Escolma poética

 

(Texto íntegro)

 

v1mpereiravalcarcelescolma.html

AMOR NA DISTANCIA

Agardo as túas cartas
coa voz debuxada
en cada letra.
Agardo as túas cartas
como polas chaves
que me abren as portas do día.
Agardo as túas cartas
para seguir unido a ti,
nunha paisaxe que foi nosa,
cando o tempo era un fiel amigo.

               De Poemas da cinza





o tempo é unha árbore
da que caen os días
cunha obsesión outonal

a vida, o tempo
poboado de paxaros

a morte é a árbore seca
da vida onde
aniñan paxaros mortos

               De Todo morte





Ansiedade dos ollos
Mananciais salgados da suor
As mans, gadoupa e seda
Bocas que se ofrecen e buscan
Galope de corazóns e sangue
Perseguido val que as pernas definen
Ríos desfacéndose en escumas
E unha luz de prata nos bosques da alta noite

               De Rosa íntima





13

¿De onde vés? ¿Que país foi a túa infancia?
¿Que luzada inaugurou os teus abrentes?
¿Que cicatrices te fixeron medrar? ¿Que
vestidos estreou o teu desexo? ¿Que
camiños te trouxeron? Non o sei. Non sei
nada de ti. Pero eses ollos, eses ollos, esa
transparencia ofendida.


               De Inventario de fragmentos

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega