Forcarei. No berce do Umia e do Lérez

 

(Texto íntegro)

 

Pagina nueva 1
Aspectos Xeográficos

     O concello de Forcarei ocupa, na zona norcentral da provincia de Pontevedra, unha superficie total de 167,7 km2, cunha altitude media de 625 m., indicativa dunha zona notablemente montuosa. Os cumes máis elevados das terras forcaricenses son o monte Seixo (1.014 m), na serra do Cando, o alto da Ruza (902 m), na parroquia da Madanela, o monte Custoia (951 m), en Pardesoa e o alto de San Benito (1.017 m), na serra do Candán. Nesta serra nacen as fontes que dan orixe ó río Lérez: a fonte do Rego Dedra, fonte do Pau Direito, fonte do Rego das Latas e fonte do Forno Telleiro. O río Lérez baña as terras de Aciveiro, Pereira, Dúas Igrexas, Forcarei e Castrelo, mentres na zona norte nace o río Umia, nas proximidades do lugar da Reigosa, fuxindo logo polos límites coas terras estradenses.
     Forcarei limita pola zona oriental co concello de Lalín, do que o separan os montes do Testeiro e a serra do Candán. Esta última, no cume de San Benito, serve de lindeiro ós concellos de Lalín, Silleda e Forcarei. Polo sector norte e nororiental irmándase coas veciñas terras de Silleda, e polo noroccidental coas do concello de A Estrada. Na parte suroccidental limita co concello de Cerdedo e incide, coa fronteira natural da serra do Cando, nos territorios de Cotobade e A Lama, atopando no sur coas terras ourensás de Beariz e Irixo.
     Canto ás comunicacións, compre salienta-la estrada N-541, que atravesa o concello na zona sur, debuxando un triángulo co tramo Folgoso- Silleda e a serra do Candán. As trece freguesías que compoñen o concello de Forcarei están unidas entre sí e coa capitalidade do concello por estradas artelladas ó redor desta e de Soutelo de Montes, como núcleos principais de poboación e de actividade económica e social.




Aspectos Económicos e Demográficos

     A economía do concello de Forcarei ven marcada desde hai séculos e de xeito total polas condicións xeográficas do solo. A poboación tendeu tradicionalmente a asentarse nos vales e a cultivar a superficie máis fértil, conformada por terreos con multitude de regatos, na súa meirande parte afluentes do Lérez. A propiedade da terra está, como en gran parte de Galicia, baseada no minifundismo. Esta condición, xunto coa escasa mecanización, consecuencia inevitable da anterior, foron as características fundamentais que influíron no lento progreso da bisbarra. Este aspecto está a cambiar nos últimos dez anos, e a endémica reserva das parroquias sobre a conveniencia da concentración parcelaria está deixando paso á súa execución nalgunhas delas, de xeito que as condicións de explotación de seguro se verán transformadas nun curto prazo de tempo. A esto hai que engadir unha serie de accións desenvolvidas como alternativa ó sector agropecuario no marco do P.R.O.D.E.R. "TERRA DE MONTES" (Programa operativo de desenvolvemento e diversificación económica de zonas rurais), entre os anos 1997 e 2000.
     Un sector que sempre gozou dun pulo notable é o da construcción, que emprega a máis da terceira parte da poboación activa. Os sectores industrial e de servicios, lonxana aquela época de riquísima variedade nos oficios —o catastro do Marqués de la Ensenada, de 1.752, enumera máis dun cento de oficios artesanais na Terra de Montes—, reviven paulatinamente gracias á iniciativa dalgúns pequenos e medianos empresarios, que están a contribuír cos seus investimentos e proxectos a unha mellora notable no emprego, a un tempo que accións de respaldo público como a Escola-obradoiro Terra de Montes, sita no mosteiro de Aciveiro, procuran a capacitación e experiencia de novos artesáns e traballadores especializados.
     Canto á evolución da poboación, repartida nun cento de núcleos, obsérvase un claro retroceso desde principios de século ata a actualidade. No ano 1925, segundo os datos de Dantín Cereceda, o número de habitantes acadaba os 9.125, o que equivalía a unha densidade de 54,6 hab./km2. Nos anos sesenta a cantidade descendeu a 8.079 e en 1981 a 7.114. A principios dos 90 era de 5.823 e hoxe, no ano 2000, supón un total de 5.065 habitantes, é dicir, unha densidade de 30,2 hab./km2. Esta circunstancia explícase por un éxodo considerable á capital de provincia e a outras cidades de certo pulo industrial e comercial, así como por unha forte emigración a América nun principio, e ós paises centroeuropeos a partir dos anos 50.




Historia

     Dúas son as culturas protohistóricas que deixaron testemuños fidedignos da súa presencia nas terras de Forcarei: por unha parte a cultura dos dólmenes ou mámoas, e por outra a cultura castrexa. Da primeira atopamos vestixios de xeito máis intenso nas freguesías de Castrelo (Mámoa da Carballeira do Rei, Campo das Antas, Tras da Serra), Aciveiro (Porto Fieiro, os Olleiros) e Dúas Igrexas (Penide), aínda que perviven manifestacións en tódalas parroquias. A segunda presenta tamén abundantes restos, dos cales os máis representativos son Castro Loureiro, en Dúas Igrexas, o Castro das Rodeiras, en Garellas, o Castro da Mouteira, en Fixó, o Castro de Muras, en Pereira, e o Castro de Montes, en Presqueiras, sobre o cal erguería con posterioridade a fortaleza-residencia dos xuíces-meriños o arcebispo Xelmírez.
     Ademais da presencia destas dúas culturas, tamén está testemuñada a presencia sueva, como demostran algúns topónimos da bisbarra, entre eles o de Forcarei, que proviría, segundo o filólogo Isidoro Millán, dun xenitivo de posuidor xermánico, FOLCAREDI, no que o precompoñente sería unha voz gótica ou sueva análoga a VOLK, que significa POBO. Outra tese, do ourensán P. Crespo indica tamén que sería palabra bitemática e procedería de FRAUJA, que significa ADAÍL ou SEÑOR, e o sufixo -REDS, que significa CONSELLO ou ASEMBLEA.
     No ano 569, durante o reinado do suevo Miro, hai documentos que sinalan a Forcarei como territorio pertencente á sede de Iria Flavia. Naquel entón os habitantes das terras forcaricenses, os Montanos, integraríanse no grupo dos Metacios, e albergarían no seu seo ós poboadores máis antigos da zona, os Umianos (vencellados ó río Umia). É probable tamén que a cristianización dos territorios de Montes tivese lugar nese mesmo período, baixo a férula de Martiño Dumiense, que legaría o seu nome á freguesía de Forcarei. Sen embargo, non será ata o ano 874 cando estas terras figuren enfeudadas, por doazón efectiva de Alfonso III, á sede iriense, segundo documenta Frei Gerónimo Román. En doazóns efectuadas pola raíña dona Urraca ó arcebispo Xelmírez, entre os anos 1110 e 1115 conclúe a total adscrición á mesma sede, xa capitalizada en Compostela desde o ano 1101. Nestas datas, o centro administrativo e xudicial da bisbarra era a torre-fortaleza encravada no Castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras, na pequena península do río do Castro, afluente do Lérez. Desde esta torre os Xuíces-meriños gobernaban o territorio e percibían rendas dos campesiños para a Mitra e maila Coroa, cun poder soamente enfrontado ás veces polas potestades xurisdiccionais do Mosteiro de Aciveiro, fundado no ano 1135 e afectado ó Císter entre os anos 1162 e 1170. Este mosteiro levaría á zona a un apoxeo demográfico, cultural e económico sen parangón na nosa historia. Mostra da súa relevancia é que, a penas transcorridos vinte anos trala súa fundación, xa figuraba, por status e rendas, entre os sete primeiros dos trinta e oito existentes na diócese de Compostela. As súa pedras son as decanas da Terra de Montes, e mestras do variado abano de oficios que na comarca se desenvolveron durante séculos. Canteiros dignos de lembranza foron Pedro de Arén, autor da Torre dos Sinos da Catedral de Ourense; Pedro de Monteagudo, que tivo entre as súas obras as igrexas dos mosteiros de Oseira e Sobrado, ou Manuel Doval Cadavid, artífice da fermosa imaxe do Corazón de María que se pode ollar no cemiterio parroquial de Millerada, pero houbo moitísimos máis que tamén deixaron profunda pegada nas pontes, cruceiros, hórreos e vivendas. A todos eles está consagrado o libro Canteiros e artistas de Terra de Montes e das ribeiras do Lérez, escrito polo cronista Antonio Rodríguez Fraiz.
     Entre os anos 1467 e 1476, no transcurso da revolta Irmandiña, a Torre do Castro de Montes foi derrubada, tendo os Xuíces-meriños que traslada-Ia súa residencia a Soutelo de Montes, onde se asentarían ata a abolición das xurisdiccións especiais, en 1811.
     Desde finais do século XV ata o século XVII as terras forcaricenses forman parte daquelas que tiveron que proporcionar ós reis de Castela peóns para combater nas guerras contra Portugal e entregar forzosamente reses,  forraxes, froitas e xuntas de bois.
     Na Guerra da Independencia tivo Forcarei o seu pequeno papel na loita contra o inimigo francés. Nos meses de febreiro e abril de 1809 atoparon os galos a dura resistencia da paisanaxe comandada, entre outros, polo primeiro Alcalde de Forcarei e derradeiro dos Xuíces-meriños don Alonso de Soto Cortés e Varela Vahamonde, da casa de Hermosende. O prezo que se pagou tamén sería duro, xa que nas tres incursións que o exército de Napoleón realizou polas nosas terras cobrou máis dun milleiro de víctimas, e tan só nos días 29 e 30 de abril do mesmo ano foron torturados e asasinados no adro da igrexa máis de douscentos veciños de Forcarei.
     Despois de que as Cortes de Cádiz fixeran vale-Ia moderna división de Galicia coa remodelación de municipios e partidos xudiciais, o actual territorio de Forcarei dividiríase temporalmente en dous concellos, pertencentes ó partido xudicial de A Bemposta: o de Dúas Igrexas, que abranguería as parroquias de Aciveiro, Castrelo, Forcarei, Meavía, Millerada, Pereira e Quintillán, e o de Soutelo de Montes, que contaría coas freguesías de A Madanela, Ventoxo, Pardesoa e as dúas Presqueiras. En 1814 o rei Fernando VII anula a Constitución e a xurisdicción retorna ó arcebispado de Santiago. A partir de 1833 os dous concellos pasan a formar conxuntamente o actual de Forcarei.
     Polo que respecta á incidencia, no transcurso do século XIX, das Guerras Carlistas, hai que sinalar que a zona de Forcarei non figura entre aquelas que foron escenario das loitas, aínda que sí existiron accións de apoio ás facciosos de Cotobade, e tamén cabe salienta-la ocupación, o 16 de abril de 1846, da propia vila de Forcarei polo comandante revolucionario Benito Couto, que confirmou no seu posto ó daquela Alcalde Manuel Mariño, acción que se truncaría días despois, o 24 do mesmo mes, polo brigadier Rubín, que chegou ó mando de 1.500 homes do exército real e foi axudado pola poboación e polo propio Alcalde, que non semellaba moi identificado coa causa Carlista.
     No ano 1875 tamén hai testemuño da colaboración coa facción constituída en Silleda por Joaquín Redondo, formada por varios estudiantes e clérigos, entre os que se atopaba o cura de Aciveiro.
     Xa no século XX, merece mención o pulo que tiveron as sociedades obreiras no concello, pioneiras na provincia de Pontevedra. De 1901 data a primeira delas, denominada Sociedade Agraria e Gandeira, e fundada por Alfredo Iglesias Álvarez, que tamén a sería o artífice, en 1917, da Sociedade de Obreiros e Campesiños de Presqueiras. Estas sociedades formaron parte, xunto con outras da Terra de Montes e da Estrada, dunha federación que tivo como órgano de divulgación o xornal Acción Social, víctima como moitos outros, da censura de Primo de Rivera. En 1931, Alfredo Iglesias foi elixido concelleiro de Forcarei, función que desempeñou ata o ano 1936, en que, perseguido pola Falanxe, expatriaríase ós Estados Unidos coa axuda prestada polo cura de Presqueiras, don Manuel Fraiz Garrido. A Falanxe tamén foi protagonista da persecución do deputado en Cortes pola provincia de Pontevedra, o esclarecido Antón Alonso Ríos, que chegaría a Forcarei oculto baixo a personalidade dun esmoleiro portugués, como el mesmo recolle no libro autobiográfico O Siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte. No ano 1931 nacería tamén un dos órganos de difusión e espallamento cultural de Forcarei, a revista quincenal literaria e independente Alborear, fundada polo pintor Virxilio Blanco e polo mestre Caldera Manzano.
     En 1946, o asasinato do mestre falanxista José Couceiro e maila súa dona, atribuído á banda do celebérrimo guerrilleiro Foucellas, pecha o enfrontamento fratricida da primeira metade do século en Forcarei.




Cultura e Tradición

     Unha cántiga do acervo folclórico de Montes reza así:

A Terra de Montes ten
de todo coma en botica
bos canteiros, bos gaiteiros
e bos cregos para dicir misa

     Quizais non haxa outra maneira tan sinxela de definir a esta terra, na que sempre conviviron, conxunta e inseparablemente, o amor pola pedra labrada, a vida relixiosa xurdida do mosteiro de Aciveiro e as tradicionais romarías, animadas polos máis avezados gaiteiros.
     O amor pola pedra labrada queda ben claro na prolixidade á hora de agromar mestres canteiros da talla de Pedro de Arén ou Manuel Cadavid, e tamén queda patente na forte e serea fermosura da pedra das pontes, dos cruceiros, das igrexas e do propio mosteiro, centro de vida relixiosa que chegou a ter unha Escola de Teoloxía Moral, fundada no século XV por San Gonzalo das Penas, abade que combinou o seu labor espiritual coa iniciativa de obras en pedra como a Ponte románica de Andón ou a antiga Ponte do Crego en Dúas Igrexas.
     Nunca faltaron tampouco bos e renomeados gaiteiros, desde Diego de Cana, primeiro do que temos noticia na Terra de Montes, no século XVI, a Adelino Pichel, o Gaiteiro de Sorribas. O máis sobranceiro deles é Avelino Cachafeiro, o maxistral músico soutelán, loubado pola pluma do patriarca Castelao en afervoada crónica dos anos vinte. Avelino, que conformou co seu pai e cos seus irmáns o cuarteto Gaiteiros de Soutelo, foi ademais pintor e poeta, e o seu libro Voando coas aas do Vento sería prologado por don Ramón Otero Pedrayo. Poetas da terra tamén foron Benito Veloso Prado, autor da letra dun poema ó que poría música o artista aciveirense Manuel Villaverde, converténdoo nun pasodobre titulado "Viva Forcarei", estreado no Centro Galego de Buenos Aires no ano 1924. Veloso Prado orienta as súas composicións cara a sátira e o sainete, e seus son os versos de Sangre Gorda e Un Morto que Fala. O xenial bardo Amado Carballo, fundador do hilozoísmo, veu pasar os últimos anos da súa vida a Sanguñedo e Soutelo, e alí se inspirou para compoñe-la súa obra póstuma O Galo.
     No mundo das letras tamén temos que destaca-lo labor de Antonio Rodríguez Fraiz, que foi cronista oficial da Terra de Montes e verdadeiro arquivo humano de historias e lendas, autor dos libros El Monasterio de Acibeiro, Canteiros e Artistas da Terra de Montes e Ribeiras do Lérez e Tierra de Montes. Torre-fortaleza do Castro y Jueces-merinos entre outros; Xosé Manuel Rivas Troitiño, xornalista e autor da biografía do Gaiteiro de Soutelo, e Xosé Luis Barreiro Rivas, home de profunda formación humanística, doctor en Ciencias Políticas e autor de concienzudas obras de reflexión social e política, así como de un exhaustivo estudio sobre o Camiño de Santiago desde a súa perspectiva histórica.
     Voltando ó campo das artes, cómpre lembrar a Virxilio Blanco, pintor presqueirense fundador da revista Alborear e recoñecido como auténtico mestre das vangardas de principios de século. Xosé María Barreiro Gómez, nacido en Loureiro, tamén é un dos grandes da pintura galega contemporánea, cun estilo de liña vigorosa e virtuoso no uso da cor que conforma un expresionismo robusto, especie de fauve galaico. Fundou o denominado Prismatismo, que proclama o enriquecemento do tema por medio da descomposición das cores básicas. Os máis xoves, Muras e Gulías, tamén teñen que dicir no actual panorama da pintura, e os dous figuran entre o patrimonio pictórico do Concello de Forcarei, xunto con veteranos como Mario Dapena e José Luis Mora.
     En Forcarei naceu e viviu a súa infancia o director de cinema Chano Piñeiro, autor das loubadas Mamasunción e Sempre Xonxa primeira longametraxe do cinema galego , e tamén o seu amigo e colaborador, autor das bandas sonoras de tódalas súas películas, Pablo Barreiro.
     Vencellados asimesmo ó eido da imaxe están Manuel Barreiro e Virxilio Viéitez, fotógrafos que recolleron fidelisimamente o espírito das xentes de Montes, o primeiro autor de fermosas estampas do Forcarei dos anos corenta e cincuenta, e o soutelán Virxilio recoñecido nos últimos anos como un dos máis avezados retratistas do mundo.




As Pontes do Lérez

     No ano 1987 publicou o entón cronista da Terra de Montes, Antonio Rodríguez Fraiz, un libro titulado As pontes do Lérez, que inclúe debuxos do recoñecido artista Agostiño Portela Paz e poemas de Xosé Roxelio Otero Espasandín, o grande poeta da Terra de Montes, e de Noriega Varela, entre outros. Nesta obriña recóllese o amor da pedra labrada polos nosos canteiros e do río Lérez, desde o seu nacemento, no alto de San Benito, ata que se abraza ó mar na ría de Pontevedra.
     Das corenta pontes noivas do río que pasan o Lérez, vinte e tres atópanse no concello de Forcarei, e dezaseis delas fican na freguesía de Aciveiro. A primeira que atopamos é a Pontiña vella da Noveliza, trala que aparece a Ponte do Naval Novo, no mesmo rueiro. Vén logo a Ponte da Barreiriña:

Na ponte da Barreiriña
hai un camiño de pedra
unha ponte sobre o Lérez
flores da miña terra.

     Segue a Ponte do Atranco Grande, xurdida no século XVI, arroupada por ameneiros e bidueiros. A Ponte dos Portos, xa na Rochela, servíalles os veciños deste lugar para pasar ó Candán, Grobas ou Millerada. Tamén na Rochela atopámo-la Ponte do Carballo, á que un deu nome un varudo carballo que fica ó seu pé. As augas do río xa comenzan aquí a teren forza, e as pontellas e pontillóns comenzan a se converteren en verdadeiras pontes firmes. Se seguímo-lo río atopámo-lo primeiro muíño da súa carreira, que os da Rochela chaman muíño de Riba, ó cal se accede por unha ponte co seu mesmo nome. Pouco máis abaixo atopamos outro muíño, o muíño de Baixo, e a Ponte de Tras da Vela, de dous vans con tallamar.
     Veñen logo a Ponte Vella e a Ponte Nova do Rabelo, que unen os rueiros de Forno e Vilaverde co de Andón, e de seguido aparece a máis vella da zona, a Ponte da Fraga ou do Forno, obra dos frades fundadores do mosteiro de Aciveiro, probablemente anterior a este, e á beira da cal xurdirían posteriormente os lugares de Forno, Vilaverde e o Cotiño. A esta ponte dedicoulle uns agarimosos versos o poeta Noriega Varela:

Naciches belida e pequena
axeitada para un río
tamén pequeno e ruadeiro
bicándose decote
á soma do mosteiro,
matinando na vida
correndo para o mar...

     A seguinte no percorrido, a Ponte Nova das Codeseiras, fíxose realidade no ano 1933, xunto coa estrada de Ventas de Narón a Folgoso, obra da II República. Non moi alonxado desta ponte atópase o Pontillón do Porto das Buratas, obra dun dos mellores canteiros de Aciveiro, Francisco Doval Viéitez.
     Voltamos logo a atopar outro muíño, cunha ponte que o serve só a el, a Ponte das Brañas, e, no límite da freguesía aciveirense, as dúas pontes de Andón, a Ponte Vella, verdadeira obra mestra do Románico popular encetada cando San Gonzalo das Penas era abade do mosteiro, no século XV, e a Ponte Nova, que une Aciveiro coa estrada de Forcarei a Silleda.
     Xa na parroquia de Dúas Igrexas, a onde entra o Lérez polos pobos de Quintelas e Valiñas, atópase a Ponte Carballa, que ten nove vans e dezaoito metros de longo, erguida tamén nos anos da II República, co traballo comunitario dos veciños e coa axuda do Concello de Forcarei, que tamén a prestaría para construí-Ia Ponte de Valiñas. E despedindo esta freguesía está a Ponte do Crego, vencellada á fermosa lenda da loira Loureiriña, que baixaba do cercano castro de Loureiro e aparecíaselles ós viandantes. Esta ponte tamén se atribúe a San Gonzalo das Penas de Aciveiro.
     Outras catro pontes atravesan o Lérez no seu paso pola parroquia de Forcarei: a Ponte de Xulián, que se derramou e tivo que ser reconstruída; a Ponte Maril, que hoxe serve de entrada ó Acampamento Xuvenil que leva o mesmo nome que a ponte, que antano servía para comunica-los pobos de Espindo e Loureiro; a Ponte do Batán, pola que pasaban os canteiros de Montes camiño de Compostela, e a Ponte Gomaíl, a máis fermosa de todas cantas atravesan o Lérez no concello, en permanente irmandade coa verdecente paraxe que a envolve.
     Preto de tódalas pontes tamén atoparemos, como vestixios da era pretecnolóxica, un sinnúmero de muíños hidráulicos en seductores emprazamentos.




As Parroquias e a Arte


SANTA MARÍA DE ACIVEIRO

     É unha das freguesías máis ricas e relevantes en manifestacións artísticas e arqueolóxicas, comenzando polas mámoas existentes na serra do Candán (Porto Fieiro, Olleiros, Porto Tixoa, a Lagoa e Campo da Serra) e berce da máis representativa do noso concello, o mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro, xoia do románico serodio, centro da vida agrícola, comercial e artesanal durante os anos que van desde a súa fundación, en 1135, ata a desamortización de 1835. De planta cadrangular, coas diversas instancias, como era norma nos conventos cistercienses, en torno a un patio ou claustro interior, posúe un templo de tres naves, coa central de cinco metros e medio de ancho, dividida en dous corpos: o primeiro formado por arcadas de cinco vans e rematado en sinxela imposta de onde arranca o falso triforio (singularidade nada frecuente nas igrexas da tipoloxía cisterciense galaica, só compartida con Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Xunqueira de Ambía, as dúas do Románico ourensán). Unha doble arcada de tres metros de alto constitúe o segundo corpo. As naves laterais miden dous metros de ancho e albergan senllas capelas dedicadas a San Bernardo e San Benito. Todo o conxunto está coroado por teitume de madeira, e nos laterais pódense ollar dous sepulcros labrados que posiblemente sexan de don Pedro Martínez, da casa de Sotomayor e do propio San Gonzalo das Penas. O retablo atribúese ó escultor Miguel de Romay. Os dous elementos máis interesantes da igrexa son a porta románica que queda na parede norte, e a triple ábsida, verdadeira obra mestra que presenta o típico taqueado xaqués nos arcos e xadrezado nas cornixas, e serve de asento a unha inscrición de carácter memorial, ademais de conter outros detalles de tipo ornamental que amosan claramente o dominio dás técnicas de labra, que se atopa tamén presente na factura e diversidade de capiteis en todo o cenobio.
     Outras mostras artísticas e artesanais dignas de admirar son os numerosos hórreos anexos ás vellas casas de labranza, destacando o que pertencía ó canteiro Manuel López Barciela, no lugar do Cotiño, rematado en capeliña gótica, así como os cruceiros, entre os que sobrancea o propio do campo do mosteiro, realizado por Xosé Ferreiro no ano 1893. Este mesmo canteiro sería o que se encargase tamén de levar a cabo o cruceiro da Praza da Igrexa de Forcarei.
     Na cima do Candán quedan os vestixios dunha ermida dedicada a San Benito, edificada polos monxes que viñeron tamén ergue-lo mosteiro a principios do século XII, posiblemente sobre os restos dunha antiga ara pagana consagrada a Iovi Candamio, unha das advocacións do deus Xúpiter.


SANTA MARIÑA DE CASTRELO:

     No eido arqueolóxico esta freguesía é a máis representativa do concello, xa que nela abundan os túmulos megalíticos. Só no coñecido como Campo das Antas, nas inmediacións do lugar de A Mámoa, atópanse máis de vinte enterramentos, localizados ós lados dun antigo camiño, o Vreeiro, utilizado polos arrieiros para porta-lo viño do Ribeiro a Compostela. Tamén teñen presencia en Tras da Serra e A Mina.
     Do século XIV consérvase, en bo estado, a lanzal torre de Alarma de Barciela, situada no igrexario da Mota. Posúe esta obra tres corpos, o primeiro cadrangular e con fórnice; o segundo formado pola plataforma para emiti-los sinais luminosos e alberga-los ocos das campás, e o terceiro cun pequeno frontis enmarcado por unha cornixa de lousa e rematada antigamente nun pináculo que hoxe xa non ten. A función que cumpría esta torre, que pertenceu á Torrefortaleza do Castro de Montes, era a de convocar ós veciños, antes da construcción do templo parroquial, ós actos de culto e ás xuntas xerais de Montes, que se reunían a deliberar no Campo da Granxa, ou tamén, con posterioridade, alertar á poboación das incursións das bandas facciosas que, como a do célebre Guillade, asolaban a rexión durante as Guerras Carlistas.
     O templo parroquial data do século XVI, cunha posterior restauración no ano 1752, efectuada polo canteiro Manuel Cadavid e o carpinteiro Salvador Lorenzo, ambos nativos da propia parroquia. É unha igrexa regular nas proporcións, de cruz latina e presbiterio rectangular, con dúas capelas que abren senllos arcos formeiros, historiados e de medio punto, rematando a fachada en esvelta espadana de dous corpos. No cemiterio anexo pódense ollar obras talladas por un dos mellores canteiros da Terra de Montes, Manuel López Barciela, así como sartegos de prodixiosa factura doutro bo artesán, Francisco Villaverde.


SANTA MARÍA DE DÚAS IGREXAS:

     Freguesía situada nas estribacións occidentais da serra do Candán, que conseva vestixios da cultura dolménica, en monte Penide, e da cultura castrexa, no castro de Loureiro, con antecastro ben definido e de considerable altura nos seus muros. As lendas populares vencellan a este castro coa primitiva ponte do Crego, a onde ía bañarse a loira ninfa Loureiriña, que se Iles aparecía ós que pasaban a ponte.
     O templo parroquial é de nave única e campanario de dous corpos, cadrangular o primeiro e octogonal o segundo. Canto á ábsida actual, cadrangular tamén, foi rematada en 1724 e reproduce a forma da primitiva, románica. Os muros do edificio son lisos, de pedra concertada, e cóbrese con bóveda de complexa crucería, a imitación dá ábsida maior de Aciveiro. No seu interior consérvanse varios altares e imaxes da arte popular de notable mérito. A xénese relixiosa da freguesía foi, nun primeiro momento, a existencia de dúas igrexas moi cercanas e de igual categoría, consagrada unha a San Vicente, aberta ó culto ata comenzos do século XIX e derrubada posteriormente só se salvaría unha pía bautismal e un trozo do antigo cruceiro, e a outra a Santa María, que é a que na actualidade está aberta ó culto.
     Foi berce a parroquia de destros canteiros e artesáns, como amosa a existencia, no século XVIII, do máis relevante obradoiro de cera de toda a comarca, propiedade de Xosé Barreiro, que tiña baixo as súas ordes a máis de dez traballadores.
     En Loureiro naceu o pintor Xosé Maria Barreiro, un dos artistas mellor valorados no actual panorama da pintura galega. Del pódense ollar distintas obras na Casa do Concello de Forcarei.


SAN MARTIÑO DE FORCAREI:

     Na freguesía que acolle a capitalidade do concello pódese olla-lo templo parroquial, obra de finais do século XVIII executada polo mestre de cantería Pedro Varela e mailo mestre asentador Pedro Gutiérrez. A súa planta é de cruz latina, pero no brazo dereito levouse a cabo unha ampliación proxectada polo arquitecto Javier García Santoro no ano 1961. A ábsida presenta forma cadrangular e as cubertas son de bóvedas aristadas de pedra. A fachada é de estilo neoclásico, cunha porta de medio punto sobre a cal se asenta unha fórnice coa imaxe da Virxe. Do frontón partido arranca a torre do campanario, cadrangular no primeiro corpo e octogonal no segundo, rematada nun cupuliño de nervios.
     O cruceiro, que anteriormente se atopaba no centro da antiga praza e, trala remodelación desta, pasou a formar parte da escalinata que conduce á igrexa, foi realizado a finais do século XIX polo mesmo artista que construíra o do campo do mosteiro de Aciveiro, Xosé Ferreiro.
     A Casa do Concello de Forcarei conforma, xunto coa igrexa de Soutelo e maila casa de estilo modernista do constructor Alfredo González Barros, os únicos exemplos de arquitectura de vangarda. Foi proxectada polo arquitecto pontevedrés César Portela-Fernández Jardón, gañador do Premio Nacional de Arquitectura no ano 1999.
     A Ponte Gomaíl, entre os lugares de Gaxín e Castrelo, é outro dos exemplos de bo facer dos demiurgos da pedra, os canteiros de Montes, que a encetaron no século XV nunha fermosa e atraente paraxe na que o río Lérez se despide das terras forcaricenses. Encrávase nun camiño que nunha das súas bifurcacións ía dar á antiga Vía Strata (orixe do veciño concello de A Estrada), e ten uns quince metros de longo e dous cincuenta de ancho. O arco principal, lixeiramente apuntado como corresponde ó estilo marcado no seu tempo, é de lousa colocada admirablemente en chapacuña, asentada sobre fortes basamentos no leito do río. Garda un perfecto equilibrio co contorno do Lérez e das árbores que a arroupan, constituíndo un emprazamento inmellorable para gozar da natureza.


SANTA MARÍA MADANELA:

     Esta parroquia conta tamén cunha importante riqueza arqueolóxica, da que cabe salienta-lo castro de Sanguñedo, de forma case elíptica e con fortificacións anexas de considerable tamaño. Da Madanela tamén proceden dous urcéolos de época romana que se conservan no Museo de Pontevedra e nun dos cales figura a inscrición epigráfica AQUILI / DLT. Existen ademais restos dunha necrópole no lugar coñecido como a Braña dos Mouros, onde apareceron tégulas e laxas de pedra traballada.
     De notable interese resulta tamén a igrexa parroquial, obra de vangarda legada polo talante altruísta do constructor Alfredo González Barros, que posúe unha casa de estilo modernista no mesmo pobo de Soutelo de Montes, coa curiosa característica de posuí-los azulexos elaborados a man un a un por artesáns portugueses nos anos 30.
     Non se pode esquecer, na visita a Soutelo, o monumento ós Gaiteiros sito na praza tamén consagrada á súa lembranza, no centro do núcleo urbano, en fronte do Parque Venezuela, onde se pode ollar un mapa da Terra de Montes tallado en pedra pola Escola de Canteiros.


SAN XOÁN DE MEAVÍA:

     Presenta restos arqueolóxicos esta parroquia nunha zona coñecida como a Mámoa de Boi Morto, nos límites cos concellos de A Estrada e Silleda. Ademais, consérvanse vestixios dunha vía secundaria romana. O templo parroquial presenta planta de salón e cuberta a dúas augas. Conserva, da primitiva igrexa, unha cruz antefixa e un cruceiro do século XVIII. Aínda que en ruínas, é digna de contemplación unha suxestiva ermida illada no bosque ó pé do antigo camiño Vreeiro, o que utilizaban os arrieiros do viño para porta-los odres do Ribeiro ata Compostela. É a ermida de San Mauro, que conserva nas súas paredes restos de pintura mural. A Lagoa Sagra, no lugar de Valadares e tamén no límite coas terras estradenses, é outro dos atractivos da freguesía.


SAN MAMEDE DE MILLERADA:

     Existen dous castros ben conservados en Millerada, o castro das Rodeiras, nas inmediacións de Garellas, que aínda posúe as defensas en todo o recinto e no que se descubriron restos de primitivas vivendas, e o castro da Mouteira, en Fixó, de forma circular, con foso e antecastro.
     A igrexa parroquial é quizais a máis fermosa de Terra de Montes. Presenta planta de cruz latina e ábsida rectangular, cos brazos a distinta altura que o corpo principal. A fachada está conformada por un primeiro corpo rematado en golas cun pequeno pináculo en cada unha delas, e o campanario armado en tres corpos, cadrangular o primeiro, hexagonal o segundo, con arcos peraltados ámbolos dous, e o terceiro que forma un cupuliño hexagonal de cascarón. No seu interior destaca a capela dos Remedios, que presenta un fermoso retablo de principios do século XVIII, digno representante da escola barroca popular, obra do artista Felipe García, con ornamentación a base de grilandas, flores, follas e froitos. Tamén atoparemos unha bela imaxe da Virxe do escultor compostelán Rodeiro Seoane, e o escudo de armas da familia Soto-Varela e Ogando, á cal pertencía o derradeiro dos Xuíces-meriños e primeiro Alcalde de Forcarei, don Alonso de Soto Cortés, nacido no pazo de Hermosende, único exemplo de arquitectura señorial do concello, do ano 1711. Neste pazo, durante a invasión do exército napoleónico, mandou gardar Frey Felipe Serrano o chamado "Tumbo Grande", verdadeira reliquia documental por sé-lo único material que se salvou da biblioteca cenobial dos incendios e da rapina francesa.
     No cemiterio atópase unha fermosa imaxe do Corazón de María, entre dúas columnas salomónicas, talladas por un dos meirandes canteiros da comarca, Manuel Doval Cadavid.
     Na mesma parroquia érguense dúas capelas tamén de certo interese, a de San Antonio de Garellas e a dos Milagros de Vilariño.


SANTIAGO DE PARDESOA:

     Nesta freguesía consérvanse vestixios da cultura dolménica no monte Custoia, un dos cumes máis elevados do concello. Nel foron achados un ídolo de pedra e unha machadiña de pedra pulida. As primeiras referencias documentais coñecidas da parroquia datan de 1246, ano no que un cabaleiro chamado García Peláez dona ó mosteiro de Aciveiro varias herdades en Parada, Barcia e Pardesoa. O templo de Pardesoa conserva o seu corpo orixinal, de finais do
século XV, pero foi obxecto de varias reformas, entre elas a do ano 1625, realizada polos mestres Xoán de Cadavide e Bartolomé Piñeiro, que traballaron na capela maior e na sacristía, e unha posterior revisión que foi efectuada por Pedro de Barro e Andres García. A actual fachada data de 1822 e foi executada por mestres da propia parroquia, constando de tres corpos: o primeiro, no que figura a portada alintelada sobre a que se sitúan unha pequena xanela circular e unha fórnice coa imaxe da Virxe; o segundo, con dous arcos peraltados que albergan senllas campás, e o terceiro, un pequeno frontón de liñas onduladas e rematado en tres pináculos.
     Ademais do templo parroquial esta freguesía conta con dúas capelas, unha en San Marcos, do século XVII e outra no lugar de Fixó, do século XVIII, así como un importante número de cruceiros.
     Aquí naceu, no primeiro tercio do século XVI, Diego de Cana, un dos mellores gaiteiros desta terra, da que tantos e tan sobranceiros artistas da gaita xurdiron para facer ás romarías de Montes das máis sonadas.


SAN BARTOLOMEU DE PEREIRA:

     Nesta parroquia nace o río Umia, nas proximidades do lugar de Reigosa. Presenta varias mámoas nas inmediacións do lugar de Muras, onde tamén se atopa un dos castros mellor conservados. Á beira del localízase unha capeliña rústica do século XVIIII, de moi pequenas dimensións. A igrexa parroquial, do século XVII, ofrece unha fachada barroca, semellante á da igrexa de Millerada, salvando as diferencias de tamaño, e coroada por unha espadana cadrangular de tipo cisterciense.
     No seu interior aínda garda
unha pía bautismal románica do século XIII, decorada con cruces latinas, flores de lis e figuras xeométricas. Consérvase tamén unha imaxe barroca da Virxe, do século XVII. No cemiterio pódense ollar tallas dos mestres canteiros Manuel Villaverde Viéitez e Manuel López Barciela, os dous de Aciveiro.


SAN MIGUEL DE PRESQUEIRAS:

     Entre os vestixios arqueolóxicos, destacan as insculturas do Outeiro da Cuspe e un deseño cruciforme na rocha chamada O Sarillo. Estas insculturas foron estudiadas por Fermín Bouza Brey. Alberga esta freguesía un dos máis importantes sinais de identidade da Terra de Montes, os restos da Torre-fortaleza medieval de Montes, residencia que foi dos Xuíces-meriños e centro administrativo e xudicial ata o seu derrubamento en torno ó ano 1467.
     Actualmente só quedan algúns restos dos muros, e a capela de Nosa Señora do Castro, do século XVI, de fachada barroca, con fórnice que contén a imaxe da Virxe, rematando en típica espadana. Foi obra dos mestres Pedro de Arén, Xosé Nieto e Domingo Antonio Sieiro. Ten un pequeno altar plateresco de factura popular. Consérvase tamén no interior unha imaxe da Virxe do Castro, de estilo gótico, policromada e duns cincuenta centímetros de altura.
     Tamén aquí se acha o sartego de Virxilio Blanco, pintor de pincelada sobria, leve e precisa que ademais foi cofundador de Alborear, revista literaria e independente editada en Forcarei desde o ano 1931, e da que o propio Virxilio foi redactor artístico, colaborando dalgún xeito á formación e ó estímulo de futuros artistas de Forcarei e da Terra de Montes.


SANTA MARIÑA DE PRESQUEIRAS:

     Nesta parroquia áchanse as insculturas do Outeiro das Cruces e da Laxe das Buratas, que nunha superficie de sete metros alberga unha composición formada por dezaoito signos cruciformes de diversos tamaños. A igrexa parroquial foi obra de Manuel Fraiz Garrido, crego e canteiro do pasado século, agás a sacristía, que foi realizada polo canteiro Andrés Couceiro, de Cotobade, artífice tamén do templo de San Miguel. É de nave única con teito a dúas augas e fachada con lintel e fórnice, da que sobresae, xa no primeiro corpo, unha lanzal torre do campanario que posúe outros tres corpos en altura, cadrangular os dous primeiros e hexagonal o terceiro, todos con arcos peraltados, e rematando en cupuliño e pináculo. Ofrece unha imaxe de esvelteza que non se repite en ninguna das outras igrexas do concello.


SAN PEDRO DE QUINTILLÁN:

     Atopamos nesta freguesía numerosos cruceiros, entre os que destaca o coñecido como cruceiro das Procesións, barroco e moi historiado, que se ergue no adro da igrexa parroquial. Esta conserva no seu interior varias imaxes do século XVI e unha pía bautismal do XIV. Son dignas de ollar algunhas das capeliñas que se sitúan na cabeza dalgúns sartegos do cemiterio parroquial, polo seu traballo de labra en pedra.


SAN NICOLÁS DE VENTOXO:

     A freguesía de Ventoxo é a que conta con menos entidades de poboación, xa que a ela só pertencen os lugares de Ventoxo e Fontenla. A súa igrexa foi erguida no século XVII, e
consta que nela traballou un mestre de arquitectura tudense chamado Amaro Guerrero, que tamén traballaría posteriormente en Presqueiras e Folgoso. O cruceiro e algúns hórreos anexos ás vellas casas de labranza son dun atractivo digno de ter en conta.




Rutas, gastronomía e folclore

     Paraxes de visita obrigada son, en terras de Forcarei, os que a seguir se sinalan:

  • Ruta das Pontes do Lérez: sendeiro que, polo seu interese turístico e etnográfico, se desenvolve máis polo miúdo noutro capítulo desta guía.
  • Serra do Candán: un dos vinte e seis espacios de protección medioambiental da provincia de Pontevedra. Posúe paisaxes fermosamente conformados por unha sucesión de montes e vales que agochan endemismos vexetais e zonas hidromorfas de considerable valor natural. Conta ademais coa máxima elevación do concello e unha das maiores da provincia, o alto de San Benito (1.017 m). Son diversas as rutas que se poden practicar no territorio que abrangue a serra.
  • Lagoa Sagra: esta lagoa e o seu contorno tamén figuran como espacio de protección medioambiental na provincia. Localízase nos límites coas terras de Silleda e A Estrada, na parroquia de Meavía, e á súa riqueza medioambiental engade a súa riqueza arqueolóxica, por se situar ó pé dunha zona de mámoas (Mámoa de Boi Morto). É a principal lagoa natural de media montaña de Pontevedra. Este espacio e mais o da Serra do Candán foron incluidos na proposta galega de lugares de interese natural para a Rede Natura 2000.
  • Ponte Gomaíl: entre Gaxín e Castrelo atópase esta fermosa ponte románica, nun terreo onde abondan os carballos, bidueiros, salgueiros, uces e xestas, arroupando un dos sosegados salóns do Lérez, que discorre aquí en silandeira viaxe, despedíndose das terras forcaricenses.
  • Aldea de Grobas: aldea illada e abandonada no medio da serra do Candán, nun atractivo e apacible val que a converte nun dos emprazamentos paisaxísticos máis agraciados. Encrávase nunha gorxa por onde transcorre o río Grobas, afluente do Deza que nace no Candán. É un punto idóneo para as excursións de montaña, e forma parte de dous dos sendeiros máis característicos que se poden emprender na zona. Cara a Bustelos, aldea de Lalín, sobrevive un vedraño camiño enlousado polas faldras da serra.
  • Ponte Maril: a carón da ponte que encetara o canteiro Maril localizamos hoxe unha das máis fermosas paraxes do concello, albergando as instalacións do acampamento xuvenil que leva o seu nome, en perfecta harmonía coa vexetación que medra ó pé do río e ofrecendo tódolos veráns ós pequenos turistas que se nos achegan a posibilidade de disfrutar do mellor lugar de acampada de media montaña que se poida atopar en Galicia.

     No terreo gastronómico, resulta doado aprecia-la cociña típica de Forcarei e da Terra de Montes, na que podemos degusta-la galiña ó sal ou trufada, a caza e pesca, a carne ó caldeiro e, sobre todo, o prato por excelencia da nosa cociña artesá, a carne richada, que ten a súa festa de exaltación o primeiro fin de semana de Nadal na vila de Forcarei. Tamén se celebra a Festa do Cogumelo en Soutelo de Montes no mes de novembro. Cómpre salientar tamén as romarías xa clásicas, como a dos Dolores en Forcarei, cunha tradición de máis de cento cincuenta anos, ó redor do derradeiro domingo de Agosto; a Festa na honra do Gaiteiro de Soutelo, a mediados do mesmo mes, e a romaría campestre que ten lugar tódolos anos o día 8 de setembro á beira do mosteiro de Aciveiro.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega