Eu Renazo Galego: ensaio sobre identidade galega

 

Fragmento.

 

v2chaoregoeurenazogalego.html

Capítulo cuarto

O COMPROMISO ÉTICO


Remoendo a galeguidade

     O sentimento de señardade do que falamos, ese estar situado emocionalmente no eido coma na cuncha materna, dá unha grande forza ó galego para poder chegar a esa conciencia do nós, incluso coma nos-outros: a conciencia do feito diferencial, da propia identidade e singularidade. Precisamente o capítulo anterior quixo ser un longo arrodeo para decatármonos de que a conciencia da nosa identidade ten que pasar pola vontade étnica, que de ningunha maneira consiste nun voluntarismo prometeico que forza as cousas, senón que se trata dunha explicitación do moito que levamos implícito no noso seo histórico, conscientemente unhas veces, outras, as máis, de modo inconsciente.
     Esta é a razón pola que no número 6 da revista «Encrucillada» eu falaba en 1978 de remoe-la galeguidade: porque o implícito galego é moi ricaz e abondoso, pero non está suficientemente explicitado no noso pobo, debido ós atrancos externos pero tamén e principalmente ó sentimento de inferioridade que nós mesmos levamos internalizado.
     De ahí que queiramos plantexa-la galeguidade coma un problema de conciencia, tanto no sentido ético da palabra —como lugar de decisión
— coma no sentido psicolóxico, coma lugar de información e claridade; o que se expresa habitualmente coa expresión «toma de conciencia». E neste sentido tamén queremos falar da necesidade de concientización facendo uso da triple división que utiliza Paulo Freire de conciencia inxenua, crítica, e cínica.
     A meirande parte dos galegos teñen unha conciencia adormecida da propia pertenza étnica, da galeguidade unha conciencia inxenua ou máxica, en canto que o seu Eu está fundido no nós galego afectivamente, nesa natureza caótica-uterina sen distancia crítica e sen ter outras referencias cás sentimentais á súa galeguidade. Vagaroso sentimento de pertenza que pode ir acompañado, as máis das veces, dun sentimento de inferioridade como se ser galego fose ser menos.

     A conciencia cínica dase cando algúns se benefician dese sentimento dos máis. Ahí queremos situar a todos aqueles que se distancian do pobo e mediante unha carreira ou posición económica superior tratan de impoñerse ó «pobo ignorante» empregando uns moi sutís medios de opresión, entre eles a internalización represiva da propia inferioridade. Penso en toda a xente «fina» que se dirixe ós «aldeáns» con misericordia e aínda no idioma galego pero coma unha especie de esmola ou concesión á súa falta de preparación. Se analizasemos o comportamento do cacique —e habémolo facer— veremos como xoga cos sentimentos da xente e os manipula. Pero moitos de nós levamos dentro ese señorito do que nos resulta difícil desfacernos e andamos salpicados por un cinismo que argúe pouca coherencia na nosa galeguidade, comportándonos moitas veces cunha dicotomía entre o que confesamos cara afora e o que de feito vivimos. (Penso, coma exemplo, en galeguistas de sona que na súa intimidade non son capaces de articular catro palabras na nosa lingua).
     Fai falla que naza un terceiro tipo de conciencia: a conciencia crítica, esa que analiza, que sabe separar para distinguir elementos e sabe-lo propio peso específico de cada un deles. E hoxe temos moita necesidade de sermos críticos, de analizarmos ben as situacións, porque ó longo tempo de esquecemento étnico ándalle a seguir unha época de rexurdimento moi indiferenciado que por momentos estivo incluso a piques de se conveter en terrorismo étnico. Co que xa damos a entender que conciencia crítica supón radicalidade, pero non intolerancia nin espellismos.
     Esta división tripartita da conciencia vainos servir, entre outras cousas, para non cairmos nunha visión maniquea da realidade entre bos e malos. Pero, dando por suposto que hai unha inmensa maioría de galegos que, con relación á súa galeguidade, están mergullados na maxia da actual situación alienante, non será moi ousado dicir que o resto está situado nesa encrucillada na que necesariamente ha escoller entre a solidariedade con pobo alienado e asoballado ou a complicidade cun poder que aliena e asoballa. Solidarios ou cómplices, esta é a cuestión, e por tópicas que parezan estas palabras, son reais.
     Soubo ver ben isto Xosé-Antón Miguélez cando no seu escrito sobre «Fe e galeguidade» (Encrucillada, n. 24, 1981) sitúa o asunto na clave da concientización crítica que pasa por unha auténtica conversión:
     
    
Agora ben, sería permanecer aínda en categorías e en praxes a-históricas e descarnadas pretender que esa conversión se poida dar permanencendo fóra da historia, no mundo das ideas e das «verdades en sí». Unha conversión como a que apuntamos esixirá praxes históricas, é decir, un auténtico bautizo e mergullamento na vida e, nun ou noutro grado e nunha ou noutra maneira, na vida política, pois só na historia e na vida se pode dar o encontro co Deus vivo.
     
     Trátase de dinamizar, repetimos, o tránsito da galeguidade as mais das veces implícita e que latexa en toda persoa ben nada a unha galeguidade explícita e confesante do propio ser, que posúa os sinais de identidade étnicos suficientes apra afronta-la súa vida como cidadán do mundo desde os propios eidos. E, na situación na que estamos, isto non sucederá se non medra o galeguismo.
     Xa dixemos dese sentimento de inferioridade e de insignificancia que padecémo-los galegos. Habitamos na nosa terra, pero non tomamos aínda posesión dela e, por se fose pouco, perdémo-la memoria da propia historia, en consecuencia, a nosa imaxe está maltratada, padecemos unha ferida narcisista. E xa voltamos ó mito do mozo grego, que queremos tratar coa consideración que merece.
     Agora cómpre que fagamos a precisión de que a galeguidade e mailo galeguismo se atopan nunha relación dialéctica, xa que o galeguismo é unha instancia crítica e militante de dinamización da galeguidade. O galego é unha persoa que vive mergullado na súa realidade étnica, moitas veces sen decatarse delo, o galeguista é unha persoa que emerxe da súa galeguidade para erguer un facho aceso que alumee esa conciencia étnica. Na actual situación de loita pola étnica, de etnoxénese, o galeguista é persoa de debezos.
     Xa vimos que a señardade tiña coma acompañante un dobre sentimento, negativo de anguria e positivo de esperanza. O propio da señardade é o debecer, o sentir anceios, ese estado de arelar feito de carencia e necesidade que se quere encher con algo sustantivo. E este debezo é o que pode crea-la dinámica de futuro. Entramos con isto no tema da utopía do que fala Ernest Bloch.
     Para este filósofo xudeo alemán, estamos situados diante do futuro, que se presenta coma posibilidade. Posibilidade, porque a realidade aínda non aconteceu, «aínda-non-é», está latexante, aberta ó futuro. Polo tanto, a actitude fundamental é a esperanza. (E do que aquí tratamos é de pasar desa anguria na que pode estar encerrado quen vive da nostalxia do paraíso perdido á esperanza, que é o outro lado da señardade, de quen se dispón a facer futuro).
     Bloch pón na conciencia ese lugar onde resoa o tempo, a chamada do futuro. A conciencia galeguista ha ser, logo, ese lugar onde se ve a posibilidade que témo-los galegos de ver cumprida a nosa galeguidade, esa esperanza de que o noso futuro aínda non está conquerido, é unha posibilidade. Pero esa conciencia é anticipadora, xa que mediante os soños diurnos —ese soñar espertos do que dixemos que é tan frencuente na nosa vida— podemos ir deseñando cal será a sociedade galega do futuro.
     Así como Freud puña como instrumento fundamental que move ó home a libido ou factor sexual, que se mantén inconsciente e se descobre nos soños nocturnos, Block pón coma instinto fundamental a fame, que se manifesta nos soños dirunos. Non se trata, como veremos, dun mecanismo narcisista regresivo ou infantil, senón que esa fame lle dá ós soños un carácter obxectivo —non meramente suxeitivo— e social.
     Que no galeguismo actual, de carácter nidiamente político, actúe un dinamizador social nada romántico, está claro. Se houbo algún tempo no que o galeguismo padecía dun romanticismo nostálxico, hoxe as reivindicacións galeguistas van polo camiño da utopía marcada por Bloch: queremos unha Galicia nosa, non sometida ó exterminio contaminante que mate a súa riqueza e da que o síndrome máis grave é a fame que fai emigrar ós seus fillos. Queremos a conquista dunha galicia industrial rica e podente.
     Pero convén demorar neste tema da fame que xa foi adiantado no ano 1966 por Domingo García-Sabell no seu xa referido estudio antropolóxico sobre o home galego, cando analizou a «fame galega» e a súa relación coa persoa total, entendendo por ela unha estructura total que el sitúa —a ese debezo de mantenza— coma subsidiario do principio primario do pracer. Estas pulsións de fame —concretamente a distrofia ou fame crónica— determinan, segundo o autor, alteracións máis ou menos profundas da conducta. Pero esa distrofia ou trastorno da nutrición provoca unha distrofia psíquica; un debezo, que polas súas connotacións emocionais, inflúe sobre o comportamento do desnutrido. (Chámolle debezo ó que autor denomina «ansia»).
     En tres resume o noso doutor as consecuencias desa fame galega que el define coma «de menor formato» en comparación con outras: a desconfianza que leva á inhibición do contacto social, o escepticismo como froito dun aprazamento doutras preocupacións menos perentorias e vitais e a preguiza ou lacazanería que transmite unha cuase impotencia física e espiritual. Non que a fame sexa a causa exclusiva destes factores negativos senón un dos vectores desas negatividades que roen na personalidade do home galego producindo un «temperán proceso de avellentamento espiritual». E o autor engade:

     Aínda máis: se a alimentación deficitaria asenta, por leve que sexa, no xogo das xeracións, a distrofia psíquica faise permanente e parecerá logo, moi adiante no tempo, un dos sillares da caracteroloxía da colectividade en cuestión. Quero afirmar coisto unha conclusión para min indubidable. Que moitas das actitudes existenciais negativas do pobo galego, algúns —non todos— dos seus peores defectos arrincan dunha forte e prolongada distrofia, dunha desnutrición sostida ó longo de séculos e séculos, e hoxe aínda non superada nin moito menos. Hai vicios espirituais en Galicia que remontan a súa orixe a situacións de carencia alimentaria. A cousa é, ó meu xeito de ver, grave.
     
     É tan grave como que o autor dá a entender que no corpo social galego está algo así como «engramatizada» ou grabada, esculpida, a fame —«parecemos antigos famentos»— existindo unha memoria social da fame. «A obsesión da comida en Galicia non é porque abonde, senón porque faltou», afirmación do doutor paralela á do refrán que tantas veces temos escoitado de que non farta o que se come senón o que sobra:
     
     Dicía Feuerbach que o home é o que come. Hoxe estamos lonxe de tal despropósito. Lonxe desde a perspectiva científica e desde a perspectiva humana. Sen embargo, aquí, en Galicia, a frase xa non resulta tan drástica. Por defecto ou por exceso, tres cuartas partes da vida galega aínda xiran, maniáticamente, arredor da alimentación. Que os que veñen detrás de nós queiran e acerten a despexar tan triste incógnita.
     
     Cecais non podía soñar Ernest Bloch con que no recanto de Europa, nun deses fisterras esquencidos e neboentos, se estivesen a afirmar cousas tan arrepiantes e que cadran co instinto fundamental do soño diurno que el tén coma dinamizador do home que aquí actuou, polo que se ve, de paralizante. Famentos espirituais e fillos de famentos biolóxicos, nó-los galegos teremos que debecer agora por clarexa-lo horizonte: cómprenos unha axeitada industrialización e un desenvolvemento de tódalas posibilidades que nos rescaten desa lacra ascentral e da solución escravizante que se lle veu dando en parte: a emigración.
     Pero tamén sucede que somos conscientes de que o camiño a recorre é longo e entón, necesariamente respiramos pola ferida narcisista, xa que ferido está o noso corpo social. De ahí que os nosos soños ás veces parezan un tanto infantís e aínda ás veces inalcanzables. Ó tempo que a nosa carga emotiva de carraxe poida ser excesiva e molesta, incordiante e aínda adolescente. Todo elo tén unha explicación na psicoloxía.
[...]


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega