Escolma de poemas

 

Escolma texto completo

 

v1lreinuñezescolmapoemas.html
AGRO SEN CANCELO

INMENSO, coma as brañas
da nenez, habitadas polo ecoar
das galopadas das greas.
Libre, coma o amor que o mozo
comparte por vez primeira
na beira do mar.
Meu, coma nada máis.
Coma nada. O agro sen cancelo
da túa alegría.

(De A rolda invisible)



ESTADOS DA ALMA

DO verán que alampa indo e vindo atlántico
pola area, a azul alegría da marea.

     Das tardiñas en cidades do Norte
bravo, a tristeza que nos fai máis humanos.

     E das horas de leria cara á illa
da amizade, o niño revolto da verdade.

(De A casa na brétema)



BOTÁNICA

SALGUEIRO chorón.
Son bágoas as súas follas:
o meu corazón hoxe.
Este teu corazón.

     Limoeiro en flor.
É un sol o seu recendo,
coma sempre o teu corpo.
Esa miña prisión.

(De A casa na brétema)



ASÍS EN LOURO

MONTE Louro pelado.
A lagoa dos patos.
A parella lanzando
unha botella ó mar.

     Regatos do verán.
Augas e unhas mans
que alí lavarán
seivas de amor puro.

     Camiños de por Muros.
Solitarios e duros
de andar, entre xuncos.
(Os frades coidan a horta)

     Arroaces na porta
da ría, prata absorta
que brinca. Campá tola
rezando no eirado.

     Monte Louro pelado.
Vía Crucis que andamos
con paso namorado.
Unha frecha cruzándonos.

(De A casa na brétema)



A MEDROSA DA ALEGRÍA

NON lle deu tempo a se facer vella
e xa é a súa patria a memoria.
Noiva da terra e da chuvia, recorda
á nena triste de Ortoño, soa.

     Era algo despois a mociña fea
-salóns dos románticos, en Compostela-
que carrexa nos seus ollos a cinza
da morte, e loce cabelos de nazarena.

     Non lle deu tempo a se facer vella,
e xa é un corpo que viste loitos
por fillos que deu para seren cravos
desangrando o corazón do tronco.

     Fuxir da acción, contempla-lo mundo
marchar mentres ara no pensamento
a saudade e fóra chove miúdo,
é todo o seu vivir, de amor sedento.

     Para un tren na estación de preto,
e sempre o medo ó mal que nel chega,
ou a el non sobe, nesta muller para.
O sol de costas faina sombra negra.

     Caracois de fume saen da casa
gabeando a tarde con trote manso.
Veos subir no ceo, de si cansos,
a noiva da terra e a chuvia. Que escribe.

     Son as palabras que pasando o dedo
pola area do ido levan ó alén.
Teme alá o inferno, e por iso pide
máis dores aquí ca nunca ninguén.

     Sufra por todos a filla do cura.
Que cargue o peso de tódalas culpas.

(De A casa na brétema)

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega