Futuro

 

 

v2lourdesmaceirasfuturo.html

     Folleo con indolencia o xornal mentres agardo que os meus amigos arranxen todo o papeleo na Delegación de Educación. Calquera espera pode facerse moi pesada, pero esta, polo longa que a adiviño, invítame xa, de entrada, a tomarma con paciencia.
     Meto unha cinta de música orquestral (non teño ganas de oír voces) no radio-casete do coche, conecto e... empeza a soar 'Deixa de tristeza' por Os Indios Tabajaras... Reclino un pouco o asento e acomódome ao mesmo tempo que vou empezando a ollar algún artigo que semella más interesante.
     Unha sabotaxe parece ser a causa do accidente do Boeing 747 que se estrelou en Escocia... O ceo estará despexado... O número 21.583, premiado con 250 millóns de pesetas por serie, é un dos gordos de Nadal máis repartidos da historia deste sorteo... O grupo 'Gardiáns da Revolución Islámica' reivindicou o atentado en vinganza polo derrubo dun avión iraniano con 290 pasaxeiros o pasado 3 de xullo... "A mi si que me tocou a lotería", di un transplantado de corazón... Haberá xeadas débiles e xeo en alturas superiores aos 1.700 metros... Entre os ocupantes do Jumbo atopábase a azafata española...

     —¡Xa estamos aquí!
     —¡Caramba, que susto! ¿tan axiña?...
     —Si, vese que a estas horas a xente xa ten ganas de irse... Non chegamos tarde por un pelo...
     —E... ¿arranxastes algo?
     —¡Arranxámolo todo!
     —¡Incrible!
     Vou pechando o xornal ao tempo que falo con eles. Un titular, na contraportada, chama de súpeto a miña atención: "Médicos sen fronteiras para curar as chagas do planeta". Xa iniciara o xesto de soltalo... mais... incorpórome e retómoo.
     —¿Que les?
     —Isto de 'Médicos sen fronteiras'...
     —O título é un pouco brandengue ¿non si?
     —¡Pero veña, tía! ¿non vas tomalo en serio, ou?
     —Pois mira, o outro día Afonso comentou que se non pasabamos a oposición, podiámonos apuntar a 'Médicos sen fronteiras', e non lle fixen caso, pero agora...
     —¡Están 'jamaos'! Esta xente que remata de pasar o MIR é que non se enteira...
     —Están ao borde de...
     —¡Ao borde dun ataque de nervios! e non incordiedes, que os do gremio da Educación non sabedes de que vai esa movida...
     —¡Vale, vale!
     —Pero... ¡en serio! ¿atréveste a meterte nese rolo?...
     —¡E eu que sei a que demo me atrevo!... A oposición parece insalvable, o mundo vénseme enriba, non hai postos de traballo... ¿e preguntádesme se me atrevo a...? ¡estou disposta a me converter en piloto kamikaze!
     —O que pasa é que... ¡non é iso! ¿non?
     —Non... Non o é. É unha decisión para tomala, non como unha fuxida de algo..., senón como unha opción por...
     —Oes... ¿atópaste ben?
     —¿E por que non vou estalo?
     —Diríase que che deu un repente...
     —¿Repente? Non. Foi o xornal...

    
Pasou unha tempada, ¡frenética, por certo!, envolta nunha voráxine de tolemia entre chamadas telefónicas, viaxes, papeis, carreiras...

    
Conseguín convencer a Afonso, que ao principio resistíaseme, e puxémonos en contacto con 'Médicos sen fronteiras'.
     Hoxe, e temporalmente, o seu destino é Colombia, o meu Honduras... ¡e xa veremos!...
     Advertíronnos que "a crudeza sobrepasa ás veces o ánimo humanitario, e entón o médico desiste"...
     As nosas amizades leváronse as mans á cabeza...
     —Pero ¿por que todo tan rápido?...
     —¿Por que non esperades a que salgan as listas da oposición?
     E esa é, precisamente, a nosa baza a xogar... ¿para que agardar por uns resultados que nestes momentos non nos interesan?... ¡xa teremos tempo de volver a esta sociedade!...

    
Despois da manobra de despegue, polo avión expándense suavemente as notas do 'Only you'...
     Non podo evitar que se me escape unha gargallada en alto e a azafata achégaseme para preguntar se me pasa algo.
     —Tan so ríome da xente que di que aos xornais non lles hai que facer moito caso...
     Mais... non podo evitar a congoxa da separación..., nin... a incertidume ante o futuro...

24 - decembro - 1988

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega