Estrañeza numérica

 

(Texto íntegro)

 

v2bieitoiglesiasestraneza.html

     Seis meses despois, no xuízo, admiraríase o tribunal da precisión contable do informe do fiscal e da acusación particular. Iria levara o apuntamento con minucia: 43 actos. Matemático. O seu cuñado Rafael é, en cambio, un desastre nos números. Debe repasar continuamente a lista pra acordarse das sintonías: 74, Rt portuguesa; 71, RAI; 66, Tv catalana. Zapping de parte a parte dunha serie de cifras encanto se deita a sogra cun bocexo, aparenta cunha tímida reprobación da súa cisma de trasnoitar pasmado diante do aparato, os dous pequenos cunha perrencha pola obriga de enviar unha cunca de leite fervido. "Cóntalles un conto", suxire a esposa con ton levantadizo, pero el non se arrisca a avivalos. Sabe que, aínda ben non os acoche a súa nai, han de ir con Pedro-chosco sen completar o Jesusito de mi vida. Xa se encargou de cansalos toda a tarde, de inventar xogos mazadores.
     Coa sogra non hai caso, pois topenexa pondo o camisón e axiña avisa con roncaduras que estremecen a casa. Subsiste o problema da súa muller, que se desvela ás veces, sobre todo cando compra revistas do corazón. Máis dun serao tivo que ir á cama amolado, vendo que non se apagaba a fenda de luz por baixo da porta do cuarto matrimonial. Pensa nas últimas noticias de sociedade, e non atopa eventos que xustifiquen a insomnia. A familia real británica declarou unha tregua, non hai embarazos famosos á vista e xa asenta a poeira levantada polo pene exhibicionista do conde Lecquio. Este episodio estragoulle sesiós nocturnas, obrigándoo a comparecer no leito pra cumprir co débito esixido pola lexítima, humillado ademais polo cotexo dos seus atributos cos do conde ignóbil.
     Baixa o volume do televisor ó mínimo, axita as pedras no copo de whisky e arrebóllase na farrapeira. Iria dalle un couce pra que faga sitio e lle deixe armar o sofá-cama. A súa cuñada mora con eles desde o Natal. Veu no mesmo lote da sogra e ocupou a saliña á hora de durmir, privándoo de seguir endeica as tantas o Calcio e a NBA; vedándolle, nun principio, os filmes saídos que emiten de madrugada. Ata que gañou confianza.
     A rapariga tende os lenzos sen sometelos, é bastante desleixada nas angueiras domésticas, moi diferente da súa irmá maior, que fai a cama semellante a un sobrescrito e non consente manobras que alboroten as roupas.
     -¿Bótoche? -cochicha Rafael, ó vela regresar do baño, coa melena escura á solta sobre a camisola albiceleste do Compos.
     -Bebo do teu copo -responde cun abalo de cabeza, xostregándolle a cara cos seus guedellos.
     Mentres ela bebe, pousando os labios grosos no bafo do vidro, Rafael acaríñalle a canela lisa como un seixo de río, perfectamente depilada. Escala ata apalpar meiguices veladas somente pola camisola número dez, o dorsal de Fabiano Soares. "Con los colores azul y blanco venceréis", cantaruxa mentalmente, e imaxina espido ó interior esquerdo da equipa, striker corricando ante quince mil siareiros. Constata así mesmo a delgadeza da moza, non imputable a anorexia senón a un activismo esaxerado da tiriode. A irmá era tamén esbelta cando tiña os seus anos dezasete. Pero non se entregaba. Administrara as partes da súa anatomía con pericia de carniceiro. Foille dando a proba, taxándolle o contacto carnal por estaciós e anos de noivado: xarrete, faldra, bife...así endeica a lúa de mel no parador de Portomarín.
     Iria reacciona ós aloumiños enroscándose na súa mao, como un miquiño, e de súpeto brinca ó leito enroupándose entre lenzos. Rafael ensaia unha táboa ximnástica, pra desfacerse das calzas, e volve a vista á porta do seu cuarto. Non brilla a liña de luz no resquicio inferior. A súa esposa estará soñando cos ollos de Paul Newman. Ela lembra os soños na vixilia e ten o fastidioso costume de contalos. Aguza o ouvido pra captar algún sinal de alarma, pero os roncos da sogra sufocan incluso o troupeleo da lavadora dos viciños, conás que por beneficiarse da tarifa nocturna acenden os electrodomésticos a hora intempestiva.
     Retira os cobertores e, erguendo as pernas da cuñada, como se fai cun nené ó mudarlle os cueiros, coloca debaixo un pano estendido. Evita deixar pistas incriminatorias no sofá elixido persoalmente pola súa muller, un capricho de certa viaxe a Portugal. Iria desfaise da camisola e, dalgunha parte, talvez de entre as follas do romance de amor que está a ler, tira a goma que el mesmo puxo como condición. Os romances rosas podían tentala cun expediente radical, coa preñez e a chantaxe. Pintoulle moi negras as dores de parto, por un siescaso.
     "Agustiño", dise, e, sen embargo, o asalto remata no intervalo dun corte publicitario. Acelerouno a lingua da súa compañeira, embrullada nos catro pelos que lle sombrean o peito. A saber quén lle terá ensinado esas malicias.
     -Quero que me queiras moito -rosma Iria en mal momento-. Se non deixas á miña irmá, denúnciote. Xa vai pra corenta e tres veces que me sobas...
     Fica coa mente en negro, con ese condenado puntiño vermello da pantalla ó derramarse un canal do satélite. Recúa de golpe escapando á aperta, temeroso de chamoscarse nas radiaciós que lle receitaron á rapaza pra inhibir o bocio.
     Meses despois, no xuízo, admiraríase o tribunal da precisión contable do informe do fiscal e da acusación particular.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega