, cara adiante de min
a miña silueta alancaba corredores de alento.
Que me espera através do terror
que alimenta o que aínda nos falta?



III
Através deste bosque o sonido da vida tende un xogo de luces.
A esquerda e direita desencóntranse os brazos da multitude,
que son só cabelos prendidos a esa hidra sen nome.
Unha serpe segmenta un lugar que se move
e eu sigo por ela.
Através deste bosque unha máquina imita un vento inhumano,
os cabelos enléanse en cables retóricos,
descargas eléctricas que non me emocionan.
Busco a voz natural, o eco dun canto e a rosa do centro.
O vento pentea este bosque parado en farolas e postes.
A luz artificial non nos deixa pensar que soñamos.



IV
Os meu pasos mentais van coallando en espellos:
véxoos vir cara a min entanto a min se me escapan.
O horizonte volveuse circular
e as miñas vidas posíbeis inventáronme a estatua que estou,
a múltipla sombra sinalando arredor
cara a todos os pontos onde esperan as madrugadas.



V
A man prolongouse no enigma até o fundo da túa,
penetrou no teu corpo
e buscou ese oco tan noso onde o tempo non chega.
Un cinto de soles rebentounos por dentro.
O meu ollo na luz goza o teu privilexio
sen que exista outro lado,
sen o escuro contraste do día através das cortinas,
xunto ás voces dos outros, que pasan.



VI
E pasa a verdade baixo estrelas cambiantes.
Farase tarde, co frío da tarde e a morte do frío.
Virán equivocadas xeracións procurando un presente
que foi, que será, mais que non se produce,
un presente sen sitio no eterno cincento do chan,
nos eidos sementados de olvido.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega