Europa tamén é dos galegos

 

[Texto íntegro]

 

v2franckmeyereuropatamenedosgalegos.html



A deslocalización e a falta de investimentos, principais perigos da ampliación da UE

 

Coa incorporación de dez novos membros, a Unión Europea móvese cara ao leste ou, mellor dito, recupera unha parte súa esquecida durante décadas. As diferenzas entre socios antigos e novos son enormes en moitos eidos. Cales son os retos económicos e políticos que agora se presentan? Que temores e que esperanzas hai? E como estes cambios poden repercutir en Galiza?



     A ampliación da UE do pasado 1 de maio foi acompañada, en Galiza e o resto do Estado Español, por toda unha serie de preocupacións e receos. Basicamente, o que se teme é perder subvencións comunitarias e, ademais, postos de traballo no contexto dun fenómeno que se vén denominando deslocalización. Se temos en conta que o obxectivo das axudas, froito da solidariedade, é o achegamento das rexións máis pobres á media comunitaria en forza económica e nivel de vida e que a grande maioría das rexións dos novos países membros está por debaixo do 50% desta media, semella obvio que haberá un reaxuste destes fluxos monetarios, a non ser que non valla o mesmo dereito para todos. Por outra banda, visto que os salarios no leste de Europa son máis baixos que en Galiza e que o grao de imposición fiscal é menor, tampouco carece de lóxica pensar que algunha que outra firma decida instalarse onde poida reducir os custos, por exemplo, na República Checa. Alí algunha que outra empresa galega xa ten dependencia, seguindo a PSA Peugeot, a quen fornecen con pezas para coches. Mais é mellor fixarse nos detalles que caer en simplificacións.
     Pois os investimentos dunha empresa noutro lugar contribúen a que se manteña competitiva no mercado, protexendo, así, os postos de traballo na súa terra de orixe. A alternativa sería permitir que outros fagan o traballo e desaparecer. De todos modos, a ampliación da UE tamén supón o nacemento de novos mercados para productos galegos. Inditex, por exemplo, ten na actualidade tendas en Chequia, Polonia e Malta, e non tardará en moverse a máis países. Como esta empresa, por riba, fabrica a maior parte das súas prendas lonxe de Europa, onde os salarios son máis baixos aínda, tampouco cabe esperar unha deslocalización de emprego galego en dirección aos novos membros. É de supoñer que nestes, ademais, igual que sucedera no Estado Español despois da súa entrada na UE, o nivel de vida, os prezos e os salarios subirán. O volume de negocios entre os novos e Galiza ascenderá de aquí a 2008, segundo estimacións do Consello Económico e Social, a 350 millóns de euros, con cotas de crecemento anuais dun 10%. Neste respecto a evolución é claramente positiva, se ben hai outras rexións que aproveitan a conxuntura aínda mellor.
     O que si debería preocupar é outro feito: a competencia por investimentos directos de empresas francesas ou alemanas, por exemplo, que poderían dirixirse aos países do leste. Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, teme que vaia haber unha mingua considerábel de cartos estranxeiros destinados a investir aquí, á parte das dificultades coas que se poderían topar as exportacións galegas nos países da UE de antes, atraídos polos novos veciños moito máis próximos. Máis importante e, tal vez, máis rendíbel que perderse en elucubracións lúgubres sobre a ampliación sería, daquela, defender a cota de mercado das empresas galegas na zona máis desenvolvida de Europa —Benelux, Francia, Alemaña, Escandinavia— que, asemade, é a de máis poder adquisitivo.
     Canto ás axudas comunitarias, non fai falla ser profeta para ver que a función da UE como club de subvencións chegou ao seu límite. Ata o 2006 nada vai cambiar, o Estado Español seguirá beneficiándose do 60% da cantidade total dos fondos estruturais e de cohesión. A Comisión Europea calcula que todos os novos membros xuntos recibirán nos vindeiros dous anos e medio uns 12 mil millóns de euros, que non é nada tendo en conta o que se destina aos países da UE dos 15.
     Os novos tampouco participan plenamente da Política Agraria Común, que abrangue a maior parte dos orzamentos comunitarios. Sabendo que os contribuíntes netos da UE anunciaron hai uns meses que non están dispostos a transferir máis diñeiro ás arcas europeas e considerando, ademais, que a importancia do sector agrícola de Polonia, por exemplo, quintuplica a media comunitaria en termos de emprego (20% fronte ao 4%), é evidente que vai haber auténticas batallas por conseguir un cacho dun pastel que probablemente non medrará malia o aumento de comensais. Isto repercutirá sen dúbida no agro galego, que a fin de contas dá emprego a case o 12% dos traballadores do país, responsables do 6,3% do PIB galego (en Polonia a agricultura supón o 20% dos empregos, mais só o 4% do PIB). Moito dependerá, nestas circunstancias, da xustiza interterritorial e do comportamento do goberno español, aínda que xa se puido constatar en varios ocasións que favorece claramente os cultivos meditaerráneos (véxase as subvencións para o aceite) fronte aos atlánticos.
     Porén a fixación obsesiva nos aspectos económicos da ampliación revela tamén unha debilidade: non asumir a UE como proxecto político. Está claro que para unha galega ou un galego o que se logrou o 1 de maio non ten o mesmo valor simbólico que para un esloveno ou unha austríaca. Ademais, a actitude neo-nacionalista do goberno Aznar illou o Estado Español dentro do contexto europeo no momento máis crucial, así que a xente, en vez de participar no cambio, case se ve atropelada por el. Esta ampliación —lembrémolo— significa a superación definitiva da división europea simbolizada no muro de Berlín, a fin dunha confrontación entre Oeste e Leste e dous sistemas político-económicos e, en parte, a curación das feridas das guerras europeas: a reconciliación dos pobos. Quen o diría cando os nosos avós eran mozos? Nun mundo en que a guerra é o pan de cada día a paz é a excepción, precisamente a paz que vén garantindo a UE dentro das súas fronteiras desde hai 50 anos.
     Cómpre, finalmente, non perder de vista certas consideracións estratéxicas, que teñen que ver cun mundo globalizado que cambia de présa. Hai países emerxentes que, dentro de pouco, serán superpotencias económicas, políticas e militares: China e India. Logo hai varios espacios económicos en América e Asia que, de certa forma, imitan o funcionamento da UE no ámbito do libre comercio. O mundo e a economía medran e a importancia dos países europeos máis ben mingua. Xuntos, non obstante, serán máis fortes e terán unha voz que os demais escoitarán. Que tería sido do conflicto de Irak de defenderen todos os europeos a mesma política? Púidose ver claramente que era a desunión a que nos debilitaba, permitindo que outros Estados máis Unidos saísen coa súa.
     Neste contexto percíbese tamén o sentido da Constitución Europea e dunha filosofía europea para asuntos militares. A propia dinámica da Unión dá, ás veces, a sensación dunha apisoadora: se non sobes a ela, pódete esmagar. A consecuencia disto sería a de non agardar a que os acontecementos se produzan senón contribuír e influír para ser parte activa e determinante, impulsar e construír no canto de bloquear, participar en vez de vivir de costas á realidade. A aproximación de Zapatero ao eixo Berlín-París vai nesta dirección e só pode ter resultados positivos.
     Xustamente por careceren Galiza e o Estado Español de lazos históricos cos novos membros e non compartiren a ledicia espontánea da vella Mitteleuropa, teñen que apropiarse da idea europea, facela súa, para non quedaren desconectados dos centros de gravitación e decisión. De aí a importancia de que haxa representantes galegos no Parlamento Europeo, que a fin de contas é unha tribuna democrática máis alá dos Estados-nación. Ser periferia tamén é unha cuestión mental e os irlandeses —celtas como quen máis— están demostrando o que é posíbel.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega