Eu fun un best seller da Literatura Galega

 

[Texto íntegro]

 

v2franciscocastroeufununbestseller.html

     Eu fun un best-seller da literatura galega. Xúroo. O ano pasado unha das miñas novelas apareceu durante máis de tres meses ou ben no primeiro posto das listas de vendas ou entre os tres primeiros. Era Feliz e saía á rúa convencido de que as mulleres ollaban para min con ollos lascivos. Que era máis alto e guapo. Pensaba: Dan Brown e Reverte son uns mixiricas. Eu si que vendo. O meu seguro que vai dentro do maletín dese executivo. Esa rapaza que le no parque, de certo que está co meu libro. E cando máis feliz era, visitei a un amigo libreiro. E fixen A Pregunta Fatídica. Quixen saber como se elaboraban as listas, cantos libros hai que vender para estar Aí Arriba Na Gloria. Depende do idioma. Pedinlle unha explicación e deuma: para que un libro estea entre os tres primeiros en castelán, deberá vender entre trinta e corenta exemplares semanais (ás veces de Dan Brown vendemos cen á semana, dixo, cruel) ¿E en galego?, preguntei facéndome máis baixiño e máis feo e menos atractivo porque xa sabía a resposta. Dixo: en galego con vender cinco ou seis á semana xa estás de número un. Eu nunca fun un best-seller da literatura galega.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega