Fígaro ou a inútil precaución

 

Framento: Acto primeiro

 

v3frcopilladomaior.html






ACTO PRIMEIRO



ESCENA I

(Fígaro só.)

 

     (Nunha rúa de Sevilla. Fígaro, acompañándose dunha guitarra, canta alegremente.)

f
ígaro.—

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Deixen paso ao barbeiro real, ao músico sublime, ao poeta xenial.
     
Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Ricos e poderosos procuran a miña amizade e reclaman, ansiosos, filtros de felicidade.
     

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Eu sei que para triunfar cómpre dicirlles aos señores o que queren escoitar.
     

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Fabrico esperanzas e vendo ilusións; para quen queira mercalas sempre teño solucións.
     

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Todos demandan un remedio eficaz que os faga soñar, que os faga rir, que os faga gozar.

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Deixen paso ao barbeiro real, ao músico sublime, ao poeta xenial.

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...
Fabrico esperanzas e vendo ilusións; para quen queira mercalas sempre teño solucións.

Tralalalelo, tralalalá, tralalalelo, tralalalá...

¡Fígaro, Fígaro, Fígaro!
¡Berran todos sen cesar!

¡Fígaro, Fígaro, Fígaro!
¡Sempre me están a chamar!

Fígaro vén, Fígaro vai. 
Fígaro si, Fígaro non.

Fígaro sobe, Fígaro baixa, 
Fígaro aquí, Fígaro alá, 
Fígaro acó ou acolá.

Fígaro si, Fígaro non. 
Fígaro Ia, Fígaro re, 
Fígaro mi, Fígaro fa.

     (Detense, tira uns papeis do peto e escribe precipitadamente. Unha sombra tenue aproxímase. Fígaro decátase, érguese cauteloso, olla para ambos os lados da rúa, dubida e, por fin, agáchase. Tras dunha breve pausa, entra o conde, embuzado e camiñando de xeito indeciso, como temeroso de ser descuberto. Para diante dunha casa e fica absorto. Fígaro sae da penumbra e adverte a presencia do conde.)

 






ESCENA II

(O conde e Fígaro)

 

fígaro.— ¡Que tipo tan extraño!
o conde.— ¿Onde vin antes esa cara?
fígaro.— Parece un espantallo.
o conde.— Ten aspecto de tunante.
fígaro.— ¡É o conde Almaviva!
o conde.— Creo que se trata de Fígaro.
fígaro.— (Achégase decidido.) ¡Excelencia!
o conde.— Non abras a boca. Non digas nada. Cautela, moita cautela... (Pausa longa.) ¿Como me reconeceche?
fígaro.— Por ese donaire tan propio da vosa mercê. 
o conde.— Estás máis gordo.
fígaro.— A vida monacal, señor. 
o conde.— Non perdeche a ironía.
fígaro.— É o único que conservo.
o conde.— Unha boa razón para non a malgastar.
fígaro.— Vós merecedes tal dispendio.
o conde.— ¿E que fas en Sevilla?
fígaro.— Sobrevivo coa maior dignidade posíbel.
o conde.— Eu procurárache un traballo en Salamanca.
fígaro.— Diso hai bastante tempo.
o conde.— Tres anos e cinco meses.
fígaro.— Magnífica memoria. 
o conde.— Coincidiu coa miña viaxe a Compostela.
fígaro.— Días felices aqueles. 
o conde.— Lembreime de ti en varias ocasións.
fígaro.— Eu tamén de vós. E pensei que estaríades informado. 
o conde.— ¿De que había de estar informado?
fígaro.— Das miñas desventuras.
o conde.— ¿Tan sonadas foron?
fígaro.— Demasiado, excelencia.
o conde.— Déixate de etiquetas e chámame Lindoro, simplemente... Ninguén debe saber que estou en Sevilla.
fígaro.— Se resulto inoportuno...
o conde.— ¡Ao contrario!
fígaro.— O que vós digades.
o conde.— Fálame do teu traballo.
fígaro.— Sería máis gratificante falar das vosas aventuras.
o conde.— ¿Tiveche algún problema?
fígaro.— Infinitos.
o conde.— ¿De que tipo?
fígaro.— Non paga a pena entrar en detalles. Os detalles envilecen.
o conde.— Merezo unha explicación.
fígaro.— As miserias son un pésimo aperitivo. 
o conde.— Estou curado de espantos.
fígaro.— Foron tantos os avatares que non sei por onde comezar. 
o conde.— Dérache unha carta de recomendación.
fígaro.— E con ela presenteime diante do señor ministro que, atendendo ás vosas súplicas, ordenou o meu ingreso como mancebo na farmacia militar.
o conde.— Esa non é unha novidade.
fígaro.— A miña principal ocupación consistía en preparar curativos para a soldadesca e...
o conde.— Debo entender... (Fígaro asente.) ¿E como deixache escapar unha oportunidade así?
fígaro.— Non me deron opción.
o conde.— A milicia ten os seus códigos.
fígaro.— Os códigos son os dogmas dos parvos.
o conde.— E a perdición dos pillos.
fígaro.— Naquela farmacia vivín os momentos máis humillantes da miña existencia.
o conde.— ¿Por que?
fígaro.— Nunca asumiron a miña condición de artista.
o conde.— Nas farmacias non precisan artistas.
fígaro.— Foi unha longa e penosa travesía en solitario. 
o conde.— Tes moitos amigos.
fígaro.— Os amigos nunca aparecen cando se precisa deles.
o conde.— Deberías incluír esa frase nalgunha das túas comedias.
fígaro.— Non me tomades en serio. 
o conde.— ¡Fígaro!
fígaro.— Un badulaque... 
o conde.— ¿Eh?
fígaro.— Un badulaque acusoume de ser o autor dunhas coplas burlescas en que se ridiculizaban os hábitos de persoas vinculadas á familia real... Como consecuencia de tan malévola denuncia, o secretario do ministro ordenou a miña inmediata expulsión e, a partir dese momento, convertinme nun apestado. (Pausa. Olla para o conde que parece non prestarlle demasiada atención.)
o conde.— ¿Non pretenderás que crea esa historia?
fígaro.— Esa historia foi a orixe das miñas desgracias.
o conde.— Se tivesen a máis insignificante sospeita de que eras o autor desas coplas, non estarías paseando tan alegremente por Sevilla.
fígaro.— Carecían de probas.
o conde.— Iso é unha ridiculez.
fígaro.— Ademais, era recomendado voso.
o conde.— ¿Pretendes adularme?
fígaro.— Un adulador tería evitado moitos dos problemas que levo padecido.
o conde.— (Ollando de esguello para o balcón.) ¿E que pasou despois?
fígaro.— Cando abandonei a botica, resolvín probar fortuna no mundo da farándula. (Mentres Fígaro fala, o conde mira insistentemente para o balcón.) A miña primeira experiencia como autor dramático resultou calamitosa, tanto no aspecto humano como no aspecto artístico. (Pausa.)
o conde.— (Como acordando dun profundo sono.) Estou a escoitar... Continúa...
fígaro.— Despois de vencer miles de atrancos, conseguín reunir un grupo de actores e formar unha pequena compañía... Ao principio a coincidencia era absoluta, mais axiña agromaron as miserias e, como sucede sempre en todo colectivo, terminaron liderando o proxecto aqueles que carecían de proxecto.
o conde.— (Ausente.) Debeu ser unha experiencia moi amarga.
fígaro.— Tan amarga como instrutiva.
o conde.— (Ollando para o balcón, sen prestar atención ás palabras de Fígaro.) Menos mal.
fígaro.— Acosado polos acredores, farto das intrigas da xente e convencido de que a república das letras está habitada por individuos ruíns e mediocres que gozan cos fracasos alleos, abandonei o cultivo do teatro e decidín cambiar, temporalmente, a pluma de dramaturgo pola navalla de barbeiro...
o conde.— (Ausente.) Xa.
fígaro.— Percorrín vilas, aldeas e lugares. Durmín á intemperie, pedín esmola polas casas, arrinquei moas nas feiras, escribín coplas para cegos, barbeei mozos nas tabernas, preparei remedios para doentes e feitizos para namorados... Pasei fame, sede e privacións de todo o tipo. Fun, ademais, mallado, encarcerado, roubado e vilipendiado até chegar a esta cidade onde vivo humildemente á espera de servir a vosa excelencia en todo o que a vosa excelencia demandar.
o conde.— ¿Onde aprendeche tanta retórica?
fígaro.— Nos camiños, señor. 
o conde.— Verías moitas cousas.
fígaro.— Sempre o mesmo: idénticos imbéciles en distintas paisaxes.
o conde.— ¿Vives só?
fígaro. Vivo.
o conde.— A soidade non é boa compañeira.
fígaro.— En Salamanca sufrín un desengano amoroso.
o conde.— Ti es fácil de consolar. 
fígaro.— Era unha compañeira excepcional.
o conde.— Outra oportunidade perdida.
fígaro.— Enganábame co seu marido.
o conde.— ¡Que desconsideración! (Pausa.)
fígaro.— ¿Podo saber que estades a mirar con tanta insistencia?
o conde.— Cala e sígueme. (Ilumínase o balcón. Fígaro e o conde ollan atentos.) Non quero que me descubran. (Agáchanse.)

    






ESCENA III

(Bartolo e Rosa no balcón.)
(Rosa abre o balcón, asoma e olla para a rúa.)

  

bartolo.— 

(Aproximándose a Rosa.) ¿Por que levas ese papel na man?

Rosa.— É a partitura dunha canción que me trouxo o profesor de música. Titúlase "A inútil precaución"... ¿Queredes escoitala?
bartolo.— Detesto as frivolidades.
Rosa. O autor é un famoso poeta lombardo que goza do beneplácito de varios monarcas europeos.
bartolo.— ¡Neste século só triunfan os cretinos!
Rosa.— Sodes en exceso intolerante.
bartolo.— ¿Ah si?... Pois dime, ¿dime que produciu de beneficioso?... ¡A tolerancia?... ¿O descrédito da monarquía?... ¿A enciclopedia?... ¿O éxito de dramaturgos ateos, subversivos e procaces?
Rosa.— (Aproveita o estado de ofuscación de Bartolo e deixa caer o papel á rúa.) ¡O papel!... ¡Caeume o papel!... ¡Por favor, por favor, que non se perda!
bartolo.— ¿O que?
Rosa.— (Sinalando a rúa.) O papel.
bartolo.— Deberías estar máis atenta no canto de levitares con esas parvadas.
Rosa.— ¿E que podo facer?
bartolo.? ¡Coser e rezar como fan as mulleres decentes! (Sae.)
Rosa.? ¡Chisst!... ¡Chisst!... (Aparece o conde.) Axiña, axiña, collede ese papel. (O conde colle o papel e logo agáchase.)
bartolo.— (Xa na rúa. Busca no chan.) Aquí non hai nada.
Rosa.— Ten que estar.
bartolo.— Debérona coller.
Rosa.— ¿A quen lle pode interesar unha partitura?... Ten que estar aí, insisto.
bartolo.— (Entrando na casa.) A culpa é miña por consentir que asome ao balcón.
Rosa.— ¿Dicíades algo?... (Bartolo entra, aproxímase ao balcón, asoma, mira para a rúa e fecha bruscamente.)

 






ESCENA IV

(O conde e Fígaro.)

 

o conde.— ¡E unha carta!
fígaro.— ¿De Rosa Guzmán?
o conde.— (Lendo rapidamente.) "A vosa actitude provoca a miña curiosidade. Por iso, cando marchar o doutor, cantade, utilizando a música dalgunha copla, e falade de vós, da vosa posición social e das vosas intencións. Dicídeme, en fin, cal é a vosa gracia e a razón de tanto interese por unha desventurada muller que vive tiranizada por un individuo sen escrúpulos. Agardo impaciente."
fígaro.— Agora comprendo a razón da vosa singular vestimenta. 
o conde.— Confío na túa sensatez.
fígaro.— Son unha tumba.
o conde.— Hai uns meses, coincidín con ela na casa duns amigos que veranean en Vila Real.
fígaro.— Tal vez aínda se lembre de vós.
o conde.— Imposíbel. Estivemos permanentemente rodeados de xente e a penas cruzamos dúas palabras.
fígaro.— ¿E nunca máis...?
o conde.— Nunca. (Pausa.) Sei que se chama Rosa, que é orfa, que pertence á nobreza e que casou recentemente cun home xa entrado en anos, chamado Bartolo, que exerce a medicina nesta cidade.
fígaro.— Rosa e Bartolo non están casados.
o conde.— Díxomo unha persoa de confianza.
fígaro.— Pero mal informada. 
o conde.— ¿Estás seguro?
fígaro.— Tan seguro como que estou diante de vós.
o conde.— Non será unha argucia para...
fígaro.— Ese comentario oféndeme.
o conde.— Disimula.
fígaro.— Sei, tamén, que o finado duque de Guzmán, dispuxo no testamento que, mentres Rosa non acadase a maioría de idade, o seu patrimonio debería ser administrado polo médico da familia, ou sexa, polo eminente doutor Bartolo. (Sinala a casa.)
o conde.— ¿E como fixo tal disparate?
fígaro.— Era un bendito.
o conde.— Un inxenuo, quererás dicir.
fígaro.— O señor de Guzmán non estaba feito para os avatares da existencia.
o conde.— Que cousas dis.
fígaro.— ¿Reparastes algunha vez na eterna soidade de Deus?
o conde.— ¿Que ten iso a ver co que estamos a falar?
fígaro.— Esa permanente soidade explica a vileza da súa obra.
o conde.— A creación é un acto de amor.
fígaro.— Hai amores que matan.
o conde.— Iso é unha blasfémia.
fígaro.— Mais tamén unha evidencia.
o conde.— Unha evidencia que podería levarte diante dun tribunal do Santo Oficio.
fígaro.— Por fortuna, estou diante dun santo varón. 
o conde.— Debes ser máis cauteloso. 
fígaro.— É a primeira vez que expreso tal opinión.
o conde.— Espero que sexa a derradeira.
fígaro.— Só trataba de xustificar as miñas palabras a respeito do señor de Guzmán.
o conde.— Sigo sen ver relación entre ambas cousas, mais hoxe preferiría falar de asuntos menos transcendentes.
fígaro.— Farei un esforzo. (Pausa.)
o conde.— Simplificando: Rosa é libre. 
fígaro.— De momento. 
o conde.— ¿Que queres dicir?
fígaro.— Existen fundadas razóns para afirmar que, se alguén non o remedia de inmediato, pronto casará con tan ilustre galeno.
o conde.— Non parece demasiado entusiasmada.
fígaro.— A carta é de abondo elocuente.
o conde.— ¿Coñeces ese tal Bartolo?
fígaro.— Coñezo.
o conde.— Fálame del.
fígaro.— É un tipo zafio, vulgar, colérico, ruín, avaro, desconfiado e con cara de ferreiro.
o conde.— Delicioso individuo.
fígaro.— Delicioso, esa é a palabra.
o conde.— ¿Ten familia?
fígaro.— Vai para tres anos que ficou viúvo.
o conde.— Pobre muller.
fígaro.— Chamábase Ana Baza. Era raquítica, deforme, intrigante, perversa e cruel.
o conde.— ¿Deixaron descendencia?
fígaro.— Non... Esa foi a única contribución de ambos á especie humana.
o conde.— Aínda ben.
fígaro.— Curiosamente, o doutor é un home moi respectado.
o conde.— ¿Pola súa ciencia?
fígaro.— Non, polo seu capital. (Pausa.)
o conde.— Estou a pensar que se alguén, ti por exemplo, conseguise entrar (sinala a casa) e...
fígaro.— ¡Imposíbel!
o conde.— ¿Hai algo que o impida?
fígaro.— Vivo nunha casa propiedade de Bartolo e, por raro que pareza, non me cobra o aluguer.
o conde.— Algo lle darás a cambio.
fígaro.— Son o seu barbeiro, o seu dentista, o seu boticario e, en certo modo, o seu home de confianza.
o conde.— Podemos aproveitarnos diso.
fígaro.— ¿Aproveitarnos? 
o conde.— Ti es home de fiar.
fígaro.? Semella unha ironía.
o conde.— ¿Falas con ela habitualmente?
fígaro.— Sempre que visito o doutor.
o conde.— ¿E non podería eu acompañarte?
fígaro.— Tal vez algún mércores. Ese día o doutor consulta no asilo.
o conde.— ¿E os criados?
fígaro.— Algo haberá que facer.
o conde.— O máis eficaz sería subornalos.
fígaro.— Acabarían delatándose... Todos odian a Bartolo, mais todos agradecen os seus desperdicios.
o conde.— ¿Por que non o intentas?
fígaro.— ¿Credes que paga a pena arriscarse por unha simple entrevista?
o conde.— ¿Non pretenderás que pase o resto dos meus días cantando ao pé dese balcón?
fígaro.— Cantades moi ben. 
o conde.— Falo en serio.
fígaro.— Eu tamén, e por iso considero que deberíamos ser máis ambiciosos... ¿Por que non tentarmos que o doutor vos albergue durante uns días na súa propia casa?
o conde.— Esa idea é demencial.
fígaro.— Nos asuntos de amor, a demencia é un ingrediente necesario.
o conde.— Prefiro optar pola cordura.
fígaro.—  Mal conselleiro son eu para tales mesteres... De todos os modos, teño entendido que mañá chega unha unidade de infantería ao mando do voso amigo o coronel Duarte.
o conde.— Certo, ¿e que?
fígaro.— Falade con el para que vos acredite como oficial do exército.
o conde.— Eu non podo insinuarlle que falsifique un documento, e menos un documento desa índole. (Pausa.)
fígaro.— Con ese certificado ides á casa do doutor e pedides que, de acordo coa lei, vos facilite aloxamento... Despois, xa nos amañaremos para destruirmos ese escrito e borrarmos calquera responsabilidade... ¿Que vos parece?
o conde.— Pode funcionar.
fígaro.— Funcionará... Non obstante, permitídeme un pequeno consello. Sempre que faledes co doutor, aparentade unha certa querencia polo viño, (imita o balanceo característico da embriaguez) ¿eh?
o conde.— ¿Queres que me faga pasar por un borracho?
fígaro.— Mesmo conviría que o tratásedes con certa displicencia, con certa rudeza, como se fósedes un deses badulaques uniformados que tanto gostan a determinadas femias.
o conde.— ¿Pretendes que, ademais, me comporte como un badulaque?
fígaro.— Desa maneira nunca vos considerará un competidor... Teredes que finxir sempre, continuamente, a cada instante, porque, ao menor despiste, todo se virá abaixo... Crédeme, non será fácil comportarse día e noite como un militar tosco, bébedo e idiota ao mesmo tempo.
o conde.— Tampouco é tan difícil.
fígaro.— ¿Eh...?
o conde.— ¡Non sexas malévolo, Fígaro! (Pausa) Verás... (Facendo o bébedo.) ¿É aquí onde reside o eminente doutor Bartolo?... ¿Que tal?
fígaro.— Pode mellorarse... Fixádevos. (Esaxerando.) ¿Non é esta por ventura a residencia do eminente?... etcétera, etcétera, etcétera...
o conde.— Demasiado tosco. Así comportaríase un feirante, non un militar.
fígaro.— Unha borracheira sometida a disciplina non é unha auténtica borracheira.
o conde.— Estamos a facer cábalas e aínda non conseguín ese certificado.
fígaro.— Será unha honra para tan ilustre señor colaborar convosco.
o conde.— O coronel sempre actúa dentro da máis estrita legalidade.
fígaro.— ¿Hai algo máis legal que propiciar unha conquista amorosa?
o conde.— Déixate de lerias.
fígaro.— Nesas artes, eu sería mariscal de campo.
o conde.— Escoita...
fígaro.— ¡Chissst!... Coido que andan na porta... É o doutor. Agachémonos.

 






ESCENA V

(Bartolo e Dorinda.)

 

bartolo.— (A Dorinda.) Fecha por dentro e non lle abras a ninguén, agás que sexa don Basilio.
Dorinda.— ¿Algunha outra cousa, señor?
bartolo.— Dille que necesito falar con el urxentemente a respeito da miña voda... ¿De acordo? (Dorinda asente e fecha a porta. O doutor marcha.)






ESCENA VI

(O conde e Fígaro.)

 

o conde.— ¿Quen é don Basilio?
fígaro.— O profesor de música de Rosa.
o conde.— ¿E que sabes del?
fígaro.— Todo.
o conde.— ¿Todo?
fígaro.—  ¡Todo!... Don Basilio é un imbécil que, á parte de carecer do máis mínimo talento musical, se vende con excesiva facilidade.
o conde.— ¿Cres que estaría disposto a colaborar connosco?
fígaro.— ¡Seguro!... A súa ética é a do mercado. E a súa estética a de todos os mediocres: venera o sentido común. (Reparando no balcón.) Mirade, excelencia.
o conde.— ¿Onde?
fígaro.— Tras das cortinas. (O conde achégase á casa.) ¡Coidado! 
o conde.— ¿Que debo facer?
fígaro.— ¿Non vos dixo que cantásedes?... Pois cantade.
o conde.— Son incapaz de cantar e menos aínda de versificar.
fígaro.— Esas son miudezas.O esencial é o contido e non a forma. 
o conde.— Coñezo as miñas limitacións.
fígaro.— O amor ten os seus propios códigos estéticos e afortunadamente vive á marxe das preceptivas literarias. Utilizade a miña guitarra. (Dálle a guitarra.)
o conde.— Tampouco sei tocar a guitarra. 
fígaro.— Ela non espera un concerto. (Pausa.)
o conde.— (Sitúase baixo o balcón, dubida e logo canta, acompañándose da guitarra.)
Pedides que me identifique,
causa da miña dor.
Son un descoñecido en pena
que demanda o voso amor.

f
ígaro.—

Moi ben señor... ¡Marabilloso!
o conde.—
Pobre e humilde
teño por gracia Lindoro
e xuro que a vós, señora,
adoro.

     (Mira a Fígaro como dubidando en continuar.)

fígaro.— (Aplaudindo) ¡Xenial, señor, xenial!
o conde.— (Pouco convencido das súas posibilidades.)
E como son honrado cabaleiro,
prométovos un amor duradeiro.

f
ígaro.—

(Achégase e bícalle a man.)
Espectacular, señor. ¡Autenticamente espectacular!... ¡Poucos poetas mellorarían eses versos tan inspirados e sublimes!
o conde.— ¿Cres que me escoitou?

     (Antes de que Fígaro poida responder, escóitase a voz de Rosa.)
Rosa.— (Cantando)
Todo me di que Lindoro
é un ser encantador,
que algún día, seguro,
gozará do meu amor.

(Cerran bruscamente a xanela.)

fígaro.— Velaí a resposta.
o conde.— Se colaboras e non revelas a miña identidade, prometo ser xeneroso contigo.
fígaro.— Coa vosa amizade teño de abondo.
o conde.— Retirémonos. Aquí non estamos seguros.
fígaro.— Preferiría entrar na casa e utilizar as miñas artes.
o conde.— ¿Que pensas facer? 
fígaro.— A trama nunca varía, varían os protagonistas.
o conde.— E o meu papel, ¿en que consiste?
fígaro.— En esperar... Ides á miña casa e agardades alí até que regrese. (Inicia o mutis.)
o conde.— ¡Fígaro! 
fígaro.— ¿Señor?
o conde.— A túa guitarra. (Aproxímase a Fígaro e dálle a guitarra.) ¿Como dou coa túa casa?
fígaro.—
É moi fácil, non ten perda... (Canta.) 
Rúa abaixo por ese lateral
nas casas que están fronte á catedral. 
Número quince, fachada branca,
dúas xanelas e unha porta ancha.
Cortinas varias de seda dourada
bordadas en Italia para a miña amada.

(Fai unha reverencia.)

E tanto na miña ausencia
como na miña presencia
esa será sempre a casa
da vosa excelencia.

(Marcha rapidamente.)




FIN DO PRIMEIRO ACTO

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega